Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 13 de novembro de 1997 Páx. 10.917

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector da pesca de arrastre no Gran Sol.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector da pesca de arrastre no Gran Sol, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 5-8-1997, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Armadores de Buques de Pesca de Gran Sol, e da parte social,

polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, en data 31-7-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcions e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 11 de agosto de 1997.

F. Ramón Hermo Rey

Delegado provincial en funcións de Pontevedra

Convenio colectivo de Pontevedra para a pesca de arrastre no Gran Sol

Capítulo I

Disposición xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional, territorial e persoal.

O presente convenio colectivo é de ámbito provincial e afecta os titulares de embarcacións dedicadas á pesca de arrastre en augas do Gran Sol, así como ós traballadores que presten servicios, formando parte da dotación, en calquera das ditas embarcacións.

Estas normas non serán de aplicación ós cargos que sexan contratados segundo o disposto no Real decreto do 1 de agosto de 1985.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor, para tódolos seus efectos, a partir do día do seu asinamento, e a súa duración será ata o día 31 de decembro de 1999. Prorrogarase por un ano, se non se denunciase por calquera das partes, cunha antelación mínima de dous meses á data do seu vencemento ou ó de calquera das súas prórrogas.

A denuncia deberá formalizarse por escrito perante a delegación de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e as organizacións asinantes da outra parte.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As condicións que se implanten en virtude deste convenio compensarán e/ou absorberán calquera outra que exista na súa entrada en vigor, sexa cal for a súa natureza ou a orixe da súa existencia, así como as que poidan establecerse por normas publicadas durante a súa vixencia, a non ser que estas formen un conxunto máis beneficioso para o traballador, consideradas en cómputo anual; neste caso substituirán integramente ás deste convenio.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade competente non aprobase ningunha das cláusulas contidas no presente convenio, e este feito desvirtuase o seu sentido, a xuízo de calquera das partes, esta poderá sometelo á mesa negociadora para determinar se queda sen eficacia a totalidade do convenio e debe ser considerado de novo; e, no caso de desacordo, someterase ó procedemento do AGA.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicións persoais que, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, fosen máis beneficiosas cás establecidas neste convenio, respectaranse, manténdose soamente a título persoal.

Artigo 6º.-Condicións non reguladas.

Todo o non disposto expresamente neste convenio rexerase polo establecido na normativa xeral de obrigado cumprimento, de concordante aplicación.

Artigo 7º.-Comisión mixta de vixilancia.

Para a resolución de cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir entre as partes obrigadas, así como das situacións de prexuízo que se ocasionen como consecuencia da interpretación ou aplicación do presente convenio, créase unha comisión mixta de vixilancia, dun máximo de seis persoas -3 por cada parte-, designadas en cada momento polas organizacións signatarias deste acordo.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 8º.-Norma xeral.

A organización do traballo, de acordo co previsto neste convenio, correspóndelle ó empresario ou armador e, no seu nome, como máxima autoridade no que ó persoal embarcado afecta, ó que exerza o mando do buque para efectos de navegación, e ó patrón ou técnico de pesca para efectos laborais, que a levarán a cabo a través do exercicio regular das súas facultades de organización económica e técnica, dirección e control do traballo e das ordes necesarias para a realización das actividades laborais correspondentes.

Artigo 9º.-A organización do traballo e a súa extensión.

A organización do traballo estenderase, entre outras, ás cuestións seguintes:

1. Dirección e control dos traballos que efectúe a tripulación a bordo, en porto e no mar.

2. A determinación dos elementos necesarios (útiles ou tarefas) para que o tripulante poida alcanza-lo rendemento adecuado á categoría profesional que desempeña.

Artigo 10º.-Mando do buque.

Corresponderalle á persoa de nacionalidade española que, designada polo armador e en posesión do título de capitán ou patrón, exerce o mando do barco de acordo co que dispoña o cadro indicador e coas atribucións que para cada caso establecen as disposicións vixentes, con tódolos dereitos e obrigas que ó mando correspondan, que por si ou como representante do armador lle asignen as normas legais de carácter xeral ou especial.

Artigo 11º.-Cumprimento de ordes a bordo.

O persoal de a bordo, calquera que sexa a categoría ou departamento ó que estea adscrito, deberá cumprir cantos servicios lle sexan ordenados polo armador ou polos seus lexítimos representantes, por conducto do capitán ou patrón, relativos ás faenas relacionadas coa navegación ou co cometido asignado a cada departamento.

En situacións que afecten de modo directo á seguridade das vidas humanas ou a de evitar que se deteriore a pesca, previr males inminentes ou remediar accidentes sufridos, os tripulantes deberán mentres persistan as causas que as orixinen, cumpri-las instruccións dadas polo responsable do buque, así como realiza-los traballos necesarios, aínda que fosen distintos dos pactados en contrato de traballo.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 12º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados polo presente convenio, en atención ás funcións que desenvolven e de acordo coas definicións que se especifican nos artigos seguintes, serán clasificados en grupos e, pola súa vez, en categorías profesionais.

A clasificación realizarase por interpretación dos criterios xerais e polas tarefas básicas máis representativas.

Artigo 13º.-Grupos profesionais.

O persoal incluído no ámbito de aplicación do presente convenio queda clasificado nos seguintes grupos:

Grupo 1º. Persoal de mando: pertencen a este os traballadores que toman decisións ou participan na súa elaboración. Desempeñan postos de dirección

e execución en canto á actividade extractiva pesqueira, á navegación e á máquina e demais elementos mecánicos dos buques.

Grupo 2º. Oficialidade: formado polos traballadores que, coa titulación esixida para o efecto, desempeñan as súas tarefas profesionais ben na ponte, ou ben no departamento de máquinas.

Grupo 3º. Mestranza: están integrados neste grupo todos aqueles traballadores que exercen funcións a bordo que precisan unha acusada competencia práctica ou especialización.

Grupo 4º. Subalternos: está constituído polos tripulantes que desempeñan a bordo traballos que requiren particulares coñecementos, sen chegar ós esixidos para a mestranza, ou ben están encargados de executar labores para a realización dos cales se precisa, predominantemente, a achega de esforzo físico.

Artigo 14º.-Enumeración e definición dos grupos e categorías profesionais.

A enumeración das categorías e grupos profesionais é meramente enunciativa e non supón a obriga de ter provistas en tódolos casos as prazas indicadas.

Por outra parte, non se trata dunha lista pechada, xa que debe estar aberta co fin de que sexan incluídas, substituídas ou suprimidas, aquelas categorías profesionais que, ben por disposicións futuras emanadas dos órganos competentes, ou por acordo das partes asinantes do presente convenio, se establezan no futuro.

O contido das definicións profesionais recolle os aspectos fundamentais sen esgotar nin especificar tódalas funcións asignadas polas disposicións vixentes, ou as establecidas por usos e costumes no mar.

Artigo 15º.-Categorías profesionais: definición.

Grupo primeiro: persoal de mando.

1.1. Patrón de pesca con mando: é o que exerce as funcións de mando efectivo sobre os traballos de pesca e a tripulación para efectos laborais e, ademais, desempeña, en posesión da necesaria titulación, a responsabilidade e mando do buque.

1.2. Patrón de pesca sen mando: é o que exerce as funcións de mando efectivo sobre os traballos de pesca e a tripulación para efectos laborais e, ademais, desempeña o labor de segundo de ponte.

1.3. Técnico de pesca: é o que exerce as funcións de mando efectivo sobre os traballos de pesca e a tripulación para efectos laborais.

2. Patrón de costa: é o traballador que, en posesión do título esixido, exerce o mando de buque e navegación.

3. Xefe de máquinas: é o que, en posesión de título suficiente para o efecto, desempeña o cargo de xefe de máquinas do buque.

Grupo segundo: oficialidade.

1. Segundo de ponte: é o que, con título suficiente para o efecto, está ás inmediatas ordes do que exerza o mando do buque, efectúa as gardas de mar e de porto e exerce todas aquelas funcións ou cometidos que, pola lexislación ou normas consuetudinarias, se lle atribúan en razón do título profesional que posúa, por delegación ou representación do que exerce o mando do buque.

2. Segundo de máquinas: é o que, con título suficiente e ás ordes directas do xefe de máquinas, atende os labores propios da súa profesión.

Grupo terceiro: mestranza.

1. Contramestre: é o tripulante experimentado nas faenas mariñeiras que, baixo as ordes do patrón, actúa como xefe directo da mariñería e persoal de cuberta e como tal dispón, de acordo coas instruccións recibidas, os pormenores para practica-los labores e traballos de a bordo que corresponden á sección de cuberta, repartindo equitativamente as faenas e vixiando persoalmente a súa rápida e exacta execución.

2. Cociñeiro: é o encargado da preparación, condimentación, conservación e manipulación, en óptimas condicións de hixiene, dos alimentos da dotación do buque, debendo administrar e conseguir un adecuado rendemento dos víveres e demais artigos que se lle entreguen ou adquiran para a súa condimentación. Deberá procurar, en todo momento, proporcionarlle á tripulación unha dieta sa e equilibrada, así como mante-los utensilios de traballo e o departamento do que é responsable en perfecto estado de limpeza e hixiene.

Grupo cuarto: subalternos.

1. Mariñeiro: é o que posúe os coñecementos para a navegación e faenas propias da pesca, así como para o manexo das artes ou aparellos.

2. Engraxador: é o que efectúa as faenas de engraxamento de máquinas ou motores do buque e as demais operacións, complementarias ou auxiliares, que lle ordenen os seus superiores do departamento de máquinas.

Capítulo IV

Ingresos e período de proba

Artigo 16º.-Condicións de ingreso.

Todo o persoal que pretenda ingresar nunha empresa pesqueira precisa:

1. Estar en posesión da cartilla de inscrición marítima.

2. Aptitude legal ou convencional á categoría e especialidade á que aspire.

3. Título ou nomeamento correspondente, cando iso sexa necesario.

4. Estar en posesión dos certificados esixidos pola normativa vixente.

Artigo 17º.-Recoñemento médico e certificado de aptitude.

Non poderá celebrar contrato de embarco, nin por conseguinte ser enrolado nunha embarcación pesqueira, quen no momento de celebrar aquel, ou de enrolarse, non estea en posesión do correspondente certificado médico vixente no día da súa data, redactado na súa cartilla de inscrición marítima, practicado e autorizado polos servicios sanitarios do Instituto Social da Mariña, de acordo coas normas contidas nas disposicións legais.

Artigo 18º.-Contrato de embarco: a súa esixencia.

Deberán figurar en contrato individual as condicións de traballo do tripulante enrolado, indicado concretamente os seus dereitos e obrigas. Os ditos documentos axustaranse ós modelos oficiais que establecen as disposición vixentes en materia de contratación e emprego en cada momento.

Artigo 19º.-Período de proba.

Toda admisión de persoal considerarase provisional durante un período de proba variable, de acordo coa categoría para a que foi contratado, que non poderá ser superior á que a seguir se establece:

a) Grupos 1º e 2º: 6 meses.

b) Grupo 3º: 3 meses.

c) Grupo 4º: 2 meses.

Estando o persoal embarcado, se os citados períodos expiran no curso da súa permanencia no mar, consideraranse aqueles prorrogados ata o retorno do buque ó porto base. Durante os ditos períodos, tanto o traballador como a empresa poden, respectivamente, desistir da proba ou proceder á rescisión, sen que ningunha das partes teña por iso dereito a ningunha indemnización; o desistimento ou renuncia deberá comunicarse nas 48 horas seguintes á chegada do buque ó porto base.

En todo caso, o traballador percibirá durante o período de proba o salario e demais emolumentos correspondentes ó traballo realizado, séndolles de aboamento, así mesmo, os gastos que poida produci-lo seu reintegro ó porto de embarque, en caso de cesamento durante o período de proba por decisión da empresa.

Capítulo V

Promoción dos traballadores

Artigo 20º.-Promoción profesional. Principios xerais.

1. As prazas vacantes existentes nas empresas poderán proverse a criterio destas, ou amortizarse se estas o coidan necesario, de acordo co nivel de actividade, desenvolvemento tecnolóxico ou outras circunstancias que aconsellasen tal medida.

Os sistemas de provisión de prazas vacantes poderán ser de libre designación ou de promoción interna.

2. Os postos de traballo que teñan que ser ocupados por persoal o exercicio profesional do cal comporte funcións de mando ou de especial confianza, en calquera nivel da estructura organizativa da empresa, cubriranse mediante o sistema de libre designación.

3. Cando se produza unha vacante que non implique mando, cubrirase con persoal fixo da empresa que reúna as condicións legais necesarias para poder desempeñalo, sempre que sexan aptos para iso a xuízo do armador, debendo terse en conta, entre outras, as circunstancias seguintes para ascender a unha categoría superior:

* Titulación adecuada.

* Coñecemento do posto de traballo.

* Historial profesional.

* Ter prestado servicios, temporalmente, na categoría profesional que se pretende cubrir.

Capítulo VI

Xornada de traballo, descanso, vacacións

e licencias

Artigo 21º.-Xornada de traballo.

Aplicarase o disposto no Real decreto 1561/1995.

O horario para as comidas será pactado entre o mando e a representación da tripulación, segundo usos e costumes. A súa duración será de 1 hora e 30 minutos, que non poderá ser interrompida, alterada ou incumprida, máis que en casos de perigo certo para a navegación, as persoas, o buque de pesca e os aparellos. (A título de exemplo, menciónanse: o embarre, as faltas e os corrementos).

Artigo 22º.-Descansos semanais.

Aplicarase o disposto no artigo 18 do Real decreto 1561/1995. A compensación por cada día de descanso non desfrutado será do valor diario do salario mensual, co incremento do 75 por cento.

Artigo 23º.-Vacacións.

Todo o persoal abranguido no ámbito deste convenio terá dereito a desfrutar vacacións retribuídas de 30 días naturais.

Os días de vacacións retribuiranse polo salario vacacional expresado na táboa salarial do anexo e mailo complemento de antigüidade, se é o caso.

En canto ás datas do seu desfrute, aplicarase no artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Licencias.

A concesión de licencias é obrigatoria para as empresas sempre que, respecto ó persoal embarcado, o barco estea en porto español, logo de aviso e xustificación nos seguintes casos:

a) Matrimonio: 15 días

b) Nacemento de fillos: 4 días.

c) Enfermidade grave de cónxuxe, fillos, pais, irmáns e irmáns políticos: 4 días.

d) Morte de cónxuxe, fillos, mesmo políticos: 4 días.

e) Morte de pais, irmáns, tíos e cuñados: 4 días.

f) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusablede carácter público e persoal.

g) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos establecidos por lei.

Durante o tempo de licencia, o traballador terá dereito a percibi-lo salario mensual, máis antigüidade, establecidos neste convenio.

Ó remata-la licencia, a empresa poderá optar entre o reembarque inmediato, sendo os gastos de desprazamento por conta desta, ou ben mante-lo traballador en expectativa de embarque ata a data de saída do buque.

Capítulo VII

Réxime retributivo

Artigo 25º.-Retribucións.

O sistema retributivo básico consistirá nun salario mensual e un complemento de productividade, consistente na participación sobre o importe bruto da pesca, nas contías e porcentaxes que constan no anexo. Este sistema substitúe ó anteriormente vixente por costume e ós da ordenanza.

Artigo 26º.-Complemento de antigüidade.

Os tripulantes fixos desfrutarán, como premio de vinculación á empresa, de aumentos periódicos consistentes en trienios do 5% do salario mensual. O importe de cada trienio comezará a devengarse desde o primeiro día do mes seguinte ó do seu cumprimento.

Artigo 27º.-Pagas extraordinarias.

Por este concepto, os tripulantes percibirán dúas gratificacións extraordinarias anuais, cada unha delas polo importe do salario mensual, maila antigüidade, que lles serán satisfeitas na liquidación de safe en proporción ó tempo que abranga.

Artigo 28º.-Quiñóns.

As empresas entregarán a cada tripulante, ó final de cada marea, 0,8 kg de peixe por cada día que abranga esta, producto da actividade desenvolvida durante ela, sendo as especies que se van entregar as de rapante e peixota; en caso de faltar unha das especies ou non ser suficientes, complementaríase coa outra. A entrega en especie poderase substituír polo aboamento de quince mil pesetas tódolos meses, excepto o vacacional, mediante acordo entre a tripulación e a empresa, para a súa aplicación á totalidade da dotación.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

De acordo co establecido no artigo 16.2º do Real decreto 1561/1995, as horas extras realizadas en cada período de liquidación aboaranse mediante concerto, consistente no valor do 10 por cento sobre o salario mensual.

Estas horas extras dedicaranse unicamente ós labores de pesca.

Artigo 30º.-Garantía salarial.

Garántese a percepción mensual bruta das cantidades que, para cada categoría, figuran na columna denominada garantía do anexo deste convenio.

Artigo 31º.-Revisión salarial.

As contías dos conceptos retributivos seguintes: salario, pagas extras, salario vacacional, compensación de descansos e horas extras experimentarán un incremento automático, a partir dos vencementos do primeiro e do segundo ano de vixencia, aplicándolle-lo índice de prezos ó consumo (IPC) previsto polo Goberno para os anos 1998 e 1999 respectivamente.

Artigo 32º.-Axudante de neveira.

O tripulante que axude ó contramestre na estiba do peixe na bodega (axudante de neveira) percibirá a cantidade de seis mil duascentas cincuenta pesetas polas dúas mareas que abrangue o safe.

Artigo 33º.-Expectativa de embarque.

Durante o período que o persoal permaneza en terra, por causa non imputable ó traballador e en situación de dispoñible ás ordes da empresa, ata o momento en que se produza o embarque, terá dereito a percibi-lo salario mensual e mailo complemento de antigüidade, se é o caso.

Consideraranse abranguidos nesta situación os que poidan xurdir despois de: remate de licencias, readmisións, declaración de aptitude para o traballo tras procesos de ILT ou invalidez provisional e reingreso despois do servicio militar.

As empresas poderán emprega-lo traballador durante este tempo, para realizar traballos noutras dependencias ou almacén; pero o traballador poderá optar entre cumprir este labor ou non acudir e percibir soamente o 80 por cento do salario mensual e maila antigüidade.

Artigo 34º.-Recibos salariais.

Coa finalidade de lle dá-lo mellor cumprimento posible á normativa vixente en materia de recibos xustificativos do pagamento de salarios, dadas as peculiaridades do traballo que regula este convenio colectivo, é aceptado polas partes asinantes que a periodicidade de extensión e entrega ós tripulantes destes recibos se faga coincidir coa liquidación de cada dúas mareas que comprenda o safe.

Artigo 35º.-Pintado e rascado no interior do buque.

A realización dos traballos de pintado e rascado no interior do buque serán optativos, tanto na súa

aceptación como no seu ofrecemento. A cantidade que se aboará pactarase entre as partes.

Artigo 36º.-Control de vendas.

Os delegados de persoal, membros do comité de empresa ou, no seu defecto, o tripulante elixido polos traballadores, poderán controla-las operacións de venda da pesca, en lonxa, da súa correspondente embarcación.

Capítulo VIII

Alimentación e compensacións

Artigo 37º.-Rancho a bordo.

O rancho a bordo será san e abundante, e será por conta da empresa armadora; fixarase en 470 pesetas, como máximo, que serán única e exclusivamente para a compra de alimentos; non poderán ser empregadas para a compra de ningún outro artigo que non sexa de alimentación. A dita cantidade será por tripulante e día de mar, á parte do peixe que se consuma a bordo, segundo costume.

Artigo 38º.-Roupa de traballo e cama.

Os tripulantes percibirán 75 pesetas diarias en concepto de roupa de traballo. A do persoal de cuberta consistirá en: botas de auga, pantalón ou mandileta; a do persoal de máquinas será: chaquetón, botas especiais e fundas. Terán que levar e usa-la roupa mencionada. Os guantes e o casco serán subministrados pola empresa.

Artigo 39º.-Perda de equipaxe.

No caso de perda de equipaxe da tripulación do buque, por naufraxio, incendio ou calquera outro accidente non imputable ó prexudicado, a empresa pagará unha indemnización a cada tripulante, consistente no 100% do seu salario mensual neste convenio.

Artigo 40º.-Axudas de custo.

1. Viaxes e desprazamentos. Durante as viaxes ou desprazamentos que o persoal teña que realizar con motivo de comisións de servicio, devengaranse as axudas de custo que se sinalan a seguir: o traballador afectado terá dereito a percibir por adiantado, do armador ou do seu representante, o importe aproximado das axudas de custo e gastos de locomoción, no caso de non entregárselle os correspondentes billetes de pasaxe. Estas axudas de custo xeraranse, sempre e cando, estando o buque fóra do porto base, os tripulantes non puidesen satisface-lo aloxamento e as comidas no buque.

2. Axudas de custo en territorio nacional. Dentro do territorio nacional percibirase a axuda de custo sinalada a seguir:

a) Se dorme fóra do barco de enrolamento, a axuda de custo será de catro mil pesetas diarias. Aboaranse as axudas de custo completas, tanto o día de saída como o de regreso.

b) Cando se volva a durmir na mesma residencia oficial ou barco de enrolamento, percibirase media axuda de custo, ou sexa, o 50% da sinalada na alínea anterior.

3. Axudas de custo no estranxeiro. No estranxeiro o importe da axuda de custo será de sete mil pesetas diarias.

A axuda de custo valorarase de acordo coa cotización marcada polo Banco de España e o seu importe entregarase convertido na moeda estranxeira que sexa necesaria.

A axuda de custo sinalada neste artigo só se aboará desde o día en que se pase a fronteira ou se desembarque en porto estranxeiro, percibíndose durante o percorrido e estadía fóra do territorio nacional, deixándose de percibi-lo día de chegada á fronteira ou desembarque en porto ou aeroporto español.

Artigo 41º.-Seguro de accidentes.

As empresas obríganse a concertar, mediante primas íntegras pola súa conta, unhas pólizas de seguros para cubri-los riscos derivados de accidentes ocorridos cando o traballador se encontraba exercendo actividades laborais por conta do armador, incluíndo cobertura in itinere, que garantan a percepción polo traballador accidentado ou, se é o caso, polos seus lexítimos herdeiros, as indemnizacións seguintes: 3.500.000 pesetas en caso de recoñecemento por parte da Seguridade Social ou organismo competente dunha incapacidade permanente no grao de absoluta para todo o traballo; 3.000.000 de pesetas por falecemento.

Estas pólizas iniciarán a súa efectividade a partir do terceiro mes seguinte á homologación do presente convenio.

Estas indemnizacións serán compatibles coas pensións e indemnizacións que poidan derivarse do sistema da Seguridade Social.

Capítulo IX

Sociais e sindicais

Artigo 42º.-Condicións básicas de seguridade e hixiene.

Tódalas instalacións do buque deberán permanecer nas axustadas condicións de seguridade e hixiene.

Sempre que sexa necesario limparanse e desinfectaranse as instalacións, especialmente as dedicadas ó persoal: camarotes, aseos, cociñas, comedores, etc.

Artigo 43º.-Roupas de seguridade.

Todos aqueles elementos de protección persoal que utilice a tripulación deberán estar homologados segundo a normativa vixente.

Así mesmo, deben terse en conta as demais normas de seguridade que estableza a lexislación vixente.

Artigo 44º.-Sixilo profesional.

Os delegados de persoal ou membros do comité de empresa no seu conxunto, observarán sixilo profesional, aínda despois de deixar de seren representantes dos traballadores, en especial en todas aquelas materias que a empresa clasifique de carácter reservado.

Artigo 45º.-Garantías.

Os delegados de persoal, membros dos comités de empresa, como representantes legais dos traballadores, terán as seguintes garantías:

a) Apertura de expediente contradictorio no suposto de sanción por faltas graves e moi graves, no que serán escoitados, á parte do interesado, o comité de empresa ou os restantes delegados de persoal.

b) Prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo respecto dos demais traballadores, no suposto de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas e económicas.

c) Expresar colexiadamente, se se trata de comité, e con liberdade as súas opinións en materias concernentes á esfera da súa representación, podendo editar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do traballo, as publicacións de interese laboral ou social, comunicándollo á empresa.

Capítulo X

Artigo 46º.-Modificacións tecnolóxicas e estructurais.

As partes asinantes do presente acordo conveñen en que a introducción nos buques de tambores haladores de rede, a modernización dos buques e a substitución por outros de nova construcción, supoñen avances tecnolóxicos que permitirán viabiliza-las empresas no futuro, con maiores garantías, mediante a recomposición das tripulacións. Para todo o anterior, aplicarase o disposto no artigo 52-c do Real decreto lexislativo 1/1995.

Capítulo XI

Réxime disciplinario

Artigo 47º.-Principios de ordenación.

1. As presentes normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenación técnica e organización de empresa, así como para a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

2. As faltas, sempre que sexan constitutivas dun incumprimento contractual culpable do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa de acordo coa graduación que se establece no presente capítulo.

3. Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave.

4. A falta, sexa cal sexa a súa cualificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador.

5. A imposición de sancións por faltas moi graves será notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houber.

Artigo 48º.-Graduación das faltas.

1. Consideraranse como faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo dun día durante o período dun mes.

c) A non comunicación coa antelación previa debida da inasistencia ó traballo por causa xustificada, agás que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que isto non causase risco á integridade das persoas ou das cousas, neste caso poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou fose responsable e que produzan deterioros leves del.

g) A embriaguez non habitual no traballo.

2. Consideraranse faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata sesenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo de dous ou catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do previsto na letra d) do número 3.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída do traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, agás que delas derivasen prexuízos graves á empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidente para as persoas neste caso serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos utensilios, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando diso se derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización sen o oportuno permiso de traballos particulares durante a xornada así como o emprego de utensilios, ferramentas, maquinaria, vehículos e, en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado ou para usos alleos ós do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez habitual no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afectar ó proceso productivo ou á prestación do servicio e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que disto non se derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

ll) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

m) As ofensas de palabras proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan acusada gravidade.

n) Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social ou ás retencións sobre salarios que se deban practicar para o seu posterior ingreso na delegación de facenda correspondente. Tanto a falta como o falseamento malicioso destes datos considerarase como falta laboral moi grave.

ñ) Non comunica-lo cambio de domicilio que experimente un traballador nun prazo de trinta días desde que aquel se produciu, de estar este embarcado, ou de quince días se está en terra.

o) Ausentarse do buque, non estando de servicio, sen permiso do xefe correspondente.

p) A reincidencia na comisión de tres faltas leves, aínda que sexa de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta da amoestación verbal, dentro dun trimestre.

3. Consideraranse como faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano debidamente advertida.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens de propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou acci

dente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para a empresa.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente ó traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento en caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido por quen desempeña funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

ll) As derivadas dos apartados 1.d) e 2), l) e m) do presente artigo.

m) A ausencia de a bordo, non estando franco de servicio, sen permiso do xefe respectivo, así como o abandono da garda.

n) Non cumpri-la orde de embarque, cando mediase o preceptivo aviso, sen causa grave que o xustifique.

ñ) Quedarse en terra pola súa culpa ó saí-lo barco ó mar, cando este non levante áncora antes da hora anunciada, sen prexuízo do dereito que lle asiste ó armador de esixir como indemnización o resarcimento dos danos e perdas conseguintes.

o) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, aínda de distinta natureza, durante o período dun ano.

Artigo 49º.-Sancións.

1. As sancións máximas que poderán impoñerse pola comisión de faltas enumeradas no artigo anterior son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de ata o tempo que dure unha marea.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de ata o tempo que duren tres mareas e despedimento disciplinario.

2. As anotacións desfavorables que como consecuencia das sancións impostas puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumprirse os prazos de dous, catro ou oito meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

ANEXO

TÁBOA SALARIAL

CategoríasSalarioP. extrasS. vacacionalDescansosH. extrasQuiñónGarantíaP. pesca

Patrón de pesca (c.m.)72.50072.50085.0004.2297.25015.000128.1523,30
Patrón de pesca (s.m.)72.50072.50085.0004.2297.25015.000128.1522,27
Técnico de pesca72.50072.50085.0004.2297.25015.000128.1522,25
Patrón de costa72.50072.50085.0004.2297.25015.000128.1521,00
2º de ponte70.50070.50085.0004.1137.05015.000125.3230,80
Xefe de máquinas72.50072.50085.0004.2297.25015.000128.1521,00
2º de máquinas70.50070.50085.0004.1137.05015.000125.3230,80
Contramestre68.50068.50085.0003.9966.85015.000121.0800,70
Cociñeiro68.50068.50085.0003.9966.85015.000121.0800,56
Mariñeiro-engraxador68.50068.50085.0003.9966.85015.000121.0800,47

97-7009