Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 08 de agosto de 1997 Páx. 7.716

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 204/1997, do 24 de xullo, polo que se crea o Servicio de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

A Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, lexislación básica na materia, define no seu artigo 31 os servicios de prevención como o conxunto de medios humanos e materiais necesarios para realiza-las actividades preventivas e garanti-la protección da seguridade e a saúde dos traballadores, precepto que vincula tanto as entidades privadas como as administracións públicas.

Pola súa parte, o artigo 15.1º do Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento dos servicios de prevención sinala literalmente que aqueles «constituirán unha unidade organizativa específica e os seus integrantes dedicarán de forma exclusiva a súa actividade á finalidade deste».

Do exame detido das precitadas normas conclúese que as tarefas relacionadas coa prevención forman parte do conxunto de actividades e decisións da empresa, é dicir: a prevención é parte integrante da configuración organizativa daquela; insírese nos seus procesos técnicos e está presente nas condicións de traballo e, como tal, na liña xerárquica.

Respecto das administracións públicas, en canto á observancia dos preceptos da lei e do regulamento que afectan os servicios de prevención, hai que facer referencia ó artigo 14 do regulamento, no que imperativamente se expresa que «se deberá constituír un servicio de prevención propio ... cando se trate de empresas de máis de 500 traballadores», sen que se faga distinción entre o sector privado e o público en canto ás obrigas que neste eido lles incumben.

En consecuencia coa normativa aplicable ás tarefas de prevención de riscos laborais e sendo vontade da Administración da Xunta de Galicia non só o cumprimento estricto da norma senón a súa activa contribución en favor da saúde e seguridade dos seus empregados, cómpre adopta-las medidas que, axeitadas ás peculiaridades territoriais e organizativas propias, segundo se expresa no parágrafo segundo do artigo 31 da lei, doten á Administración dunha unidade administrativa integrada na Consellería da Presidencia e Administración Pública que, mediante a disposición dos medios necesarios, dea resposta ás demandas do persoal ó servicio da Xunta de Galicia, ás propias iniciativas da Administración, así como á optimización dos diferentes servicios tanto propios como alleos ou concertados, que conflúan nunha ordenada coordinación de actividades e programas orientados na dirección expresada.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de informe da mencionada consellería e da de Economía e Facenda e logo de deliberación no Consello da

Xunta de Galicia na súa reunión do vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Servicio de Prevención de Riscos Laborais para o persoal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia, adscrito á Subdirección Xeral de Servicios da Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 2º

En relación co persoal da Administración da Xunta de Galicia, e os centros de traballo onde desempeña as súas funcións, o Servicio de Prevención terá as funcións que establece o artigo 31.3º da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e de xeito específico:

a) O deseño e proposta para a súa aprobación, dos plans e programas de actuación preventiva en materia de prevención de riscos laborais.

b) A aplicación e coordinación dos devanditos plans.

c) A avaliación dos factores de risco que poidan afecta-la seguridade e saúde do persoal ó servicio da Administración da Xunta de Galicia.

d) A información e formación do persoal en materia de prevención dos riscos laborais.

e) A vixiancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo.

f) O asesoramento e apoio na prestación dos primeiros auxilios.

g) A elaboración e proposta para a súa aprobación polo órgano correspondente, así como a aplicación e control dos plans de emerxencia e evacuación.

h) Cantas outras funcións atribuídas ó Servicio de Prevención se deriven da Lei de prevención de riscos laborais, e dos seus regulamentos de desenvolvemento.

Artigo 3º

1. Conforme o previsto na disposición adicional terceira da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, e na disposición adicional cuarta do Real decreto 37/1997, do 17 de xaneiro, dos servicios de prevención, para o desenvolvemento das funcións sinaladas, o servicio contará cos seguintes recursos:

a) Os servicios médicos de empresa da Administración da Xunta de Galicia.

b) Os servicios que a Xunta de Galicia concerte para a xestión da prevención e asistencia en materia de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

c) O apoio dos servicios técnicos e de mantemento e doutras unidades que poidan prestarlle asesoramento e colaboración.

2. Para os efectos do previsto no presente decreto, a Consellería da Presidencia e Administración Pública contará coa colaboración das consellerías competentes en materia de prevención de riscos e saúde laborais.

Disposicións adicionais

Primeira.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, respecto do persoal e centros docentes, e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, respecto do persoal e centros dependentes do Servicio Galego de Saúde, crearán e regularán os seus propios servicios de riscos laborais.

Segunda.-O disposto no presente decreto non suporá aumento de gasto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de xullo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6111