Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 20 de xuño de 1997 Páx. 5.924

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia.

I O dereito de familia tradicionalmente foise conformando como un conxunto de leis civís determinantes dos dereitos e das obrigas que poden esixirse cada un dos membros da familia entre si en virtude das relacións xurídicas paterno-filiais e parentais (obrigas entre cónxuxes, dereitos de alimentos, patria potestade...), configuración na que latexa en todo caso a convicción do lexislador de que as relacións familiares teñen un contido esencialmente ético, de difícil sanción xurídica, de xeito que a familia se converte nun ámbito amparado pola privacidade e no cal os poderes públicos carecen de lexitimación interventora. En efecto, integrado o dereito de familia por un conxunto de institucións inspiradas nunha idea principal de privacidade, é lóxico que a escasa lexislación familiar de carácter público se limitase a certas familias que saían do patrón normal e precisaban dunha especial tutela pública (familias numerosas, familias monoparentais), ignorando, xa que logo, a dimensión

social do dereito aplicable ó ámbito familiar. Neste contexto histórico, é lóxico que o dereito familiar e o dereito social resultasen ser antitéticos.

É obvio, sen embargo, que unha nova conciencia social reclama un cambio de óptica que faga posible a consideración da familia como unha das estructuras básicas de integración social. Proceso este que o lexislador estatal acometeu en ámbitos como o da tutela, o da adopción, o réxime económico matrimonial, pero do que quedou descolgada a institución da familia, como unidade básica da estructura social, que sen embargo é obxecto dunha protección integral no artigo 39 da Constitución española, o cal lles impón a obriga ós poderes públicos de dispensarlles unha protección xurídica, económica e social ás familias, precepto que supón un dobre cambio cualitativo: lexitima unha actuación pública de protección familiar comprensiva dun conxunto de políticas de contido plural -dada a súa conexión cos campos do traballo, da cultura, da vivenda, da sanidade, etc.- e, ó mesmo tempo, superadora da antítese público-privada no ámbito do dereito da familia; e refírese a familias en xeral, sen

constrinxi-la protección pública a un determinado modelo familiar nin a aquelas familias que se separen do dito modelo.

Tomando todo isto en conta, o Parlamento de Galicia adopta a iniciativa de lexislar sobre a familia, para o cal debe superar un dobre obstáculo: dunha parte, a identificación establecida entre dereito de familia e dereito civil, concepción tradicional e reduccionista que supón priva-la Comunidade galega da súa propia lexislación familiar; e, doutra parte,

a identificación do dereito de familia como dereito privado sen ningunha conexión co dereito público, nun contexto histórico no que, como xa se puxo de manifesto, dereito familiar e dereito social resultaron ser antitéticos.

II

Así mesmo, constitúe un fenómeno innegable dos nosos días, incluso nas sociedades máis modernas e desenvolvidas, que os nenos e as nenas e os adolescentes e as adolescentes requiren uns coidados e asistencia especiais no que se refire á súa saúde e ó seu desenvolvemento físico, mental, moral e social. Esta especial tutela e amparo deles, como xa recordara a Declaración de dereitos da ONU en 1959, atopa o seu fundamento no feito de constituí-la infancia un dos colectivos máis vulnerables da sociedade.

Resulta, por outra banda, evidente que calquera política pública de protección e asistencia ós nenos e ás nenas e ós adolescentes e ás adolescentes perderá unha gran parte da súa eficacia se as autoridades e as institucións non toman como referente básico inspirador e dinamizador da súa acción tutela-la familia, como núcleo natural vertebrador da sociedade, e non pretenden, correlativamente, a plena integración daqueles nela; pois non pode deixar de recoñecerse que o neno e a nena e o adolescente e a adolescente, para o pleno e harmonioso desenvolvemento da súa personalidade, deben medrar no seo dunha familia e arroupados por unhas condicións mínimas de estabilidade e de equilibrio afectivo e material que lles permitan prepararse adecuadamente para unha vida independente e responsable.

É notorio tamén que esa necesidade de proporcionarlles ós nenos e ás nenas e ós adolescentes e ás adolescentes os medios para un desenvolvemento harmónico e equilibrado reclama a adopción de políticas múltiples nos campos educativo, sanitario e socioasistencial, e que todas elas deberán estar postas en conexión e adecuadamente coordinadas. Pero non pode deixar de considerarse, dentro das denominadas políticas de benestar favorecedoras dun desenvolvemento integral do neno e da nena e do adolescente e da adolescente, como máis prioritaria e urxente a de promover en favor deles os medios adecuados de amparo ante circunstancias de grave risco para a súa integridade física e moral, como son o abandono, a mendicidade e venda na rúa, a marxinación, o absentismo escolar ou incluso os malos tratos ou a explotación sexual, ofertándolles un tipo de asistencia pública básica ou primaria orientada a proporcionárlle-los coidados e a axuda material necesaria para apartalos das situacións de

desamparo e a súa reintegración familiar, cando esta sexa posible.

III

A Constitución española, principalmente no seu artigo 39, prevé unha dobre protección: á familia, nos aspectos social, económico e xurídico, e ós nenos

e ás nenas e ós adolescentes e ás adolescentes, en canto ós dereitos que lles son recoñecidos polas normas convencionais e acordos internacionais, presididas todas elas polas orientacións da Convención dos dereitos do neno da ONU, do 20 de novembro de 1989, ratificada por España.

Pola súa parte, o Estatuto de autonomía de Galicia lexitima a actuación lexislativa da Comunidade Autónoma no campo da protección da familia, da infancia e da adolescencia nos títulos competenciais xenéricos de asistencia social e de promoción do desenvolvemento comunitario (artigo 27, apartados 23 e 24), dos que o primeiro deles deu lugar ás transferencias a aquela de funcións nas materias de servicios e asistencia sociais (Real decreto 2.411/1982, do 24 de xullo) e de institucións de protección e tutela de menores (Real decreto 1.108/1984, do 29 de febreiro). A Xunta de Galicia anticipouse a esta lei coa aprobación do Decreto 196/1988, do 28 de xullo, polo que se desenvolve no ámbito da Comunidade Autónoma galega a Lei estatal 21/1987, do 11 de novembro, e do Decreto 112/1995, do 31 de marzo, que establece un réxime integral de medidas de protección e asistencia ós menores.

Con fundamento en todas estas premisas e antecedentes normativos, a Comunidade Autónoma de Galicia dispón de competencia lexislativa propia para proceder á ordenación dun marco normativo xeral no que se inscriban e teñan referencia o conxunto de actuacións públicas en materia de protección e asistencia á familia, á infancia e á adolescencia, sen prexuízo dos plans e programas políticos de protección integral que poida aproba-lo Goberno galego con fundamento ou en desenvolvemento das xenéricas orientacións legais. Todo isto sen esquece-la aplicación necesaria da lexislación do Estado en todos aqueles aspectos institucionais que sexan da súa exclusiva competencia na materia.

Sistematicamente, a lei estructúrase nun título preliminar e cinco títulos máis, catro disposicións adicionais, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

No título preliminar, despois de determina-lo obxecto da lei e o seu ámbito de aplicación, articúlanse disposicións comúns sobre a planificación de actuacións e a programación de recursos, así como sobre os principios rectores da actuación dos poderes públicos de Galicia en materia de asistencia e protección da familia, da infancia e da adolescencia, para concluír cunha necesaria referencia ás competencias autonómicas e locais, así como ás funcións de colaboración e coordinación con outras entidades públicas e privadas.

O título I destínase a determinar e enumera-los dereitos da familia, da infancia e da adolescencia recoñecidos e tutelados polos poderes públicos de Galicia, os cales gardan correspondencia plena cos que lles garanten a Constitución e as leis estatais, así como a ordena-la forma do seu exercicio, facendo

responsables a tódolos poderes públicos de Galicia da súa efectiva tutela.

Na delimitación positiva dos dereitos do menor quíxose incluír unha referencia expresa a aqueles especialmente protexidos, seguindo as orientacións das cartas internacionais sobre protección dos dereitos humanos, para poñer de manifesto que a defensa dos dereitos e das liberdades da infancia e da adolescencia constitúe unha tendencia común e unha orientación política prioritaria en tódolos países civilizados. E é neste contexto constitucional e internacional no que se debe inseri-la nova conciencia social das políticas de protección á familia, á infancia e á adolescencia, demandando accións particulares no campo lexislativo que enmarquen as políticas públicas de tutela e protección destes colectivos, relegada ata agora ó campo das institucións civís.

Pero esta tutela dos dereitos da infancia, especialmente en casos de posible desamparo ou marxinación, non pode quedar reducida á que ofrezan os poderes públicos senón que se debe articular como unha actuación múltiple e coordinada na que teñan principal protagonismo a iniciativa familiar e a colaboración das entidades de iniciativa social, intervindo aqueles subsidiariamente sen prexuízo dunha actuación inmediata e directa nos casos nos que a familia ou o menor o requiran.

O título II desenvolve as medidas de prevención e protección da familia, establecendo accións singulares tanto preventivas coma asistenciais e integradoras orientadas a evitar toda discriminación que poida dificulta-la integración familiar, para o que se fai necesaria a coordinación permanente das políticas sociais, educativas e sanitarias.

A mención especial que neste título se fai ás familias rurais responde á específica estructura territorial e demográfico-social da Comunidade galega. O despoboamento do interior aconsella adoptar medidas específicas para aquelas familias radicadas en zonas rurais de economía esencialmente primaria e onde a familia desempeña un esencial papel de integración e cohesión.

O título III está dedicado á regulación das medidas de protección á infancia e á adolescencia. Nela tivéronse en conta os propios antecedentes normativos existentes na Comunidade Autónoma nesta materia, así como as principais innovacións achegadas pola Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, ó noso ordenamento xurídico. Neste sentido, abúndase no concepto de desamparo e descríbense de maneira sistemática todas e cada unha das actuacións protectoras, como son a tutela administrativa, a súa suspensión e execución, a garda e as distintas modalidades de acollemento familiar e residencial, así como a figura da adopción, tanto nacional coma internacional. Pecha este título o capítulo IV, dedicado ás institucións e ás entidades de atención a menores, así como a aquelas que realicen funcións de mediación en adopción interna

cional, establecendo os requisitos mínimos que todas elas deben reunir para o seu funcionamento.

No título IV, baixo o epígrafe de menores en conflicto social, prevese de forma claramente novidosa o marco competencial que, segundo a Lei 4/1992, do 5 de xuño, reguladora da competencia e do procedemento dos xulgados de menores, na súa disposición adicional terceira, teñen atribuídas as comunidades autónomas para a execución das medidas xudiciais por parte dos menores infractores non suxeitos a responsabilidade penal.

A finalidade fundamental da actuación da Administración autonómica respecto destes menores en conflicto social é consegui-la súa integración a través dun tratamento educativo individualizado e, preferentemente, no seu contorno sociocomunitario, impulsando ó mesmo tempo actuacións preventivas na materia.

Pola súa especial transcendencia dedícaselle un capítulo á regulación das medidas de internamento en centros de reeducación, dos seus distintos réximes, así como á tipificación das conductas que poidan ser obxecto de medidas de corrección.

Finalmente, no título V incorpórase un réxime básico específico de infraccións e sancións; a introducción destas no texto legal parece xustificada co fin de que a protección que a lei ofrece non se vexa burlada impunemente por aquelas persoas ou entidades que promovan actuacións que atenten contra os dereitos nela recoñecidos.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei galega da familia, da infancia e da adolescencia.

Título preliminar

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta lei ten por obxecto o establecemento dun marco xeral de actuacións que deberán promove-los poderes públicos da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das súas respectivas competencias, dirixidas a procurar, de conformidade co disposto no artigo 39 da Constitución, a protección xurídica, económica e social da familia, da infancia e da adolescencia, así como a protección e asistencia dos menores que se atopen nunha situación de posible desprotección, desamparo ou conflicto social.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

1. Son familias, para os efectos desta lei, os conxuntos de persoas unidas por vínculos de matrimonio ou de parentesco, ou as unidades de convivencia cando constitúan núcleos estables de vida en común.

2. Para os efectos desta lei, enténdese por infancia o período da vida das persoas comprendido desde

o nacemento ata a idade de 12 anos, e por adolescencia desde a dita idade ata a maioría establecida por lei.

Artigo 3º.-Principios rectores.

Serán principios rectores da actuación dos poderes públicos de Galicia no exercicio das funcións de asistencia e protección á familia, á infancia e á adolescencia:

1) O respecto ós dereitos da familia, da infancia e da adolescencia a que se refire o título I desta lei.

2) O impulso dunha política integral de apoio á familia que teña en conta as súas necesidades básicas e as dos seus membros, tales como a vivenda, a educación, a cultura, a saúde e o traballo, de xeito que lles permita alcanza-la plenitude do seu desenvolvemento e autonomía.

3) A primacía do interese do neno e da nena e do adolescente e da adolescente sobre calquera outro interese que inspirase as actuacións públicas ou privadas encargadas da súa protección.

4) O favorecemento da integración sociofamiliar dos menores, procurando, sempre que sexa posible, a permanencia no seu ambiente familiar e contorno comunitario.

5) A estimulación do desenvolvemento persoal dos nenos e das nenas, dos adolescentes e das adolescentes e dos restantes compoñentes da familia, así como a potenciación de tódolos ámbitos de socialización que lles son propios.

6) A globalización no estudio da problemática da familia, da infancia e da adolescencia e na aplicación dos programas e das medidas tanto preventivas coma paliativas.

7) A aplicación racional dos recursos normalizados, xa sexa a través dos servicios primarios ou dos especializados.

8) O fomento da solidariedade e da sensibilidade social ante os problemas que afecten a familia, a infancia e a adolescencia.

9) A coordinación de actuacións con todo tipo de organismos e institucións, públicas ou privadas, que interveñan na protección, defensa e atención á familia, á infancia e á adolescencia, promovendo criterios comúns e actuacións múltiples nas ordes familiar, educativa, sanitaria, cultural e social.

10) A confidencialidade de tódalas actuacións que promovan as administracións públicas e institucións privadas en interese e defensa da infancia e da adolescencia.

Artigo 4º.-Planificación de actuacións e programación de recursos.

1. Para facer posible unha adecuada e eficaz asistencia e protección á familia, á infancia e á adolescencia no territorio da Comunidade Autónoma de

Galicia preverase un plan integral de apoio específico.

2. A planificación das políticas de apoio á familia inspirarase no principio de responsabilidade pública, así como nos de universalidade, pluralidade, participación, autonomía persoal e social e solidariedade.

3. A actuación dos poderes públicos galegos no campo da asistencia e protección á infancia e á adolescencia desenvolverase de forma integral, xuntando, no posible, os recursos dispoñibles en accións coordinadas e, se é o caso, conxuntas. A xestión destes recursos levarase a cabo de acordo con criterios de descentralización e/ou desconcentración, a prol de favorece-la participación das distintas institucións, sexan públicas ou privadas, na súa xestión e a proximidade da Administración ó cidadán.

4. Para os efectos da necesaria coordinación de actuacións, a Xunta de Galicia adoptará un sistema permanente de comunicación que garanta a necesaria cooperación interadministrativa en tódalas ordes, especialmente nos ámbitos familiar, educativo, sanitario e de servicios sociais. En particular, a Xunta de Galicia, a través das consellerías competentes, promoverá actuacións de cooperación cos concellos, deputacións e outras institucións públicas, así como de colaboración cos organismos e entidades privadas, co fin de promover e fomenta-la participación nas actuacións de protección e asistencia á familia, á infancia e á adolescencia.

Artigo 5º.-Atribución de competencias.

1. A Xunta de Galicia, no exercicio das competencias que ten atribuídas na materia desta lei e a través das consellerías competentes, levará a cabo:

a) A dirección, planificación, programación e ordenación de obxectivos e medidas, regulamentarias e de xestión, así como a coordinación de actuacións.

b) A xestión pública do procedemento adoptivo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A avaliación e o seguimento dos programas de asistencia e protección á infancia e á adolescencia, así como a promoción do seu ambiente familiar.

d) A autorización, habilitación, inspección e control das entidades e dos centros que presten servicios de atención á familia, á infancia e á adolescencia.

e) A creación e xestión dos centros e programas que pola súa natureza, ámbito ou outras circunstancias concorrentes asuma a Administración autonómica.

f) A tutela de menores desamparados e o exercicio das funcións de protección deles segundo a lexislación vixente.

2. Os municipios, sen prexuízo do disposto na lexislación de réxime local e na Lei galega de servicios sociais, exercerán as súas competencias en materia de protección á familia, á infancia e á adolescencia a través das seguintes actuacións:

a) A participación na detección das necesidades de carácter sanitario, educativo, económico, socio

laboral, familiar ou outras análogas que afecten as familias, os nenos e as nenas e os adolescentes e as adolescentes que residan no seu territorio.

b) A provisión directa de servicios e prestacións destinados ás familias residentes no respectivo territorio que presenten aspectos carenciais.

c) O fomento da participación das familias nos asuntos públicos que directamente as afecten.

d) A información e orientación acerca dos recursos destinados á familia, á infancia e á adolescencia, xa sexan de carácter primario ou especializado.

e) A prevención, apreciación e intervención nas situacións de risco nas que poidan atoparse os menores, de conformidade co disposto no artigo 17 da Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, así como a colaboración no seguimento das medidas de protección adoptadas pola Xunta de Galicia, todo isto sen prexuízo das competencias que esta ten na materia. Para tales efectos, a Xunta de Galicia prestaralles ós municipios a asistencia técnica necesaria para o efectivo cumprimento destas funcións.

3. Ás deputacións provinciais, de conformidade coas competencias que lles atribúe a lexislación de réxime local e maila Lei galega de servicios sociais, correspóndelles garanti-la prestación integral e adecuada, na totalidade do territorio provincial, dos servicios de competencia municipal establecidos no artigo anterior, coadxuvando ó seu mantemento e financiamento especialmente respecto dos municipios de menos de 20.000 habitantes e naqueles casos nos que, para a súa prestación, sexa necesario acudir ás asociacións de municipios.

Artigo 6º.-Deber de colaboración.

1. Todo aquel que teña algunha responsabilidade sobre un neno ou unha nena ou un adolescente ou unha adolescente estará obrigado a dispensarlle a atención e os coidados necesarios, dentro das súas posibilidades e en función da súa situación, para que poida gozar dunhas condicións de vida dignas que favorezan o seu desenvolvemento integral.

2. Así mesmo, constitúe un deber legal dos cidadáns a colaboración coas autoridades e cos axentes na promoción de actuacións públicas orientadas ós fins desta lei.

Título I

Dereitos da familia, da infancia e da adolescencia

Artigo 7º.-Principios xerais.

1. Tódolos membros da familia gozarán da tutela xurídica dos dereitos individuais e colectivos recoñecidos pola Constitución e polos pactos e acordos internacionais ratificados polo Estado español e demais recoñecidos polo resto do ordenamento xurídico. En particular, a infancia e a adolescencia gozarán dos que proclama a Convención das Nacións Unidas sobre os dereitos do neno de 1989 sen nin

gunha discriminación nin diferencia de trato por circunstancias persoais, familiares ou sociais.

2. Correspóndelles a tódolos poderes públicos de Galicia velar polo correcto exercicio dos dereitos da familia, da infancia e da adolescencia, remove-los obstáculos que impidan ou dificulten o seu exercicio e adoptar, dentro do ámbito das súas competencias, as medidas necesarias para previr abusos de dereito así como impedi-la persistencia destas situacións.

3. A actuación dos poderes públicos nesta materia terá carácter subsidiario respecto da que lles corresponde ós pais no ámbito familiar. Exceptúanse as actuacións ante aquelas situacións de risco grave para a integridade física ou psíquica do neno ou da nena ou do adolescente ou da adolescente, que poderá acordarse directamente e por iniciativa dos poderes públicos. Nestes casos, notificaráselles ás persoas que sexan responsables da súa protección, tutela e garda, cando sexa posible.

Artigo 8º.-Dereitos da infancia e da adolescencia de especial protección.

Para os efectos desta lei, consideraranse como dereitos da infancia e da adolescencia suxeitos a unha especial protección e tutela polos poderes públicos de Galicia os seguintes:

a) O dereito á vida e á protección da súa integridade física, psíquica e moral, debendo ser protexidos contra toda forma de maltrato, violencia, manipulación ou abuso sexual.

b) O dereito a ser protexido contra calquera clase de explotación laboral, incluída a práctica da mendicidade.

c) O dereito desde o seu nacemento a un nome e a unha nacionalidade. Os poderes públicos deberán adoptar cantas medidas fosen necesarias para velar polo cumprimento deste dereito e para garantirlles ó neno ou á nena e ó adolescente ou á adolescente a preservación da súa identidade.

Neste sentido, os centros sanitarios, públicos ou privados, nos que se produzan nacementos ou se operen técnicas de reproducción asistida dispoñerán das garantías suficientes para asegura-la inequívoca identificación dos nacidos ou concibidos.

d) O dereito a unha adecuada atención por parte dos seus pais, titores ou gardadores no exercicio das súas facultades ou deberes, debendo os poderes públicos adopta-las medidas necesarias para garanti-la súa efectividade.

e) O dereito á educación conforme o establecido na Constitución e na normativa vixente, así como a recibir unha formación integral. As administracións públicas colaborarán coa familia no proceso educativo do neno ou da nena e do adolescente ou da adolescente e emprenderán as accións necesarias para evita-lo absentismo escolar e consegui-la súa integración no sistema educativo.

Os nenos e as nenas e os adolescentes e as adolescentes con necesidades educativas especiais ou que presenten dificultades de inserción na vida social polas súas condicións persoais ou circunstancias familiares terán dereito á asistencia e formación necesarias que lles permitan o seu adecuado desenvolvemento e realización persoal.

Os poderes públicos adoptarán as medidas necesarias que garantan o dito dereito.

f) O dereito a expresarse libremente nos termos constitucionalmente previstos. Esta liberdade de expresión ten tamén o seu límite na protección da intimidade e da imaxe do propio menor.

En especial, o dereito á liberdade de expresión dos menores esténdese:

-Á publicación e difusión das súas opinións.

-Á edición e producción de medios de difusión.

-Ó acceso ás axudas que as administracións públicas establezan para tal fin.

O exercicio deste dereito poderá estar suxeito ás restriccións que prevexa a lei para garanti-lo respecto dos dereitos dos demais ou a protección da seguridade, saúde, moral ou orde pública.

g) O dereito a expresarse na súa lingua propia, de orixe ou de libre elección, sen discriminacións por razón dela.

h) O dereito á protección e promoción da súa saúde e á atención sanitaria de acordo co disposto na lexislación vixente.

i) O dereito a que se respecte a súa vida privada, familiar e social, e a que se protexa esta de toda inxerencia arbitraria ou ilegal, así como de todo ataque á súa honra ou á súa imaxe.

Prohíbese a difusión de información ou a utilización de imaxes ou nomes dos nenos ou das nenas e dos adolescentes ou das adolescentes nos medios de comunicación que poidan implicar unha intromisión ilexítima na súa intimidade, honra ou reputación, ou que sexa contraria ós seus intereses, aínda que presten o seu consentimento eles mesmos ou os seus representantes legais.

A Xunta de Galicia promoverá a difusión de materiais informativos e outros destinados ós menores que respecten os criterios enunciados, ó mesmo tempo que faciliten o acceso dos menores ós servicios de información, documentación, bibliotecas e demais servicios culturais.

De maneira especial, velará porque os medios de comunicación nas súas mensaxes dirixidas ós menores promovan mensaxes de valores de igualdade, solidariedade e respecto ós demais, evitando imaxes de violencia, explotación nas relacións interpersoais ou que reflictan trato degradante ou sexista.

j) O dereito a ser informado de forma comprensible para a súa idade dos seus dereitos e da súa situación persoal, así como das medidas que pretendan adop

tarse no seu interese e para a súa protección. Recoñéceselle así mesmo o dereito a ser escoitado en tódalas actuacións que se promovan para a protección e tutela dos seus dereitos, tanto administrativas coma xudiciais, todo isto sen prexuízo dos casos nos que o menor deba presta-lo seu consentimento cando legalmente proceda. No caso de non dispoñer de suficiente xuízo, poderase acorda-la audiencia a través do seu representante legal.

k) O dereito á asistencia pública en casos de abandono, marxinación, malos tratos ou necesidade. Prestaráselle unha especial atención á defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia fronte a todo tipo de actuacións que atenten contra a súa integridade física e moral.

Artigo 9º.-Defensa dos dereitos da infancia e da adolescencia.

1. Os nenos e as nenas e os adolescentes e as adolescentes para a defensa dos seus dereitos poderán persoalmente ou a través do seu representante legal:

a) Dirixirse ás administracións públicas en demanda da protección e asistencia que precisen e solicitar daquelas os recursos sociais dispoñibles.

b) Poñer en coñecemento do Ministerio Fiscal todas aquelas situacións e actuacións que atenten contra os seus dereitos e contra a súa integridade física e moral.

c) Presentar queixas ante o Defensor del Pueblo e ante o Valedor do Pobo. A tal fin un dos vicevaledores farase cargo de modo permanente dos asuntos relacionados cos menores.

O Valedor do Pobo, para a defensa dos dereitos especialmente referidos á infancia e á adolescencia, asignaralle estas competencias a un dos vicevaledores.

As autoridades ou responsables de tódolos centros facilitaranlle ó Valedor toda a información que lles sexa requirida.

O vicevaledor responsable prestará especial atención a:

-Defende-los dereitos da infancia e da adolescencia a tódolos niveis.

-Velar polo respecto da lexislación vixente en materia de protección da infancia e da adolescencia.

-Propoñer, a través do Valedor do Pobo, medidas susceptibles de mellora-la protección da infancia e da adolescencia ou de perfecciona-la aplicación das xa existentes.

-Promover diante da sociedade galega a información sobre os dereitos da infancia e da adolescencia e sobre as medidas que é necesario tomar para a súa mellor atención e coidado.

2. A Xunta de Galicia facilitaralle ó xuíz competente información, medios, instalacións e persoal especializado para facilita-la efectiva recuperación

do neno ou da nena ou do adolescente ou da adolescente e a súa integración social e laboral.

Artigo 10º.-Deber dos fillos.

Os fillos deberán respecta-los seus pais e obedecelos cando estes actúen no exercicio dos seus deberes e responsabilidades parentais. Así mesmo, os fillos contribuirán ó desenvolvemento da vida familiar colaborando nas actividades domésticas sen distinción de sexo conforme a súa idade, madureza e circunstancias.

Título II

Da protección da familia

Artigo 11º.-Principios rectores.

1. A Xunta de Galicia coidará do cumprimento dos deberes que a lei impón nas relacións familiares e promoverá o acceso á vida social, cultural e educativa de tódolos seus membros, especialmente daqueles dos que as posibilidades de integración sexan máis difíciles.

2. A Xunta de Galicia, no ámbito da Comunidade Autónoma e no exercicio das súas competencias, garantirá unha protección integral da familia e arbitrará as medidas necesarias para evitar toda discriminación dela ou dos seus membros por razón do seu propio carácter, tanto na orde xurídica coma na económica e social.

3. En cumprimento destes fins, a Xunta de Galicia realizará as seguintes actuacións xerais:

a) Coordina-lo sistema xeral de recursos dispoñibles para a atención das necesidades familiares básicas e promove-la acción conxunta e sistemática dos diversos órganos e entidades da Administración pública galega que teñan atribucións no ámbito da protección familiar co fin de obter unha correcta prestación dos servicios.

b) Establece-las condicións de calidade que deban reuni-los diversos centros e servicios de atención familiar e os seus requisitos de funcionamento, así como as condicións para acceder a eles. Así mesmo, prestaralles asistencia técnica ás entidades titulares daqueles.

c) Regular aquelas prestacións, xa sexan económicas ou técnicas, que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.

d) Procurar, a través da planificación e coordinación, unha adecuada cobertura territorial da protección integral ás familias.

e) Integra-las políticas sociais, educativas e sanitarias coa promoción, defensa e tutela da familia.

Artigo 12º.-Actuacións preventivas e asistenciais.

No exercicio destas competencias, a Xunta de Galicia, por si ou en colaboración coas corporacións locais e cos axentes sociais, se é o caso, desenvolverá as seguintes actuacións tanto na orde preventiva coma na asistencial:

a) Garantirá a creación de servicios de información e asesoramento ás familias que, a través de persoal

especializado, orienten sobre o exercicio da paternidade responsable e a planificación familiar e procuren a busca de solucións adecuadas ás distintas problemáticas que poden darse no seo da familia.

b) Informará, a través de campañas divulgativas e de sensibilización social, sobre as causas máis frecuentes que están na orixe dos procesos de desestructuración familiar, tales como o alcoholismo e a droga.

c) No sistema sanitario, desenvolveranse medidas de prevención das minusvalideces, diagnóstico prenatal, seguimento do embarazo e rehabilitación de discapacidades.

d) Fomentará a calidade de vida das familias, elaborando programas que lles faciliten o acceso ós bens de primeira necesidade e ós sistemas ordinarios de atención primaria, todo iso co fin de evita-la exclusión social.

e) Desenvolverá a través do sistema educativo medidas orientadas a implicar directamente as familias nos recursos educativos e garantirá a creación de escolas infantís e servicios de atención á infancia e á adolescencia como recursos que contribúen ó desenvolvemento integral dos nenos e das nenas e dos adolescentes e das adolescentes e, se é o caso, ó logro dunha maior autonomía familiar. Para estes efectos, a Xunta de Galicia elaborará e desenvolverá un plan de dotación de recursos no que se coordinen as súas actuacións coas das diferentes administracións públicas e as entidades privadas.

f) Establecerá un sistema de prestacións económicas tendentes a procurarlles ás familias que carezan de medios suficientes un salario digno que se corresponda coa composición familiar e co grao de obrigacións familiares asumidas, así como axudas destinadas a paliar situacións de emerxencia social para cubrir necesidades específicas da familia de carácter básico e urxente.

g) Desenvolveranse programas de axuda a domicilio como medio de atender, desde unha perspectiva integral e normalizadora, as necesidades da familia no seu conxunto ou dalgún dos seus membros que, por imposibilidade de feito, non poidan satisfacelas por si mesmos.

h) Articulará no marco da política de vivenda programas de axuda que teñan por finalidade favorece-la adquisición, en réxime de pleno dominio ou de arrendamento, da vivenda destinada a servir de residencia á familia, cando esta careza dela ou sexa notoriamente inapropiada a actualmente posuída. Así mesmo, velará porque a oferta de vivendas sexa diversificada e adaptable ó carácter propio das distintas familias e ás necesidades específicas de cada unha delas.

i) Xestionará plans e programas que procuren a autonomía familiar. Prestaralles apoio ás familias menos favorecidas e desenvolverá programas e accións encamiñadas a facer compatibles a familia e mailo traballo.

Para os efectos das actuacións previstas neste apartado, a Xunta de Galicia, a través da Lei de presupostos, fixará cada ano a política fiscal de protección á familia.

j) Favorecerá dentro das políticas de apoio á pequena e mediana empresa, e mediante instrumentos específicos, a competitividade das empresas familiares a través das prestacións técnicas e económicas que regulamentariamente se establezan. En particular, a Xunta de Galicia, na súa planificación económica, dispensaralles un trato preferente ás explotacións familiares rurais, articulando programas tendentes á modernización das súas estructuras e mais coadxuvando na compensación dos danos producidos polos riscos inherentes ás súas actividades e fomentando o uso de formas de previsión de tales riscos.

Artigo 13º.-Actuacións integradoras en favor da familia.

1. A Xunta de Galicia, en colaboración coas corporacións locais e cos axentes sociais, desenvolverá medidas de integración orientadas a promove-lo papel cultural e socioeconómico da familia na sociedade, así como a cohesión social e a solidariedade entre xeracións. De maneira especial:

a) Promoveranse as capacidades de autoorganización das familias ante as necesidades sociais, incentivando o voluntariado con base familiar e as formas de asociacionismo solidario entre familias que comparten un mesmo problema. As administracións, nas súas respectivas competencias, arbitrarán recursos e estructuras materiais de apoio.

b) Constituirase un observatorio permanente da problemática familiar na Comunidade Autónoma galega, en conexión co Observatorio Europeo de Políticas da Familia.

c) Fomentaranse os elementos culturais que propicien a participación igualitaria nas responsabilidades familiares así como a igualdade de trato e de oportunidades entre home e muller.

d) Desenvolveranse programas de integración para as familias de inmigrantes e a favor das familias galegas asentadas fóra da Comunidade Autónoma, ben facilitando directamente o acceso ós beneficios sociais que se establezan na lexislación vixente na materia, ben a través de convenios cos entes públicos do territorio no que residan.

2. As institucións públicas teñen a obriga de lles garantir ás mulleres que no núcleo familiar son víctimas de vexacións, malos tratos ou calquera tipo de agresión a asistencia necesaria que lles permita superar esta situación.

Título III

Da protección da infancia e da adolescencia

Capítulo I

Medidas de prevención

Artigo 14º.-Principio xeral.

1. En materia de protección á infancia e á adolescencia terá carácter prioritario a prevención de

posibles situacións de risco ou desprotección nas que poidan atoparse os nenos e as nenas e os adolescentes e as adolescentes e que produzan un menoscabo no seu desenvolvemento integral.

2. Una vez apreciadas estas situacións, e de acordo co previsto no artigo seguinte, adoptaranse as medidas necesarias encamiñadas a garanti-los seus dereitos e a diminuí-los factores de risco de marxinación nos que poidan atoparse.

Artigo 15º.-Medidas de prevención.

A Xunta de Galicia, a través da consellería competente e en colaboración, se é o caso, coas corporacións locais e cos axentes sociais, promoverá, entre outras, as seguintes medidas:

a) O apoio á infancia e á adolescencia a través de medidas económicas ou técnicas como principal recurso de carácter preventivo, que se dirixirá a cubri-las súas necesidades básicas e mellora-lo contorno familiar, co fin de garanti-lo dereito a desenvolverse, sempre que sexa posible, no seo da súa propia familia.

b) O coñecemento e fomento dos recursos destinados á atención á infancia e á adolescencia, procurando que os menores dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

c) A realización de programas de prevención, detección e seguimento do absentismo escolar.

d) A elaboración de programas de prevención do risco, maltrato e explotación infantil.

e) O desenvolvemento de programas de integración social da infancia e da adolescencia con dificultades especiais, dirixidos a procura-la eliminación daquelas barreiras físicas e de comunicación que lles impidan o seu pleno desenvolvemento persoal e a súa integración educativa e social.

f) A promoción de programas de información e sensibilización sobre a infancia e a adolescencia e as súas problemáticas particulares, incentivando a colaboración cidadá na denuncia de posibles situacións ou circunstancias que poñan en perigo a integridade dos nenos e das nenas e dos adolescentes e das adolescentes ou do seu desenvolvemento persoal.

g) O desenvolvemento de programas formativos de garantía social dirixidos a ofrecerlles ós adolescentes alternativas a situacións de rexeitamento do sistema escolar ordinario, fracaso e absentismo escolar, fornecéndolles unha formación preprofesional que favoreza unha próxima incorporación laboral.

Artigo 16º.-Prohibicións relativas a publicacións e material audiovisual.

1. Queda prohibida a venda, a exposición e o ofrecemento ós nenos e ás nenas e ós adolescentes e ás adolescentes de publicacións que inciten á violencia, a actividades delictuosas ou a calquera forma de discriminación ou que teñan un contido porno

gráfico ou que resulte prexudicial para o desenvolvemento da súa personalidade.

2. Non se lles poderá vender ou alugar a nenos e nenas ou a adolescentes vídeos, videoxogos ou calquera outro material audiovisual que conteña mensaxes que inciten á violencia e a actividades delictuosas ou a calquera forma de discriminación ou que teñan contido pornográfico ou contrario ós dereitos e ás liberdades recoñecidos nas leis vixentes. Tampouco se proxectarán ou difundirán en locais ou espectáculos nos que se admita a asistencia de nenos e nenas ou de adolescentes.

Capítulo II

Medidas de protección

Sección 1ª

Da tutela dos menores desamparados

Artigo 17º.-Situacións de desamparo.

1. Correspóndelle á Xunta de Galicia, a través da consellería competente, asumi-la tutela dos menores desamparados que residan ou se encontren transitoriamente no territorio da Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo das competencias que sobre estes últimos puidesen ter outras administracións públicas.

2. Consideraranse situacións de desamparo, que apreciará en todo caso a autoridade administrativa competente, as seguintes:

a) O abandono do menor.

b) A existencia de malos tratos físicos ou psíquicos ou de abusos sexuais por parte das persoas da unidade familiar ou de terceiros con consentimento destas.

c) A inducción á mendicidade, delincuencia ou prostitución.

d) A drogadicción ou o alcoholismo habitual do menor co consentimento ou coa tolerancia dos pais ou gardadores.

e) O trastorno mental grave dos pais ou gardadores que impida o normal exercicio da patria potestade ou da garda.

f) A convivencia nun medio sociofamiliar que deteriore gravemente a integridade moral do menor ou prexudique o desenvolvemento da súa personalidade.

g) A falta das persoas ás cales lles corresponde exerce-las funcións de garda ou cando estas persoas estean imposibilitadas para exercelas ou en situación de exercelas con perigo grave para o neno ou a nena ou o adolescente ou a adolescente.

h) Calquera outra situación de desprotección que se produza de feito a causa do incumprimento ou dun imposible ou inadecuado exercicio dos deberes de protección establecidos polas leis para a garda de menores e que xeren que estes queden privados da necesaria asistencia moral ou material.

3. A tutela administrativa subsistirá en tanto non desaparezan as causas que a motivaron, se proceda á constitución da tutela ordinaria, o menor sexa adoptado, se emancipe ou chegue á maioría de idade.

Artigo 18º.-Asunción da tutela administrativa.

1. A resolución pola que se asume a tutela administrativa será motivada e nela faranse consta-las medidas de protección que se adoptarán que sexan máis adecuadas ós intereses do menor. Regulamentariamente arbitrarase un procedemento no que se garantirá a audiencia dos pais, titores ou gardadores do menor, agás nos casos de urxencia con grave risco para o menor, nos que o organismo competente poderá, de modo inmediato, declarar e asumi-la tutela.

2. A resolución de tutela poñerase en coñecemento do Ministerio Fiscal e notificaráselles de forma legal ós pais, titores ou gardadores nun prazo de corenta e oito horas. Sempre que sexa posible, no momento da notificación serán informados de forma presencial e de modo claro e comprensible das causas que deron lugar á intervención da Administración e dos posibles efectos da decisión adoptada.

Artigo 19º.-Suspensión da patria potestade ou da tutela ordinaria.

A asunción da tutela pola Administración implicará a suspensión da patria potestade ou da tutela ordinaria. Non obstante, serán válidos os actos de contido patrimonial que realicen os pais ou titores en representación do menor e que sexan beneficiosos para el.

Artigo 20º.-Execución da tutela.

Cando os pais, titores ou gardadores dun menor impedisen a execución da medida de protección acordada na resolución de tutela, a Administración solicitará da autoridade xudicial competente a adopción das medidas necesarias para facela efectiva, sen prexuízo das intervencións inmediatas que poidan realizarse se están en perigo a vida ou a integridade do menor.

Artigo 21º.-Medidas que se adoptarán.

1. As medidas que se adoptarán no exercicio da tutela administrativa basearanse nun informe preceptivo de equipos técnicos, que terán en conta o interese dos nenos e das nenas e dos adolescentes e das adolescentes. Tales medidas poderán ser:

a) O apoio á familia do menor, mediante axudas de carácter psicolóxico e económico por parte da Administración, que se determinarán regulamentariamente.

b) O acollemento do menor por unha persoa ou familia que poida substituír, de maneira provisional ou permanente, o seu núcleo familiar natural.

c) O acollemento residencial, ben durante o día ou en réxime de internado nun centro público ou colaborador.

d) O acollemento familiar preadoptivo.

e) Calquera outra medida de carácter asistencial, educativo ou terapéutico que resulte aconsellable atendendo as circunstancias do menor.

2. As medidas previstas no punto 1 deste artigo adoptaranse no momento de facerse a declaración de desamparo.

3. Na adopción das medidas reguladas nas letras c), d) e e), será oído o menor de idade maior de 12 anos ou menor se tivese suficiente madureza, sempre que sexa posible.

4. En tódalas actuacións promovidas deberá quedar garantida a debida reserva e procurarase evitar que as decisións ou medidas que se adopten poidan repercutir innecesariamente na vida do menor, así como contar coa colaboración da familia sempre que sexa en interese do menor.

Artigo 22º.-Deber de comunicación.

1. Toda persoa, e en especial quen por razón da súa profesión ou función teña coñecemento dunha situación de grave risco ou posible desamparo dun menor, e sen prexuízo de prestarlle o auxilio inmediato que precise, poñerao en coñecemento da autoridade xudicial ou do organismo administrativo competente, que garantirá a reserva absoluta e o anonimato.

2. Así mesmo, quen teña coñecemento de que un menor non está escolarizado e non asiste ó centro escolar de forma habitual e sen xustificación, durante o período obrigatorio, deberao poñer en coñecemento das autoridades públicas competentes, que adoptarán as medidas necesarias para a súa escolarización.

3. As autoridades e as persoas que pola súa profesión ou función coñezan o caso actuarán coa debida reserva.

Sección 2ª

Da garda

Artigo 23º.-Asunción da garda.

1. Cando os pais ou titores, por circunstancias graves, non poidan coida-lo menor, poderán solicitar da Xunta de Galicia que esta asuma a súa garda durante o tempo necesario, a cal valorará a conveniencia ou non da medida e o modo no que esta se deberá executar. A asunción da garda farase constar por escrito, deixando constancia de que os pais ou titores foron informados das responsabilidades que seguen mantendo respecto do fillo, así como da maneira na que a Administración vai exerce-la dita garda. Calquera variación posterior da forma de exercicio será fundamentada e comunicada a aqueles e ó Ministerio Fiscal.

2. Asumirá a garda a Administración cando así o acorde o xuíz nos casos nos que legalmente proceda.

3. A garda asumida por solicitude dos pais ou titores ou como función da tutela por ministerio de lei exerceraa mediante o acollemento familiar a persoa ou persoas que determine a entidade pública, ou o director do centro onde estea internado o menor, no caso de acollemento residencial.

4. Buscarase sempre o interese do menor e procurarase, cando non sexa contrario a ese interese, a súa reinserción na propia familia e que a garda dos irmáns se lle confíe á mesma institución ou persoa.

Artigo 24º.-Cesación.

1. A situación de garda cesará por petición dos pais ou titores que a solicitasen ou por decisión da entidade pública cando, en interese do menor, considere non xustificado o mantemento desta medida.

2. De xurdiren problemas graves de convivencia entre o menor e a persoa ou persoas ás que fose confiado en garda, aquel ou a persoa interesada poderá solicita-la remoción desta.

Sección 3ª

Do acollemento familiar

Artigo 25º.-Acollemento familiar.

1. O acollemento familiar produce a plena participación do menor na vida de familia e imponlle a quen o recibe as obrigacións de velar por el, telo na súa compañía, alimentalo, educalo e procurarlle unha formación integral.

2. Para a adopción desta medida teranse en conta os seguintes criterios orientadores:

a) Darlle prioridade á súa utilización sobre o acollemento residencial.

b) Evitar, na medida do posible, a separación de irmáns e procura-lo seu acollemento por unha mesma familia.

c) Favorece-la permanencia do menor no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza en familia extensa, agás que non fose aconsellable para o interese do menor ou dos menores do grupo familiar adoptante.

Artigo 26º.-Modalidades do acollemento.

O acollemento familiar, con independencia da forma na que se constitúa, poderá adopta-las seguintes modalidades atendendo a súa finalidade:

1ª) Acollemento familiar simple, que terá carácter transitorio, ben porque da situación do menor se prevese a reinserción deste na súa propia familia, ben en tanto se adopte unha medida de protección que revista un carácter máis estable.

2ª) Acollemento familiar permanente, cando a idade ou outras circunstancias do menor e da súa familia así o aconsellen e así o dictaminen os servicios de atención ó menor. En tal suposto, a entidade pública poderá solicitar do xuíz que lles atribúa ós acolle

dores aquelas facultades da tutela que faciliten o desempeño das súas responsabilidades, atendendo en todo caso o interese superior do menor.

3ª) Acollemento familiar preadoptivo, que o formalizará a entidade pública cando esta eleve a proposta de adopción do menor, co informe dos servicios de atención do menor, ante a autoridade xudicial, sempre que os acolledores reúnan os requisitos necesarios para adoptar, fosen seleccionados e lle prestasen ante a entidade pública o seu consentimento á adopción, e se atope o menor en situación xurídica adecuada para a súa adopción.

Así mesmo, poderá formalizarse un acollemento familiar preadoptivo cando se considere, con anterioridade á presentación da proposta de adopción, que fose necesario establecer un período de adaptación do menor á familia. Este período será o máis breve posible e, en todo caso, non poderá exceder do prazo dun ano.

Artigo 27º.-Formalización do acollemento.

1. O acollemento formalizarase por escrito, co consentimento da entidade pública, teña ou non a tutela ou a garda, das persoas que reciban o menor e deste se tivese 12 anos cumpridos. Cando fosen coñecidos os pais que non estivesen privados da patria potestade, ou o titor, será necesario tamén que presten ou prestasen o seu consentimento, agás que se trate dun acollemento familiar provisional ó que fai referencia o apartado 2 deste artigo.

O documento de formalización do acollemento familiar ó que se refire o parágrafo anterior incluirá os seguintes extremos:

1º) Os consentimentos necesarios.

2º) A modalidade do acollemento e a súa duración prevista.

3º) Os dereitos e deberes de cada unha das partes, e en particular:

a) A periodicidade das visitas por parte da familia do menor acollido.

b) O sistema de cobertura por parte da entidade pública ou doutros responsables civís dos danos que sufra o menor ou dos que poida causarlles a terceiros.

c) A asunción dos gastos de manutención, educación e atención sanitaria.

4º) O contido do seguimento que, en función da finalidade do acollemento, vaia realiza-la entidade pública e o compromiso de colaboración da familia acolledora del.

5º) A compensación económica que, se é o caso, vaian recibi-los acolledores.

6º) O sinalamento expreso de se os acolledores actúan con carácter profesionalizado.

7º) O informe dos servicios de atención a menores.

Este documento remitiráselle ó Ministerio Fiscal.

2. Se os pais ou o titor non consenten ou se opoñen ó acollemento, este só poderá ser acordado polo xuíz, en interese do menor, conforme os trámites da Lei de axuizamento civil. A proposta da entidade pública conterá os mesmos extremos referidos no número anterior. Non obstante, a entidade pública poderá acordar en interese do menor un acollemento familiar provisional, que subsistirá ata tanto se produza resolución xudicial. A entidade pública, unha vez realizadas as dilixencias oportunas e rematado o expediente, deberalle presenta-la proposta ó xuíz de maneira inmediata, e, en todo caso, no prazo máximo de quince días.

Artigo 28º.-Cesación.

1. O acollemento familiar do menor cesará:

1º) Por decisión xudicial.

2º) Por decisión das persoas que o teñen acollido, logo de comunicación destas á entidade pública.

3º) Por petición do titor ou dos pais que teñan a patria potestade e reclamen a súa compañía.

4º) Por decisión da entidade pública que teña a tutela ou a garda do menor, cando o considere necesario para salvagarda-lo interese deste, oídos os acolledores.

Será precisa resolución xudicial de cesación cando o acollemento sexa disposto polo xuíz.

2. Tódalas actuacións de formalización e cesación do acollemento practicaranse coa obrigada reserva.

Sección 4ª

Do acollemento residencial

Artigo 29º.-Acollemento residencial.

1. O acollemento residencial constituirá unha medida de protección que poderá adopta-la entidade pública cando, esgotadas tódalas posibilidades de mantemento do menor na súa familia mediante a utilización de recursos preventivos e asumida a tutela ou a garda sobre este, non sexan posibles ou se consideren inadecuados o acollemento familiar ou a adopción.

2. A citada medida manterase polo tempo estrictamente necesario, procurándose a integración do menor no contorno social e a accesibilidade ós sistemas ordinarios educativos, sanitarios e laborais, entre outros.

Capítulo III

Da adopción

Artigo 30º.-Disposición xeral.

1. Nos termos previstos no Código civil, na Lei de axuizamento civil e na Lei orgánica 1/1996, de protección xurídica do menor, a Administración da Xunta de Galicia, a través da consellería competente, realizará a xestión dos procedementos e elevará as correspondentes propostas de adopción ante os órganos xudiciais competentes no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O seguimento dos procedementos de adopción levarao a cabo a Comisión de Adopcións, coa composición e co réxime interno determinados regulamentariamente.

Artigo 31º.-A adopción internacional.

Nos procesos de adopción internacional, correspóndenlle á consellería competente as seguintes actuacións:

a) A recepción, rexistro e tramitación das solicitudes de adopción que se reciban, xa sexa directamente ou a través de entidades debidamente habilitadas que realicen a súa función de mediación no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A expedición, en todo caso, dos certificados de idoneidade do solicitante ou solicitantes, logo da valoración desta.

c) Cando así o esixa o país de orixe do menor adoptado, a expedición dun certificado polo que se comprometa a realiza-lo seguimento da adopción.

d) A habilitación, control, inspección e elaboración das directrices de actuación das entidades colaboradoras de mediación no ámbito da Comunidade Autónoma.

Artigo 32º.-Requisitos dos adoptantes.

1. Para poder ser adoptante, requirirase:

a) Ter como mínimo 25 anos cumpridos. No caso de solicitudes conxuntas por cónxuxes ou parellas con relación estable análoga á conxugal, bastará con que un deles teña a dita idade. En todo caso, o adoptante deberá ter, polo menos, catorce anos máis có adoptado.

b) Residir habitualmente no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Estar inscrito no Rexistro de Adopcións da Comunidade Autónoma galega.

d) Estar declarado persoa idónea para a adopción tralo correspondente procedemento de valoración.

2. Non se esixirá o requisito de residencia do punto b) do apartado anterior nos supostos nos que, por carecer de familia idónea para un menor dentro da Comunidade Autónoma, se considerase conveniente a súa adopción fóra dela. Nestes casos, os posibles candidatos deberán ser declarados idóneos ben polos servicios competentes da súa Comunidade Autónoma, ben polos servicios desta Comunidade. Así mesmo, tamén poderán presentar solicitudes de adopción os emigrantes galegos con previsión de retorno a Galicia nos termos establecidos regulamentariamente.

Artigo 33º.-Procedemento de valoración da idoneidade.

1. Os solicitantes de adopción serán obxecto de valoración da súa idoneidade para a adopción pola consellería competente, que terá en conta para isto os seguintes aspectos ou circunstancias:

a) Que entre o adoptante e o adoptado exista unha diferencia de idade axeitada e non superior ós coren

ta anos, excepto que os solicitantes estean en disposición de aceptar grupos de irmáns ou menores con especiais dificultades, caso no que a diferencia de idade poderá ser superior.

b) Que o medio familiar dos solicitantes reúna as condicións adecuadas para a atención integral do menor.

c) Que existan motivacións e actitudes adecuadas para a adopción. No caso de cónxuxes, esas motivacións e actitudes deberán ser compartidas.

d) Que as condicións de saúde física e psíquica dos solicitantes permitan atender correctamente o menor.

2. A resolución de idoneidade adoptada pola autoridade administrativa competente non implicará a finalización do proceso de valoración, e este poderá continuar co obxecto de amplia-las motivacións dos solicitantes.

3. Unha vez seleccionados os solicitantes idóneos para un menor, a autoridade administrativa competente formalizará un acollemento familiar preadoptivo nos termos e nas condicións previstas no artigo 26.3ª desta lei.

Artigo 34º.-Rexistro de Adopcións.

Os solicitantes de adopción estarán inscritos no Rexistro de Adopcións, do que se determinarán regulamentariamente a súa organización e funcionamento, así como o modo de formalización das solicitudes e o procedemento que se seguirá en cada acto de inscrición nel.

Capítulo IV

Das institucións e entidades de atención a menores

Artigo 35º.-Das institucións de atención a menores.

1. A Administración da Xunta de Galicia poderá autorizar como institucións de atención a menores as asociacións, fundacións ou outras entidades privadas, legalmente constituídas, que teñan nos seus estatutos ou regras fundacionais como finalidade a protección dos menores e dispoñan da organización e dos equipos técnicos ou multidisciplinares axeitados para o desenvolvemento desta función. Estas institucións deberán te-lo seu domicilio social en territorio galego ou actuar a través de establecementos radicados nel, así como carecer de ánimo de lucro.

As ditas institucións someteranse na súa actuación ás directrices, á inspección e ó control do organismo competente e soamente poderán asumi-las funcións de garda e mediación coas limitacións que lles sinale a lei, debendo asegurarse de que tales funcións se desempeñen en interese exclusivo do menor.

2. O procedemento para a autorización destas institucións, os requisitos que teñan que cumprir, así como a súa inscrición no Rexistro administrativo correspondente, determinaranse regulamentariamente.

3. As resolucións que confiran a autorización ás mencionadas institucións serán publicadas no Diario Oficial de Galicia e daráselle traslado delas ó Ministerio Fiscal.

4. A Administración galega terá facultades de control e inspección das institucións de atención de menores, coa finalidade de comproba-lo adecuado exercicio das funcións que constitúen o contido específico da súa habilitación, e asegurará que as ditas funcións se exerzan en exclusivo interese do menor.

Artigo 36º.-Das entidades que realicen funcións de mediación para efectos de adopcións internacionais.

1. As entidades que pretendan realizar funcións de mediación para efectos de adopcións internacionais deberán estar expresamente habilitadas pola Xunta de Galicia para operar no territorio da Comunidade Autónoma, teñan ou non a súa sede nela.

2. Só poderán ser habilitadas as entidades sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro correspondente que teñan como finalidade nos seus estatutos a protección de menores, dispoñan dos medios materiais e equipos pluridisciplinares necesarios para o desenvolvemento das funcións encomendadas e estean dirixidas e administradas por persoas cualificadas pola súa integridade moral e pola súa formación no ámbito da adopción internacional.

3. As entidades habilitadas poderán desenvolve-las seguintes funcións de mediación:

a) Información e asesoramento ós interesados en materia de adopción internacional.

b) Intervención na tramitación de expedientes de adopción ante as autoridades competentes, tanto españolas coma estranxeiras.

c) Asesoramento e apoio ós solicitantes de adopción nos trámites e nas xestións que deben realizar en España e no estranxeiro.

d) Calquera outra para a que as habilite a consellería competente na correspondente resolución.

4. Poderá serlles retirada a habilitación concedida, mediante expediente contradictorio, a aquelas entidades de mediación que deixen de cumpri-las condicións que motivaron a súa concesión ou que infrinxan na súa actuación o ordenamento xurídico.

Título IV

Dos menores en conflicto social e dos centros de reeducación

Capítulo I

Dos menores en conflicto social

Artigo 37º.-Principios xerais.

1. Consideraranse menores en conflicto social, para os efectos desta lei, aqueles que pola súa situación de grave inadaptación puidesen encontrarse en risco de causar prexuízos a si mesmos ou a outros,

así como os maiores de 12 anos que, aínda non tendo a idade requirida para esixirlles responsabilidade criminal, cometesen feitos tipificados como delictos ou faltas polas leis penais.

2. A actuación da Administración autonómica nesta materia deberá ter como finalidade principal o desenvolvemento de accións preventivas, así como a integración social destes menores a través dun tratamento educativo individualizado e, preferentemente, no seu contorno sociocomunitario.

Artigo 38º.-Medidas de prevención e apoio.

A Administración autonómica, no exercicio das súas competencias, poderá arbitrar en favor dos menores medidas de carácter preventivo e de apoio tales como:

a) A atención especializada socioeducativa ou terapéutica, que implicará o compromiso voluntario do menor e da súa familia de se someteren ó recoñecemento de profesionais unha vez detectadas carencias relevantes no ámbito familiar.

b) O asesoramento educativo, consistente no compromiso voluntario do menor e da súa familia de acudiren a un programa educativo en supostos carenciais próximos ó desamparo.

c) A formación ocupacional de carácter prelaboral, consistente no compromiso voluntario do menor de participar activamente en talleres ocupacionais e de inserción prelaboral baixo a supervisión da Administración autonómica.

d) A conciliación, a mediación e a reparación do dano como medidas de carácter extraxudicial.

Artigo 39º.-Execución de medidas xudiciais.

1. É competencia da Comunidade Autónoma de Galicia a execución das medidas previstas na Lei orgánica 4/1992, do 5 de xuño, reguladora da competencia e do procedemento dos xulgados de menores, en virtude do disposto na súa disposición adicional terceira, para o cal actuará de acordo cos tratados e directrices internacionais, esta lei, a normativa que a complemente e desenvolva e demais que sexa aplicable.

2. A Administración da Xunta de Galicia executará, polo tempo que se determine nas resolucións xudiciais, as seguintes medidas:

a) A liberdade vixiada, que consistirá nun control e apoio socioeducativo ó menor no seu propio medio, coa finalidade de que este consiga a súa autonomía persoal e unha efectiva integración sociofamiliar, utilizando para iso os recursos normalizados dispoñibles no seu contorno.

b) O acollemento familiar, que supón outorgarlles temporalmente a garda dun menor a unha persoa ou a persoas distintas daquelas coas que viña convivindo, co obxecto de recibi-lo apoio suficiente para unha atención e educación adecuadas á súa idade e circunstancias.

c) A prestación de servicios en beneficio da comunidade, consistente en realizar, con carácter voluntario e non remunerado, actividades de colaboración en determinados servicios públicos ou entidades privadas sen ánimo de lucro e con fins de interese social.

d) O tratamento ambulatorio, que se prestará a través dos dispositivos especializados da rede sanitaria adecuados á problemática que presente o menor.

e) O internamento nun centro de carácter terapéutico, que se realizará naqueles centros residenciais especializados que ofrecen tratamento de carácter sanitario e educativo.

f) O internamento do menor nun centro de reeducación en réxime aberto, semiaberto ou pechado, de acordo co disposto na correspondente resolución xudicial.

Capítulo II

Dos centros de reeducación

Artigo 40º.-Réxime dos centros de reeducación.

1. Son centros de reeducación aqueles equipamentos residenciais que lles prestan unha atención socioeducativa especializada a menores con problemas de conducta ou internados en virtude de resolución xudicial.

2. Os centros de reeducación poderán dispoñer dun ou máis dos seguintes réximes de internamento:

a) O réxime de internamento aberto supón a obriga de residencia do menor no centro, participando na súa vida e realizando as actividades escolares ou laborais fóra del. Os menores poderán gozar de fins de semana e períodos vacacionais no seu propio fogar se iso é posible.

b) O réxime de internamento semiaberto supón a obrigación de residencia do menor no centro, participando na súa vida cotiá e realizando as actividades escolares ou prelaborais dentro del, excepto nos casos nos que se considere que a súa realización fóra do centro non prexudica a aplicación da medida. Os menores en réxime semiaberto poderán gozar de permisos de fin de semana e vacacións, agás as limitacións que poidan establecerse por resolución xudicial ou en aplicación do regulamento de réxime interno; en tal caso, daráselle conta inmediata á autoridade xudicial competente.

c) O réxime de internamento pechado supón a obrigación de residencia permanente do menor no centro, realizando tódalas súas actividades no seu interior.

3. Estes centros deberán dispoñer dun regulamento de réxime interno, no que se establecerán, ademais das disposicións xerais sobre o seu funcionamento, as especialidades propias do seu réxime e as normas disciplinarias, que se axustarán, en todo caso, ó disposto nos artigos seguintes desta lei.

Artigo 41º.-Faltas.

1. Nos centros de reeducación terán a consideración de faltas as seguintes conductas, sempre que non constitúan infracción penal:

a) O comportamento agresivo ou violento cara ás persoas.

b) O dano intencionado de instalacións ou material do centro ou de bens particulares.

c) A subtracción de bens do centro ou de particulares.

d) Calquera acción ou omisión que supoña unha perturbación relevante da vida cotiá no centro.

e) As ausencias non autorizadas do centro.

f) O uso de substancias ou materiais prohibidos polo centro.

g) Todo comportamento que poida poñer en risco a súa persoa ou a doutros.

2. As faltas serán cualificadas como leves, graves ou moi graves en función, basicamente, do grao de perturbación ou dos prexuízos causados.

Artigo 42º.-Medidas correctoras.

1. As medidas correctoras que se lles impoñan ós menores terán un contido e unha finalidade fundamentalmente educativa, sen que en ningún caso poidan implicar vexación ou maltrato. Tales medidas consistirán en:

a) Amoestación.

b) Reparación do dano.

c) Suspensión de privilexios e gratificacións, por tempo non superior a un mes.

d) Privación de asistir a actividades recreativas programadas no horario do centro, por un período de tempo non superior a quince días.

e) Privación das saídas de carácter recreativo programadas polo centro, por un período de tempo non superior a un mes.

f) Privación dos permisos de saída do centro, por un período de tempo non superior a un mes.

g) Separación do grupo, por un tempo non superior a corenta e dúas horas.

2. A medida aplicable determinarase en función da idade e das características do menor, así como da intencionalidade, do grao de participación nos feitos e da reincidencia da conducta.

3. A petición de escusas á persoa ofendida, a restitución de bens ou a reparación de danos poderán suspende-la aplicación da medida sempre que non sexa reincidente na conducta sancionable.

Artigo 43º.-O procedemento.

1. O procedemento para a aplicación das medidas previstas no artigo anterior será regulado no regulamento do centro e deberá garantir, en todo caso, os seguintes dereitos do menor:

a) A ser oído.

b) A poder achegar probas.

c) A ser asesorado e asistido pola persoa do centro que el designe.

d) A recorrer ante o Xulgado de Menores que dictaminou o seu internamento e, en todo caso, a acudir ó Ministerio Fiscal.

2. Daráselles conta ó Xulgado de Menores e ó Ministerio Fiscal das medidas adoptadas polas faltas graves ou moi graves.

Título V

Infraccións e sancións

Capítulo I

Infraccións

Artigo 44º.-Disposición xeral.

1. Considéranse infraccións administrativas a esta lei as accións ou omisións tipificadas e sancionadas na forma prevista neste título.

2. Serán suxeitos responsables das infraccións as persoas físicas ou xurídicas que incorran nas accións ou omisións tipificadas como tales nesta lei.

Artigo 45º.-Clasificación e prescrición das infraccións.

1. As infraccións cualifícanse en leves, graves e moi graves, en función da natureza da contravención, da súa transcendencia e repercusión especialmente na esfera persoal do menor e, se é o caso, da reincidencia nas mesmas conductas punibles.

2. Estas infraccións prescribirán da seguinte maneira: ó ano, as leves; ós tres anos, as graves; e ós cinco anos, as moi graves, contados en todo caso desde a data da infracción.

Artigo 46º.-Infraccións leves.

Constitúen infraccións leves:

1º) Todos aqueles actos ou omisións que afecten a esfera dos dereitos da familia, da infancia e da adolescencia, cando non deriven deles prexuízos graves para aqueles.

2º) As irregularidades de carácter formal por parte das institucións ou entidades de atención á familia, á infancia e á adolescencia no cumprimento da normativa vixente nesta materia.

3º) O incumprimento do deber de actualiza-los datos que constan no Rexistro de entidades que desenvolven actividades no campo da acción social referidas á familia, á infancia e á adolescencia.

Artigo 47º.-Infraccións graves.

Constitúen infraccións graves:

1º) Non poñer en coñecemento das autoridades ou dos organismos competentes as posibles situacións de grave abandono ou desamparo nas que poidan atoparse os menores por parte daquelas persoas que polo seu cargo, profesión ou función deban ter especial coñecemento diso.

2º) Non procurar ou impedi-la asistencia dun neno ou dunha nena ou dun adolescente ou dunha adolescente en período de escolarización obrigatoria a un centro escolar e sen causa que o xustifique, cando lles sexa imputable ós pais, titores ou gardadores.

3º) Proceder á apertura ou ó peche dun centro que preste servicios no ámbito da familia, da infancia ou da adolescencia polas persoas ou entidades titulares del sen obter previamente a autorización administrativa pertinente.

4º) Incumpri-las persoas ou entidades ás que se refire o apartado anterior a normativa específica reguladora da súa creación e funcionamento.

5º) Non proporciona-las institucións ou os centros de atención á familia, á infancia e á adolescencia o tratamento e a atención adecuada.

6º) Solicita-los titulares das ditas institucións ou centros o aboamento de cantidades económicas dos propios menores, os seus familiares, titores ou gardadores, e, en xeral, exercer prácticas lucrativas neles non autorizadas expresamente pola Administración da Xunta de Galicia.

7º) Quebranta-lo deber de confidencialidade e sixilo sobre os datos persoais dos usuarios.

8º) Utilizar por parte dos medios de comunicación a identidade ou imaxe dos menores cando iso supoña unha intromisión ilexítima na súa intimidade, honra ou reputación ou sexa contrario ós seus intereses aínda cando medie o seu consentimento ou o dos seus representantes legais.

9º) Venderlles ou permitírlle-lo libre acceso ós menores ás publicacións ás que se refire o apartado 1 do artigo 16 ou venderlles, alugarlles ou exhibírlle-lo material audiovisual referido no apartado 2 dese mesmo artigo. A responsabilidade das ditas accións corresponderalles ós titulares dos establecementos e, se é o caso, ás persoas infractoras.

10º) Impedir, obstruír ou dificulta-lo exercicio das funcións de inspección e seguimento polos servicios administrativos da Xunta de Galicia da actividade das institucións e dos centros de atención á familia, á infancia e á adolescencia.

11º) As accións ou omisións previstas no artigo anterior, sempre que o incumprimento ou os prexuízos fosen graves.

12º) A reincidencia nas infraccións leves.

Artigo 48º.-Infraccións moi graves.

Constitúen infraccións moi graves:

1º) As recollidas no artigo anterior, se delas se deduce dano ós dereitos da familia, da infancia e da adolescencia de imposible ou moi difícil reparación.

2º) A reincidencia nas infraccións graves.

Artigo 49º.-A reincidencia.

Estimarase que se produce reincidencia cando o responsable da infracción fose sancionado mediante resolución firme pola comisión doutra infracción da mesma natureza no prazo dun ano, se se trata de faltas leves; de tres anos, se se trata de faltas graves; e de cinco anos, se se trata de faltas moi graves.

Capítulo II

Sancións

Artigo 50º.-Tipos de sancións.

1. As infraccións establecidas nos artigos anteriores serán sancionadas dalgunha das formas seguintes:

a) Infraccións leves: amoestación por escrito ou multa de ata 250.000 pesetas.

b) Infraccións graves: multa desde 250.001 pesetas ata 1.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: multa desde 1.000.001 pesetas ata 2.500.000 pesetas.

2. En calquera caso, as sancións graves e moi graves poderán levar aparelladas como accesorias as seguintes:

a) Peche total ou parcial ata un ano, as graves, e peche total ou parcial de ata dous anos ou definitivo, as moi graves.

b) Prohibición de financiamento público por un tempo de ata cinco anos.

c) Inhabilitación para o desenvolvemento de funcións e actividades similares ou para o exercicio de cargos de carácter análogo ata un prazo de cinco anos.

3. As sancións graduaranse seguindo os criterios da reincidencia das faltas, do grao de intencionalidade ou neglixencia, da gravidade dos prexuízos causados e da relevancia ou transcendencia social que acadasen.

Capítulo III

Procedemento sancionador

Artigo 51º.-Principios xerais.

1. As infraccións administrativas non poderán ser obxecto de sanción sen a previa instrucción do oportuno expediente, que se tramitará en todo caso de acordo coas normas xerais que regulan o procedemento sancionador, sen prexuízo das responsabilidades doutra orde que puidesen concorrer.

2. Nos supostos de que as infraccións puidesen ser constitutivas de delicto, a Administración pasaralle o tanto de culpa ó órgano xudicial competente ou ó Ministerio Fiscal e absterase de segui-lo procedemento sancionador mentres a autoridade xudicial non dicte sentencia firme ou resolución que lle poña fin ó procedemento.

3. De non estimarse a existencia de delicto, a Administración continuará o expediente sancionador con base nos feitos que os tribunais considerasen probados.

4. En todo caso, deberanse cumprir de modo inmediato as medidas administrativas adoptadas para salvagarda-la integridade física e moral do menor.

5. Cando un mesmo feito poida ser tipificado como infracción conforme esta e outras leis, seralle aplicada a sanción máis grave.

6. Regulamentariamente determinaranse os órganos competentes para a imposición das sancións previstas neste título.

Artigo 52º.-Recursos.

Contra as resolucións recaídas nos procedementos sancionadores poderán interpoñerse os recursos administrativos e xurisdiccionais que legalmente procedan.

Disposicións adicionais

Primeira.

As resolucións de apreciación de desamparo e asunción de tutela por ministerio da lei, as derivadas do exercicio da tutela e da garda, así como aquelas que declaren a idoneidade dos solicitantes de adopción, poderán ser obxecto de recurso ante a orde xurisdiccional civil sen necesidade de reclamación administrativa previa.

Segunda.

Actuarán como órganos asesores e consultivos da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de menores e coa función singular de favorece-la coordinación das actuacións e a formulación de directrices e plans de acción conxunta dos órganos da Administración autonómica entre si, así como as desta coas das deputacións provinciais, concellos e outras administracións públicas, a Comisión Galega Interinstitucional do Menor, no ámbito autonómico, e as comisións técnicas interinstitucionais provinciais sobre o menor.

Terceira.

As contías das sancións administrativas previstas no título IV desta lei poderán ser actualizadas anualmente de acordo co índice de prezos ó consumo, por decreto da Xunta de Galicia.

Cuarta.

A Xunta de Galicia terá en conta nos seus presupostos, de forma prioritaria, as actividades de atención, formación, promoción, reinserción, protección, integración e lecer dos nenos e das nenas e dos adolescentes e das adolescentes de Galicia. Deberá, así mesmo, procurar que os entes da Administración local asuman a dita prioridade.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ó establecido nesta lei.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase a Xunta de Galicia para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento regulamentario desta lei.

Segunda.

Esta lei entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, nove de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

97-4842