Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Luns, 07 de setembro de 1998 Páx. 10.023

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 1998, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, pola que se conceden axudas para o desenvolvemento de proxectos educativos conxuntos no marco do Programa Sócrates, Lingua, Acción E, que se realizarán entre o 1 de xullo de 1998 e o 31 de abril de 1999.

Por orde da Consellería de Educación do 29 de xullo de 1997 (DOG do 18 de setembro), convocáronse axudas para o desenvolvemento de proxectos educativos conxuntos no marco do Programa Sócrates, Lingua, Acción E.

De conformidade co disposto no apartado décimo da citada orde

RESOLVO:

Primeiro.-Adxudicarlles axudas, pola contía que se indica, para a realización de intercambios e encontros escolares que se desenvolverán entre o 1 de xullo de 1998 e o 31 de abril de 1999, ós centros que figuran relacionados no anexo I. Neste anexo tamén figuran os centros que renunciaron á axuda concedida antes da publicación no DOG. Os centros en reserva figuran no anexo II.

Segundo.-O libramento das axudas ós centros realizarase a través da Axencia Nacional Sócrates. A dita axencia enviaralle a cada un dos centros seleccionados o modelo de contrato elaborado pola Comisión Europea. Este documento deberá ser formalizado e asinado polo director do centro e remitido posteriormente á Axencia Nacional Sócrates (Bravo Murillo, 38. 28015 Madrid).

Terceiro.-Unha vez recibidos os fondos da Comisión Europea, a Axencia Nacional Sócrates iniciará a tramitación para efectua-lo libramento das cantidades correspondentes a cada un dos centros seleccionados, de acordo co establecido nos contratos asinados polos ditos centros.

Cuarto.-De acordo coa normativa vixente, os beneficiarios deste tipo de axudas quedan obrigados a:

1. Comunicar, se é o caso, a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que, se é o caso, poida efectua-la Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como a Axencia Nacional Sócrates e a Comisión Europea.

3. Xustifica-lo correcto investimento das axudas recibidas, mediante a presentación da seguinte documentación:

3.1. Memorias.

Os centros beneficiarios enviarán memoria descritiva do Proxecto Educativo Conxunto (PEC), cunha extensión máxima de 25 folios. A dita memoria reflectirá o grao de cumprimento dos obxectivos programados, a lista de alumnos participantes e a avaliación das actividades levadas a cabo, incluíndo o producto final elaborado polos alumnos. Poderá xuntarse material audiovisual. Enviarase igualmente copia do informe financeiro final e da folla de estatísticas enviada á Axencia Nacional Sócrates.

A documentación deberá remitirse á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional (Edificio San Lázaro 107. 15771 Santiago de Compostela), especificando «Programa Sócrates, Lingua, Acción E», no prazo dun mes desde a finalización da actividade.

3.2. Xustificación económica.

3.2.1. Un informe financeiro final que inclúa o total dos gastos reais que poidan optar á axuda e nos que se incorrese para a participación, así como os ingresos totais, en particular os cofinanciamentos obtidos. Este informe presentarase seguindo o modelo de liquidación de subvención enviado pola Axencia Nacional.

3.2.2. Os billetes orixinais de transporte (avión, tren) de tódolos participantes no intercambio e as facturas de aloxamento.

3.2.3. A folla estatística enviada pola Axencia Nacional con tódolos datos formalizados.

3.2.4. Un resumo de dúas páxinas escrito a máquina e a dobre espacio do informe final (memoria pedagóxica) sobre as actividades desenvolvidas durante o proxecto que conteña a lista cos nomes dos participantes no intercambio, e mención ó producto final dos alumnos.

A citada xustificación económica deberá remitirse á dita Axencia Nacional Sócrates, e dentro do prazo marcado no punto 3.1., exceptuando a ficha de liquidación financeira, que se remitirá nos dez días seguintes á súa recepción.

Quinto.-A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nestas bases levará consigo o reintegro á Axencia Nacional Sócrates das cantidades non xustificadas e as esixencias dos xuros de demora, sen prexuízo das responsabilidades administrativas en que poida incorrer conforme os artigos 81 e 82 da vixente Lei xeral orzamentaria na súa nova redacción dada pola Lei 31/1990, do 27 de decembro.

Sexto.-Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou

entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Sétimo.-Contra a resolución de adxudicación, os centros interesados poderán interpoñer no prazo dun mes, recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Oitavo.-A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1998.

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e Formación Profesional

ANEXO I

PROXECTOS SELECCIONADOS

CentroProvinciaTítulo do proxectoPaísAxuda lingua

IES María Casares. Santa CruzA CoruñaDos Xograres a InternetFrancia1650

IES MelideA CoruñaA Comparison Of Denmark And SpainDinamarca3050

IES Monte NemeA CoruñaLiguria e Galicia. De Zonas de Emigración a TurismoItalia2098

Esc. Oficial Idiomas A CoruñaA CoruñaComunicarse É CoñecerseInglaterra1133

IES Luis SeoanePontevedraComparación de Estudiantes de SecretariadoAlemañaRenuncia

ANEXO II

PROXECTOS EN LISTA DE RESERVA

CentroProvinciaTítulo do proxectoPaísNº Supl.

IES A SangriñaPontevedraA Herdanza Helenística na Linguaxe CientíficaGrecia1

Colexio San José de la GuíaPontevedraAnimación á LecturaBulgaria2

IES Xinzo de LimiaOurenseCivilización Clásica en Italia e GaliciaItalia3

IES Lucus AugustiLugoGalicia e Piamonte: Semellanzas e DiferenciasItalia4

IES MonelosA CoruñaJubilaneum: Encontros na Rota de PeregrinaxeItalia5

IES Eduardo Blanco AmorOurenseGalicia e Manchester, Rexións ComplementariasInglaterra6

EFA PiñeiralA CoruñaEstudio Cultural de AquitaniaFrancia7

IES Luis SeoanePontevedraComparación das Condicións de TraballoAlemaña8

7320