Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 12 de maio de 1998 Páx. 5.100

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 4 de maio de 1998 pola que se regulan as axudas para a reestructuración do viñedo en Galicia.

A necesidade de mellora-los viños galegos obriga a dispoñer de viñedos constituídos por variedades de calidade adecuada, e en atención a aquelas explotacións que polas súas condicións de dimensións lles é difícil acollerse a plans de mellora de carácter integral e que constitúen a gran maioría das explotacións dos viticultores galegos, é preciso arbitrar unha liña de axuda que cubra estas necesidades.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30ª 1.3. do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Poderán acollerse ás axudas que recolle a presente orde aqueles agricultores que, cumprindo a lexislación vixente en materia de plantacións, subtitucións e replantacións, desexen substituí-los seus viñedos constituídos por variedades non preferentes ou autorizadas, por variedades autóctonas ou recomendadas, de acordo co establecido no Regulamento (CEE) nº 3800/1981, da comisión, sobre clasificación de variedades de vide.

Así mesmo, poderán acollerse os agricultores que teñan por obxectivo renova-los seus viñedos envellecidos, ou os que pretendan cambia-lo marco de plantación mellorando a súa productividade, sempre e cando as variedades utilizadas sexan autóctonas ou recomendadas.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

Serán subvencionables os seguintes investimentos necesarios para a implantación do viñedo:

-Preparación do terreo, incluíndo o arrinque de cepas. Considerarase a fertilización de fondo, a desinfección e as emendas, así como distintos traballos requiridos para a implantación da nova variedade.

-Adquisición da planta, que deberá realizarse en viveiro autorizado.

-Instalación de postes, arames e demais material necesario para a plantación, conseguindo mellora-la rendibilidade da explotación reducindo custos, mellorando a calidade ou garantindo a producción.

Artigo 3º.-Condicionantes de preferencia.

Terán preferencia na concesión destas axudas:

-Os solicitantes que teñan a súa explotación en zonas de denominación de orixe, en zona desfavorecida ou ben en zona de concentración parcelaria.

-Os solicitantes que sexan agricultores a título principal, titulares de explotacións agrarias prioritarias de acordo co establecido na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

-O resto dos solicitantes.

En caso de solicitantes do mesmo grupo, terán preferencia as persoas xurídicas constituídas máis recentemente e logo os solicitantes de menor idade.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

O investimento/UTA (Unidade de Traballo Agrario) non será superior a 11.145.000 ptas., e o investimento máximo/explotación será de 22.290.000 ptas.

A porcentaxe máxima de subvención para bens inmobles será do 30% do investimento auxiliable, se a explotación radica en zona desfavorecida, e do 26% no resto das zonas.

A superficie máxima subvencionable corresponderá a unha plantación de 2 ha, e 500 m será o mínimo de superficie atendible.

En ningún caso serán subvencionables plantacións de viñedo en regadío.

Artigo 5º.-Tramitación e resolución.

1. As solicitudes para acollerse á axudas que inclúe a presente orde presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes do 30 de agosto de 1998, preferentemente nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, utilizando o impreso normalizado do anexo I.

2. A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Agricultores individuais:

-Fotocopia compulsada do DNI ou NIF.

-Fotocopia compulsada da declaración da renda das persoas físicas correspondente ó último exercicio económico.

-Fotocopia compulsada do boletín de cotización á Seguridade Social dos tres derradeiros meses, ou ben, certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social de estar ó día na cotización.

-Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Autorización de plantación, de acordo coa lexislación vixente en materia de plantacións de viñedo.

b) Asociacións con personalidade xurídica:

b.1. Asociacións con personalidade xurídica que teñan a actividade agraria como actividade principal:

-Fotocopia compulsada do CIF da asociación.

-Fotocopia compulsada da declaración da renda das persoas físicas, correspondente ó útimo exercicio económico, de alomenos o 50% dos socios.

-Fotocopia compulsada do boletín de cotización á Seguridade Social, correspondente ós tres últimos meses, de alomenos, o 50% dos socios.

-Autorización de plantación, de acordo coa lexislación vixente en materia de plantacións de viñedo.

-Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas fiscais.

-Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Documentos TC1 xustificativos de estar ó corrente na cotización á Seguridade Social.

b.2. Outras asociacións con personalidade xurídica:

-Fotocopia compulsada do CIF da asociación.

-Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria de estar ó corrente na cotización á Seguridade Social.

-Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Documento TC1 xustificativos de estar ó corrente na cotización á Seguridade Social.

-Autorización de plantación de acordo coa lexislación vixente en materia de plantacións de viñedo.

3. As delegacións provinciais remitirán un informe sobre as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, que emitirá a proposta correspondente para a súa aprobación polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Artigo 6º.-Prazo de realización dos investimentos.

1. As melloras aprobadas deberán estar realizadas antes dun ano a partir da data de presentación da solicitude. O beneficiario comunicará esta circunstancia, antes da citada data, nas oficinas da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria xuntando as facturas e xustificantes do investimento, para que, feitas as comprobacións oportunas, proceda a delegación provincial a efectua-la correspondente proposta de pagamento.

2. No caso de que, por causa xustificada, o beneficiario non realizase os investimentos no devandito prazo, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, por solicitude daquel, poderá concede-la correspondente prórroga para a execución das melloras.

Artigo 7º.-Financiamento.

No exercicio de 1998 este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.661-A.776.0 de reestructuración e reconversión do viñedo dotado con 16.959.797 ptas., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998.

Disposición transitoria

As solicitudes formuladas ó abeiro da Orde do 11 marzo 1997, de axudas para a reestructuración do viñedo en Galicia, ás que non lle foi concedida a subvención solicitada, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que encontrase ó termo do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dicta-las instruccións precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria

3882