Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1998 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos básicos de informática, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:
1. Obxectivos: os cursos teñen por obxectivo principal da-los coñecementos mínimos necesarios en materia de informática, para que os policías se familiaricen cos novos medios técnicos de traballo.
2. Destinatarios: os cursos van dirixidos ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, e ós membros da unidade do CNP adscrita á Comunidad Autónoma de Galicia, e no caso de quedaren prazas vacantes, ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.
3. Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.
4. Prazas: o número de prazas que se ofertarán será de 20 por curso.
5. Solicitudes:
-O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a máquina ou con letra moi clara a instancia que figura no anexo.
-O prazo para a presentación de instancias rematará o día 24 de setembro, ás 14 horas.
-As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico, e seladas; isto será requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito levará consigo a non admisión no devandito curso.
-As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
6. Contido e duración: os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas: informática básica, MS-DOS 6.20, windows 3.1, wordperfect 6.1.
7. Datos: os cursos celebraranse do 19 de outubro ó 6 de novembro. O horario de cada curso será o seguinte:
-1º curso:
Datas: 19 de outubro ó 6 de novembro.
Horario: das 16 ás 18 horas.
-2º curso:
Datas: 19 de outubro ó 6 de novembro.
Horario: das 18 ás 20 horas.
8. Relación de admitidos: a relación de admitidos publicarase o día 30 de setembro no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.
9. Lugar: os cursos desenvolveranse na aula de informática da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.
10. Certificado de asistencia e aproveitamento: ó remate de cada curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este e superen unha proba de coñecementos.
11. Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 1998.
Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade
7486

