Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 29 de maio de 1997 Páx. 5.062

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de maio de 1997 pola que se regula o funcionamento do Servicio Galego de Colocación.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, na súa redacción dada polo Decreto 33/1996, do 12 de xaneiro, establece a necesidade de poñer en marcha un instrumento capaz de interrelaciona-la oferta e a demanda de emprego que confira transparencia ó mercado de traballo e contribúa á competitividade de empresas e traballadores, no ámbito da posta en marcha das distintas políticas activas de emprego, en particular da formación ocupacional, promovendo a interconexión das iniciativas existentes no tecido social orientadas ó fomento de emprego.

O Real decreto 735/1995, do 5 de maio, regula as axencias de colocación públicas ou privadas sen fins lucrativos e debidamente autorizadas, e os servicios integrados de emprego.

O 3 de xaneiro de 1996 asináse o convenio de colaboración entre o INEM e a Consellería de Familia, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia polo que se crea unha axencia de colocación de ámbito autonómico e sen fins lucrativos, coa denominación de Servicio Galego de Colocación.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través do Servicio Galego de Colocación, atenderá as demandas de emprego dos traballadores para a súa inserción ou reinserción laboral, mediante un proceso personalizado que inclúe diversas accións como a colocación, información ou cualificación profesional.

Os obxectivos que se pretenden asumir son os de facilita-la utilización aberta dos servicios a tódolos usuarios posibles, homoxeneizar criterios e ofertar unha base de datos conxunta, coordinando os mecanismos existentes e os de nova creación, facilita-la mobilidade dos demandantes de emprego, xa que o servicio ofertado abrangue o ámbito global de Galicia, e impulsar unha acción conxunta que evite a descoordinación.

Polo tanto, atendendo á Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e existindo crédito na aplicación 14.04.222A.640.0 para o financiamento das presentes compensacións económicas.

Dado que lles deu audiencia ós axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, co informe previo dos servicios xurídicos da consellería, por proposta da Dirección Xeral de Formación e Emprego e en uso das facultades que me son conferidas de acordo co Artigo 34 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o desenvolvemento, a regulación e a ordenación das actividades de intermediación no mercado de traballo que promove a Dirección Xeral de Formación e Emprego da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa denominación de Servicio Galego de Colocación, mediante unha rede de centros asociados interconectados, tal e como se establece no título segundo desta orde.

Artigo 2º.-Accións.

A Dirección Xeral de Formación e Emprego, mediante o Servicio Galego de Colocación, directamente ou por medio dos centros asociados, levará a cabo as seguintes accións:

1. Información e direccionamento.

2. Tratamento das demandas de emprego.

3. Captación e tratamento de ofertas de traballo.

4. Intermediación entre a oferta e a demanda.

Artigo 3º.-Información e direccionamento.

3.1. A información consiste en proporcionarlle á persoa demandante de emprego datos relativos ás accións que realiza o Servicio Galego de Colocación, así como sobre calquera outra acción que leve a cabo a Dirección Xeral de Formación e Emprego.

Para estes efectos son puntos de información as oficinas da Consellería de Familia, Muller e Xuventude así como calquera centro asociado ó Servicio Galego de Colocación e os terminais de autoconsulta.

3.2. O direccionamento consiste en poñer en contacto, mediante un teléfono de atención ou un terminal de autoconsulta, as persoas demandantes de emprego co centro asociado que fará o tratamento da demanda de emprego, atendendo a criterios de especialización segundo a formación e a experiencia profesional e/ou a pertenza a un colectivo determinado, e atendendo tamén a criterios territoriais, e de xeito automatizado.

Son puntos de direccionamento ó servicio, o teléfono de información da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, os terminais de autoconsulta e calquera outro que designe a propia consellería.

Artigo 4º.-Tratamento das demandas de emprego.

O tratamento das demandas de emprego implica a realización das seguintes accións:

4.1 Introducción do currículum vitae. Esta acción comporta a realización dunha entrevista individual e personalizada, a comprobación e validación dos datos que contén o currículo e dos documentos acreditativos achegados polo usuario do servicio, e a posterior codificación destes datos. A entrevista ten por finalidade ve-la adecuación dos datos do currículo coa relación de ocupacións á que opta a persoa demandante de emprego e asesorala sobre esta ocupación ou outras alternativas.

4.2. Comprobación da dispoñibilidade da persoa demandante de emprego para a oferta na que saíse como candidata, e comunicación desa dispoñibilidade ós servicios centrais do Servicio Galego de Colocación.

4.3. Renovación do currículo cando o solicite o demandante de emprego. Enténdese por renovación o mantemento do currículo dispoñible para o seu emparellamento.

4.4. Modificación do currículo. Independentemente do establecido no artigo anterior, a persoa demandante de emprego poderá solicitarlle en calquera momento ó centro que introduciu o seu currículo ou fixo a última modificación nel, o rectificación, modificación ou cancelación dos datos contidos no seu currículo. O centro deberá facer efectiva a rectificación, modificación ou cancelación no termo de cinco días, de acordo co establecido no artigo 15.2º do Real decreto 1332/1994, do 20 de xuño, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos. A notificación á que fai referencia o artigo 15.3º da Lei orgánica 5/1992, antes mencionada, producirase por parte do centro asociado á Dirección Xeral de Formación e Emprego, de xeito automático por medio da rede informática conectada.

Artigo 5º.-Captación e tratamento de ofertas.

A captación e tratamento por parte dos centros asociados, das ofertas de traballo que presenten as diferentes empresas ou entidades consistirá en:

A axuda ás empresas para a definición dos postos de traballo ofertados e dos perfís profesionais necesarios para cubrir esa oferta de traballo.

A axuda ás empresas na elaboración do documento de oferta

A introducción na rede informática do Servicio Galego de Colocación do documento de oferta

O seguimento e peche do resultado da oferta

Estas accións faranse de acordo coas instruccións, manuais e programas facilitados pola Dirección Xeral de Formación e Emprego

Artigo 6º.-Intermediación oferta-demanda.

Consiste no cruzamento dos datos obxectivos da oferta e a demanda para selecciona-las persoas máis idóneas para ocuparen o posto de traballo ofertado. A intermediación entre a oferta e a demanda no mercado de traballo levaraa a cabo de forma automatizada o Servicio Galego de Colocación de acordo cos principios de obxectividade, transparencia e non discriminación, e consistirá en comprobar e validar as precandidaturas que resulten do emparellamento realizado a través do servicio, e informa-lo ofertante dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades.

Artigo 7º.-Usuarios do SGC.

Poden ser usuarios do Servicio Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os oferentes de emprego:

a) Considéranse demandantes de emprego tanto as persoas en situación de desemprego como as ocupadas que busquen cambiar de emprego e formalicen a súa inscrición no Servicio Galego de Colocación.

b) Considéranse oferentes as empresas constituídas baixo calquera forma xurídica, as asociacións e as entidades públicas ou privadas que teñan a necesidade de cubrir un ou máis postos de traballo.

TÍTULO II

Dos centros asociados

Artigo 8º.-Definición.

Poderá ser centro asociado ó Servicio Galego de Colocación calquera entidade pública ou privada constituída baixo calquera forma xurídica, cun ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que reúna os seguintes requisitos

a) Contar, como mínimo, cun profesional suficientemente capacitado para realiza-las tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes de emprego, así como para o asesoramento ás empresas introductoras de ofertas.

b) Dispoñer dun local con despacho para atención individual ós demandantes de emprego.

c) Dispoñer dun fax con liña dedicada.

d) Dispoñer dun acceso básico de rede dixital de servicios integrados.

e) Dispoñer dun ordenador persoal, con conexión externa exclusiva á rede dixital de servicios integrados e protocolo de comunicacións TCP/IP.

Tanto o software de base instalado coma as características do hardware do ordenador deberán posibilita-lo correcto funcionamento do aplicativo cliente do Servicio Galego de Colocación.

Os centros que colaboren coa Dirección Xeral de Formación e Emprego no desenvolvemento das accións do Servicio Galego de Colocación poden levar a cabo unha ou varias das tres primeiras accións mencionadas no citado artigo 2º.

Artigo 9º.-Solicitude.

9.1. As entidades que, reunindo os requisitos establecidos no artigo anterior, desexen obte-lo recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación deberán formaliza-la correspondente solicitude segundo o modelo oficial que se xunta como anexo á presente orde, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e dirixida ó director xeral de Formación e Emprego.

9.2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de representatividade suficiente para asina-la solicitude.

b) Título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes.

c) Relación da persoa ou persoas que vaian realiza-las tarefas de entrevista e asesoramento ós demandantes e oferentes de emprego.

d) Licencia municipal de apertura.

d) Número de identificación fiscal.

e) Estatutos ou normas de funcionamento da entidade.

9.3. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Prazo.

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir da entrada en vigor da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Tramitación.

11.1. A tramitación e instrucción dos expedientes realizarase na Dirección Xeral de Formación e Emprego conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11.2. Consonte o disposto no artigo 8º e as avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Emprego en relación á cobertura existente dentro do Servicio Galego de Colocación segundo a zona xeográfica e as familias de especialidade, o director xeral de Formación e Emprego dictará resolución motivada que porá fin ó procedemento administrativo, e seralles notificada ós interesados.

11.3. A resolución dos expedientes deberá producirse nun prazo de tres meses contados desde o

día seguinte ó do remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 12º.-Convenios de colaboración.

Unha vez pechado o prazo de solicitude de recoñecemento como centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, e no caso de que nas avaliacións efectuadas na Dirección Xeral de Formación e Emprego se deduza que non existe a cobertura necesaria para garantir unha correcta atención ós usuarios do servicio, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude poderá asinar para os efectos un convenio de colaboración con calquera entidade que cumpra os requisitos enumerados no artigo 8.

Artigo 13º.-Ámbito de actuación.

Os centros asociados introducirán ó Servicio Galego de Colocación os currículos dos demandantes de emprego direccionados polo sistema segundo o disposto no artigo 3.2º da presente orde, así como os alumnos dos seus cursos de formación ocupacional, coa súa conformidade, sempre e cando se trate dun centro colaborador da Consellería de Familia, Muller e Xuventude neste ámbito. Igualmente poderán introducir ó Servicio Galego de Colocación a tódolos usuarios doutras actividades que se estean desenvolvento no centro asociado e que voluntariamente manifesten a súa decisión de que se lles introduza o seu currículo no servicio; así mesmo, a calquera outra persoa que desexe, por propia instancia, introduci-lo seu currículo no servicio.

Artigo 14º.-Centros colaboradores en materia de formación profesional ocupacional.

14.1. Os centros colaboradores da Consellería de Familia, Muller e Xuventude en materia de formación profesional ocupacional ofertarán a tódolos seus alumnos de formación profesional ocupacional, ata 6 meses despois de remata-lo curso, as accións descritas nos apartados 1, 2 e 3 do artigo 2º.

14.2. No caso de que o centro colaborador de formación ocupacional sexa ó mesmo tempo centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, realizará a introducción do currículo dos alumnos dos seus curso que o desexen, directamente. No caso contrario, farao a través dun centro asociado ó Servicio Galego de Colocación, unha vez asinado o correspondente convenio de colaboración.

Artigo 15º.-Obrigas dos centros asociados.

Calquera centro asociado ó Servicio Galego de Colocación estará obrigado a:

a) Manter as condicións relativas á instalación e estructura de medios necesarias para a realización das accións acordadas.

b) Utiliza-las metodoloxías, documentos, táboas de axuda, programas informáticos, etc., que estableza a Dirección Xeral de Formación e Emprego.

c) Utilizar axeitadamente as identificacións do Servicio Galego de Colocación segundo as instruccións que estableza a Dirección Xeral de Formación e Emprego.

d) Obter autorización previa por parte da Dirección Xeral de Formación e Emprego para a difusión publicitaria das accións previstas no artigo 2º, así como tamén respecta-las instruccións e utiliza-lo modelo de anuncio ou cartel publicitario que determine a Dirección Xeral de Formación e Emprego

e) Manter á disposición do Servicio Galego de Colocación o expediente completo correspondente ó usuario demandante de emprego durante un prazo de 5 anos desde a última modificación efectuada. Este expediente deberá conte-lo currículo asinado polo usuario, a fotocopia do DNI do usuario, o seguimento das ofertas para as que foi convocado, o resultado das ofertas, os documentos relativos a calquera incidencia que se puidese dar no proceso de información, captación de ofertas ou no tratamento da demanda de emprego e ás autorizacións necesarias para os efectos do establecido na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación de tratamento automatizado de datos, de carácter persoal, documentos de renovación, modificación e cancelación do currículo, así como o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa oferente.

f) Introducir na base de datos do Servicio Galego de Colocación tódalas ofertas de traballo que formulasen as empresas, manténdoas debidamente clasificadas por orde de data, así como as anotacións das incidencias e respostas das empresas sobre os candidatos enviados.

g) Informa-lo Servicio Galego de Colocación, previamente e por escrito, sobre calquera cambio que se puidese producir nos datos expresados polo centro no inicio da súa colaboración.

h) Non percibir retribución económica ningunha dos usuarios pola realización das accións desenvolvidas en colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Emprego no marco desta disposición.

i) Informar previamente a Dirección Xeral de Formación e Emprego sobre se perciben compensacións económicas doutras administracións por levar a termo accións iguais ou análogas ás reguladas na presente orde.

l) Informar previamente ós usuarios que faciliten datos persoais, do establecido no artigo 5 da Lei 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos.

m) Obte-lo consentimento do usuario para o tratamento automatizado dos seus datos persoais para os efectos da intermediación no mercado de traballo.

n) Adopta-las medidas técnicas e organizativas necesarias para garanti-la seguridade dos datos de carácter persoal e evita-la súa alteración, perda ou tratamento non autorizado, de acordo co disposto

na Orde do 5 de decembro de 1996 pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de nova creación na Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

o) Garda-lo segredo profesional respecto ós datos contidos nos ficheiros automatizados de titularidade da Consellería de Familia, Muller e Xuventude ou rexistrados en soportes físicos susceptibles de tratamento automatizado. Esta obriga subsistirá mesmo no caso de que finalice a súa colaboración coa Dirección Xeral de Formación e Emprego, de acordo co establecido no Real decreto 1332/1994, de 20 de xuño, polo que se desenvolven determinados aspectos da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, antes mencionada.

Os datos de carácter persoal obxecto do tratamento automatizado unicamente poderán ser cedidos para o cumprimento dos fins directamente relacionados coas accións do Servicio Galego de Colocación.

p) Non introducir nas ofertas de traballo datos de carácter persoal confidencial, ou que puidesen dar lugar a calquera tipo de discriminación.

q) Garantir que a utilización do servicio sexa voluntaria por parte do usuario, sen que poida haber ningún tipo de presión ou engano por parte do centro para conseguir usuarios do servicio.

r) Facilitarlle información á persoa demandante de emprego do estado dos seus datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros automatizados, con calquera das formas expresadas no artigo 14.2º da Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos.

s) Proceder á cancelación dos datos contidos no currículo, por instancia da persoa demandante de emprego, no termo de 5 días hábiles.

t) Todas aqueloutras obrigas que se desprendan do articulado da presente orde .

u) En caso de cesamento das súas actividades, perda da súa condición de centro asociado ó Servicio Galego de Colocación ou no suposto en que o centro non desexe seguir ofrecendo o servicio no ámbito previsto no artigo 9 ou que a Consellería de Familia, Muller e Xuventude lle suprimise este servicio, o centro remitiralle os expedientes dos usuarios que estean vixentes ó centro que lle indique a Dirección Xeral de Formación e Emprego.

TÍTULO III

Compensacións económicas

Artigo 16º.-Compensacións.

16.1. Como compensación económica ás accións realizadas no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servicio Galego de Colocación, os centros asociados recibirán as cantidades referidas nos artigos 17º, 18º e 19º seguintes.

16.2. As ditas compensacións son incompatibles con calquera outra que puidesen recibi-las distintas

entidades por parte doutras administracións públicas polos mesmos conceptos ou de natureza análoga.

Artigo 17º.-Polas accións de direccionamento.

Para a realización das accións de direccionamento, o centro asociado recibirá unha compensación de cento cincuenta pesetas (150 ptas.) por demandante que direccione o centro.

Artigo 18º.-Polas accións de captación de oferta.

Para a realización das accións de captación de oferta, o centro asociado recibirá unha compensación de tres mil pesetas (3.000 ptas.) por oferta captada e tramitada á Dirección Xeral de Formación e Emprego.

Artigo 19º.-Polas accións de tratamento da demanda de emprego.

Para a realización das accións de tratamento da demanda de emprego no ámbito establecido no artigo 4º, o centro asociado recibirá as seguintes compensacións:

-Dúas mil cincocentas pesetas (2.500 ptas.) por currículo introducido e validado polo Servicio Galego de Colocación.

-Trescentas (300 ptas.) por comprobación da dispoñibilidade dos demandantes para a oferta na que saísen como candidatos.

-Trescentas pesetas (300 ptas.) por modificación efectuada naquelas seccións de currículo que se establezan. Para estes efectos non se consideran modificacións as correccións dos erros imputables ó centro

Artigo 20º.-Do pagamento.

A realización das accións descritas no artigo 19 por parte dos centros de formación profesional ocupacional cos seus alumnos cando faga menos de 6 meses que rematarse un curso de formación ocupacional non será compensada economicamente. Así mesmo, unicamente serán compensables aqueles currículos introducidos polos centros asociados cando correspondan a demandantes de emprego direccionados segundo o previsto no artigo 3.2.

Artigo 21º.-Forma de pagamento.

O pagamento das compensacións económicas ordenarase, con carácter bimestral, logo de xustificación dos gastos correspondentes ás accións realizadas.

Xa que a Dirección Xeral de Formación e Emprego disporá da xustificación automatizada das accións, remitiralles ós centros asociados unha relación provisional do pagamento cos importes correspondentes. Se o centro asociado non expresa a súa desconformidade por escrito no termo de 15 días, procederase a ordena-lo pagamento polo importe especificado pola Dirección Xeral de Formación e Emprego.

Artigo 22º.-Requisitos para o aboamento.

22.1. Antes de proceder ó cobramento das compensacións establecidas nesta orde, as entidades

terán que acreditar que se atopan ó corrente nas súas obrigas tributarias e sociais, e no pagamento das súas obrigas coa Comunidade Autónoma.

22.2. Antes do 31 de decembro de cada ano, as entidades beneficiarias deberán acreditar certificación selada e asinada pola entidade, na que se faga consta-la realización das accións descritas.

TÍTULO IV

Seguimento e control

Artigo 23º.-Seguimento das accións de intermediación.

Coa finalidade de comproba-la execución correcta das actividades de acordo coa normativa reguladora e de acordo co contido das accións aprobadas, poderanse facer visitas de seguimento que en calquera momento poidan acorda-los servicios competentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 24º.-Acceso ás instalacións.

Os centros asociados que leven a cabo accións de tratamento dos demandantes de emprego e captación de ofertas de traballo facilitarán, no caso de visitas de seguimento, o acceso ás instalacións nas que se realizan as accións así como toda a documentación de carácter técnico, administrativo, informático ou contable que teña relación coa subvención concedida que se lles solicite.

Artigo 25º.-Informes de seguimento.

Nas visitas de seguimento elaborarase un informe que asinarán o responsable da visita e o responsable da entidade. A sinatura do responsable da entidade non implicará a conformidade co contido do informe.

Artigo 26º.-Extinción e suspensión da colaboración e revogación das compensacións económicas.

Se se observan anomalías que afecten o contido básico das accións ou ben se pon de manifesto o posible incumprimento dalgunha das obrigas dos centros asociados, o/a xefe/a do Servicio de Xestión e Coordinación de centros asociados procederá á apertura dun expediente de extinción.

Artigo 27º.-Resolución da colaboración e revogación das compensacións económicas.

Á vista das actuacións realizadas de acordo co disposto no artigo 23º, o subdirector xeral de Colocación emitirá proposta de resolución, que se elevará xuntamente co resto do expediente ó director xeral de Formación e Emprego, para que adopte a resolución pertinente.

Consonte a proposta emitida, e mediante resolución do director xeral de Formación e Emprego poderase extinguir ou suspender total ou parcialmente a colaboración coa entidade correspondente, así como revogar total ou parcialmente a compensación económica outorgada ou reclama-la devolución das cantidades percibidas indebidamente, cos xuros de

demora que determine anualmente a Lei de presupostos da Xunta de Galicia, xa sexa por vía administrativa ou xudicial, con independencia doutras accións legais que, se é o caso, puidesen corresponder

Artigo 28º.-Recursos.

Contra as resolucións do director xeral de Formación e Emprego poderase interpoñer recurso ordinario perante a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 29º.-Participación institucional.

A participación dos axentes sociais para os efectos do Servicio Galego de Colocación efectuarase no Consello Galego de Relacións Laborais, por medio do órgano correspondente.

Disposicións adicionais

Primeira.-As cantidades mencionadas nos artigos 17º, 18º e 19º serán susceptibles de actualización mediante orde da conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Segunda.-As accións incluídas na presente orde financiaranse con cargo á consignación orzamentaria 14.04.222A.640.0, cun importe de cento dez millóns de pesetas (110.000.000 de ptas.). Esta cantidade considérase como cuantía estimativa, susceptible de ampliación en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Terceira.-A concesión das compensacións económicas terá como límite global o crédito asignado para este fin nos orzamentos xerais de cada ano, da Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria

Aquelas entidades que ata a entrada en vigor desta orde asinasen un protocolo de colaboración coa Consellería de Familia, Muller e Xuventude no ámbito do Servicio Galego de Colocación, formalizarán unicamente a solicitude segundo modelo oficial que se xunta como anexo, e estarán exentas de presenta-la documentación requirida no artigo 9.2º.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Formación e Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

4142