Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 30 de xullo de 1998 Páx. 8.753

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 15 de xullo de 1998 pola que se crea a Comisión Asesora en Psicoxeriatría.

Nas últimas décadas experimentáronse en Galicia cambios notables en relación coa demencia, desde distintos puntos de vista. Neste sentido, no só se modificou o concepto que ten a poboación deste padecemento, senón que ademais, se multiplicou a preocupación social e se variou a presentación asistencial, desde a perspectiva médica e social tanto no referente ás infraestructuras ou medidas desenvolvidas polas institucións públicas e privadas para atende-los pacientes con demencia como no apoio e formación ás súas familias coidadoras.

O envellecemento da poboación galega é de sobra coñecido, cunha esperanza de vida superior á doutros países industrializados (máis de 77 anos) e unha proporción elevada de persoas da terceira idade, feito que permite supoñer a existencia dunha prevalencia importante de individuos con demencia e especialmente coa enfermidade de Alzheimer.

O elevado número de persoas que padecen demencia e a enfermidade de Alzheimer na nosa Comunidade Autónoma, coa conseguinte deterioración que se produce na vida do individuo e nas persoas que os rodean, motiva a necesidade de crear un organismo asesor da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais nesta materia.

Por todo isto, en uso das facultades que me confire o artigo 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Comisión Asesora en Materia de Psicoxeriatría.

Artigo 2º

A Comisión Asesora terá a seguinte composición:

a) Presidente: o director xeral da División de Asistencia Sanitaria.

b) Vicepresidente: o subdirector xeral de Coordinación e Avaliación Asistencial.

c) Secretario: o subdirector xeral do Programa de Atención Sociosanitaria.

d) Vocais:

-O subdirector xeral de Farmacia e Productos Sanitarios.

-O xefe do Servicio de Saúde Mental.-Un representante da Federación da Asociacións Galegas da Familiares de enfermos de Alzheimer (Fagal), nomeado por instancia dela.-Dous vocais designados polo director xeral de Servicios Sociais.-Cinco vocais designados polo director xeral da División de Asistencia Sanitaria, pertencentes ós seguintes colectivos:

- Un médico especialista en neuroloxía.

- Un médico especialista en psicoxeriatría.

- Un médico de atención primaria.

- Unha enfermeira de atención primaria.

- Un xeriatra ou xerocultor.

Artigo 3º

1. Correspóndenlle á Comisión Asesora de Psicoxeriatría as seguintes funcións:

a) Asesorar-los organos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, así como os organismos que dependen desta sobre, a organización da atención das persoas maiores con enfermidades psicoxeriátricas.

b) Establece-los protocolos de utilización para a detección da enfermidade no seu inicio, aplicables polos médicos de atención primaria.

c) Establece-los protocolos de seguimento multidisciplinar para ós enfermos xa diagnosticados.

d) Elabora-los estudios e informes sobre a prescrición correcta, os medicamentos indicados para o tratamento da enfermidade de Alzheimer.

e) Establecer un protocolo de utilización dos medicamentos no tratamento do Alzheimer e outras demencias.

f) Promove-la información e aplicación das recomendacións efectuadas en cuanto a aplicación dos protocolos sobre diagnóstico, seguimento e tratamento farmacoterapéutico a través dunha folla informativa da comisión.

g) Propoñe-la adopción das medidas precisas para crear un rexistro de enfermos, garantindo a confindencialidade e con fins que promovan a mellora da atención ó enfermo e lle facilite os coidados ó coidador habitual.

h) Propoñe-las actuacións destinadas ó apoio e formación das familias a cargo de persoas maiores con demencia.

i) Impulsa-lo movemento asociativo e voluntariado social neste campo.

k) Aqueloutras funcións que por parte do seu presidente se consideren oportunas.

2. A comisión a través do seu presidente poderalles solicitar asesoramento ós expertos que considere oportunos para as funcións que se lles enconmende.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral da División de Asistencia Sanitaria para adopta-las medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1998.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

6735