Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Venres, 27 de xuño de 1997 Páx. 6.243

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 151/1997, do 5 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV trazada entre a L.M.T. Mosende-Torneiros ata o centro transformador que se proxecta en Casaldovello, concello do Porriño (Pontevedra). (Expediente 35/1993).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV, de 989 m de lonxitude, con conductores tipo LA-56, sobre apoios de formigón, trazada entre o apoio 10 da L.M.T. Mosende-Torneiros ata o centro transformador que se proxecta en Casaldovello, concello do Porriño (Pontevedra) (expediente 35/1993).

A dita instalación declarouse de utilidade pública por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 9-9-1993, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 8-6-1994, no BOP de Pontevedra do 20-5-1994, e no BOE do 16-11-1993. Con data 2-12-1992 foi aprobado o seu proxecto de execución.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido polo apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 6-5-1996, no BOP de Pontevedra do 14-5-1996, no xornal Faro de Vigo do 9-5-1996, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello do Porriño e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ós propietarios dos predios números 25 e 37, que estaban ausentes, polo cal se lle deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal, segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formulou ningunha alegación de oposición á expropiación.

Unha vez practicada por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende subministrar enerxía ó centro transformador que se proxecta en Casaldovello, partindo do apoio 10 da L.M.T. Mosende-Torneiros, para poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, estabilidade da rede e maila regularidade do servicio na dita zona, e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a L.M.T. Mosende-Torneiros co centro transformador que se proxecta en Casaldovello, concello do Porriño.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Porriño (Pontevedra) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, cinco de xuño de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

4911