Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Venres, 26 de setembro de 1997 Páx. 9.568

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución e se lle autoriza a Enagás, S.A. a instalación da rede de distribución de gas natural para usos industriais en Santiago de Compostela, entre a súa orixe e o vértice VS-24 (tramo I).

Vistos o escrito e documentación presentados pola empresa Enagás, S.A., con enderezo para efectos de notificacións en Avda. de América, nº 38, 28028 Madrid, e tendo en conta os seguintes feitos,

Primeiro.-Con data do 12 de marzo de 1993, esta Consellería de Industria e Comercio otorgoulle a Enagás, S.A. a concesión administrativa para a conducción e subministración de gas natural para usos industriais en diversos termos municipais da provincia da Coruña, entre eles o de Santiago de Compostela.

Segundo.-Con data do 8 de febreiro de 1995, a referida empresa solicitou, ó abeiro do establecido na Lei 10/1987, do 15 de xuño, no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles e para os efectos previstos no artigo 20 deste en relación co Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, a aprobación do proxecto de execución denominado Gasificación de Galicia, Rede de Santiago de Compostela, e a autorización das instalacións descritas nel, xuntándolle á dita solicitude o preceptivo proxecto de instalacións, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

As características técnicas básicas das instalacións serán as seguintes:

-A lonxitude estimada da rede na súa totalidade é de 15.672 m.

-A calidade do aceiro utilizado nas conduccións será do tipo API-5L-Gr.B para as conduccións das redes, con diámetros de 12" a 2" en función das condicións da explotación, dotadas de revestimentos externos e dispositivos de protección catódica, sendo a presión máxima do gas natural de 16 bar.

-As conduccións foron deseñadas para transportar un caudal de 7.150 Nm3/h.

O orzamento total do proxecto ascende a 238.030.000 ptas, sendo o do tramo I de 39.140.283 ptas.

Terceiro.-Por resolución desta Dirección Xeral de Industria, do 1 de xuño de 1995, someteuse a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, publicada no Diario Oficial de Galicia do 7 de xullo de 1995, no BOPda Coruña do 15 de xuño de 1995 e no xornal O Correo Galego do 10 de xuño de 1995 e exposto, igualmente, nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Santiago de Compostela e da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña.

Cuarto.-Con data do 7 de xullo de 1997, e debido á necesidade de realizar variantes ó trazado orixinal como consecuencia da constatación de actuacións urbanísticas e planeamentos promovidos en datas posteriores á redacción do proxecto orixinal, Enagás presentou as seguintes modificacións ó trazado que se reflicten no proxecto denominado Addenda á rede de distribución de gas natural para usos industriais en Santiago de Compostela, tramo I:

-Modifícase o trazado orixinal entre os vértices VS-4 e VS-8, con obxecto de non afecta-los cerramentos construídos nos límites das parcelas.

-Modifícase o trazado orixinal entre os vértices VS-8 e VS-11, con obxecto de mellorar, urbanísticamente, a sua situación.

-Increméntase o diámetro da conducción de 6'' a 8'' en todo o que respecta ó tramo I.

-Sitúase un punto de derivación para consumo doméstico nas inmediacións do vértice VS-24, para acometida á empresa distribuidora de gas para uso doméstico e comercial.

-O remate do tramo I efectúase con válvula de derivación e cap.

Quinto.-Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións ó proxecto referidas ó tramo I:

1) Ramón Prol Guede, presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Compostela, en nome das ditas asociacións e dos veciños afectados pola construcción da rede de gas, manifesta que rexeita o trazado proposto por consideralo lesivo para os intereses dos seus representados, propoñendo a rectificación do trazado levándoo polos viais existentes, así como polos previstos no Plan Xeral de Ordenación Urbana. Así mesmo solicita que se realice un estudio de impacto ambiental e se dea a coñecer publicamente; que se repoñan as infraestructuras afectadas, sen mingua dos servicios e coas menores molestias para os veciños. Por último, afirma que se lesionaron os intereses dos afectados pola que considera insuficiente información dada, tanto pola Administración como pola empresa beneficiaria, e solicita a ampliación do prazo de información pública e presentación de alegacións.

2) Domingo Rouco Calvelo, presidente da Asociación de Veciños de Sar, expón que o trazado proxectado para a rede ocupa terreos pertencentes a membros desa asociación que consideran que non foron informados suficientemente tanto pola Administración como pola empresa beneficiaria, non sendo consultados á hora de elabora-lo trazado, que non consideran o máis axeitado ó non aproveita-los viais previstos no Plan Xeral de Ordenación Urbana da cidade de Santiago de Compostela, nin outros terreos de dominio e uso público, ocasionándolles un menor prexuízo ós donos dos predios. Finalmente solicita que os sistemas de fixación das indemnizacións sexan individualizados, tendo en conta os polígonos e áreas nos que se encontran os predios.

3) José López López, presidente da Sociedade Cultural e Recreativa Viso, manifesta que a tubería discorre no proxecto pola zona do Viso, afectando a máis de 50 predios dos seus asociados. Solicita unha ampliación do prazo de alegacións dado que afirma que a maioría dos propietarios dos predios non viron a publicación da información, considerando lesionados os seus intereses pola que entenden insuficiente información, sobre todo no referente a prezos. Por outra parte rexeita o trazado proposto por consideralo lesivo para os intereses dos propietarios, propoñendo a súa rectificación co fin de leva-lo polo contorno dos viais existentes e dos previstos no Plan Xeral de Ordenación Urbana, incluso o máis próximo posible ó noiro do ferrocarril.

4) O Concello de Santiago de Compostela manifesta en primeiro lugar disconformidade co trazado por non recolle-las previsións do Plan Xeral de Ordenación Urbana, en concreto por non segui-lo trazado dos viais existentes e afectar a zonas protexidas. Por outra parte, de acordo co informe do Servicio Municipal de Arqueoloxía, o trazado presenta inconvenientes por afectar a xacementos megalíticos, polo que propón alternativas, reclamando ademais a presentación dun estudio de impacto ambiental.

As alegacións fóronlle remitidas á empresa beneficiaria.

Sexto.-Con data do 1 de xuño de 1995, esta Dirección Xeral de Industria remitiulles ós distintos organismos afectados pola construcción do referido proxecto as separatas técnicas correspondentes, co fin de que emitisen o preceptivo informe, significándolles que, de non recibir resposta no prazo de trinta días contados desde a recepción, se entenderá emitido en sentido favorable.

Séptimo.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable da Delegación Provincial da Coruña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente conforme o Estatuto de Autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, e 292/1995, do 3 de novembro, en relación coa citada Lei 10/1987, do 15 de xuño, cos decretos 2913/1973, do 9 de decembro e 1775/1967, do 22 de xuño, e en virtude do establecido no acordo do Consello da Xunta de Galicia do 6 de maio de 1993, polo que se designa a Consellería de Industria e Comercio como órgano por razón da materia para a tramitación da unidade de expediente e resolución única do procedemento.

Segundo.-O proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas o regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e aco

metidas de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria, do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a estas por parte da empresa Enagás, S.A. e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1) Considera suficiente a información pública realizada, xa que nesta se superou ampliamente o prazo mínimo de 15 días establecido na lexislación de expropiación forzosa, xa que debido ás diferentes datas de tódalas publicacións, o período se elevou a máis de dous meses. Proba da eficacia da información son as numerosas alegacións recibidas.

2) O estudio de impacto ambiental para proxectos de conducción de gas non é preceptivo, nin a nivel nacional nin autonómico, de acordo coa lexislación vixente na materia. Non obstante, Enagás realizou un estudio de impacto ambiental que forma parte do proxecto constructivo, no que se recollen as medidas correctoras encamiñadas a que os terreos atravesados recuperen a súa fisonomía anterior ás obras, incluída a reposición de muros ou otros elementos constructivos e dos servicios existentes.

3) O trazado adaptouse no posible a camiños ou otras vías de comunicación, sempre que o largo destes permite a construcción. En determinados tramos, por problemas de seguridade ou condicionantes técnicos, non foi posible xa que o encanamento non admite continuos cambios de dirección; de todas formas, a afección provocada sobre os terreos é soamente unha servidume subterránea de paso, co que a afección sobre a superficie é nula, por canto non se crea ningún camiño para paso de persoas ou vehículos, repoñéndose tódolos cerramentos existentes; se por motivos de mantemento das instalacións debe realizarse algunha nova obra, esta producirase, en cada caso, con pagamento ós interesados dos danos causados. Respecto á afección a xacementos arqueolóxicos, a empresa expón que en tódalas súas obras realizadas, que na actualidade discorren pola práctica totalidade do territorio nacional, se respetaron escrupulosamente os xacementos arqueolóxicos, ata o punto de que foi a propia empresa a que, no

momento de aparecer calquera vestixio arqueolóxico, quen o puxo en coñecemento da Administración competente. Non obstante o anterior, como consecuencia das conversas mantidas entre a empresa Enagás e o Concello de Santiago de Compostela, o trazado inicial modifícase, como se expón no apartado cuarto dos antecedentes, co fin de adaptarse o máis posible ós contidos do PXOU.

4) Con respecto ó pagamento das indemnizacións, non se consideran as alegacións por non seren obxecto desta fase do expediente; a valoración das afeccións ós terrenos realizarase, en caso de non chegar a acordos entre a empresa beneficiaria e os afectados, durante o levantamento de actas previas, na fase de prezo xusto.

Terceira.-Enagás procederá a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo cos condicionados e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Esta dirección xeral, de acordo con todo se é o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Outorgarlle a Enagás, S.A. a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución das instalacións que se recollen no proxecto rede de distribución de gas natural para usos industriais de Santiago de Compostela, no tramo delimitado polos vértices VS-0 e VS-24, consonte as seguintes condicións:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto será necesaria a autorización desta Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicarlle a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e Acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. Canalizacións de transporte e distribución de gas en alta presión A e ITC-MIG 6.1. Acometidas de gas en alta presión, aprobadas pola Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de localizacións con risco de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A situación de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302. As zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo así mesmo establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de tres meses contados a partir da data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, logo da oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña deberá realizar durante as obras e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Séptima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización de probas e controis regulamentarios, todo iso con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos os realizaron entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitiráselle a dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, no seu caso, á modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pora dita delegación estenderá, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Octava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións a bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se mantendrán as condiciones regulamentarias de seguridade

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un.-Expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se van construí-las instalacións fixas en superficie.

Dous.-Para as canalizacións:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 2 m de largo, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá enterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas. Esta franxa estará suxeita, por razóns de seguridade, ás seguintes limitacións de dominio:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a 50 cm, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a 2 m a contados desde o eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar ningún acto que puidese danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia inferior a 5 m do eixe do trazado, a un e outro lado deste. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que en cada caso fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións

con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

4. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os tubos de ventilación, así como as obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

B) Ocupación temporal dos terreos necesarios para a execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres.-Para o paso dos cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica:

A) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo de 1 m de largo, por onde discorrerán enterrados os cables de conexión e elementos dispersores de protección catódica, que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta centímetros.

2. Prohibición de plantar árbores ou arbustos así como o dereito a talar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbese a unha distancia inferior a 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións.

3. Prohibición de realizar calquera tipo de obras, construcción ou edificación nunha franxa de 3 m de largo, 1,5 m a cada lado do eixe das instalacións.

4. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos daños que se ocasionen.

C) Ocupación temporal, como necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflicte para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se poderá facer desaparecer todo obstáculo, así como realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións ou operacións precisas para os ditos fins.

Catro.-Para as liñas eléctricas.

A) Servidume de paso de liña eléctrica aérea nunha franxa de terreo de dous metros de largo ó longo dela, que implicará:

1. Prohibición de levantar edificacións ou construccións de calquera tipo, nin efectuar ningún traballo que poida dana-lo bo funcionamento da liña nunha franxa de cinco metros de largo, contando como centro da franxa a liña de postes do tendido.

2. Prohibición de plantar árbores de gran porte nunha franxa de dous metros de largo.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións con pagamento, se é o caso, dos daos que se ocasionen.

B) Ocupación temporal da superficie que se determina para cada predio nos planos parcelarios para realiza-las obras necesarias.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se encontran as canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilitarlles ós servicios de bombeiros, concellos afectados e organismos con competencias en materia de protección civil, copias dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Decimo terceira.-A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da notificación ou publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 1997.

Joaquín do Moral Crespo

Director Xeral de Industria

6939