Os decretos 347/1997, do 9 de decembro, e 351/1997, do día 10 do mesmo mes, estableceron, respectivamente, a estructura orgánica da Xunta de Galicia e a dos departamentos desta, estructurándoa nas secretarías xerais, direccións xerais ou órganos de igual categoría que son necesarios para o cumprimento das funcións que a nova estructura comporta e adscribíndolle-los organismos autónomos ou entes públicos pertinentes.
O artigo 5 do segundo decreto citado fixou a estructura orgánica básica da Consellería de Industria e Comercio. Polo tanto, para os efectos de establece-lo marco xurídico-administrativo no que a dita consellería debe desenvolve-los seus cometidos, procede agora establece-la nova estructura ata o nivel de xefatura de servicio distribuíndo as funcións asignadas dun modo racional para así conferi-la máxima eficacia no exercicio delas.
En consecuencia, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo do informe das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de marzo de mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
TÍTULO I
Organización xeral
Artigo 1º.-Ámbito competencial.
A Consellería de Industria e Comercio é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de industria, enerxía, minería, artesanía, comercio e consumo, de acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia.
Artigo 2º.-Órganos directivos.
A Consellería de Industria e Comercio estructúrase, para o desempeño das súas funcións, nos seguintes centros directivos:
1. O conselleiro.
2. A Secretaría Xeral.
3. A Dirección Xeral de Industria.
4. A Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas.
5. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
6. As delegacións provinciais.
TÍTULO II
Servicios centrais
Capítulo I
Do conselleiro
Artigo 3º.-O conselleiro.
O conselleiro é a superior autoridade da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.
Capítulo II
Da secretaría xeral
Artigo 4º.-Atribucións da secretaría xeral.
Á secretaría xeral exercerá as competencias e funcións establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, así como aquelas que lle sexan delegadas polo titular da consellería.
Artigo 5º.-Estructura da secretaría xeral.
A Secretaría Xeral estructurarase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:
1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario, que exercerá as seguintes funcións:
a) A xestión de tódolos asuntos relacionados co persoal da consellería, tanto funcionario como laboral, sen prexuízo das atribucións que correspondan ós órganos competentes das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda.
b) A elaboración e tramitación do antoproxecto de orzamento, modificacións de crédito e o seguimento da súa execución, en coordinación cos órganos afectados.
c) A xestión do Rexistro Xeral de Contratistas e maila tramitación dos expedientes de contratación administrativa, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.
d) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.
e) A organización, dirección e control do Rexistro Xeral de Documentos e do Arquivo da consellería.
f) A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servicios da consellería, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos dela.
g) A atención e cuidado do réxime interno das dependencias da consellería, así como a administración e conservación dos bens mobles e inmobles que ten adscritos.
h) A preparación de métodos de organización interna e sistemas de información, para a racionalización e mellora dos sistemas de traballo dos servicios da consellería.
i) A dirección dos servicios de información administrativa da consellería e a coordinación dos sistemas de información dela.
j) A actuación como órgano de comunicación con outras consellerías en materias relacionadas coas súas funcións e competencias.
k) A representacion da consellería nos órganos colexiados que exerzan funcións relacionadas coas súas competencias.
l) A tramitación da remisión dos asuntos que deban someterse ó Consello da Xunta de Galicia ou ás comisións delegadas, así como a das disposicións e actos administrativos que deban publicarse no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.
m) O desempeño de tódalas funcións que teña encomendadas a consellería en relación coss fundacións de índole galega sobre as que exerza o protectorado.
n) Xestión do rexistro de establecementos balnearios e fomento dos aproveitamentos de augas nestes establecementos. Para tal efecto impulsará e coordinará os expedientes relativos a autorizacións industriais e sanitarias e de outorgamento de axudas dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, asumindo as funcións do portelo único para establecementos balnearios e explotacións de augas minarais, termais e de manancial.
Da Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario dependen as seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servicio:
1.1. Servicio de Xestión Orzamentaria e Persoal.
1.2. Servicio de Rexistro Xeral de Contratistas e Contratación.
2. O Servicio Técnico-Xurídico, baixo a dependencia orgánica e funcional do secretario xeral.
Correspóndelle a este servicio:
a) Estudia-los proxectos de disposicións que vaia promulga-la consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.
b) O estudio, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos que deba resolve-lo conselleiro.
c) Estudio, preparación e informe dos asuntos que se eleven ó Consello da Xunta de Galicia.
d) O rexistro, arquivo e custodia das disposicións legais emanadas da consellería ou dos seus centros directivos.
3. A Asesoría Xurídica da consellería e maila Intervención Delegada adscríbense organicamente á secretaría xeral con nivel orgánico de subdirección xeral. Estas unidades administrativas dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.
4. O Servicio de Estatística adscríbese organicamente á secretaría xeral. Esta unidade administrativa dependerá funcionalmente do Instituto Galego de Estatística e desenvolverá as funcións previstas no artigo 7.1º do Decreto 391/1994, do 14 de outubro, polo que se regula a estructura orgánico-funcional do Instituto Galego de Estatística.
Capítulo III
Das direccións xerais
Artigo 6º.-Os directores xerais.
Os directores xerais son os titulares dos órganos directivos encargados da xestión dunha ou varias áreas funcionalmente homoxéneas da consellería. Para tal efecto, correspóndelles:
a) Propoñe-los proxectos da súa dirección xeral para acada-los obxectivos establecidos polo conselleiro, dirixi-la súa execución e controla-lo seu cumprimento.
b) Exerce-las competencias atribuídas á dirección xeral e as que lle sexan desconcentradas ou delegadas.
c) Propoñerlle, nos restantes casos, ó conselleiro a resolución que considere procedente sobre os asuntos que afecten ó órgano directivo.
d) Impulsar e supervisa-las actividades que forman parte da xestión ordinaria do órgano directivo e velar polo bo funcionamento dos órganos e unidades dependentes e do personal integrado neles.
e) Coordina-las actuacións das delegacións provinciais da consellería no ámbito da súa competencia para homoxeneiza-lo seu funcionamento e maila interpretación e aplicación da normativa.
f) As demais atribucións que lle confiran as leis e regulamentos.
Sección primeira
Da Dirección Xeral de Industria
Artigo 7º.-Atribucións.
Á Dirección Xeral de Industria correspóndelle a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, enerxía e minas.
Artigo 8º.-Estructura.
A Dirección Xeral de Industria estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:
1. A Subdirección Xeral de Administración Industrial, que desempeñará as seguintes funcións:
a) A elaboración e proposta de normativa relativa á industria, establecementos, equipamentos, aparellos e productos industriais e de vehículos de motor.
b) A planificación, coordinación, execución e control das actuacións relativas á instalación, ampliación e traslado de industrias, á seguridade dos establecementos, equipamentos, aparellos e productos industriais e de vehículos de motor, así como o contraste de metais preciosos.
c) A coordinación e seguimento das actuacións das entidades de inspección e control regulamentario na aplicación das regulamentacións técnicas e normas de seguridade industrial.
d) A dirección e seguimento de tódalas actuacións relativas á inspección técnica de vehículos.
e) A coordinación, execución, se é o caso, e control das actuacións relativas ás instalacións radiactivas de segunda e terceira categoría, de subministración e distribución de productos petrolíferos e de consumo de enerxía e auga.
f) A xestión dos rexistros de establecementos industriais, de instalacións de venda ó retallo de gasolinas e gasóleos de automoción, de instalacións de riscos especiais, radiactivos e químicos e demais rexistros especiais que sexan da súa competencia.
g) Desenvolvemento e execución de accións de modernización, dotación e implantación de servicios en materia de solo empresarial.
h) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de industria.
i) A actuación, como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, relacionados con materias da súa competencia.
Contará para isto coa seguinte unidade:
1.1. Servicio de Seguridade Industrial.
2. A Subdirección Xeral de Enerxía e Recursos Minerais, que desempeñará as funcións seguintes:
A) En materia de réxime enerxético:
a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control da normativa relativa ó réxime enerxético, á producción, transporte e distribución de enerxía, e ás pólizas de abono, tarifas, dereitos de conexión, e fraudes nas subministracións de auga, gas e electricidade.
b) A elaboración, proposta e execución dos plans e proxectos enerxéticos.
c) A elaboración, proposta e execución e apoio a proxectos de investigación nas áreas de aforro enerxético e enerxías renovables.
d) A elaboración, proposta e execución de programas para a mellora da infraestructura e da calidade da subministración de enerxía eléctrica, de gas natural e de productos petrolíferos.
e) A xestión de autorizacións e rexistro de instalacións.
f) A realización de estudios e estatísticas enerxéticas.
B) En materia de recursos minerais:
a) A dirección, coordinación e o control da execución da normativa relativa ó réxime mineiro, seguridade e policía mineira, augas minerais e termais, augas subterráneas e utilización de explosivos, así como o seu desenvolvemento lexislativo.
b) A planificación e dirección da política mineira.
c) A elaboración e seguimento de propostas e programas conducentes ó apoio do sector mineiro, á racionalización do aproveitamento dos recursos minerais e ó impulso dunha axeitada infraestructura de apoio mineiro e da investigación tecnolóxico-mineira.
d) A coordinación dos rexistros mineiros.
e) A realización, programación e seguimento de estudios técnicos e estatísticos en materia de minería.
f) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomenta-la investigación mineira aplicada, o desenvolvemento e innovación da minería e funcionamento dunha eficiente infraestructura tecnolóxica.
Contará coas seguintes unidades:
2.1. Servicio de Infraestructuras Enerxéticas.
2.2. Servicio de Xestión Mineira.
3. O Laboratorio Oficial de Contrastación de Metais Preciosos queda adscrito á Consellería de Industria e Comercio, a través da Subdirección Xeral de Administración Industrial da Dirección Xeral de Industria.
4. Os laboratorios Mineralúrxico de Galicia, do Centro de Lousas de Galicia e do Centro de Granitos de Galicia quedan adscritos á Consellería de Industria e Comercio a través da Subdirección Xeral de Enerxía e Recursos Minerais da Dirección Xeral de Industria.
Sección segunda
Da Dirección Xeral de Programas Industriais e
Infraestructuras Tecnolóxicas
Artigo 9º.-Atribucións.
Á Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas correspóndelle a planificación, coordinación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de innovación, investigación industrial aplicada, normalización, certificación, calidade e deseño industrial, artesanía, programas e accións de estructuración sectorial e infraestructuras técnicas e tecnolóxicas.
Artigo 10º.-Estructura.
A Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:
1. A Subdirección Xeral de Apoio Sectorial, que desempeñará as seguintes funcións:
A) En materia de calidade industrial.
a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control da normativa relativa á normalización, certificación, calidade e deseño industrial.
b) A elaboración, proposta, desenvolvemento, execución e control de programas dirixidos a fomenta-la cooperación e coordinación de sectores ou conglomerados industriais, así como do asociacionismo e das fórmulas de colaboración multisectorial.
c) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control de programas destinados a incentiva-la mellora da competitivade das actividades industriais e a aplicación de técnicas avanzadas de xestión empresarial, así como a súa difusión e divulgación.
d) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos programas de actuación encamiñados á mellora da calidade industrial.
e) A promoción das actividades de normalización e certificación de empresas e productos industriais.
f) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control dos plans de sensibilización, divulgación e formación en materia de calidade empresarial, así como de fomento do deseño industrial.
g) A programación, realización, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de calidade e deseño industrial, técnicas avanzadas de xestión e actividades de cooperación industrial.
h) A coordinación das infraestructuras de apoio á calidade industrial.
i) A actuación como órgano de relación, participación e colaboración cos organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas de calquera índole, relacionados coa normalización, certificación, calidade e deseño industrial.
B) En materia de artesanía:
a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control da normativa relativa á artesanía.
b) A elaboración, execución e seguimento de estudios e programas de actuación dirixidos á ordenación, promoción e desenvolvemento do sector artesán.
c) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de artesanía.
d) A xestión do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
Contará coa seguinte unidade:
1.1. Servicio de Xestión e Cooperación Empresarial.
2. A Subdirección Xeral de Planificación e Fomento Tecnolóxico desempeñará as seguintes funcións:
a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control da normativa relativa á innovación tecnolóxica.
b) A elaboración, proposta, execución e control de programas destinados a fomenta-la investigación industrial aplicada, o desenvolvemento e innovación tecnolóxica e a creación e consolidación dunha eficiente infraestructura tecnolóxica ó servicio da mellora da competitividade industrial.
c) A análise, avaliación e seguimento dos proxectos de innovación tecnolóxica.
d) O fomento dos vínculos de relación entre as empresas e as entidades ofertantes de tecnoloxía.
e) A actuación como órgano de relación e participación cas organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas, de calquera índole, en materia de tecnoloxía.
f) A elaboración, programación, execución, seguimento e difusión de estudios e estatísticas en materia de innovación empresarial, investigación industrial aplicada e desenvolvemento tecnolóxico.
g) A xestión dos programas comunitarios, estatais e autonómicos residentes na dirección xeral.
Contará para isto coa seguinte unidade:
2.1. Servicio de Planificación Industrial e Fomento Tecnolóxico.
Sección terceira
Da Dirección Xeral de Comercio e Consumo
Artigo 11º.-Atribucións.
Á Dirección Xeral de Comercio e Consumo correspóndelle a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio e consumo; a planificación e desenvolvemento das estructuras comerciais, feiras, mercados e lonxas, agás as pesqueiras en primeira venda; a tutela e coordinación das actividades das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación e a intervención en materia de prezos.
Artigo 12º.-Estructura.
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo estructúrase, para o exercicio das súas funcións, nas seguintes unidades:
1. A Subdirección Xeral de Comercio. Exercerá as funcións seguintes:
A) En materia de comercio:
a) A elaboración, proposta, coordinación, execución e control da normativa relativa ó comercio inte
rior e ás cámaras oficiais de comercio, industria e navegación.
b) A promoción, fomento, modernización e desenvolvemento do comercio e a programación e xestión de axudas destinadas a estes fins.
c) A reforma, coordinación e mellora das estructuras e dos procesos de distribución comercial.
d) A formación e asistencia técnica ós suxeitos da actividade comercial.
e) A asistencia ós concellos en materia de establecementos e espacios comerciais.
f) A planificación, programación e execución de actuacións destinadas a un maior coñecemento dos productos galegos no mercado interior e exterior.
g) A planificación, programación e dirección das actuacións orientadas á promoción comercial de determinados sectores da economía galega que se consideren especialmente importantes para a Comunidade Autónoma.
h) A cooperación comercial e a colaboración con outros organismos e institucións na formulación e desenvolvemento dos programas de apoio á exportación.
i) O fomento de proxectos de cooperación económica entre empresas do sector, o impulso do asociacionismo comercial e a asistencia técnica comercial en colaboración con outras institucións e entidades.
j) A concertación, tutela, promoción e impulso da actividade das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia. As resolucións que adopte a Dirección Xeral de Comercio e Consumo no exercicio da tutela sobre as devanditas corporacións esgotarán a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo.
k) A incoación, instrucción e, se é o caso, resolución dos expedientes sancionadores por infraccións da normativa vixente en materia de comercio.
B) En materia de actividades feirais:
a) A elaboración, proposta, dirección, coordinación, execución e control da normativa e programas de actuación en materia de actividades feirais.
b) A execución da normativa relativa ás feiras internacionais.
c) A coordinación e apoio técnico da participación institucional da Comunidade Autónoma en feiras, exposicións e certames.
C) En materia de prezos:
a) A elaboración, proposta, dirección, coordinación, execución e control de programas de actuación encamiñados á execución da política autonómica en materia de intervención de prezos.
b) A tramitación, información e elaboración de propostas de resolución dos expedientes en materia de prezos que deban someterse á Comisión de Prezos de Galicia.
Contará para isto coas seguintes unidades:
1.1. Servicio de promoción e ordenación interna.
1.2. Servicio de promoción externa.
1.3. Servicio de cooperación institucional, formación e documentación.
2. A Comisión de Prezos de Galicia e a Comisión Consultiva de Equipamentos Comerciais quedan adscritas á Consellería de Industria e Comercio a través da Subdirección de Comercio da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
3. O Consello Galego de Consumo e o Laboratorio de Consumo de Galicia quedan adscritos á Consellería de Industria e Comercio a través do Instituto Galego de Consumo.
TÍTULO III
Das delegacións provinciais
Artigo 13º.-Atribucións.
1. A Consellería de Industria e Comercio, para o exercicio das súas competencias, estructúrase en catro delegacións provinciais, que desenvolven as súas funcións no ámbito territorial correspondente a cada unha das provincias da Comunidade Autónoma.
2. Á fronte de cada delegación provincial existirá un delegado provincial do que dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería de carácter territorial que se achen no ámbito territorial da súa competencia.
Os delegados provinciais dependen, orgánica e funcionalmente, do conselleiro, sen prexuízo das directrices que, na orde funcional, poidan emanar do secretario xeral e dos directores xerais da consellería.
3. Os delegados provinciais exercerán, nos seus respectivos ámbitos territoriais, as competencias establecidas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e as derivadas da desconcentración de competencias efectuada en virtude dos decretos 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro, así como calquera outra competencia ou atribución que a lexislación vixente lle confira ou todas aquelas funcións que lles asigne o conselleiro.
Artigo 14º.-Estructura.
As delegacións provinciais, para o exercicio das súas funcións, contarán coas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:
-Secretaría.
-Servicio de Xestión.
-Servicio de Industria.
Artigo 15º
Queda adscrito á Consellería de Industria e Comercio, sen prexuízo da súa personalidade xurídica propia, como organismo autónomo de carácter administrativo, o Instituto Galego de Consumo, creado pola Lei 8/1994, do 30 de decembro.
Disposicións adicionais
Primeira.
1. A competencia para inicia-los procedementos sancionadores derivados das infraccións administrativas nas materias atribuídas á Consellería de Industria e Comercio corresponderalles ós delegados provinciais da consellería, agás que unha disposición de carácter xeral estableza outra causa.
2. A competencia para a resolución dos expedientes sancionadores ós que fai referencia o apartado anterior, corresponderá:
a) Nas faltas leves, ós delegados provinciais da consellería.
b) Nas faltas graves, ó conselleiro.
c) Nas faltas moi graves, ó Consello da Xunta de Galicia.
Segunda.
O exercicio das competencias que este decreto lles outorga ós distintos órganos da Consellería de Industria e Comercio en materia de investigación e desenvolvemento e en materia de estatística, entenderase sen prexuízo das atribuídas á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e ó Instituto Galego de Estatística, respectivamente.
Terceira.
O Regulamento de verificacións eléctricas na regularidade na subministración de enerxía seralle de aplicación ás subministracións de auga, no non previsto na súa normativa específica, sen prexuízo do disposto nas ordenanzas municipais mentres non se opoñan ó disposto nas ditas disposicións.
Disposición transitoria
Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade, autorízase o conselleiro de Industria e Comercio, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou a adscribilo con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de inferior nivel se se tratara de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que en ningún caso a readscrición ou adscrición supoña cambio de residencia.
Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei de función pública e na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogados o Deereto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio, 292/1995, do 3 de novembro, e 187/1997, do 3 de xullo, e todas aquelas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñen ó establecido neste decreto.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Autorízase o conselleiro de Industria e Comercio para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento desta decreto.
Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinteseis de marzo de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Antonio Couceiro Méndez
Conselleiro de Industria e Comercio

