Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Xoves, 23 de xullo de 1998 Páx. 8.334

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 347/1997, do 9 de decembro, consonte co disposto no artigo 26 da Lei do Parlamento de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, estableceu a nova estructura orgánica do Goberno de Galicia.

Pola súa parte, o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, determinou a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, fixando, no seu artigo 4, para a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral, 2. Dirección Xeral de Persoal, 3. Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, 4. Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, 5. Dirección Xeral de Universidades, 6. Dirección Xeral de Política Lingüística.

En consecuencia, mediante esta disposición adecúase a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria á nova configuración organizativa que resulta do devandito Decreto 351/1997 e do Decreto 350/1997, do 10 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia; así mesmo, introdúcense cambios funcionais nalgunhas unidades administrativas coa finalidade de acadar unha optimización da eficacia no seu correspondente ámbito de actuación.

Por todo iso, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, cos informes da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Competencias.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a quen lle corresponde as competencias e funcións en materia de planificación, regulación e administración do ensino regrado, en toda a súa extensión, niveis e graos,

modalidades e especialidades; a promoción e o ensino da lingua galega; a coordinación do sistema universitario; e o recoñecemento, tutela e rexistro das fundacións docentes de interese galego. Todo iso de conformidade co establecido na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de Galicia, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego (modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro), a Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, e a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

Artigo 2º.-Estructura.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria desempeñará as súas funcións a través dos seguintes órganos superiores:

I. O conselleiro.

II. A secretaría xeral.

III. A Dirección Xeral de Persoal.

IV. A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

V. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

VI. A Dirección Xeral de Universidades.

VII. A Dirección Xeral de Política Lingüística.

VIII. As delegacións provinciais.

IX. Os órganos colexiados.

Artigo 3º.-O Conselleiro.

O conselleiro é a autoridade superior da consellería e, con tal carácter, desempeña e exerce as atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Artigo 4º.-A secretaría xeral.

A secretaría xeral exercerá as competencias e funcións determinadas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, e no Decreto 111/1984, do 25 de maio; así como aqueloutras que lle estean atribuídas pola normativa vixente e as que lle sexan delegadas ou encomendadas polo titular da consellería.

Para o exercicio das súas funcións, a secretaría xeral estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Xestión Orzamentaria.

Correspóndelle a esta subdirección exerce-las competencias relativas: á elaboración do anteproxecto de orzamento da consellería, e ó seu seguimento

e coordinación; á coordinación administrativa dos servicios de carácter xeral, do réxime interior e dos rexistros e arquivos; á racionalización dos circuítos administrativos, en coordinación cos órganos competentes da Consellería da Presidencia e Administración Pública; á implantación nesta consellería dos correspondentes sistemas e soportes informáticos, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública relativas ó Plan Informático da Xunta de Galicia; á elaboración da normativa sobre transporte e comedor escolares; á xestión, ó control e á coordinación dos servicios de transporte e de comedores escolares; á recollida de datos e á elaboración de estatísticas, sen prexuízo das competencias propias do Instituto Galego de Estatística; e en xeral cantas outras lle sexan encomendadas pola secretaría xeral.

Para o desenvolvemento destas competencias contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Xestión Económica e Réxime Interior.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Confecciona-lo borrador do anteproxecto de orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Controla-la xestión económica das diversas unidades que compoñen a consellería, e o pagamento das obrigas contraídas.

-Xestionar e supervisa-las actividades relacionadas cos asuntos xerais de réxime interior da consellería, en especial as do rexistro xeral, información, portería e arquivo, así como a contratación administrativa que teña aquel carácter.

-Xestiona-los contratos de asistencia técnica dependentes da secretaría xeral.

-Aqueloutras análogas que lle sexan encomendadas.

b) Servicio de Xestión dos Servicios Educativos Complementarios.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Programar e xestiona-lo servicio de transporte escolar en función das necesidades dos centros docentes non universitarios; e dos demais servicios educativos complementarios, coordinando a súa actividade coa das delegacións provinciais.

-Xestionar e coordina-los servicios de comedor dos centros docentes dependentes desta consellería.

-Coordina-las accións que prestan as delegacións provinciais en materia de bolsas e axudas.

-Asisti-la secretaría xeral, xunto cos servicios da Inspección Educativa, na supervisión e control do transporte e comedor escolares.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

c) Servicio de Planificación e de Sistemas de Información.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elaborar estudios e confeccionar proxectos e métodos de racionalización de procesos.

-Confecciona-la programación da implantación dos sistemas e soportes informáticos nesta consellería; así como a súa execución e mantemento, sen prexuízo das competencias que nesta materia ten atribuídas a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Coordina-las actuacións que en materia informática realicen as unidades administrativas desta consellería.

-Programa-la adquisición dos equipos informáticos que precise a consellería.

-Organiza-la recollida de datos, e elaborar e explota-las estatísticas propias desta consellería, segundo as directrices establecidas na Lei 7/1993, do 24 de maio, de modificación da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, e na Lei 6/1997, do 31 de xullo, do Plan Galego de Estatística 1998-2001.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2. Subdirección Xeral de Construccións e Equipamento.

Correspóndelle -dentro das previsións orzamentarias, e a partir da planificación escolar non universitaria e de acordo coas necesidades manifestadas polas direccións xerais-a programación dos investimentos en infraestructuras e en edificacións da consellería; a supervisión dos proxectos de construccións de centros, tanto de obra nova coma de reforma; a coordinación dos proxectos de reforma, de ampliación e de mellora nas obras que sexan competencia da consellería; a elaboración das instruccións sobre construccións e mantemento dos inmobles; e programación das necesidades de equipamento; e aqueloutras funcións que lle sexan encomendadas pola secretaría xeral.

Para o desenvolvemento destas competencias contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Proxectos e Construccións.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Estudia-la programación de prioridades para os proxectos de obra nova e da rehabilitación integral

dos inmobles dependentes desta consellería, definindo as súas características en función do que se estableza na rede de centros, e coordinándose coas direccións xerais de Persoal e de Centros e Inspección Educativa.

-Controla-la execución de tales obras, tanto desde o punto de vista técnico coma do cumprimento dos prazos do contrato.

-Coordinar e supervisa-la execución de tódalas obras desenvolvidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, incluídas as que xestionen directamente as delegacións provinciais en virtude das competencias nelas desconcentradas.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Contratación e Equipamento.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elaborar e xestiona-los contratos de obras e subministracións dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Prepara-los pregos de condicións técnicas e administrativas dos correspondentes contratos.

-Desenvolver calquera outra función que lle sexa encargada, en relación coa contratación de obras e de subministración.

c) Servicio de Supervisión de Proxectos e Expropiacións.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Supervisar e controla-los proxectos de obra nova e de rehabilitación integral que execute esta consellería.

-Vixia-lo cumprimento das disposicións legais nestes proxectos; ordenar, regular e coordina-los criterios técnicos que se deben aplicar neles, especialmente no relativo ás normas de seguridade e saúde, e ás de urbanismo e estudios do solo.

-Tramita-los expedientes de expropiación instruídos pola consellería.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

3. Intégrase na secretaría xeral, dependendo directamente do seu titular, a seguinte unidade con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle, baixo a dirección da secretaría xeral as seguintes funcións:

-Analizar e tramita-los proxectos de disposicións xerais desta consellería; así como elabora-las com

pilacións e refundicións das normas de interese para o departamento.

-Estudiar, preparar e tramita-los expedientes da consellería que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións; así como o traslado dos correspondentes acordos.

-Elabora-los estudios xurídicos e a información legal que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral; así como estudiar ou formula-las propostas de resolución dos recursos e das reclamacións interpostos contra os actos dictados polos órganos da consellería, que lle encargue o mencionado órgano.

-Coordina-la publicación nos diarios oficiais de tódalas disposicións e actos administrativos dictados polos órganos da consellería; así como a súa remisión para seren publicados.

-Leva-lo Rexistro das Fundacións de Interese Galego adscritas a esta consellería e realiza-las actividades propias da súa calidade de protectorado; así como exerce-las funcións derivadas do Rexistro de Asociacións de Alumnos, e do Censo de Federacións e Confederacións de Pais de Alumnos.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

4. Intégranse na secretaría xeral, dependendo organicamente da secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, as seguintes unidades:

a) Asesoría Xurídica.

Organicamente integrada na secretaría xeral e funcionalmente dependente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

b) Intervención Delegada.

Organicamente integrada na secretaría xeral e funcionalmente dependente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Dirección Xeral de Persoal.

Correspóndelle a esta dirección xeral a xestión do persoal dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Para o desenvolvemento destas competencias, a Dirección Xeral de Persoal estructúrase da seguinte forma:

1. Subdirección Xeral de Persoal.

Correspóndelle a esta subdirección xeral a elaboración do anteproxecto de orzamento do capítulo de persoal; a programación dos recursos persoais dos centros públicos docentes non universitarios; a xestión das accións relativas ó acceso, carreira docente e provisión de postos de traballo, en coordinación coas direccións xerais correspondentes por razón da materia; a xestión das retribucións do pro

fesorado; o estudio dos recursos e reclamacións referidos a persoal, e a confección das correspondentes propostas de resolución; a xestión relativa ó persoal non docente dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; e calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Para o desenvolvemento das súas funcións esta subdirección contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Profesorado de Educación Infantil e Primaria.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Preparar e tramita-lo concurso xeral de traslados e os procedementos selectivos de acceso ó corpo de mestres, analizando as características específicas destes postos de traballo.

-Prepara-los expedientes de indemnización por razón de servicio.

-Elabora-las propostas de resolución dos recursos.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Profesorado de Ensinanzas Secundaria, de Formación Profesional e de Réxime especial.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Preparar e tramita-lo concurso xeral de traslados e os procedementos selectivos de acceso ós distintos corpos.

-Prepara-los expedientes de indemnización por razón de servicio.

-Elabora-las propostas de resolución dos recursos.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

c) Servicio de Persoal non Docente.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Coordina-la confección das nóminas do persoal dependente da consellería e controla-la execución orzamentaria das delegacións provinciais nesta materia.

-Xestiona-los expedientes, e as situacións administrativas, do persoal funcionario non docente, tanto dos servicios centrais coma das delegacións provinciais; así como dos centros públicos dependentes delas.

-Elaborar e xestiona-los contratos, e as competencias que destes se deriven, relativos ó persoal laboral dependente da consellería.

-En xeral, a xestión, control e coordinación de todo o persoal adscrito á consellería, ben sexa de carácter laboral ou funcionario; e calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 6º.-Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Correspóndelle a esta dirección xeral a elaboración das propostas de creación, supresión, transformación, clasificación, autorización e organización dos centros escolares, tanto de titularidade pública coma privada; a confección das propostas de concesión de axudas e de concertos educativos, e a súa xestión, así como dos demais aspectos derivados das axudas á escolarización; o pagamento delegado ó profesorado; o estudio das disposicións sobre o réxime xurídico e administrativo dos centros; a expedición dos títulos académicos de nivel non universitario derivados da Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo; a determinación das necesidades de equipamento dos centros públicos non universitarios e as propostas de adquisición deste material, así como a ordenación da súa distribución.

Así mesmo, correspóndelle a programación das modificacións da rede de centros escolares non universitarios, así como a súa adecuación periódica en función das necesidades e da evolución do sistema educativo no mapa escolar de Galicia.

Para o desenvolvemento das anteriores competencias esta dirección xeral estructúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Programación.

Correspóndelle a esta subdirección xeral: a adaptación do mapa escolar á comarcalización de Galicia, mediante a adecuación da rede de centros escolares ás necesidades que o seu desenvolvemento aconselle; a recollida, análise e estudio dos datos relativos á poboación, a infraestructura escolar e a demanda educativa nos diferentes niveis, modalidades, etapas e ciclos do ensino non universitario, así como os da súa evolución.

Tamén lle corresponde a elaboración de estudios e informes sobre a escolarización nas diversas zonas educativas, e colaborar na determinación das modificacións derivadas das necesidades de escolarización; así mesmo, poderá participar, en colaboración coa Subdirección Xeral de Centros e a Inspección Central, nos programas de análise do funcionamento dos centros.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades co nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Programación.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Propoñe-la rede de centros escolares non universitarios da Comunidade Autónoma en coordinación cos servicios competentes das direccións xerais.

-Elabora-lo mapa escolar de Galicia e adecualo periodicamente en función das necesidades e da evolución do sistema educativo, así como adaptalo á comarcalización de Galicia.

-Asisti-los responsables dos centros directivos da consellería na coordinación das programación anuais.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2. Subdirección Xeral de Centros.

Correspóndelle a esta subdirección xeral: xestiona-los gastos de funcionamento dos centros públicos docentes non universitarios; instruír e emitir informes, nos expedientes de creación, supresión, transformación, clasificación e autorización dos centros docentes non universitarios de titularidade pública e privada, así como elabora-las propostas de resolución; analiza-las necesidades de equipamento e mobiliario dos centros docentes públicos non universitarios; elabora-los proxectos normativos sobre concertos educativos, convenios e subvencións a centros privados, e a súa execución; así como tramita-la expedición de títulos académicos.

Para o desenvolvemento destas funcións contará coas seguintes unidades administrativas, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Centros.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Tramita-los expedientes relativos á creación, supresión, transformación, cambio de titularidade, clasificación e autorización dos centros de titularidade pública e privada.

-Leva-lo rexistro de centros e tramita-la expedición de títulos académicos e o seu rexistro.

-Aplica-los acordos relativos ós centros afectados pola non renovación dos concertos educativos.

-Propoñe-lo Regulamento orgánico e as demais normas sobre o réxime administrativo dos centros.

-Estudia-las necesidades de equipamento de mobiliario, de material didáctico e deportivo dos centros docentes públicos; así como elabora-las propostas para a súa adquisición e distribución.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Xestión de Programas Educativos.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Coordina-los servicios de programación e contratación das delegacións provinciais naquelas materias que afecten á dirección xeral.

-Elaborar e xestiona-los proxectos normativos sobre concertos educativos, subvencións e convenios; e tramita-lo pagamento delegado ó profesorado.

-Elabora-lo anteproxecto de orzamento desta dirección xeral, e controla-la súa xestión económica e a execución do gasto das diversas unidades dependentes dela.

-Realiza-la xestión, seguimento, avaliación e control dos custos de funcionamento dos centros públicos.

-Tramitar e propoñe-lo pagamento de tódalas obrigas xeradas pola dirección xeral.

-Coordina-la distribución de libros de escolaridade de nivel non universitario.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

3. Inspección Central.

Correspóndenlle as competencias establecidas no Decreto 135/1993, do 24 de xuño, se ben no referente ó transporte e comedor escolares coordinará as súas actuacións coa unidade correspondente da secretaría xeral.

Para o desenvolvemento das súas competencias contará cun inspector xefe, con categoría de subdirector xeral, e con tres inspectores coordinadores, con nivel orgánico de xefe de servicio, que realizarán as funcións previstas no citado Decreto 135/1993, do 24 de xuño.

Artigo 7º.-Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

Correspóndelle a esta dirección xeral a ordenación, elaboración e renovación dos programas educativos das ensinanzas non universitarias; a determinación das normas e das orientacións precisas para a súa efectividade; a emisión de informes sobre a autorización de ensinanzas, a adecuación dos equipamentos e instalacións destinadas á docencia técnico-profesional; así como as materias sobre a atención ás necesidades formativas dos adultos e dos grupos de persoas que requiran unha cualificación académico-profesional.

Para o desenvolvemento destas competencias esta dirección xeral estructúrase como segue:

1. Subdirección Xeral de Formación Profesional e de Educación de Adultos.

Correspóndelle a esta subdirección xeral: confecciona-las propostas de ordenación, elaboración e renovación dos plans e dos programas educativos das ensinanzas de formación profesional e artes plásticas e deseño, e as orientacións precisas para a súa efectividade; emiti-los informes sobre autorización de ensinanzas, adecuación dos equipamentos e instalacións destinadas á docencia técnico-profesional; e a atención ás necesidades formativas dos

adultos e ós grupos de persoas que requiran unha cualificación académico-profesional.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Formación Profesional.

Correspóndenlle a este servicio, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Propoñe-la ordenación dos estudios da formación profesional específica e artes plásticas e deseño, nas súas diferentes modalidades.

-Coordina-la elaboración e actualización dos currículos dos ciclos formativos.

-Emitir informe sobre a autorización de ensinanzas, e sobre a adecuación dos equipamentos e das instalacións destinados á docencia técnico-profesional.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

Correspóndenlle a este servicio, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elabora-lo anteproxecto de orzamentos da Dirección Xeral, e controla-la xestión e execución do gasto nas súas unidades.

-Programar e organiza-los plans de educación de adultos.

-Presentar propostas e xestiona-las accións de promoción educativa no que atinxe a esta subdirección xeral.

-Elabora-las propostas da normativa que regulen as ensinanzas de educación de adultos nas súas modalidades presencial e a distancia.

-Coordina-las actuacións que en materia de educación de adultos realicen as diferentes unidades e centros docentes desta consellería.

-Asumi-la responsabilidade da coordinación dos programas educativos europeos e, no que compete a esta consellería, levar a cabo o seu seguimento e avaliación.

-Promove-la participación dos centros escolares en proxectos de cooperación multilateral en ámbitos diversos como a educación intercultural, a formación continua dos docentes, a utilización de novas tecnoloxías, o ensino de idiomas e a educación de adultos.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

c) Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral.

Correspóndenlle a este servicio, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Impulsa-las relacións entre os responsables da formación, do emprego e da producción.

-Promove-lo establecemento de convenios con empresas e entidades dispostas a colaborar tecnicamente coa xestión da formación en centros de traballo.

-Desenvolver plans de información e explicación ás empresas sobre a importancia e o interese da súa colaboración na participación e bo desenvolvemento das prácticas dos alumnos.

-Asesorar e apoia-los centros educativos nas súas relacións coas empresas e no proceso de elaboración do convenio entre o centro educativo e o centro de traballo.

-Elaborar bancos de datos sobre o tecido empresarial da Comunidade Autónoma, así como sobre as condicións e disposicións das entidades e empresas para colaborar na realización da formación en centros de traballo.

-Promove-la realización de estadías formativas en empresas para os profesores de formación profesional.

-Elaborar propostas de normativa para o desenvolvemento de programas de garantía social e iniciativas que lles proporcionen ós alumnos unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou prosegui-los seus estudios.

-Impulsa-la realización de actividades de orientación profesional.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2. Subdirección Xeral de Ordenación Educativa.

Correspóndelle a esta subdirección xeral: a elaboración das propostas curriculares nos niveis e modalidades do ensino non universitario, e da súa normativa académica e organizativa; a confección de programas para atende-las necesidades educativas especiais e a diversidade dos alumnos; a supervisión dos proxectos curriculares e experimentais que se realizan nos centros; o estudio dos programas educativos; a planificación, execución -cando proceda-, e avaliación dos programas de formación, perfeccionamento e reciclaxe do profesorado das diferentes áreas e niveis; e a colaboración coas institucións universitarias responsables da formación inicial do profesorado.

Para o desenvolvemento das súas funcións estructúrase nas seguintes unidades con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elabora-las propostas dos currículos educativos nos diferentes niveis e modalidades do ensino non universitario.

-Elabora-las propostas da normativa que regule a educación especial, a acción titorial, a orientación escolar e profesional, e as adaptacións curriculares para atende-la diversidade dos alumnos.

-Propoñe-la autorización de libros de texto e demais material curricular.

-Propoñe-la autorización, seguimento e avaliación de proxectos experimentais, e determina-los criterios para asesorar e supervisa-los proxectos curriculares dos centros.

-Propoñe-la autorización de ensinanzas e actividades técnico-profesionais e de materias optativas.

-Propoñe-las resolucións sobre validacións e equivalencias nos estudios regulados pola LOXSE, ou pola lexislación aplicable, e nos recursos presentados polos alumnos, os seus pais ou titores; as convocatorias de gracia; e a organización das probas de acceso nos estudios de réxime especial e de formación profesional.

-Planifica-las probas de acceso nos estudios de réxime especial e da formación profesional.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Formación do Profesorado.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdireción xeral, as seguintes funcións:

-Analiza-las necesidades de formación do profesorado e a proposta do plan de formación, así como a adopción das medidas necesarias para a súa execución.

-Coordina-los distintos centros de formación continuada do profesorado.

-Prepara-las propostas de convocatorias relacionadas coa formación do profesorado, e as dos convenios con outras institucións que teñan como finalidade inicial ou permanente a formación do profesorado.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 8º.-Dirección Xeral de Universidades.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Universidades a ordenación, planificación e execución das competencias, en materia de universidades e ensinanzas universitarias, correspondentes a esta consellería en relación coas que se lle atribúe no artigo 31 do Estatuto de autonomía para Galicia, na Lei orgánica 11/1983, de reforma universitaria, na Lei galega

11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, e nas disposicións dictadas no seu desenvolvemento. Tamén lle corresponde elabora-la proposta e, se é o caso, executa-los plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal docente das universidades galegas, e de orientación e apoio económico ós estudiantes universitarios.

Para o exercicio destas competencias, a Dirección Xeral de Universidades estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Universidades.

Correspóndelle a esta subdirección xeral: exerce-las competencias relativas á elaboración do anteproxecto do orzamento da dirección xeral, a súa xestión e seguimento; xestiona-los programas de orientación e de información ós estudiantes universitarios; a elaboración dos anteproxectos de disposicións relativas á coordinación do sistema universitario de Galicia. Así mesmo correspóndelle: a xestión das accións de apoio á formación e actualización do profesorado universitario e de apoio económico ós estudiantes universitarios; o estudio e proposta de resolución nos recursos administrativos referentes ó seu ámbito competencial; e a distribución da información e da documentación ós diversos servicios desta dirección xeral.

Para o desenvolvemento destas competencias contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Coordinación do Sistema Universitario.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdireción xeral, as seguintes funcións:

-Xestiona-la creación e recoñecemento en Galicia de universidades e centros universitarios; autoriza-la implantación de estudios universitarios, tanto de carácter oficial e de validez en todo o territorio nacional coma os conducentes a títulos conforme o sistema vixente nos países estranxeiros.

-Xestiona-las relacións administrativas cos órganos estatais e autonómicos para a planificación e coordinación en materia universitaria, así como prepara-la execución dos seus acordos.

-Xestiona-las relacións administrativas cos órganos colexiados e unipersoais das universidades, cos centros asociados da UNED en Galicia, e cos centros adscritos, propios e integrados, do sistema universitario.

-Prepara-la convocatoria das accións de apoio á formación e actualización do persoal docente das universidades galegas, e face-lo seu seguimento.

-Manter actualizado o banco de datos, no que afecta ás súas funcións, para a elaboración de estatística do sistema universitario de Galicia.

-Preparar e face-lo seguimento dos convenios que afecten ás súas funcións.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Preparárlle-los programas de orientación e información ós estudiantes universitarios, e face-lo seu seguimento.

-Xestiona-lo proceso de incorporación dos estudiantes ó sistema universitario de Galicia.

-Manter actualizado o banco de datos, no que afecte ás súas funcións, para a elaboración da estatística do sistema universitario de Galicia e para presta-lo servicio de información á Comunidade Universitaria.

-Prepara-la convocatoria das accións de apoio económico ós estudiantes universitarios, e face-lo seu seguimento.

-Preparar e face-lo seguimento dos convenios que afecten a estas funcións.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

c) Servicio de Financiamento do Sistema Universitario.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elabora-las propostas de financiamento do sistema universitario de Galicia.

-Face-lo seguimento da xestión do orzamento e da contratación administrativa desta dirección xeral.

-Prepara-la documentación precisa para elabora-la proposta da normativa e do control dos prezos públicos do sistema universitario de Galicia.

Manter actualizado o banco de datos, no que afecta as súas funcións, para a elaboración da estatística do sistema universitario de Galicia.

-Xestiona-las relacións administrativas coa xerencia das universidades, e demais dependencias, encargadas da xestión económica e dos investimentos.

-Xestina-los convenios que, pola súa materia, afecten ás competencias desta dirección xeral.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

Artigo 9º.-Dirección Xeral de Política Lingüística.

A Dirección Xeral de Política Lingüística exercerá ou colaborará, segundo o caso, nas funcións derivadas da promoción e ensino da lingua galega.

Para exerce-las súas funcións, a Dirección Xeral de Política Lingüística estructúrase da seguinte forma:

1. Subdirección Xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

Correspóndelle a esta subdirección xeral: a elaboración das propostas de planificación ordenadas desde a comisión coordinadora ou desde a consellería; a coordinación e xestión das actividades de promoción da lingua galega e dos plans e programas pedagóxicos para o ensino da nosa lingua; o control orzamentario desta dirección xeral e a súa coordinación económico-administrativa.

Para o desenvolvemento destas funcións esta subdirección xeral contará coas seguintes unidades, con nivel orgánico de servicio:

a) Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Propoñer e executa-los plans, programas e orientacións pedagóxicas para o ensino da lingua galega nos diferentes niveis, ciclos e modalidades da educación non universitaria, en coordinación coa Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

-Promover e organizar congresos e seminarios en materia de lingua galega.

-Emitir informes no aspecto lingüístico-normativo sobre os libros de texto escritos en galego, e supervisa-la correspondente producción de material didáctico de apoio ós centros de ensino.

-Coordina-los cursos de formación de lingua galega dirixidos a funcionarios públicos e a particulares que organice a dirección xeral, e expedi-los certificados e títulos correspondentes a estes cursos.

-Propoñe-la homologación e recoñecemento das certificacións de cursos de lingua galega.

-Promociona-las actividades de fomento da docencia e da investigación da lingua, literatura e realidade galega nos departamentos das universidades de fóra da Comunidade Autónoma, e colaborar cos centros galegos nesa promoción, en coordinación coa Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas en materia de ensino da lingua.

-Estudiar e instruí-los recursos sobre expedientes de exención da materia de lingua galega, de acordo coa lexislación aplicable.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

b) Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

Correspóndenlle, baixo a dirección da subdirección xeral, as seguintes funcións:

-Elabora-lo anteproxecto de orzamento desta dirección xeral, e exerce-la súa xestión económico-administrativa e o seu control orzamentario.

-Prepara-las propostas de convocatorias e realiza-lo seguimento e o pagamento das subvencións precisas para a promoción da lingua galega.

-Xestiona-la contratación administrativa para a realización de actividades de promoción da lingua galega, así como dos convenios de colaboración con esta finalidade.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

c) Servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Exerce-lo cargo de secretario da comisión rectora do centro.

-Asisti-lo coordinador científico nos seus cometidos.

-Tramita-la documentación precisa para a realización da xestión do centro, e colaborar na xestión e control dos custos do centro e das actividades e programas que se realicen.

-Apoia-los directores técnicos dos departamentos do centro na realización dos proxectos de investigación e de formación.

-Se-lo coordinador do persoal do centro.

-Calquera outra análoga que lle encomende a dirección.

Artigo 10º.-As delegacións provinciais.

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co establecido no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, polo que se reorganiza a Administración periférica da Xunta de Galicia e se regulan as competencias dos órganos territoriais.

Nos seus ámbitos territoriais, correspóndelles ás delegacións provinciais desempeña-las competencias determinadas no devandito Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e as derivadas da desconcentración de competencias efectuada en virtude dos decretos 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro, así como todas aquelas que lle sexan atribuídas por disposición legal ou lle sexan delegadas polo conselleiro.

Para o desenvolvemento destas funcións cada delegación provincial contará coas seguinte unidades, con nivel orgánico de servicio:

1. Secretaría da delegación.

Correspóndenlle, baixo a dirección do delegado, as seguintes funcións:

-Impulsar e instruí-la actividade administrativa da delegación, e coordina-la xestión do persoal dela dependente e a do seu réxime interior.

-Elabora-lo anteproxecto de orzamento da delegación, e a administración, o control e a xustificación dos créditos que lle fosen asignados.

-Supervisa-las funcións do Gabinete de Normalización Lingüística.

-Elabora-las estatísticas das materias que sexan da súa competencia.

-Asesorar e asistir, técnica e administrativamente, o delegado, a quen substituirá en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

2. Servicio Provincial de Inspección.

Correspóndenlle, baixo a dirección do delegado provincial, as seguintes funcións:

-Asesorar, informar e orienta-los distintos sectores da comunidade educativa en materia de ensino.

-Inspecciona-los centros docentes públicos e privados non universitarios, e os servicios educativos.

-Supervisa-las actas de avaliacións parciais e finais.

-Propoñer medidas sobre xestión dos recursos educativos, e as demais funcións establecidas no Decreto 135/1993, do 24 de xuño.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

3. Servicio de Persoal.

Correspóndenlle, baixo as directrices da secretaría provincial, as seguintes funcións:

-Elabora-las nóminas dos funcionarios dependentes da delegación e as dos centros públicos e concertados.

-Tramita-los expedientes administrativos do persoal docente e non docente, especialmente en relación co concurso de traslados, cumprimento de trienios e sexenios, licencias, permisos, etc.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

4. Servicio de Promoción Estudiantil.

Correspóndenlle, baixo a dirección do delegado provincial, as seguintes funcións:

-Recolle-los datos para o trazado dos itinerarios do transporte escolar, así como das súas paradas e das dificultades técnicas nos seus percorridos.

-Analiza-los datos sobre a rapidez e a seguridade do servicio de transporte escolar.

-Tramita-los asuntos relacionados cos servicios de transporte e comedor escolares, e coas escolas-fogar, segundo as directrices do Servicio de Xestión dos Servicios Educativos Complementarios.

-Coordinar cos servicios provinciais de transportes das delegacións da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a verificación da aptitude técnica dos vehículos destinados a transporte escolar e, en especial, que cumpran cos requisitos esixidos no Real decreto 2296/1983, sobre seguridade no transporte escolar.

-Xestiona-la concesión de bolsas e axudas ó estudio, e tramita-las solicitudes de títulos e libros de cualificación.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

5. Servicio de Programación e Contratación.

Correspóndenlle, baixo a dirección do delegado provincial, as seguintes funcións:

-Instruí-los expedientes de creación, modificación e supresión de centros públicos e privados non universitarios dependentes desta consellería; así como informar nos expedientes de desafectación de centros públicos.

-Tramita-los concertos educativos, e a concesión de subvencións e axudas a unidades de educación infantil.

-Xestiona-los expedientes de contratación de obras, en colaboración co servicio da unidade técnica adscrita á delegación provincial.

-Tramita-los expedientes de equipamento e dotación artística.

-Xestiona-la actividade das escolas viaxeiras.

-Calquera outra análoga que lle sexa encomendada.

6. Servicio da Unidade Técnica.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

-Elaborar e supervisa-los proxectos de obras de reforma, ampliación e/ou mellora das obras programadas pola secretaría xeral ou que realice a delegación provincial correspondente; así como confecciona-los documentos técnicos nos expedientes de proxectos de obras, de reformados ou dos complementarios que lle sexan encomendados pola secretaría xeral da consellería.

-Vixia-lo cumprimento das disposicións legais nestes proxectos; e ordenar, regular e coordina-los criterios técnicos aplicables neles, especialmente no relativo á seguridade e á saúde, á normativa urbanística e ós estudios do solo.

-Dirixir, coordinar, inspeccionar, xestionar e vixia-las obras que vaia executa-la consellería na provincia; e singularmente as derivadas do desenvolvemento de plans ou programas especiais, como pode se-lo do sistema universitario de Galicia ou o de desenvolvemento da rede de centros nesta comunidade.

-Controlar e emitir informe sobre as informa-las obras de reparación, ampliación e mantemento dos inmobles a cargo da consellería, así como actualiza-lo inventario de obras e das necesidades nos centros educativos públicos e privados.

-Emitir informe sobre a adecuación á normativa vixente dos proxectos de obras que realicen os centros privados, e controlar posteriormente a correcta execución destas.

-Calquera outra de carácter técnico que lle sexa encomendada polo delegado provincial de Educación ou pola secretaría xeral da consellería.

Artigo 11º.-Os órganos colexiados.

Son órganos colexiados da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os seguintes:

1. O Consello Escolar de Galicia, creado pola Lei 3/1986, do 18 de decembro.

2. O Consello Universitario de Galicia, creado pola Lei 5/1987, do 27 de maio, e modificado pola Lei 11/1989, do 20 de xullo.

3. O Consello Galego de Ensinanzas Tecnolóxico-Profesionais, creado polo Decreto 348/1990, do 22 de xuño, e modificado polo Decreto 223/1994, do 7 de xullo.

4. O Consello Galego de Educación e Promoción de Adultos, creado pola Lei 9/1992, do 24 de xullo.

Disposición adicional

Única.-As competencias que este decreto lles atribúe ós órganos desta consellería, en materia informática, entenderanse sen prexuízo das atribuídas ó Instituto Galego de Estatística, e exerceranse consonte coas directrices previstas nas leis reguladoras da estatística e no Plan Galego de Estatística.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique a denominación ou o contido das direccións xerais, das subdireccións xerais e dos servicios existentes con anterioridade, ou se suprima algunha destas unidades, autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, por proposta do director xeral de Persoal, para readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou de inferior nivel, se se trata de prazas de provisión por concurso, ata que, neste último caso, tales postos fosen cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que

en ningún caso poida significa-la readscrición ou adscrición cambio de residencia.

Todo iso sen prexuízo do disposto no artigo 62, números 4º e 5º, da Lei 41/1988, da función pública de Galicia e na Lei estatal 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias atribuídas nesta materia á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Segunda.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co disposto no artigo 15.5ºda Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, elaborará a proposta da relación de postos de traballo que resulten da aplicación do presente decreto, efectuando a súa tramitación de acordo coa normativa vixente.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 346/1996, do 13 de setembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Esta estructura orgánica non suporá aumento de gasto.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

7034