Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 06 de agosto de 1997 Páx. 7.612

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante Lei orgánica de 1/1981, do 6 de abril, de acordo coas previsións contidas no artigo 148.1º 16. da Constitución española, establece no seu artigo 27, apartado 18, que a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese de Galicia.

En virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, esta asume a xestión das funcións sobre patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico.

Dentro deste marco de competencias promúlgase a Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, sendo polo tanto necesario adapta-las anteriores normas que regulaban a actividade arqueolóxica en Galicia ós novos contextos culturais e sociais no que se desenvolve a dita actividade.

Entendendo que o patrimonio cultural abrangue tódalas obras e obxectos que testemuñan a capacidade creadora do home, todo o que procede do pasado e é efecto de historia, corresponde á actividade arqueolóxica un papel singular dentro deste ámbito xeral, xa que esta non só representa unha das metodoloxías fundamentais do estudio e xestión dese patrimonio, senón que ademáis, en moitos casos, é a única que se pode aplicar.

O patrimonio arqueolóxico é aquela parte do patrimonio cultural na que o coñecemento e avaliación dependen da utilización da metodoloxía arqueolóxica. Por este mesmo motivo, nos últimos anos, a arqueoloxía experimentou unha transformación que a converteu nunha disciplina específica que representa un saber completo.

Do mesmo xeito, nos últimos anos acelerouse o desenvolvemento e a relevancia da arqueoloxía como disciplina científica, potenciouse a súa consideración social e, sobre todo, incrementouse a conciencia social polos restos que constitúen a nosa identidade cultural, impoñéndose, cada vez máis, a noción de que estes non son só depósitos do pasado senón auténticos recursos culturais que deben ser reservados para o servicio de toda a comunidade e do futuro.

Se a estas observacións, utilidade pública e especificidade da intervención sobre o patrimonio arqueolóxico, se une o seu carácter de ben escaso non renovable, queda claro que o patrimonio arqueo

lóxico e a actividade arqueolóxica deben estar sometidos a un marco de aplicación que, no ordenamento xurídico legal vixente no Estado español, corresponde á Administración pública. Sobre esa base o patrimonio arqueolóxico ten a consideración de ben de interese público, o que significa que o interese xeral e polo tanto a súa cautela, prevalecen sobre o réxime de propiedade deses bens.

Pero, por estas razóns, a autorización para intervir sobre o patrimonio arqueolóxico debe entenderse como unha contraprestación na que o poder público, en aplicación das súas competencias, como garante dese patrimonio, pode autorizarlles ós axentes individuais a realización de determinadas actividades, o que necesariamente implicará unha contrapartida que, en forma de documentación adecuada, coñecemento novo ou alternativas de xestión sobre o elemento intervido, permitirá rendabiliza-lo esforzo efectuado e compensa-los efectos da actuación que, en moitos casos, adoita a ser de natureza agresiva e non reversible.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Obxecto, clasificación e competencias

Artigo 1º.-Obxecto.

1. É obxecto da presente disposición establece-la regulación da actividade arqueolóxica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Será preciso obter autorización previa para a realización e dirección das actividades arqueolóxicas que se enumeran:

a) Prospeccións arqueolóxicas, entendidas como a exploración superficial e sistemática sen remoción de terras, tanto terrestre coma subacuática, dirixida ó estudio e investigación para a detección de restos históricos ou paleontolóxicos, e os contextos ambientais con eles relacionados. Isto engloba a observación e o recoñecemento sistemático de superficie e tamén a aplicación das técnicas que a arqueoloxía recoñece como válidas. Terá a consideración de prospección arqueolóxica o seguimento de obras en virtude do artigo 32 da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

b) Sondaxes arqueolóxicas, entendidas como aquelas remocións de terra, complementarias da prospección, encamiñadas a comproba-la existencia dun depósito arqueolóxico, delimitalo ou recoñece-la súa estratigrafía. Calquera toma de mostras en depósitos arqueolóxicos considerarase dentro deste apartado.

c) Escavacións arqueolóxicas, entendidas como as remocións, no subsolo ou en medios subacuáticos, que se realicen co fin de descubrir e investigar toda

clase de restos históricos ou paleontolóxicos, e os contextos ambientais con eles relacionados.

d) O estudio da arte rupestre, entendido como o conxunto de tarefas de campo orientadas á investigación, á documentación gráfica por medio de calco e a calquera manipulación ou contacto co soporte dos motivos representados.

e) Os labores de protección, consolidación e restauración arqueolóxica, entendidos como as intervencións en depósitos arqueolóxicos encamiñadas a favorece-la súa conservación e que, en consecuencia, permitan o seu desfrute e faciliten o seu acrecentamento. Terán así mesmo esta consideración os traballos de sinalización e limpeza de depósitos arqueolóxicos.

f) A manipulación con técnicas agresivas de materiais arqueolóxicos.

2. A realización de controis arqueolóxicos, definidos no artigo 56.3º da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, necesitará a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Para iso, é preciso a presentación dunha memoria, asinada por un arqueólogo, dos traballos que se van realizar na zona obxecto de control, así como o orzamento e financiamento da actuación. Unha vez rematados os traballos, terá que presentarse un informe deles.

Artigo 2º.-Clasificación das actividades arqueolóxicas.

Para os efectos da súa planificación e tramitación administrativa as actividades indicadas no artigo 1º serán clasificadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural nas seguintes categorías:

a) Actuacións preventivas: son preventivas aquelas actuacións derivadas da realización de calquera tipo de obra que afecte a un ben de interese cultural, un depósito catalogado ou inventariado, ou un espacio onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos. As medidas protectoras do patrimonio arqueolóxico de Galicia poderanse considerar actuacións preventivas.

b) Actuacións de rescate: son actuacións de rescate aquelas que teñen como obxectivo documentar e adopta-las medidas de protección adecuadas no caso de que se poñan ó descuberto ou se vexan afectados restos arqueolóxicos coma consecuencia de remoción de terras, ou obras de calquera índole ou por azar.

c) Actuacións de conservación e revalorización do patrimonio: son actuacións de conservación e revalorización do patrimonio as que teñen como obxectivo principal promove-lo rendemento sociocultural, a difusión e coñecemento público do patrimonio arqueolóxico.

d) Actuacións ligadas a un programa de investigación: considéranse neste apartado aquelas actuacións, realizadas por institucións científicas e investigadores con soporte dunha institución, que formen parte dun proxecto de investigación. Considérase

que unha institución científica da apoio a este proxecto cando o avala cientificamente e fai unha achega de medios técnicos e infraestructura.

Artigo 3º.-Competencia.

1. A concesión, renovación, suspensión e revogación das autorizacións mencionadas no artigo 1º correspóndelle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia.

2. A Consellería de Cultura e Comunicación Social, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no ámbito das súas competencias, poderá realizar, pola súa conta ou coa participación doutras institucións ou particulares, as actuacións arqueolóxicas que consideren convenientes.

3. É competencia, así mesmo, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural establece-las medidas necesarias para garanti-la correcta coordinación das diversas actividades arqueolóxicas que poidan englobarse nun mesmo proxecto ou plan de actuación.

4. A autorización concederase sen prexuízo doutras autorizacións ou licencias que fosen necesarias por aplicación das lexislacións sectoriais.

Capítulo II

Tramitación

Artigo 4º.-Tramitación dos expedientes.

A tramitación dos expedientes de autorización das actividades arqueolóxicas a que se refire o artigo 1º terá que aterse ó disposto no presente regulamento. Excepcionalmente, e cando exista risco de destrucción inmediata dun depósito e se esgotasen todas as posibilidades para evita-la súa desaparición ou afectación, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, mediante procedemento simplificado, poderá autoriza-la realización das actividades arqueolóxicas necesarias, reducíndose os requisitos ó esixido no artigo 5º e no artigo 9º. No prazo de 15 días terá que xuntarse o resto da documentación esixida no artigo 6º.

Artigo 5º.-Solicitantes.

Poderán solicitar e obter autorización para dirixir e realiza-las actividades regulamentadas na presente disposición, tódalas persoas que posúan o título superior con estudios de prehistoria e arqueoloxía, con experiencia demostrada na actividade para a que se solicita a correspondente autorización. En caso de que a titulación sexa dunha universidade estranxeira os títulos deberán estar homologados polo Estado español.

Artigo 6º.-Presentación e contido das solicitudes.

1. Tódalas solicitudes de autorización necesarias para o desenvolvemento de calquera actividade referida no artigo 1º, apartado 1, deberán presentarse

ante a Consellería de Cultura e Comunicación Social, e irán acompañadas dos seguintes documentos:

a) Xustificación de posuí-los requisitos sinalados no artigo 5º.

b) Presentación dun proxecto que conteña un programa detallado e coherente, que acredite a conveniencia e o interese científico da actividade e avale a idoneidade técnica do arqueólogo director, no que se inclúa:

-Metodoloxía e plan dos traballos.

-Plano topográfico fixando a situación e a localización exacta da zona obxecto do proxecto presentado, ademais xunto cun plano do depósito no que se fixen as áreas de actuación cando se trate dunha intervención puntual.

-Medios cos que se conta para un axeitado desenvolvemento dos traballos.

-Tempo de execución, con datas previstas de inicio e finalización da actuación e/ou as súas fases.

-Relación nominal do equipo técnico previsto, entendido como aquel persoal titulado con formación específica que posúa áreas de responsabilidade na execución do proxecto, especificando a capacitación profesional de cada membro.

-Currículo do arqueólogo director, con especial referencia á experiencia profesional no tipo de actividade para o que se solicita autorización.

-Tódolos datos que contribúan á concreción do proxecto.

c) Documento acreditativo de que conta coa autorización dos titulares do terreo ou inmoble onde se proxecte a actividade arqueolóxica indicando as condicións da devandita autorización, que salvarán sempre os dereitos de terceiros. No caso das intervencións subacuáticas deberanse xunta-los certificados de cumpri-los requisitos para inmersión e tráfico mariño, así como os permisos que fosen necesarios das administracións correspondentes.

d) Orzamento detallado da actuación arqueolóxica así como a relación e constancia do seu financiamento.

e) Plan de protección ou conservación que inclúa, se procede, a sinalización adecuada, do patrimonio arqueolóxico obxecto do proxecto.

f) Cando o solicitante conte coa colaboración económica dunha persoa física ou institución estranxeira deberá xuntarse o convenio ou acordo que regula tal colaboración.

2. Esta documentación terá que ser presentada polo promotor dunha obra cando concorra o establecido no artigo 63.1º da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poderá solicitar información aclaratoria sobre o contido dos proxectos e a documentación complementaria que crea necesaria.

Artigo 7º.-Manipulación con técnicas agresivas de materiais arqueolóxicos.

A solicitude de autorización para a manipulación con técnicas agresivas de materiais arqueolóxicos requirirá a presentación de:

a) Memoria do estudio ou proxecto.

b) Autorización do titular dos materiais.

c) Informe do museo cando se trate de materiais depositados nese centro.

Artigo 8º.-Resolucións das solicitudes de autorización.

1. O director xeral de Patrimonio Cultural, á vista do informe previo do Servicio de Arqueoloxía, resolverá as solicitudes para efectua-las actuacións arqueolóxicas.

2. Na resolución pola que se concede a autorización indicaranse as condicións ás que deben suxeitarse os traballos así como o museo no que deberán depositarse os materiais e a documentación escrita ou gráfica complementaria correspondente.

3. As autorizacións resolveranse nun prazo de 2 meses. Pasado este tempo sen autorización expresa, entenderanse desestimadas as solicitudes.

Capítulo III

Desenvolvemento da actividade

Artigo 9º.-Responsabilidade na dirección.

O arqueólogo director dos traballos terá as seguintes responsabilidades:

1. Asumir persoalmente a dirección deles, podendo nomear un axudante de dirección que reúna os requisitos especificados no artigo 5º cando, excepcionalmente, teña que ausentarse. Esta substitución deberá serlle notificada á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. De forma excepcional e por causas motivadas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, logo de informe dos servicios técnicos, poderá autoriza-lo cambio do titular na dirección dos traballos.

3. Executa-los traballos de acordo co proxecto aprobado e a autorización concedida.

4. Comunica-las datas de comezo e final da actividade.

5. Os achados de singular relevancia aparecidos no transcurso da execución do proxecto, deberán ser comunicados axiña á Administración competente, que tomará as medidas de protección oportunas para a súa salvagarda.

6. Remitir, ó remate da actividade, a relación nominal do persoal técnico que participou nos labores arqueolóxicos.

7. Realiza-lo rexistro e documentación da actividade, e inventario de materiais.

8. Deposita-los materiais, e demais documentación complementaria, no lugar, prazo e forma que indique a Administración competente.

9. Presenta-los informes e memorias dentro dos prazos establecidos neste decreto.

Artigo 10º.-Informes sobre a actuación arqueolóxica.

1. Informe valorativo. Considérase informe valorativo un avance dos resultados das actuacións arqueolóxicas, incluíndo a descrición dos traballos e a documentación gráfica necesaria, para poder avalia-lo interese deles e adopta-las medidas oportunas. O prazo da súa presentación non poderá excede-los 10 días, unha vez rematada a actuación.

O informe valorativo solicitarase nas actuacións preventivas, de rescate e de conservación e revalorización do patrimonio.

2. Informe preliminar. Considérase informe preliminar aquel que inclúe a descrición dos traballos realizados, documentación gráfica (planimetría, fotografías e diapositivas), e as conclusións preliminares. O prazo da súa presentación non poderá pasar dun mes unha vez rematada a actuación.

O informe preliminar solicitarase nas actuacións derivadas dun programa de investigación.

3. Calquera permiso de prospección comportará a obriga de elaborar ou actualiza-los datos dos depósitos arqueolóxicos cubrindo modelos normativizados, que deberán ser entregados no prazo dun mes desde o remate do traballo de campo.

4. Os directores das actividades arqueolóxicas que non presenten os informes e os datos citados no punto anterior non poderán ser beneficiarios de novas autorizacións ata que reparen esta omisión.

Artigo 11º.-Memorias sobre a actuación arqueolóxica.

1. Memoria técnica. Considérase memoria técnica o conxunto de documentos necesarios para reflectir todo o proceso de traballo seguido de acordo cos obxectivos do proxecto aprobado, describir e interpreta-lo rexistro arqueolóxico xerado e os resultados globais da actuación, acompañado todo iso da documentación gráfica necesaria. Así mesmo, deberá incluír unha síntese para a súa publicación pola Consellería de Cultura e Comunicación Social.

A memoria técnica solicitarase en tódolos proxectos, agás nos derivados de actuacións vencelladas a un programa de investigación.

O prazo para a súa presentación será ata un máximo de 6 meses, unha vez rematada a actuación. No mesmo prazo deberá presentarse copia da acta de depósito dos materiais arqueolóxicos, o seu inventario e demais documentación complementaria.

2. Memoria interpretativa. Considérase memoria interpretativa aquela que integra, ademais dos mesmos contidos da memoria técnica, os estudios par

ciais e analíticos de detalle con especial referencia ós obxectivos formulados no proxecto de investigación aprobado. Así mesmo, deberá incluír unha síntese para a súa publicación pola Consellería de Cultura e Comunicación Social.

A memoria interpretativa solicitarase en tódalas actuacións vencelladas a un programa de investigación.

O prazo para a súa presentación será ata un máximo de 12 meses, unha vez rematada a actuación. No mesmo prazo deberá presentarse copia da acta de depósito dos materiais arqueolóxicos, o seu inventario e demais documentación complementaria.

3. En calquera caso, o director poderá solicitar, ó remate da actividade, a substitución da obriga de presenta-la memoria técnica pola presentación dunha memoria de interpretación, para o que deberá acompañar solicitude razoada que inclúa as fontes de financiamento, e os medios materiais e técnicos cos que conta. No caso de aprobarse esta substitución, o prazo de entrega estenderase ata un máximo de 12 meses desde o remate da actividade para presenta-la memoria e a acta de depósito de materiais.

4. Unha memoria é considerada aceptada se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non lle comunica calquera obxección ó autor no termo de tres meses desde a súa presentación.

5. Os directores das actividades arqueolóxicas que non presenten as memorias descritas, non poderán ser beneficiarios de novas autorizacións ata que non reparen esta omisión. No caso de que o director incumpra esta obriga, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pode, para efectos de permiti-la continuidade dos estudios afectados pola actuación, ordena-lo depósito nun museo público do material de estudio xerado pola actuación.

6. Co fin de concreta-la estructura e contido das memorias descritas neste artigo a Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá emiti-las instruccións que considere necesarias.

Artigo 12º.-Depósito de materiais.

1. Os bens materiais procedentes das actuacións arqueolóxicas autorizadas, debidamente siglados e clasificados en relación o contexto deposicional e cultural, xunto co seu inventario, así como toda a documentación escrita e gráfica que permita o adecuado tratamento museográfico dos fondos, deberán ser depositados, nos prazos establecidos neste decreto, no museo que a Administración designe na concesión da autorización, tendo en conta a súa proximidade ó lugar do achado e as circunstancias que fagan posible a súa adecuada conservación e a mellor función cultural e científica. Ata que os obxectos sexan entregados nos ditos centros, ó titular da autorización seranlle aplicables as normas de depósito legal.

2. Nos procesos de consolidación e restauración preventiva das pezas realizados antes do seu ingreso

no museo empregaranse métodos e materiais que non supoñan procesos irreversibles e serán debidamente documentados. Esta documentación figurará como anexo ó inventario.

3. O responsable legal do museo estenderá acta de depósito dos materiais e da documentación que reciba de parte do director do proxecto, na que se recollerán as condicións relativas á propiedade intelectual da información depositada.

Artigo 13º.-Consulta de documentación.

Unha vez depositados os materiais e presentada a memoria correspondente a cada actuación, quedarán á disposición do público en xeral, nas condicións que se determinen, co fin de facilitar outros estudios e investigacións.

Artigo 14º.-Dereitos de publicación.

1. A Consellería de Cultura e Comunicación Social terá dereito prioritario de publicación da memoria nun prazo de dous anos, de acordo co disposto no R.D.L. 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais sobre a materia, no caso de proxectos que conten co seu financiamento, podendo renunciar a esta prioridade en favor do seu director.

Respecto de tales intervencións, calquera publicación total ou parcial dos resultados, tanto ó longo da execución coma no prazo especificado no apartado anterior, deberá ser previamente autorizada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. No suposto de actividades arqueolóxicas realizadas sen financiamento da Consellería de Cultura e Comunicación Social, a publicación total ou parcial dos resultados, deberá ser, en todo caso, comunicada polo director da actividade á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Artigo 15º.-Inspección e control sobre as actividades arqueolóxicas autorizadas.

1. Tódolos proxectos autorizados poderán ser inspeccionados e controlados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

2. Con carácter específico a Consellería de Cultura e Comunicación Social poderá designar técnicos para exerce-los seguintes labores de inspección e control:

a) Comproba-lo correcto desenvolvemento dos traballos segundo o proxecto autorizado, así como o cumprimento das condicións da autorización e da lexislación de aplicación.

b) Establece-las medidas que sexan necesarias para un axeitado desenvolvemento dos traballos.

c) Supervisa-lo proceso de extracción, manipulación e almacenamento dos materiais recuperados no transcurso dos traballos.

d) Aqueloutras que poidan ser ordenadas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Artigo 16º.-Suspensión e revogación.

O incumprimento por parte do director do proxecto do establecido nos artigos 10º, 11º, e 12º e nos apartados 6 a 9 do artigo 9º, poderá dar lugar á imposibilidade de acceder a novas autorizacións. Así mesmo, o incumprimento do establecido nos apartados 1 a 5 do artigo 9º, poderá carreta-la suspensión ou revogación da autorización en curso.

Capítulo IV

Comisión Técnica de Arqueoloxía

Artigo 17º.-Comisión Técnica de Arqueoloxía.

En virtude do establecido no artigo 7.2º da Lei 8/1995, do patrimonio cultural de Galicia, establécese a composición e funcionamento da Comisión Técnica de Arqueoloxía.

1. A Comisión Técnica de Arqueoloxía estará composta por 10 membros nomeados polo Conselleiro de Cultura e Comunicación Social por proposta do director xeral de Patrimonio Cultural:

a) Presidente: o director xeral de Patrimonio Cultural.

b) Vocais permanentes: os Subdirectores da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, e o xefe do Servicio de Arqueoloxía.

c) Vocais: 5 membros de recoñecido prestixio no ámbito do patrimonio arqueolóxico.

d) Un funcionario do Servicio de Arqueoloxía que desempeñará as funcións de secretario.

2. A Comisión Técnica de Arqueoloxía reunirase por solicitude do director xeral de Patrimonio Cultural cantas veces o considere oportuno.

3. Son funcións da Comisión Técnica de Arqueoloxía:

a) Emitir informe, cando así o solicite o director xeral de Patrimonio Cultural, sobre cantas disposicións se proxecten dictar para a protección, defensa e investigación do patrimonio arqueolóxico galego.

b) Proporlle ó director xeral de Patrimonio Cultural a adopción de cantas medidas xulgue a comisión necesarias para protexer, defender, investigar e divulga-lo patrimonio arqueolóxico de Galicia.

c) Dictaminar acerca de cantas cuestións e propostas lle sexan sometidas polo director xeral de Patrimonio Cultural.

4. Os vocais non permanentes serán nomeados por un prazo de dous anos.

5. En tanto en canto a comisión non elabore as normas de funcionamento interno, e para o non regulado, haberá que aterse ó disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común sobre órganos colexiados.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados a Orde do 17 de marzo de 1988, pola que se reestructura a Comisión Técnica de Arqueoloxía (DOG nº 73, do 19 de abril de 1988), o Decreto 62/1989, do 31 de marzo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 86, do 5 de maio de 1989), e todas aquelas disposicións do mesmo ou inferior rango no que se opoñan total ou parcialmente ó disposto neste regulamento.

Disposicións derradeiras

Primera.-Autorízase o conselleiro de Cultura e Comunicación Social para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

6036