Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 28 de xullo de 1998 Páx. 8.541

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, dispón no seu artigo 10 que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. O mesmo artigo establece no seu número 2 que lle corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbana e dos topónimos de Galicia.

Tendo en conta o Decreto 132/1984, do 6 de setembro, polo que se establece o procedemento para a fixación ou recuperación da toponimia, contando co preceptivo dictame da Comisión de Toponimia, emitido na súa reunión do día vintenove de xuño de mil novecentos noventa e oito, aínda que os topónimos correspondentes ás entidades de poboación que figuran como anexo a este decreto xa foron aprobados e publicados no Diario Oficial de Galicia, as correccións propostas pola comisión fan necesario aproba-lo nomenclátor correspondente á provincia de Pontevedra como corpo único que recolla a forma oficial das ditas entidades.

Polo exposto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa

reunión do día dous de xullo de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda aprobado o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra que figura como anexo a este decreto.

Disposición adicional

Do establecido neste decreto e do seu anexo daráselles conta ás autoridades estatais correspondentes para os efectos que cumpran no exercicio das súas funcións.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas normas de igual ou inferior categoría que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xullo de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

6810