Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Martes, 26 de agosto de 1997 Páx. 8.164

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

DECRETO 225/1997, do 25 de agosto, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións.

De acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia; Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente; e pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, no seu artigo 12, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Queda disolto o Parlamento de Galicia elixido o día dezasete de outubro de mil novecentos noventa e tres.

Artigo 2º

Convócanse eleccións ó Parlamento de Galicia, que se celebrarán o día dezanove de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Artigo 3º

En aplicación do artigo 9 da Lei 8 /1985, do 13 de agosto, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro, de eleccións ó Parlamento de Galicia, os setenta e cinco deputados repartiranse como segue:

A Coruña: vintecatro.

Pontevedra: vintedous.

Lugo: quince.

Ourense: catorce.

Artigo 4º

A campaña electoral durará quince días, empezará ás cero horas do día tres de outubro de mil novecentos noventa e sete e finalizará ás vintecatro horas do día dezasete de outubro de mil novecentos noventa e sete.

Artigo 5º

Celebradas as eleccións convocadas por este decreto, a Cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o día dezaoito de novembro de mil novecentos noventa e sete ás once horas.

Artigo 6º

As eleccións convocadas por este decreto rexeranse pola Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, modificada pola Lei orgánica

1/1987, do 2 de abril, Lei orgánica 8/1991, do 13 de marzo, Lei orgánica 6/1992, do 2 de novembro, Lei orgánica 13/1994, do 30 de marzo, Lei orgánica 3/1995, do 23 de marzo, Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro e pola Lei orgánica 1/1997, do 30 de maio, así como pola Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ó Parlamento de Galicia, modificada pola Lei 15/1992, do 30 de decembro e tendo en conta, tamén, o Real decreto 421/1991, do 5 de abril, modificado polo Real decreto 563/1993, do 16 de abril, polo que se dictan normas reguladoras dos procesos electorais e a normativa de desenvolvemento.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

6571