Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea, a 20 kV, de 506 m de lonxitude, con conductor tipo LA-56, sobre apoios de formigón e metálicos, con orixe na liña de media tensión existente no centro de transformación de Cubelo e final no centro de transformación que se proxecta en Tarrío, afectando no seu percorrido o termo municipal de Portas (Pontevedra) (expediente 190/95).
A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 8-9-1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 24-10-1995, no BOP de Pontevedra do 30-10-1995, e no BOE do 24-10-1995. Coa mesma data foi aprobado o seu proxecto de execución.
A solicitude de urxente ocupación fíxose e tramitouse de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.
Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 21-8-1996, no BOP de Pontevedra do 23-8-1996, no xornal Faro de Vigo do 24-8-1996, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Portas e no da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás o propietario do predio nº 8, de titular descoñecido, polo que se deu traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.
Durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se recibiu alegación ningunha.
Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo
o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos ou limitativos dos artigos 56 da Lei 40/1994, do 30 de decembro, e 25 e 26 do Decreto 2619/1966.
Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. xa que con esta liña se pretende subministrar enerxía eléctrica a diversas zonas do municipio de Portas, para poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, estabilidade da rede e maila regularidade do servicio na dita zona, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día seis de novembro de mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, e no regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 55 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a liña de media tensión existente ó centro de transformación de Cubelo co centro de transformación que se proxecta en Tarrío.
Os bens e dereitos ós que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Portas (Pontevedra) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.
Santiago de Compostela, seis de novembro de mil novecentos noventa e sete.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Couceiro Méndez
Conselleiro de Industria e Comercio
7464

