Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 05 de marzo de 1998 Páx. 2.197

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 65/1998, do 12 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 223/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais.

O Decreto 223/1994, do 7 de xullo, polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, determina que este organismo está adscrito á Consellería de Educación e Ordenación Unversitaria e indica as consellerías e os órganos superior da Administración autonómica que forman parte del.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro (DOG do 10), establece a estructura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 351/1997, do 10 de decembro (DOG do 4), fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Polo exposto, cómpre actualiza-la composición do Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, adecuándoa á nova estructura orgánica da Xunta de Galicia.

Por todo iso, de conformidade coa competencia plena que en materia de educación ten atribuída a nosa Comunidade Autónoma en virtude do establecido no artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Unversitaria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os parágrafos terceiro e cuarto do artigo 3 do Decreto 223/1994, do 7 de xullo (DOG do 18), polo que se regula o Consello Galego de Ensinanzas Técnico-Profesionais, que quedan redactadas como segue:

Parágrafo terceiro: «Vicepresidentes: o director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude».

Parágrafo cuarto: «a) Cinco representantes da Xunta de Galicia, propostos polas consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria; de Xustiza, Interior e Relacións Laborais; de Industria e Comercio; de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e de Sanidade e Servicios Sociais».

Disposición derradeira única

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria