Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Mércores, 24 de xuño de 1998 Páx. 7.053

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 1998, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de torradores de café e sucedáneos de Ourense para os anos 1998 e 1999.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de torradores de café e sucedáneos (código nº 3200795) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial subscrito en representación da parte económica, pola Confederación de Empresarios de Ourense, e, da parte social, pola central sindical UXT, todas con capacidade suficiente para sinalo, na xuntanza celebrada o día 4-3-1998, e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial:

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Convenios Colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia-

Ourense, 29 de abril de 1998.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do sector de torradores

de café e sucedáneos da provincia de Ourense

para os anos 1998 e 1999

I. Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial

O presente convenio afectará a tódalas empresas e traballadores da actividade de torradores de café

e sucedáneos da provincia de Ourense. Quedan excluídas as actividades comerciais sempre que as empresas se dediquen exclusivamente a elas, tanto por xunto como polo miúdo.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Abranguerá as empresas indicadas no artigo anterior e tódolos seus traballadores. Rexerá igualmente para aquelas empresas que, reunindo tales condicións, se establezan no futuro dentro do campo de aplicación deste convenio.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor, para tódolos seus efectos, o día 1 de xaneiro de 1998. A súa duración será de dous anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 1999 e entenderase prorrogado por períodos dun ano se calquera das partes non o denuncia por escrito ante a outra con tres meses de antelación á data de remate da súa vixencia, expresándose as cuestións obxecto de negociación.

Ámbalas partes comprométense a inicia-las negociacións dun novo convenio con dous meses de antelación ó remate da súa vixencia. Mentres non se alcance un novo acordo, todo o contido deste convenio terá vixencia fixándose como límite a data do 31 de decembro do ano 2000, data na cal se prevé que estea negociado un novo convenio.

Artigo 4º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas globalmente.

Artigo 5º.-Garantías persoais.

Respectaranse a título individual as condicións económicas que fosen superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras económicas e de traballo que se implantan en virtude do presente convenio serán compensables e absorbibles, en cómputo anual e ata onde alcancen, con todas aquelas melloras voluntarias que tiñan concedidas as empresas, tanto se son aboadas en metálico como en especie e cuarto, ou incentivos sobre vendas ou á producción, calquera que sexa o sistema aplicado, así como as producidas ou as que se produzan en disposicións legais a partir da data de entrada en vigor do convenio.

Sen prexuízo de que se poidan estender a calquera situación as melloras establecidas neste convenio nin a facultade de amplialas, as empresas que veñan aboando ó seu persoal salarios superiores ós esixidos regulamentariamente, non estarán obrigadas a aplica-las elevacións que se fixen nas presentes estipulacións agás na contía necesaria para suplir diferencias.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

A comisión será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do pactado no presente convenio. As súas funcións serán:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que sexan sometidas por ámbalas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3. Conciliación facultativa e de mutuo acordo por ámbalas partes nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal poidan corresponder ós organismos competentes.

4. Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade pola comisión paritaria terán carácter vinculante.

A comisión comporase dun presidente que se elixirá na súa primeira reunión e actuará como mediador con voz pero sen voto, e de seis vocais, tres por cada parte, de entre os que actuaron na deliberación do convenio. Ademais o presidente levantará acta dos acordos e resolucións que adopte a comisión, que deberán ser asinados polos señores que interveñan. Poderán nomearse asesores por cada representación aínda que estes terán dereito a voz pero non a voto.

A comisión en primeira convocatoria non poderá actuar sen a presencia de tódolos vocais e en segunda o seguinte día hábil, actuará cos que asistan, tendo voto unicamente en número paritario dos vocais presentes sexan titulares ou suplentes.

A comisión paritaria reunirase por instancia de calquera das partes, poñéndose de acordo estas co presidente, sobre o lugar, día e hora da reunión, convindo ámbalas partes en dar coñecemento á comisión paritaria de cantas dúbidas, discrepancias e conflictos se puidesen producir como consecuencia da interpretación e aplicación do convenio.

II. Réxime de traballo

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, conforme o previsto neste convenio, correspóndelle ó empresario, quen a levará a cabo a través do exercicio regular das súas facultades de organización económica e técnica, dirección e control de traballo e das ordes necesarias para a realización de actividades laborais correspondentes.

No suposto de que se delegasen facultades directivas, esta delegación farase de modo expreso, de maneira que sexa suficientemente coñecida, tanto polos que reciban a delegación de facultades, como polos que despois serán destinatarios das ordes recibidas.

As ordes que teñan por si mesmas o carácter de estables deberan ser comunicadas expresamente a

tódolos afectados e dotadas de suficiente publicidade.

A organización do traballo ten por obxecto alcanzar na empresa un nivel adecuado de productividade baseado na óptima realización dos recursos humanos e materiais. Para este obxectivo cómpre a mutua colaboración das partes integrantes das empresas: dirección e traballadores.

A representación legal dos traballadores velará por que o exercicio das facultades non aludidas non conculque a lexislación vixente, sen que iso poida considerarse transgresión da boa fe contractual.

Artigo 9º.-Desenvolvemento.

A organización do traballo estenderase, entre outras, ás cuestións seguintes:

1. A determinación dos elementos necesarios para que o traballador poida alcanzar polo menos o rendemento normal ou mínimo.

2. A fixación de calidade admisible ó longo do proceso de producción de que se trate.

3. A esixencia de vixilancia, atención e dilixencia no coidado de maquinaria, instalacións e utensilios encomendados ó traballador.

4. A distribución do persoal de acordo co previsto no presente convenio.

5. A adaptación das cargas de traballo, rendementos e tarifas ás novas condicións que resulten de aplica-lo cambio de métodos operativos, procesos de fabricación ou cambio de funcións e variacións técnicas de maquinaria, instalacións e utensilios encomendados ó traballador.

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados por este convenio manterán a súa clasificación en canto a categorías e estructura salarial que figura como anexo I deste convenio.

Artigo 11º.-Polivalencia e plena ocupación.

Co obxecto de que o traballador estea ocupado toda a xornada, a dirección da empresa poderá facilitarlle as tarefas necesarias para iso, respectando a profesionalidade das categorías profesionais.

Artigo 12º.-Contratación.

As empresas afectadas por este convenio poderán realizar contratos de traballo de duración determinada, tal e como establece a lexislación vixente coas seguintes peculiaridades:

A) Contrato en formación laboral: debido ás necesidades de cualificación dos traballadores do sector e de acordo co establecido na alínea c) do parágrafo 2º do artigo 11 do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada pola Lei 63/1997, a duración máxima dos contratos de formación laboral realizados ós traballadores afectados polo presente convenio será de tres anos.

A dita duración máxima será aplicable tanto ós contratos asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio como ós xa vixentes con anterioridade.

B) Contrato eventual por circunstancias da producción, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos: o contrato de duración determinada regulado no artigo 15.1º b) do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción establecida pola Lei 63/1997, poderá ter unha duración máxima de 13 meses e medio dentro dun período de 18 meses.

A dita duración máxima será aplicable tanto ós novos contratos deste modalidade asinados a partir da entrada en vigor do presente convenio como ás prórrogas dos contratos vixentes antes da súa entrada en vigor.

C) Contratación indefinida: aínda tendo en conta as posibilidades legais de contratación temporal, as empresas comprométense a favorece-la contratación indefinida, posibilitando a estabilidade no emprego e acolléndose ós acordos asinados entre a patronal e os sindicatos en Madrid.

Durante a vixencia do presente convenio, a conversión en indefinidos daqueles contratos que se concertasen con carácter temporal ou por duración determinada, acollerase ó disposto na alínea b), parágrafo 2º da disposición adicional primeira da Lei 63/1997, do 26 de decembro, de medidas urxentes para a mellora do mercado de traballo e fomento da contratación indefinida, en virtude da cal os ditos contratos quedarán incluídos no réxime previsto para os contratos de fomento da contratación indefinida.

Artigo 13º.-Período de proba.

O ingreso do persoal nas empresas afectadas polo presente convenio considerarase provisional durante un tempo de proba variado, segundo a índole do labor a que cada traballador sexa destinado, que non poderá exceder da seguinte escala:

Persoal titulado: 6 meses.

Persoal non titulado: 2 meses.

Durante o período de proba a empresa e o traballador poderán resolve-lo contrato de traballo sen prazo de aviso previo e sen dereito a ningunha indemnización. Transcorrido o período de proba sen que se produza desestimento, o contrato producirá plenos efectos e computarase o tempo de servicios prestados na antigüidade do traballador na empresa.

Agás pacto en contrario, a situación de IT que afecte ó traballador durante o período de proba interromperá o seu cómputo, que se reanudará a partir da data de reincorporación efectiva ó traballo.

Artigo 14º.-Ascensos.

Os ascensos suxeitaranse ó réxime seguinte:

Os ascensos dos traballadores a postos de traballo que impliquen mando ou confianza será de libre designación pola empresa.

Para ascender a unha categoría profesional superior estableceranse sistemas de carácter obxectivo, tomando como referencia entre outras as seguintes circunstancias:

a) Titulación adecuada.

b) Coñecementos do posto de traballo.

c) Historial profesional.

d) Ter desempeñado funcións de superior categoría profesional.

e) Superar satisfactoriamente as probas que se propoñan, que serán adecuadas ó posto que se vai desempeñar.

En idénticas condicións de idoneidade adxudicarase o ascenso ó máis antigo. Os representantes legais dos traballadores supervisarán a correcta aplicaicón do anteriormente sinalado.

Artigo 15º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa estarán obrigados a poñelo en coñecemento desta, cumprindo os seguintes prazos de aviso previo:

Persoal titulado: 2 meses.

Persoal técnico non titulado e administrativo: 1 mes.

Persoal subalterno, profesionais e peóns: 15 días.

Artigo 16º.-Formación profesional.

As partes signatarias acordan constituír unha comisión paritaria sectorial de formación profesional, integrada por 3 membros da parte social e tres da parte económica.

Serán funcións desta comisión:

Elaborar estudios sobre necesidades e requirimentos de formación profesional no sector para chegar a defini-la súa organización e programación tanto ocupacional como regrada.

Elaborar plans formativos necesarios para consegui-la homologación das cualificacións profesionais de traballadores técnicos, administrativos e manuais, cos seus equivalentes na Comunidade Económica Europea, con vistas á entrada en vigor do mercado único.

Cantas outras funcións se lle atribúan a comisión, orientadas ó desenvolvemento e mellora da formación profesional no sector na provincia de Ourense.

Artigo 17º.-Seguridade e hixiene.

As empresas deberán dotarse dun plan de prevención en materia de saúde e seguridade, así como dos servicios necesarios para a súa realización de acordo coa lexislación vixente.

Artigo 18º.-Xornada.

A xornada de traballo para as empresas e traballadores afectados polo presente convenio será de 40 horas semanais de traballo efectivo de media

en cómputo anual. As empresas, totalizando o citado número de horas efectivas previsto para cada ano, establecerán co visado do representante dos traballadores, ou o dos propios traballadores en defecto deste, a súa distribución entre os días laborables do ano, podendo adecuala ás súas necesidades productivas en forma diferenciada nas distintas épocas anuais, tendo en conta que a xornada laboral se realice de luns a venres, excepto para os labores de venda, que poderá ser de luns a sábado.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Ante a grave situación de paro existente e con obxecto de facilita-lo emprego, quedan suprimidas as horas extraordinarias habituais.

Exceptúanse da norma anterior:

a) As horas extraordinarias esixidas para a reparación de sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como os casos de risco de perda de materias primas e remate de tarefas de carga e descarga de productos perecedoiros, neste caso igualmente por causa extraordinaria non habitual, cun tope máximo dunha hora diaria, serán de obrigada realización.

b) As horas extraordinarias que teñan a súa causas en pedidos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da natureza perecedoira das materias que se tratan, manteranse sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas nas disposicións xerais.

En canto ó valor, establécese unha recarga do 40% sobre o valor da hora normal de traballo.

Por hora extra estructural deberemos entender: as esixidas para a reparación normal de sinistros, as necesarias que se realizarán ante un risco de perdas de materias primas, as necesarias para atender a períodos punta de producción.

Artigo 20º.-Vacacións.

O persoal abranguido no ámbito de aplicación deste convenio gozará dun período anual de vacacións de 30 días naturais. O período ou períodos de desfrute fixarase de común acordo entre o empresario e o traballador, tendo en conta que as datas do seu desfrute non poderán levarse a cabo durante os períodos de maior productividade.

Debido ás necesidades productivas das empresas, as vacacións desfrutaranse en dous períodos de 15 días, un dos meses de verán (xuño, xullo, agosto e setembro) e outro período nos meses de inverno.

O traballador coñecerá as datas que lle corresponden de vacacións dous meses antes, polo menos, do comezo do seu desfrute.

Artigo 21º.-Licencias.

O traballador terá dereito, logo de solicitude, a licencia con soldo en calquera dos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 15 días naturais.

b) En caso de nacemento de fillo ou falecemento de cónxuxe e fillos; en caso de enfermidade grave do cónxuxe e fillos e enfermidade grave ou falecemento do pai, nai, netos, avós ou irmáns dun ou doutro cónxuxe: de 2 a 4 días naturais, segundo que o feito que o motivase se produza no lugar da residencia do traballador ou noutro distinto.

c) Para dar cumprimento a un deber de carácter público: o tempo necesario debidamente xustificado polo traballador perante a empresa.

d) Por motivo de traslado de domicilio habitual: 1 día natural.

e) En caso de matrimonio de fillos ou irmáns, dun ou doutro cónxuxe: 1 día.

III. Réxime económico

Artigo 22º.-Salarios.

Para 1998 será o que se estableza exclusivamente para cada categoría na correspondente columna do anexo I.

Para o segundo ano de vixencia do presente convenio, é dicir, para 1999, as táboas salariais incrementaranse na mesma porcentaxe có IPC previsto polo Goberno para o dito ano.

Artigo 23º.-Gratificación de antigüidade.

As partes asinantes do presente convenio acordan que, co fin de potencia-la creación de emprego no sector, o concepto económico de antigüidade quede establecido da seguinte maneira:

Tendo en conta a data do seu ingreso na empresa, ningún traballador percibirá unha antigüidade superior a 4 trienios.

A partir da entrada en vigor do presente convenio, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 1998, por cada trienio percibirase a cantidade de 4.000 ptas., cun máximo de catro trienios.

Os traballadores que xa estivesen percibindo algunha cantidade en concepto de antigüidade verán a súa contía conxelada en anos sucesivos, situándose o importe percibido ata a data nun recadro da folla de salarios creada para o efecto baixo o concepto de antigüidade consolidade, aínda que a antigüidade que consolidasen se terá en conta para os efectos de recoñece-lo período máximo computable en concepto de antigüidade, que quedou fixado en catro trienios, é dicir, en doce anos.

Artigo 24º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse anualmente tres gratificacións extraordinarias que se farán efectivas na primeira quincena do mes de xullo, o 22 de decembro e o 1 de marzo. Consistirá no aboamento de 30 días de salario e maila gratificación de antigüidade. De mutuo acordo, o empresario e o traballador poderán acordar que o importe das ditas pagas extraordinarias se perciba rateado.

Artigo 25º.-Axudas de custo.

Terán dereito a elas tódolos traballadores que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realiza-los traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa con desprazamentos a lugares distintos do centro de traballo que imposibiliten o seu regreso e nos que sexa necesario efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual, ou cando teñan necesidade de desprazarse a localidades onde a misión encomendada tamén esixa unha permanencia que obrigue a aloxarse.

Para o pagamento das axudas de custo utilizarase o sistema de gastos para xustificar sen que a súa contía poida exceder do seguinte:

Axuda de custo completa: 3.000 pesetas

Media axuda de custo: 1.500 pesetas

Non se considerán abranguidos nestes casos os traballadores afectos ós servicios de transporte e reparto realizados en localidades distintas daquela en que esta a fábrica ou depósito.

IV. Réxime disciplinario

Artigo 26º.-Principios de ordenación.

As faltas, sempre que sexan constitutivas de incumprimentos contractuais e culpables do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa de acordo coa graduación que se establece no presente capítulo.

Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave.

A falta, sexa cal sexa a súa clasificación, requirirá comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador. A imposición de sancións por faltas graves e moi graves será notificada ós representantes legais dos traballadores, se os houber.

Artigo 27º.-Graduación das faltas.

Consideraranse como faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total inferior a vinte minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo dun día durante o período dun mes.

c) A non comunicación coa antelación previa debida á inasistencia ó traballo por causa xustificada, agás que se acreditase a imposibilidade da notificación.

d) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que isto non causase risco á integridade das persoas ou das cousas; neste caso poderá ser cualificado, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

e) A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen gravemente a imaxe da empresa.

f) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou fose responsable e que produzan deterioracións leves nel.

2. Consideraranse como faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata corenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo de dous a catro días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do prevido no parágrafo e) do seguinte apartado.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída do traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, agás que delas derivasen prexuízos graves para a empresa, causasen avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa, ou comportasen risco de accidente para as persoas; neste caso serán consideradas como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos utensilios, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando diso se derivase un prexuízo grave á empresa.

h) A realización sen o oportuno permiso de traballos particulares durante a xornada así como o emprego de utensilios, ferramentas, maquinaria, vehículos e en xeral, bens da empresa para os que non estivese autorizado ou para usos alleos ós do traballo encomendado, mesmo fóra da xornada laboral.

i) O quebrantamento ou a violación de segredos de obrigada reserva que non produza grave prexuízo para a empresa.

j) A embriaguez non habitual no traballo.

k) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afectar ó proceso productivo ou á prestación do servicio e sempre que, previamente, mediase a oportuna advertencia da empresa.

l) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que diso non se derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

m) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

n) As ofensas de palabra proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando non revistan acusada gravidade.

o) As derivadas do establecido nas alíneas 1 d) e e) do presente artigo.

p) A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza e sempre que mediase sanción distinta da amoestación verbal, dentro dun trimestre.

3. Consideraranse como faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante a xornada de traballo noutro lugar.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por contra propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para a empresa.

f) A embriaguez e a drogodependencia durante o traballo, sempre que afecte negativamente ó rendemento.

g) As derivadas das alíneas 1 d) e 2 f), l) e m) do presente artigo.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento en caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido polos que desempeñan funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene.

m) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento de comete-lo feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, mesmo de distinta natureza, durante o período dun ano.

Artigo 28º.-Sancións.

1. As sancións máximas que poderán ser impostas pola comisión das faltas enumeradas no artigo anterior son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión de emprego e soldo ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a catorce días.

c) Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de 14 días a un mes, traslado a centro de

traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

2. As anotacións desfavorables que como consecuencia das sancións impostas puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó se cumpriren os prazos de dous, catro ou oito meses segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.

V. Disposicións diversas

Artigo 29º.-Dereitos sindicais.

As partes que asinan este convenio, que respectan a Lei orgánica de liberdade sindical e as disposicións do Estatuto dos traballadores que conforman os dereitos sindicais, pactan as seguintes estipulacións que pretenden un máis fácil uso dos textos legais.

a) Os representantes sindicais que participen na comisión negociadora deste convenio, mantendo a súa vinculación como traballadores en activo nalgunha empresa do café, terán dereito á concesión dos permisos retribuídos que sexan necesarios para o adecuado exercicio do seu labor como negociadores.

b) Dereito á acumulación de horas retribuídas de que dispoñan os delegados sindicais para o exercicio das súas funcións.

Artigo 30º.-Lexislación complementaria.

En todo o non pactado expresamente neste convenio observarase o disposto no vixente Estatuto dos traballadores e demais lexislación.

Artigo 31º.-Xubilación.

Os traballadores que se xubilen á idade regulamentaria de 65 anos percibirán un premio consistente nunha mensualidade do salario fixado nas táboas do anexo 1.

Artigo 32º.-Xubilación especial ós 64 anos.

As partes acordan recomendarlles ás empresas e ós traballadores afectados por este convenio a utilización do sistema especial de xubilación ós 64 anos ó 100 por 100 dos dereitos pasivos, con contratación simultánea doutros traballadores desempregados rexistrados nas oficinas de emprego, nun número igual ó de xubilacións anticipadas que se pacten, por calquera das modalidades de contrato vixentes na actualidade, excepto as contratacións a tempo parcial, cun período mínimo de duración en todo caso superior ó ano, todo iso segundo os requisitos establecidos para o efecto no Real decreto 1194/1985, polo que se regula o contrato de substitución por anticipación da idade de xubilación como medida de fomento de emprego.

Artigo 33º.-Roupa de traballo.

Ó persoal obreiro que polas tarefas encomendadas a precisase para o seu traballo, proveráselle da roupa que a empresa determine, trala consulta cos delegados do persoal ou cos propios traballadores en

defecto destes, cos que se tratará, así mesmo, sobre o seu número, que non será inferior a un anual, as súas características, o prazo de utilización e condicións de uso e reposición.

Artigo 34º.-Cláusula de desvinculación.

Os compromisos en materia salarial contidos no presente convenio, non serán de aplicación para aquelas empresas que acrediten descensos en termos reais dos resultados dos dous últimos exercicios, correspondendo en tal suposto, o mantemento do mesmo nivel retributivo do convenio anterior. Considerarase xustificación suficiente a achega da documentación presentada polas citadas empresas perante os organismos oficiais (Ministerio de Facenda ou Rexistro Mercantil). Os representantes legais dos traballadores están obrigados a tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tivese acceso como consecuencia do anteriormente establecido.

ANEXO I

Categorías e salario.

Encargado xeral: 90.000

Xefe administrativo: 80.000

Administrativo de 1ª: 75.550

Administrativo de 2ª: 71.500

Auxiliar administrativo: 70.630

Xefe de vendas: 80.000

Vendedor-autovenda: 76.000

Chofer-repartidor: 74.000

Encargado: 80.000

Oficial de 1ª: 78.000

Oficial de 2ª: 74.000

Oficial de 3ª: 72.000

Dependenta: 72.000

Axudante Depen./mozo: 68.200.

4385