Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Martes, 10 de marzo de 1998 Páx. 2.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 70/1998, do 20 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto: 46 ZAE 97 sudoeste Sober, estrada de Sober a Anllón-Cotarro (embarcadoiro), p.k. 0-1,2.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 26 de setembro de 1997, aprobou o proxecto de 46 ZAE 97 sudoeste Sober, estrada de Sober a Anllón-Cotarro (embarcadoiro), p.k. 0-1,2 e na sesión celebrada o día 29 de setembro de 1997 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Pola deputación foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 14 de xaneiro de 1998 baixo o número 385.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 4 de febreiro de 1998, nº 1422.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económico local e os terreos se precisan para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de 46 ZAE 97 sudoeste Sober, estrada de Sober a Anllón-Cotarro (embarcadoiro), p.k. 0-1,2.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais