Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Venres, 13 de febreiro de 1998 Páx. 1.497

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de xaneiro de 1998 pola que se determinan as características das placas identificativas dos viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

Por Decreto 406/1996, do 7 de novembro (DOG nº 228, do 21-11-1996), apróbase o Regulamento de viveiros de cultivos mariños nas augas de Galicia.

No artigo 24 do citado regulamento establécese que os viveiros deberán estar identificados mediante unha plaza cunhas características que determinará a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Por iso, procede agora regula-las características das ditas placas, co fin de que estas permitan a correcta identificación dos viveiros situados nas augas de Galicia.

Por todo isto, e tendo en conta a disposición derradeira primeira do Decreto 406/1997, pola que se faculta a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictar aquelas normas que sexan necesarias para o desenvolvemento do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Tódolos viveiros situados nas augas de Galicia deberán ostentar visiblemente unha placa identificativa de acordo co modelo que se presenta como anexo á presente orde.

Artigo 2º

A placa identificativa, que terá forma rectangular, realizarase en material resistente ó medio salino.

Para bateas e gaiolas, as medidas serán 1.000x600 mm e para as liñas de cultivo de 500x300 mm.

Tódalas inscricións irán en cor negra sobre fondo branco, e a súa calidade será tal que as cores non se poidan ver facilmente alteradas pola acción do medio.

En bateas e gaiolas, as inscricións xerais nome, distrito, polígono e cuadrícula levarán letras con altura de 30 mm, 20 mm de largo e 5 mm de grosor, mentres que as que indican as características específicas do viveiro serán de 80 mm de altura, 50 mm de largo de 10 mm de grosor. Nas liñas de cultivo o tamaño dos textos reducirase ó 50%.

Artigo 3º

No caso de bateas e gaiolas, a placa deberá suxeitarse adecuadamente ó extremo dun ou dous mastros

de tal xeito que a súa parte inferior sobresaia un mínimo de 100 cm da superficie do artefacto.

Nas liñas de cultivo, as placas suxeitaranse a cada un dos mastros de sinalización, sobre a correspondente boia.

No caso de viveiros en mar aberto e de autorizacións experimentais a situación da placa, que en todo caso se adecuará ás características sinaladas nesta orde, indicarase expresamente no título habilitante.

Artigo 4º

Naqueles casos nos que se autorice a instalación dun conxunto de viveiros agrupados nunha mesma cuadrícula de forma que estes constitúan un bloque homoxéneo, poderá utilizarse unha única placa por bloque, sempre que nela se especifique axeitadamente o número de artefactos que integran este.

Disposición transitoria

Establécese un prazo transitorio e improrrogable de seis meses, contados a partir da entrada en vigor desta orde, para que tódolos viveiros actualmente existentes se adecúen ó disposto nela.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas complementarias ás que o cumprimento desta disposición poida dar lugar.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1998.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura