Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 24 de novembro de 1997 Páx. 11.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 331/1997, do 13 de novembro, polo que se aproba o escudo heráldico e maila bandeira do Concello do Páramo (Lugo).

O Concello do Páramo (Lugo) considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico e maila súa bandeira para perpetuar con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, co seu correspondente brasonamento e representación gráfica, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para a adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de novembro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-lo escudo heráldico do Concello do Páramo (Lugo), que quedará organizado do seguinte xeito: de gules (vermella), a cruz de San Xoán de prata (branca); mantelado de azur (azul) con dúas torres de ouro (amarelo), unha en cada mantel. Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo 2º

Aproba-la bandeira do Concello do Páramo (Lugo), que quedará organizada do seguinte xeito: sobre o pano vermello, a cruz de San Xoán de branco. Terciado á hasta de azul coas dúas torres de amarelo.

Santiago de Compostela, trece de novembro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9179