Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 1998 Páx. 829

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 1997, da División de Recursos Humanos, pola que se aproba a resolución definitiva do concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes a determinadas categorías de persoal estatutario de atención primaria do organismo convocado por Resolución do 24 de xuño de 1997.

De conformidade co previsto na base 6.3 da Resolución do 24 de xullo de 1997 (DOG nº 146, do 31 de xullo) pola que se fai pública a convocatoria do concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes a determinadas categorías de persoal estatutario de atención primaria do Servicio Galego de Saúde, esta dirección xeral,

ACORDA:

Aproba-la resolución definitiva do concurso de traslados que se insire integramente a continuación e que se deberá publicar no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1997.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

Resolución definitiva do concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes a determinadas categorías de persoal estatutario de atención primaria do Servicio Galego de Saúde convocado por resolución do 24 de xullo de 1997.

Por Resolución do 31 de outubro de 1997 (DOG nº 218, do 11 de novembro) publicouse a resolución provisional do concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes a determinadas categorías de persoal estatutario de atención primaria do Servicio Galego de Saúde convocado por Resolución do 24 de xullo de 1997 (DOG nº 146, do 31 de xullo).

Examinadas pola Comisión de Baremación as reclamacións presentadas contra a dita resolución provisional procede agora, de conformidade co previsto na base 6.3 da convocatoria, dicta-la oportuna resolución definitiva do concurso de traslados e sometela Dirección Xeral de Recursos Humanos do organismo para a súa aprobación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, esta comisión,

ACORDA:

Primeiro.-Declarar resolto definitivamente o concurso de traslados para a provisión de prazas pertencentes ás categorías de médicos xerais, pediatras, odontólogos, ATS/DUE e fisioterapeutas de persoal estatutario de atención primaria do Servicio Galego de Saúde convocado por Resolución do 24 de xullo de 1997, adxudicando nos termos que aparecen reflectidos no anexo da presente resolución, a puntuación definitiva acadada por cada un dos concursantes admitidos en cada categoría, así como, de se-lo caso, o destino adxudicado. No dito anexo reflíctense tamén os concursantes excluídos, indicando a súa causa de exclusión.

Segundo.-De conformidade co establecido na base 6.3 da convocatoria, na presente resolución definitiva do concurso de traslados rexeitaranse ou admitiranse, segundo o caso, as reclamacións presentadas contra a resolución provisional do concurso do 31 de outubro de 1997, servindo así mesmo de notificación ós interesados.

Terceiro.-Conforme o establecido no artigo 18.4º do citado Real decreto 118/1991, as prazas adxudicadas serán irrenunciables, a menos que, durante o prazo posesorio, se obtivese outro destino mediante convocatoria pública, caso no que o interesado poderá optar entre os postos que lle fosen adxudicados, estando obrigado a comunicárlle-la opción realizada ós organismos convocantes dos concursos en que participasen, dentro do prazo de tres días.

Cuarto.-Efectos derivados da resolución definitiva do concurso:

4.1. Os concursantes que obteñen praza deberán cesar na que, se é o caso, desempeñen dentro dos tres días hábiles seguintes ó que se publique a presente resolución definitiva no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, o xerente da institución, por necesidades do servicio, poderá ampliar este prazo ata dez días, comunicándolle tal decisión á institución na que se obtivera novo destino.

4.2. A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse dentro dos tres días seguintes ó do cesamento, se as prazas son na mesma localidade, no prazo de quince días, se as prazas son de distinta localidade e mesma área de saúde, ou no dun mes, se pertencen a distinta localidade e área de saúde.

4.3. No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión será dun mes, contado desde a publicación da resolución definitiva do concurso.

4.4. O prazo posesorio iniciarase cando finalice o permiso ou licencia que, se é caso, lle fose concedido ó interesado, agás que, por causas xustificadas, se acorde suspende-lo seu desfrute.

4.5 Se así o permiten as necesidades do servicio e por petición do interesado, os prazos a que se refiren os apartados anteriores poderán ser prorrogados por tempo non superior á metade da súa duración inicial.

4.6. Cando un concursante non tome posesión da súa nova praza dentro do prazo posesorio ou, se é o caso, da prórroga que á súa petición motivada se lle tivera concedida, entenderase que renuncia a esta e causará baixa na súa categoría como persoal estatutario, agás que tal feito se produza por causas suficientemente xustificadas, así apreciadas, logo de audiencia do interesado, pola autoridade convocante. En tal caso, poderá deixarse sen efecto a devandita baixa, debendo incorporarse á nova praza tan pronto como desaparezan os motivos que imposibilitaron a toma de posesión.

No suposto de que a autoridade convocante acorde a súa baixa na categoría de conformidade co establecido no parágrafo anterior, darase conta disto ós órganos centrais do Insalud e ós servicios de saúde das comunidades autónomas que teñen asumidas as competencias en materia de asistencia sanitaria.

4.7. Os concursantes que non obteñen praza no concurso manteranse na situación de destino que ostentan, con excepción dos reingresados provisionais que poderán exerce-la opción a que se refire a base 2.7 da convocatoria.

4.8. Agás cando a resolución do concurso implique o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión e, se é o caso, a prórroga desta terá a consideración de servicio activo, percibíndose os correspondentes haberes con cargo á praza de novo destino.

4.9. De conformidade co establecido no parágrafo segundo da disposición adicional cuarta do Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, a toma de posesión da praza adxudicada levará aparellado o cesamento do persoal estatutario temporal que, se é caso, corresponda.

Quinto.-Contra a presente resolución os interesados poderán presentar demanda ante a xurisdicción social logo da interposición da correspondente reclamación administrativa ante a División de Recursos Humanos, no prazo dun mes contado a patir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1997.

Javier Bouzada Romero

Presidente da Comisión de Baremación

410