Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 03 de xuño de 1998 Páx. 6.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 25 de maio de 1998 sobre medidas de estímulo e apoio para a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios.

O fomento da incorporación de modernas técnicas de producción e a racionalización do uso dos medios empregados son o obxectivo fundamental da presente orde.

Coa incorporación destas novas tecnoloxías perséguese, ademais, alcanzar obxectivos de aforro enerxético, supresión de mecanismos de alto risco, diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo dos agricultores.

Tendo en conta a estructura e dimensión da maioría das explotacións galegas, e considerando que os custos de adquisición da maquinaria podería compromete-la rendibilidade do investimento se non se alcanzan uns mínimos de horas anuais de utilización, é o réxime asociativo o sistema de adquisición e utilización máis aconsellable.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3. do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Poderán solicita-las axudas que recolle esta orde:

a) Cooperativas, sociedades agrarias de transformación e as cooperativas de traballo asociado de carácter agrario.

b) As agrupacións para tratamentos integrados na agricultura (ATRIA), para maquinaria e equipos propios da súa actividade específica.

c) As empresas de servicio legalmente constituídas, dedicadas á realización de traballos nas explotacións agrogandeiras.

Artigo 2º

Serán obxecto destas axudas as máquinas e equipos incluídos nos seguintes planos de innovación tecnolóxica:

a) Plan de mecanización racional da producción e aproveitamento das forraxes.

-Maquinaria de semente, colleita, preparación, almacenamento e distribución de forraxes.

b) Plan de racionalización do emprego de estercos, xurro e lodos na fertilización de solos.

-Cisternas e batedores de xurro.

-Aplicadores-enterradores de esterco e lodos líquidos.

-Separadores de esterco sólido/líquido.

-Inxectores para fermentación aeróbica de xurro.

c) Plan de fomento da utilización de maquinaria e equipos que representen unha innovación tecnolóxica:

-Maquinaria para recolección de pataca.

-Maquinaria para a aplicación de productos fitosanitarios.

-Bombas e tanques de combustible.

-Calquera outra máquina ou equipo que represente unha innovación tecnolóxica.

d) Plan de renovación do parque de tractores.

-Tractores que incorporen novas tecnoloxías para mellora dos actuais sistemas productivos, o aforro enerxético, a conservación do medio ambiente ou a mellora das condicións de traballo.

Artigo 3º

O importe da subvención estará condicionado á existencia de crédito orzamentario e se regulará en función das seguintes especificacións para cada caso:

1. Plans de innovación dos apartados a), b), c) do artigo anterior.

a) As agrupacións incluídas nos apartados 1a) e 1b) do artigo 1 poderán obter ata o 30% do total do investimento, podendo chegar ata o 40% cando as explotacións se atopen en zonas desfavorecidas, sen superaren en ningún caso os 5.000.000 de ptas.

b) No caso de empresas de servicios (apartado 1 c) do artigo 1 ata o 15% do total do investimento, coa mesma limitación de 5.000.000 de ptas.

2. Plans de innovación tecnolóxica de renovación do parque de tractores.

Neste caso a axuda máxima estableceráse en razón de 4.000 pesetas por CV. de potencia de inscrición de tractor ou tractores que se van achatarrar.

Artigo 4º

As subvencións só poderán ser concedidas para a maquinaria de primeira adquisición e non poderá

ser revendida no prazo de cinco anos, a partir da data de adquisición.

Así mesmo, as máquinas e equipos subvencionados deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola da provincia.

Artigo 5º

No plano de renovación do parque de tractores substituiranse por modelos que incorporen novas tecnoloxías aquelas unidades que estean inscritas no Rexitro Oficial de Maquinaria Agrícola con anterioridade ó ano 1978 e que non cambiasen de titular nos dous últimos anos.

Cando se concedan axudas para a renovación de tractores o solicitante deberá xustifica-lo a achatarramento dos tractores antigos, mediante un certificado de baixa definitiva expedido polo Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola onde estea inscrito o tractor e no que se faga consta-la data da primeira inscrición, o número de bastidor e a potencia en CV.

Artigo 6º

A maquinaria adquirida ó abeiro desta orde só poderá empregarse nas explotacións dos membros da agrupación ou entidade asociativa, agás no caso de cooperativas de traballo asociado e empresas de servicios.

Artigo 7º

Na aprobación de solicitudes terán prioridade as presentadas por agrupacións formais dos apartado a) e b) do artígo 1º.

No caso de máquinas incluídas no plan c) do artigo 2, serán prioritarias as solicitudes de equipos de distribucións de productos fitosanitarios.

Quedan expresamente excluídas as máquinas de uso xeneralizado na agricultura, tales como tractores (salvo que substitúan a unidades a achatarradas), motocultores, remolques, equipos tradicionais de laboreo ou colleitadoras de cereais.

Así mesmo, exclúense as subvencións para os almacéns polivalentes, edificacións gandeiras e instalacións para a comercialización ou transformación de productos agrarios ou forestais.

Artigo 8º

As solicitudes para acollerse ás axudas que inclúe a presente orde presentaranse preferentemente nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xustificando ademais a viabilidade técnica e económica do investimento pre

visto, utilizando o modelo do anexo I e xuntando a seguinte documentación:

-Fotocopia compulsada do CIF.

-Fotocopia compulsada dos estatutos de constitución da sociedade.

-Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social de estar ó día na cotización.

-Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas fiscais.

-Acreditación de non ter pendente de pagamento nengunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

-Facturas proforma das máquinas que se adquiran.

-No caso de empresas de servicios, fotocopia compulsada do último recibo do Imposto de Actividades Económicas (IAE), que acreditará a súa dedicación a Servicios Agrícolas e Gandeiros.

Artigo 9º

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de xullo de 1998, debendo estar realizada a adquisición de maquinaria aprobada, que se xustificará mediante a achega das facturas correspondentes, e a súa inscrición no Rexistro Oficial, así como certificado de baixa definitiva do tractor achatarrado, se é o caso, antes do 30 de novembro de 1998.

Artigo 10º

No exercicio de 1997 este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A 775.0 Fomento de mellora tecnolóxica e mecanización en común, dotado con 51.050.000 ptas., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

As solicitudes ó abeiro da Orde do 11 de marzo de 1997 pendentes de resolución e que cumpran coas condicións reguladas na presente convocatoria poderán ser tidas en conta salvo indicación expresa do interesado en sentido contrario.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria para dictar cantas disposicións considere necesarias para a aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 1998.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria

4764