Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 27 de maio de 1998 Páx. 5.799

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 1998, da División de Recursos Humanos, pola que se fan públicos os acordos dos tribunais que xulgan o proceso selectivo para o ingreso nas clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde, relativos á puntuación do primeiro exercicio e á celebración do segundo exercicio da fase de oposición.

O apartado 3 da base sexta B) da Resolución do 23 de xullo de 1997 (DOG nº 146, do 31 de xullo) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso nas clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde, dispón que os diversos exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar ou lugares e á hora que se fixe nun acordo que o respectivo tribunal publique no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, de conformidade co apartado 7 da base sexta B) da dita convocatoria, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, os tribunais poderán anular algunha ou algunhas preguntas dun exercicio, substituíndoas polas correspondentes preguntas de reserva.

Adoptado acordo polos respectivos tribunais sobre anulación, se é o caso, de preguntas do primeiro exercicio da fase de oposición e a publicación das puntuacións outorgadas nel ós aspirantes, así como sobre o lugar, data e hora de realización do segundo exercicio da fase de oposición, de conformidade co disposto nos apartados 3, 5 e 7 da base sexta B) da citada convocatoria, procede agora darlle publicidade no Diario Oficial de Galicia, ademais de expoñe-los listados correspondentes nos taboleiros de anuncios dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde, nos das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e nos das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde, facultándose para isto expresamente a este centro directivo, polo que,

RESOLVE:

Primeiro.-Publica-las puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ó primeiro exercicio da fase de oposición das clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios do Servicio Galego de Saúde, de conformidade co previsto no apartado 5 da base sexta B) da convocatoria.

Segundo.-Anula-las seguintes preguntas deste primeiro exercicio:

-Clases de inspectores médicos e inspectores farmacéuticos: preguntas nº 31 e 41, que serán substituídas polas preguntas reserva nº 151 e 152.

-Clase de subinspectores sanitarios: preguntas nº 57 e 65, que serán substituídas polas preguntas nº 121 e 122.

Terceiro.-Convoca-los aspirantes presentados ó primeiro exercicio das clases de inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios para a realización do segundo exercicio da fase de oposición o vindeiro día 2 de xuño de 1998, ás 16.30 horas, na Facultade de Medicina e Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, sita na rúa San Francisco s/n.

Cuarto.-O chamamento será único e serán excluídos do concurso-oposición os aspirantes que non comparezan, debendo ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade, permiso de conducir ou pasaporte e bolígrafo.

Quinto.-Contra esta resolución poderá presentarse reclamación, perante o tribunal, no prazo de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1998.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

4179