O Concello de Xove (Lugo), en sesión celebrada o día 14 de abril de 1997, aprobou o proxecto da rúa anexa ó centro cívico de Xove e, na sesión celebrada o día 4 de agosto de 1997, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de xaneiro de 1998 baixo o número 968.
Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.
A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 de febreiro 1998, nº 2207.
Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque é preciso garanti-lo acceso viario ós edificios de servicios do centro de saúde, cuartel da Garda Civil e mellora de acceso ós centros educativos e favorecemento da construcción de vivendas nas inmediacións do centro administrativo e de servicios do concello de Xove.
A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito,
DISPOÑO:
Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Xove (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto da rúa anexa ó centro cívico de Xove.
Santiago de Compostela o vinte de marzo de mil novecentos noventa e oito.
Manuel Fraga Iribarne
Presidente
Jesus C. Palmou Lorenzo
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais
2827

