Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Martes, 17 de febreiro de 1998 Páx. 1.616

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 2 de febreiro de 1998 pola que se modifican as condicións do movemento do gando porcino.

O Decreto 355/1994, do 2 de decembro de 1994 (Diario Oficial de Galicia nº 240, do 15 de decembro), regula o traslado de animais e define os modelos oficiais de autorizacións de traslado, e que pola súa vez é desenvolvido pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 23 de agosto de 1995 (Diario Oficial de Galicia nº 169, do 4 de setembro), establece que o traslado de animais fóra da área veterinaria de situación da explotación irá amparado e acompañado durante o traxecto polo correspondente documento de autorización.

Pola súa vez, o artigo 2º do devandito decreto establece que sempre que as condicións sanitarias o requiran poderá esixirse de forma particular ou excepcional a correspondente autorización oficial de traslado incluso dentro da comarca veterinaria.

Tendo en conta que as actuais circunstancias epizootiolóxicas do sector porcino esixen un control exhaustivo dos seus movementos, é preciso que tódolos movementos de porcino dentro de Galicia estean amparados pola correspondente autorización oficial de traslado de animais.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O traslado de animais da especie porcina, independentemente da distancia e ámbito administrativo estará amparado e acompañado durante todo o traxecto, incluso dentro do mesmo municipio, por algún dos documentos oficiais recollidos na Orde do 23 de agosto de 1995. Para estes efectos non poderán ser utilizados os documentos de traslado de animais.

Artigo 2º

Estas medidas manteranse en tanto as circunstancias sanitarias o requiran e en todo caso ata que oficialmente se declare a erradicación da peste porcina clásica en España.

Artigo 3º

Os animais da especie porcina estarán permanentemente identificados coa marca visible oficialmente aprobada, e manteranse os correspondentes documentos de acompañamento e os libros de rexistro correctamente cubertos.

Disposicións adicionais

Primeira.-Os controis en relación co movemento de animais poderán ser realizados pola autoridade

competente, cando se considere oportuno, tanto en orixe, tránsito ou destino.

Segunda.-As infraccións ó disposto na presente orde serán sancionadas como moi graves e serán sancionadas de acordo coa Lei do 20 de decembro de 1952 e o Regulamento de epizootias, do 4 de febreiro de 1955, e o Real decreto 1665/1976, do 7 de marzo, e demais lexislación concordante de acordo cos principios do procedemento sancionador establecido pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterá a súa vixencia ata que sexa declarada oficialmente a erradicación da peste porcina clásica en territorio español.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria