Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 05 de xuño de 1998 Páx. 6.237

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 29 de maio de 1998 pola que se convocan os premios Bandeira Verde de Galicia 1998.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación, de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro. En exercicio das devanditas competencias e funcións considérase conveniente o fomento das actividades realizadas na defensa e loita contra os incendios forestais, na conservación do bosque e na conservación da biodiversidade, mediante o seu recoñecemento público

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convoca-los premios Bandeira Verde de Galicia 1998 en recoñecemento ó traballo das institucións, entidades ou organizacións que desenvolvan un labor significativo no coidado do ambiente.

2. En concreto, os premios Bandeira Verde de Galicia 1998 teñen como obxecto recoñecer e recompensa-los méritos polo labor desenvolvido, no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 1998 e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na defensa e loita contra os incendios forestais, na conservación do bosque e na conservación da biodiversidade.

Artigo 2º

Os premios que se convocan son os seguintes:

-Premio Bandeira Verde de Galicia 1998 á mellor acción na defensa e loita contra os incendios forestais.

-Premio Bandeira Verde de Galicia 1998 á mellor acción na conservación do bosque.

-Premio Bandeira Verde de Galicia 1998 á mellor acción de conservación da biodiversidade.

Artigo 3º

1. As institucións, entidades ou organizacións que desexen acceder a estes premios, deberán enviar

á Consellería de Medio Ambiente. Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, rúa dos Basquiños, 2. (15071) Santiago de Compostela (A Coruña), unha memoria acreditativa dos traballos realizados no transcurso do ano 1998 e os logros acadados relativos ó obxecto destes premios.

A memoria non excederá de 20 folios por unha cara a dous espacios, con letra de 12 puntos e marxe de 2,5 cm en tódolos seus lados; poderá ser complementada con gráficos, debuxos, fotos ou calquera material audiovisual.

2. O prazo de presentación da devandita memoria rematará o 15 de novembro de 1998.

Artigo 4º

A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar información adicional á presentada e verificar calquera extremo referente á documentación achegada.

Artigo 5º

O xurado que resolverá os anteditos premios Bandeira Verde de Galicia 1998 terá a composición seguinte:

-Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente.

-Vocais: o director xeral de Montes, o director da Escola de Enxeñeiros de Montes e un representante da Federación Ecoloxista Galega.

-Secretario: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Artigo 6º

Os premios, que poderán ser declarados desertos, están dotados cunha cantidade de 500.000 ptas. cada un deles, con cargo á aplicación orzamentaria, 15.04.342A.640.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1998. A Consellería de Medio Ambiente cederalles durante un ano o uso do logotipo Bandeira Verde de Galicia ós premiados, para a súa utilización en tódalas actividades que realicen.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en virgor o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

4972