Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 1999 Páx. 1.637

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Editorial La Capital, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Editorial La Capital, S.L. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-12-1998, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité de empresa, o día 19-11-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de decembro de 1998.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais

Acta final da negociación do convenio da Editorial La Capital, S.L.

Representación social:

José Manuel Mallo García.

Francisco Canosa Leira.

Representación empresarial:

Juan Ramón Díaz García.

Manuel Ferreiro Regueiro.

Ignacio López García.

José María Rioboo Núñez.

Reunidos na Coruña o día catro de decembro de mil novecentos noventa e oito os que máis arriba se relacionan, compoñentes todos eles da empresa Editorial La Capital, S.L., propietaria do xornal El Ideal Gallego, chegaron ós seguintes acordos definitivos, nos que queda recollida a normativa do con

venio colectivo que ten o articulado que se transcribe a seguir:

Disposición preliminar.: o presente convenio colectivo de empresa foi concertado entre a representación das entidades Editorial Celta, S.A., Artes Gráficas La Capital, S.A., Editorial La Capital, S.L., editora do xornal El Ideal Gallego e o comité de empresa.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

As normas contidas neste convenio colectivo serán de aplicación en tódolos centros de traballo de Editorial Celta, S.A., Editorial La Capital, S.L. e Artes Gráficas La Capital, S.A., situados na provincia da Coruña.

No non previsto neste convenio, que substitúe integramente a todo o anterior, aplicaranse con carácter supletorio as disposicións legais do Estado ou Comunidade Autónoma vixentes e normas regulamentarias de aplicación.

Artigo 2º.-Ámbito persoal e funcional.

O presente convenio colectivo afectará a todo o persoal que presta os seus servicios na empresa mediante contrato laboral, calquera que for o seu cometido.

Quedan expresamente excluídos:

A) Os que desempeñen funcións de alta dirección.

B) Profesionais liberais vinculados por contratos civís de prestación de servicios.

C) Asesores.

D) Os correspondentes e colaboradores que teñan formalizado contrato civil coa empresa e non estean suxeitos a relación laboral ningunha.

E) Os colaboradores á peza e os que non manteñan relación continuada coa empresa.

F) Os axentes comerciais ou publicitarios que traballen para Editorial Celta, S.A. ou Editorial La Capital, S.L. e Artes Gráficas La Capital, S.A., con liberdade de representar outras empresas dedicadas a igual ou diferente actividade.

G)O persoal autónomo ou o pertencente a empresas concesionarias que teña formalizado un contrato civil de prestación de servicios con Editorial Celta, S.A., Editorial La Capital, S.L. ou Artes Gráficas La Capital, S.A.

H) Calquera outro excluído pola lexislación laboral.

Desde o punto de vista funcional, as normas do convenio afectan a tódolos traballos da empresa, entendéndose por tales os que teñan relación directa ou indirecta coa edición ou impresión de publicacións, sexan ou non diarias, de información xeral, actualidade, etc.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade, vixencia, denuncia e duración.

As representacións conveñen en que, sendo o pactado un todo indivisible, considerarán o convenio nulo e sen eficacia ningunha no suposto de a autoridade laboral ou xudicial competente non aprobar algún pacto fundamental, a xuízo de calquera das partes, co que quedase desvirtuado o contido do convenio.

A vixencia do presente convenio será desde o 1 de xaneiro de 1998 ó 31 de decembro do 2001, con independencia da data de publicación no BOP, e pode ser prorrogada anualmente se ningunha das partes o denuncia con tres meses de anticipación ó vencemento del ou da súa prórroga.

Caso de non mediar denuncia ou, mediando denuncia, se non se consegue acordo, no ánimo de estimula-la negociación, páctase expresamente a ultravixencia de todo o contido do convenio por un período de tres anos coa única excepción de cuantifica-lo incremento salarial para o 2002 no incremento do IPC previsto polo Goberno nos cadros macroeconómicos para o dito ano, incrementando a cifra do dito IPC nun 5% do IPC.

Os citados incrementos aplicaranse sobre as táboas correspondentes á anualidade do convenio inmediatamente anterior.

Artigo 4º.-Condicións económicas.

Conscientes das circunstancias económicas actuais da empresa, para os anos 1998, 1999 e 2000 non sufrirán variación as actuais contías salariais, que se concretan nas táboas que se xuntan como anexo I.

Antes de finaliza-lo ano 1999, a Comisión Negociadora manterá unha reunión co fin de analiza-la situación económica da empresa.

As táboas salariais para o 2001 elaboraranse de acordo cos seguintes parámetros:

2001: para salarios e outros conceptos económicos: incremento do 5% da cifra do IPC (%) previsto e tomado como base polo Goberno para a elaboración das táboas macroeconómicas dos orzamentos xerais do Estado do ano de que se trate. Segundo a evolución da empresa, poderíase considerar un incremento adicional que se determinaría entre as partes negociadoras.

Os citados incrementos aplicaranse sobre as táboas correspondentes á anualidade do convenio inmediatamente anterior.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do cumprimento das normas contidas no convenio, formarase unha comisión paritaria, constituída por representantes da empresa e por representantes elixidos polo comité de empresa de entre os membros pertencentes á comisión negociadora deste convenio. Os acordos tomaranse por maioría simple.

Serán funcións da comisión paritaria as seguintes:

1. Vixia-lo cumprimento dos dereitos e obrigas asumidas pola empresa e traballadores.

2. Exerce-la conciliación nos conflictos de traballo que se poidan derivar da interpretación do contido do convenio.

3. Coñece-las cuestións que sobre os parágrafos anteriores lle sexan sometidas polas representacións dos traballadores e a empresa.

4. Elevar consulta ante a autoridade laboral competente sobre os puntos que precisen aclaración.

Artigo 6º.-Principio xeral.

A organización do traballo, dentro do respecto á normativa global xeral, é facultade da dirección da empresa.

Sen mingua da autoridade conferida á representación da empresa, o comité disporá das funcións previstas na lexislación vixente.

Artigo 7º.-Facultades da dirección da empresa.

Corresponde á dirección da empresa sinala-las especificacións e normas de procedemento nas tarefas, que se axustarán a unha condicións habituais de traballo co obxecto prioritario dunha óptima distribución das cargas de traballo e a plena ocupación de tódolos traballadores, de forma que se consigan os mellores índices de productividade e calidade.

Serán asignadas a cada empregado ou operario, dentro dos xerais cometidos do seu departamento, taller ou sección, as funcións que configuran o seu posto de traballo, para a súa realización simultánea ou sucesivamente durante a xornada laboral e en actividade normal.

A actividade normal é a que desenvolve un empregado baixo a dirección correspondente, consciente da súa responsabilidade, sen o estímulo da remuneración por incentivo.

O departamento de distribución, en calquera momento, poderá face-los reaxustes de carreiras que considere precisos co fin de reestructura-lo servicio de reparto.

Todo traballador está obrigado a executar cantos traballos e operacións lle ordenen os seus superiores, dentro das funcións propias da súa categoría profesional e dentro da xornada laboral.

En caso de reconversión tecnolóxica ou de implantación de novos sistemas de producción, por conveniencia ou necesidade da empresa, as prazas que queden vacantes serán amortizadas sempre que os servicios da empresa queden cubertos.

Artigo 8º.-Peche do xornal.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial de toda empresa xornalística facer chegar ós seus lectores os seus productos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia con vistas á organización dos seus ciclos de producción.

Consecuentemente, convense en que o horario de peche do xornal e comezo da tiraxe será o fixado pola empresa en cada caso, oído o comité, segundo as necesidades, en atención ós obxectivos expostos.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos dos diferentes grupos ó seu cargo e establecerán entre si os contactos que coiden necesarios para tal fin, sendo responsables dos retrasos indebidos que se orixinen, por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou por non exercicio das súas competencias ou cometidos específicos.

Artigo 9º.-Segredo profesional e incompatibilidade.

Os métodos de producción e as informacións de todo tipo que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa son datos exclusivos desta que nunca deberán ser divulgados ou facilitados a terceiros.

Sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os empregados non poderán colaborar con outros medios, axencias ou empresas que teñan actividades concorrentes ou competitivas coas propias da empresa, a non ser que medie autorización estricta e por escrito desta.

Artigo 10º.-Xornada.

A xornada laboral será de 36 horas á semana, de luns a domingo, ambos incluídos, cos descansos establecidos pola lei, segundo quendas que estableza a empresa por conveniencias do servicio, sen prexuízo da que realice o persoal suxeito a réximes especiais de traballo. A dita xornada, en canto a cómputo anual, fíxase en 1.626 horas.

Respecto á edición do xornal dos luns, a empresa poderá establecer co persoal das distintas seccións quendas para levar a cabo a dita edición.

Estas quendas faranse co número imprescindible de traballadores e de forma rotatoria, tendo en conta as dispoñibilidades de cada sección.

Os traballadores que colaboren na elaboración do xornal dos luns percibirán por cada domingo traballado unha cantidade igual ó 3% do salario base afecto a gratificacións correspondente á categoría de que se trate.

Artigo 11º.-Horarios.

As horas de entrada e saída do traballo enténdense en punto respecto da presencia no posto de traballo.

Todo o persoal afecto ó convenio estará obrigado a asinar ou ficha-la súa asistencia ó traballo.

Co fin de preve-la realización das tarefas do traballador que se encontre enfermo ou ausente, deberá comunica-la súa falta ó traballo coa maior anticipación posible, antes da hora de entrada regulamentaria.

Os horarios en tódalas seccións fixaranse no anexo II deste convenio.

Artigo 12º.-Réxime da redacción.

Dadas as especiais características do traballo dos xornalistas, o sinalamento de quendas, horarios, suplencias, tarefas e, en xeral, a organización práctica do traballo da redacción, é de exclusiva competencia do director da publicación en coordinación coas necesidades esixidas pola organización da empresa.

Ó non permiti-la natureza da profesión xornalística determinar un horario ríxido de traballo, cada membro da redacción terá asignado un horario básico, dentro do cal se lle asignará un traballo ou conxunto de traballos que realizará normalmente dentro da xornada, podendo simultanearse tódolos traballos propios da súa competencia profesional, todo isto conforme un reparto equitativo das cargas de traballo.

Os redactores que teñan recoñecida a libre disposición ademais dos cometidos que teñen asignados, estarán en todo momento ó dispor da dirección para cubrir necesidades informativas de carácter eventual.

Artigo 13º.-Mobilidade xeográfica.

A) Desprazamento: a empresa poderá despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presten os seus servicios, fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou contratación.

B) Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamento implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste máis de 60 km do seu centro actual ou de domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos previstos na lei, establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA.

-Recuperación do posto de traballo anterior no caso de laudo ou sentencia favorable.

-Aviso previo de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de 3 anos.

-Se, por traslado, un dos cónxuxes cambia de residencia, o outro, se for traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslados darán lugar ó dereito do traballador a percibi-los seguintes conceptos compensatorios:

-Billete para o traballador e os familiares que vivan ás súas expensas.

-Transporte de mobiliario, roupa e enxoval do lar.

-Indemnización consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, nun único pagamento.

-Compensación durante doce meses da diferencia de custo de vivenda en aluguer (vivenda das mesmas características).

-Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción dos seus contratos percibindo unha indemnización de 25 días de salario base por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 14º.-Notificación de cesamento.

O persoal cun contrato superior a un ano que desexe voluntariamente extingui-lo seu contrato de traballo, deberallo notificar á dirección cunha anticipación de quince días. O incumprimento deste prazo suporá a perda ó dereito das partes proporcionais das gratificacións extraordinarias, participación en beneficios e vacacións non desfrutadas que neste momento estean devengadas.

Artigo 15º.-Retribucións.

Os conceptos retributivos aplicables son os seguintes:

1. Salario base.

a) Salario base (afecto a gratificacións).

2. Complementos.

A) Persoais.

b) Salario non afecto a gratificacións.

a) Antigüidade.

b) Gratificación por titulación (gratificación do artigo 48º).

B) Por posto de traballo.

a) Gratificación de libre disposición.

b) Gratificación de nocturnidade.

c) Gratificación de xornada partida.

C) Por calidade ou cantidade.

a) Plus de convenio.

b) Recarga por horas extraordinarias.

c) Festivos.

D) De vencemento periódico superior ó mes.

a) Gratificacións extraordinarias.

b) Vacacións.

E) Devengos extrasalariais.

a) Participación en beneficios.

b) Compensación de gastos e quilometraxe.

Artigo 16º.-Salario ordinario e fixo.

Enténdese por salario ordinario e fixo a totalidade de remuneracións que, con carácter fixo e ordinario, se perciben no salario mensual, con independencia daquelas gratificacións que se cobran conxunturalmente en razón das condicións exteriores intrínsecas da función que se realiza.

Artigo 17º.-Salario base afecto a gratificacións.

O salario base afecto a gratificacións, que formará parte do salario ordinario e fixo de cada traballador, será fixado por categorías, no anexo I deste convenio. Servirá para o cálculo das gratificacións de antigüidade, nocturnidade e libre disposición.

Artigo 18º.-Retribución persoal. (Salario no afecto a gratificacións).

A retribución persoal é aquel complemento non afecto a pluses constituído co obxecto de que o salario ordinario e fixo de cada traballador alcance os mínimos pactados coa representación do persoal para as diferentes categorías profesionais. Quedará reflectido no mesmo anexo do fixado para o artigo anterior.

Artigo 19º.-Antigüidade.

A gratificación de antigüidade aboarase a razón dun 5% sobre o salario afecto a gratificacións conforme catro trienios e sucesivos quinquenios ata un máximo de catro.

Artigo 20º.-Gratificación de titulación.

A gratificación de titulación correspóndese coa denominada «gratificación do artigo 48º» do estatuto da profesión xornalística. A súa contía será de 8.563 pesetas mensuais e percibirase tamén en pagas extraordinarias.

Este complemento aboaráselles unicamente ós licenciados en ciencias da información.

Artigo 21º.-Réxime de libre disposición e plena dedicación.

Terán réxime de libre disposición e plena dedicación os traballadores que, precedendo pacto coa empresa ademais do cometido específico profesional que teñen asignado, estean á libre disposición da dirección en todo momento para cubri-las necesidades do servicio de carácter eventual.

Este horario poderao realiza-lo traballador de maneira continuada ou ben en dúas quendas e corresponderá á empresa, conforme as necesidades do servicio, determinar cal destas modalidades deberá cumpri-lo traballador, logo de informe preceptivo pero non vinculante do comité, cando calquera cambio poida afecta-lo traballador con carácter permanente.

O persoal que voluntariamente concerte coa empresa o réxime de «libre disposición e plena dedicación», regulado por este artigo, comprométese a acepta-lo cambio do seu horario de traballo cando as necesidades do servicio o requiran.

O traballador que teña voluntariamente convido coa empresa o réxime de «libre disposición ou plena dedicación» poderá renunciar ó dito réxime comunicándollo á dirección cunha anticipación de quince días e pasará a desempeña-la xornada de carácter xeral establecida como norma no presente convenio.

Esta gratificación aplicarase na contía do 50% sobre o salario base afecto a gratificacións. Constitúe parte integrante do salario ordinario.

Artigo 22º.-Gratificación de nocturnidade.

Aplicarase nos supostos establecidos no artigo 36 do Estatuto dos traballadores, incrementándose o valor hora/salario base afecto a gratificación nun 25%.

Esta gratificación será computable para efectos das pagas extraordinarias, paga de beneficios, así como en vacacións ou permisos retribuídos.

Artigo 23º.-Gratificación de xornada partida.

Cando o posto de traballo ou as necesidades da empresa o requiran, poderase fracciona-la xornada en dúas partes. O fraccionamento da xornada en dous períodos dará dereito á dita gratificación, que se establece na cantidade de 200 (dúascentas) pesetas por día efectivo de traballo.

Non computará en pagas extras e tampouco percibirán este plus os que figuren en réxime de libre disposición ou réximes especiais.

Artigo 24º.-Festivos.

Tódolos festivos aprobados pola autoridade laboral consideraranse como aboables e non recuperables. A empresa poderá elixir opcionalmente entre compensar economicamente o persoal a quen corresponda traballar nas festas oficiais polo dito labor ou substituí-la compensación económica pola de tempo por tempo.

Artigo 25º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados polo presente convenio percibirán as seguintes pagas extraordinarias:

A) Paga de xuño.

B) Paga de decembro.

C) Paga de setembro.

D) Paga de beneficios.

A contía das tres primeiras queda establecida nunha mensualidade. A «paga de beneficios» será o 8% das percepcións anuais que conformen as doce mensualidades e as tres pagas extraordinarias de xuño, setembro e decembro.

O salario anual resultante distribuirase en catorce mensualidades iguais. As dúas mensualidades extras faranse efectivas os días 15 de xuño e 15 de decembro, rateándose as outras dúas co salario mensual.

Artigo 26º.-Vacacións.

As vacacións terán unha duración de 31 días naturais para todo o persoal da empresa. En todas e

cada unha das seccións terán carácter rotatorio. O primeiro ano seguiranse as normas do traballador máis antigo, quedando esta primeira lista como base para as rotacións que se farán en anos sucesivos. A facultade de organiza-las ditas quendas corresponde á empresa, oído o comité.

O persoal de redacción que non desfrute os días festivos designados pola autoridade laboral terá dereito a un período adicional das súas vacacións de quince días.

Artigo 27º.-Gastos de quilometraxe.

Cando por necesidades do servicio o persoal se traslade a efectuar traballos que impliquen pasa-la noite fóra do lugar de residencia habitual, a empresa aboará a totalidade dos gastos ocasionados e xustificados. Nos casos en que, por motivos de traballo, os desprazamentos se efectúen en vehículo do traballador, aboarase a quilometraxe realizada conforme o baremo establecido pola empresa, a razón de 24 pesetas/quilómetro.

Artigo 28º.-Plus transporte.

O persoal en activo que preste os seus servicios no centro de traballo de Pocomaco seguirá percibindo por gastos de transporte as 79.752 ptas. anuais que percibe na actualidade, incrementadas nas porcentaxes que se establecen no presente convenio. Se o incremento for calculado sobre a masa salarial e repartido de forma lineal, esta gratificación non sufriría incremento ningún.

Artigo 29º.-Permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo establecidos no artigo 37.3º do Estatuto dos traballadores.

Cando o interesado, pola urxencia do caso, non puidese avisar antes a empresa, xustificará con posterioridade ante a dirección o motivo da ausencia e a imposibilidade material de ter avisado.

Artigo 30º.-Excedencias.

As excedencias poderán ser voluntarias ou forzosas e rexeranse ambas polo disposto no artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 31º.-Paga de setembro.

A súa percepción vai unida ás seguintes condicións:

-A dirección da empresa, dentro do período de vacacións regulamentario, organizará as substitucións de forma que se produzan o número indispensable de suplencias.

-Á vista das necesidades do traballo, a dirección da empresa decidirá os casos en que deba ser suplido o persoal enfermo ou accidentado.

Artigo 32º.-Enfermidade.

O persoal que se encontre en situación de baixa por enfermidade ou accidente, percibirá unha cantidade complementaria consistente na diferencia

entre as remuneracións líquidas que perciba en activo e a prestación que lle corresponde da Seguridade Social durante o período que dure a incapacidade laboral transitoria, aboándoselle durante o dito período tódolos aumentos como se estivese en activo.

Artigo 33º.-Clasificación e funcións do persoal.

Conforme as súas categorías profesionais, será a que figure no anexo II deste convenio.

Artigo 34º.-Réxime disciplinario.

Aplicarase o disposto no acordo sobre cobertura de baleiros subscrito ó abeiro do Art. 83.3º do Estatuto dos traballadores, que se xuntará como anexo III, coas modificacións propias da actividade xornalística.

Artigo 35º.-Modalidades de contratación.

A) Contratos de formación: E.T., L. 63/1997.

B) Contratos en prácticas: E.T., L. 63/1997.

C) Contratos para a realización dunha obra ou servicio determinados: para a edición de suplementos temporais dentro das páxinas del El Ideal Gallego; a realización literaria, impresión, manipulación e distribución temporais de novas publicacións ou traballos contratados con terceiros, a empresa podería contratar temporalmente o persoal necesario, ó abeiro do establecido no Art. 15, alínea a) do E.T.

Artigo 36º.-Xubilación.

A idade de xubilación fíxase de forma obrigatoria no momento en que o traballador cumpra os sesenta e cinco anos.

O persoal que, tendo máis de doce anos de antigüidade na empresa e que, precedendo acordo con ela, desexe rescindi-lo seu contrato pola súa idade, poderá optar á seguinte indemnización:

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los cincuenta e oito anos: indemnización igual a unha anualidade.

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los cincuenta e nove anos: indemnización igual a dez mensualidades.

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los sesenta anos: indemnización igual a oito mensualidades.

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los sesenta e un anos: indemnización igual a seis mensualidades.

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los sesenta e dous anos: indemnización igual a catro mensualidades.

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los sesenta e tres anos: indemnización igual a dúas mensualidades.

-Traballador que desexe rescindi-lo seu contrato ó cumpri-los sesenta e catro anos: indemnización igual a unha mensualidade.

Artigo 37º.-Cláusula de adhesión ó AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas. Igual sumisión páctase respecto do AGA II, referido a conflictos individuais, unha vez que se procede á súa sinatura polas organizacións aludidas.

Artigo 38º.-Clasificación e funcións do persoal.

1. Redacción.

Redactor xefe. É o xornalista que, ademais, coordina a redacción literaria, informativa e gráfica, con responsabilidade ante a dirección. Por delegación do director está facultado para asigna-los traballos do persoal da redacción.

Xefe de sección. É o xornalista que, ademais, asume a responsabilidade dunha sección, na que supervisa e coordina o traballo dunha ou máis persoas do cadro de persoal da redacción.

Redactor titulado. É o xornalista que, debidamente titulado, realiza un traballo de tipo fundamentalmente intelectual, de modo literario ou gráfico, dentro dos límites de tempo que sinala a súa xornada semanal e o introduce e trata no ordenador do xornal.

Será de libre disposición o redactor que, precedendo pacto coa empresa, ademais do cometido específico que ten asignado, está ó dispor da dirección en todo momento para cubrir necesidades informativas de carácter eventual.

Redactor non titulado asimilado. É o que, tendo unha formación cultural e profesional similar ó anterior, realiza as mesmas funcións que aquel, pero que ó non estar en posesión do título de licenciado en Ciencias da Información (especialidade de xornalismo), non percibe a gratificación de titulación.

Axudantes de redacción. Comprende esta categoría o persoal sen título de xornalista, adscrito á redacción, que realiza distintas funcións dentro delas, sen asumi-las obrigas do redactor. Esta categoría subdivídese en: axudantes de primeira, axudantes preferentes e axudantes.

Tratamento de imaxe. Inclúese nesta categoría, asimilada a axudante de redacción, o persoal que por medio dun escáner ou procedemento similar é capaz de facer que as imaxes (logotipos, fotografías, textos, etc.) poidan recibir un tratamento informatizado.

2. Informática.

Xefe de sección. É o técnico que, cos coñecementos necesarios de sistemas e aplicacións asume a responsabilidade de que unha sección na que supervisa e coordina o traballo de dous ou máis técnicos de sistemas e/ou aplicacións.

Técnico de sistemas e aplicacións. É o que realiza o seu traballo fundamentalmente en equipo con outro ou outros técnicos en sistemas de informática, imaxe ou arquivo, baixo a coordinación e supervisión do xefe de sección. Deberán posuí-la debida capacitación para propoñer e desenvolve-lo sistema de producción. Responsabilizaranse da instalación de redes, mantemento de equipos de reposto e dos programas. Encargaranse de probar novas versións de programas e productos alternativos que poidan conducir a unha mellora dos métodos de producción.

Axudante de aplicacións. É o que, atendendo as instruccións xerais que reciba o técnico de aplicacións de informática, imaxe ou arquivo, ou do superior xerárquico deste, se for o caso, coñece e traballa usualmente con un ou varios programas. Encargarase de realiza-las tarefas asignadas dentro do método de producción ós programas que coñecen. No caso de imaxe, terán coñecementos e responsabilidade tanto sobre os orixinais de cor como de branco e negro.

Auxiliar de aplicacións. É o persoal que axuda nas súas funcións ó axudante de aplicacións de informática, imaxe e arquivo. Nas súas funcións auxiliares deberán coñecer un ou varios programas e realiza-las tarefas asignadas dentro do método de producción ós programas que coñecen.

3. Administración.

Todo o persoal desta sección realizará o traballo que corresponda á súa categoría laboral, indistintamente, en calquera dos negociados, cando as necesidades do servicio o requiran, incluída a atención á central de teléfonos.

Xefe de sección ou departamento. Comprende esta categoría o persoal que asume baixo a dependencia directa da xerencia ou administración o mando e responsabilidade dun sector de actividades de tipo burocrático e ten ás súas ordes e baixo a súa dirección o persoal deste grupo.

Xefes de negociado. Inclúese nesta categoría o persoal que asume o mando e responsabilidade dun ou dos servicios en que se subdividen as actividades da sección, tendo persoal ás súas ordes.

Oficiais de primeira. Son aqueles empregados cun servicio determinado ó seu cargo que, con iniciativa e responsabilidade, con ou sen empregados ás súas ordes, executan baixo a dependencia dun xefe funcións administrativas.

Oficiais de segunda. Son os empregados que con certa iniciativa e con subordinación a xefes de negociado ou oficiais de primeira, se os houbese, efectuarán operacións auxiliares do departamento.

Auxiliares. Considéranse como tales aqueles que realicen as funcións asignadas ós oficiais de segunda tendo nelas unha antigüidade inferior a tres anos.

Telefonista. Son os empregados que están ó coidado da central telefónica, sen que esta sexa a súa única misión. Realizarán outras funcións que, sendo

perfectamente compatibles, lles fosen encomendadas.

3. Preimpresión.

Xefe de producción. É o que, con coñecementos xerais de tódalas actividades que constitúan a industria de prensa, están á fronte de toda a producción, dirixindo todo o proceso do traballo, coa responsabilidade de controlar, orientar, distribuír tecnicamente e dar unidade a todo o traballo que realiza o persoal das distintas seccións.

Montadores de positivos e negativos. Son os que montan indistintamente o material de fotocomposición (positivos) ou fotomecánica (negativos) e astralóns. Así mesmo, atenden o revelado e procesado de película; emulsionado, procesado e revelado de pranchas. Segundo a súa cualificación subdivídense nas seguintes categorías:

Oficial primeiro. É o operario que, con coñecementos completos de tódalas operacións deste labor, vixía todas elas, exceptuando a distribución dos traballos.

Oficial segundo. É o que, con coñecementos menos completos que o oficial primeiro, o axuda nas súas funcións e o substitúe en casos necesarios.

Oficial terceiro. É o operario que realiza funcións sinxelas e elementais dentro da sección.

4. Impresión. Rotativa.

A sección de rotativa encargarase do revelado e procesado de pranchas, o seu posterior asentamento en máquina e a impresión de exemplares.

Xefe de sección. É o que asume a responsabilidade da sección, traballa nela e coida da boa execución do traballo, tendo ás súas ordes o persoal que preste os seus servicios nesta sección.

Oficial primeiro. É o operario que, con capacidade suficiente, realiza as funcións propias do seu oficio en varias cores. Terán esta categoría os que manexan rotativas de máis de dous cilindros impresores aínda que sexan dunha soa cor e dominan todo o proceso de impresión.

Oficial segundo. É o operario que como traballo habitual ten obriga de coida-la máquinas e rexistros, axudando e suplindo en caso de necesidade o oficial de primeira.

Oficial terceiro. É o operario que nesta máquina axuda os oficiais primeiro e segundo nas súas funcións e realiza as tarefas de montaxe de papel e a colocación dos cilindros ou pranchas.

5. Peche e reparto.

Comprende as operacións necesarias para a preparación, distribución de paquetes de publicacións e preparación das etiquetas para a realización da tiraxe diaria.

Xefe de sección. É o que asume a responsabilidade da sección, traballa nela e coida da boa execución do traballo, tendo ás súas ordes o persoal que preste os seus servicios nela.

Oficial primeiro. É o operario que, con coñecementos completos de tódalas operacións deste labor, vixía todas elas, exceptuando a distribución dos traballos.

Oficial segundo. É o que con coñecementos menos completos que o oficial primeiro, lle axuda nas súas funcións, o substitúe nos casos necesarios e efectúa a distribución de exemplares, conforme as etiquetas que son elaboradas previamente.

Oficial terceiro. É o operario que realiza funcións sinxelas e elementais dentro da sección, entre elas a contaxe de exemplares, empaquetado e pegado de etiquetas, etc.

Embuchadores. Son os traballadores encargados de introducir no interior do primeiro corpo dunha publicación os demais corpos que completan a totalidade da publicación.

Repartidores. Son os encargados de entregar a domicilio as subscricións de publicacións. Os repartidores que cobren o importe das subscricións percibirán o 5% do importe delas.

Conductores. É o persoal que desempeña o seu labor na sección de peche e que, estando en posesión do permiso de conducir correspondente, efectúa o transporte de paquetes de exemplares a distribuidoras, puntos de reparto de subscricións e subscricións individuais coincidentes coas rutas que realizan. Co obxecto de compensa-lo exceso de xornada percibirá un complemento por cantidade de traballo, consistente en 16.042 pesetas mensuais incrementadas nas porcentaxes marcadas para o actual convenio sempre e cando as rotas que realicen non fosen susceptibles de reducción. Así mesmo, encargaranse do mantemento e perfecto estado de limpeza do vehículo que se lles asigne.

Mantemento.

Mantemento electromecánico e de instalacións. Son aqueles operarios que teñen encomendadas as reparacións e/ou montaxe dos elementos eléctricos e mecánicos establecidos na empresa e, así mesmo, teñen encomendado o mantemento e vixilancia das distintas máquinas ou instalacións en xeral. Establécense as categorías seguintes:

Xefe de equipo. É o operario que, ademais de posuí-los coñecementos e experiencia do oficial primeiro, posúe as aptitudes adecuadas para coordinar e xestionar un grupo de persoas ó seu cargo, responsabilizándose do traballo que realizan.

Oficial 1º. É o operario con formación e experiencia eléctrica suficiente para efectuar por si mesmo calquera tipo de reparación ou montaxe, incluídos automatismos pneumáticos e hidráulicos. Colabora coa formación dos operarios de categorías inferiores e substitúe o xefe de equipo nas ausencias deste.

Oficial 2º. É o operario que axuda o oficial 1º e os demais operarios e realiza por si mesmo reparacións ou montaxes de tipo sinxelo.

Oficial 3º. É o operario que, con formación eléctrica e mecánica básica perfecciona o seu oficio baixo a dirección das categorías superiores, axudándoos nos seus cometidos elementais.

Auxiliar de almacén. É o operario encargado da limpeza do almacén e do ordeamento de tódolos materiais esistentes, ou que diariamente se reciban, para a súa utilización diaria.

Artigo 39º.-Normas supletorias.

No previsto e regulamentado neste convenio, será de aplicación a lexislación laboral xeral.

ANEXO I

Categorías profesionais

Salario

afecto

Salario

non afecto

Salario

mes

Salario

anual

Redacción:
Redactor xefe84.59141.360125.9512.040.406,2
Xefe de sección81.26140.769122.0301.976.886
Redactor titulado70.50544.986115.4911.870.954,2
Redactor asimilado70.50543.499114.0041.846.864,8
Axudante de primeira65.12941.367106.4961.725.235,2
Axudante preferente61.81337.72399.5361.612.483,2
Axudante de redacción56.08534.91290.9971.474.151,4

Informática:
Xefe de sección72.37752.666125.0432.025.696,6
Técnico de Sist. e Aplic.67.09049.039116.1291.881.289,8
Axudante de aplicacións64.97942.804107.7831.746.084,6
Auxiliar de aplicacións61.81337.56499.3771.609.907,4

Administración:
Xefe de sección69.65249.084118.7361.923.523,2
Xefe de negociado67.09049.039116.1291.881.289,8
Oficial de primeira64.97942.804107.7831.746.084,6
Oficial de segunda61.81341.792103.6051.678.401
Auxiliar administrativo58.14442.058100.2021.623.272,4
Telefonista51.40031.82283.2221.348.196,4

Preimpresión:
Xefe de producción72.37752.666125.0432.025.696,6
Xefe de sección65.12941.367106.4961.725.235,2
Oficial de primeira64.82841.063105.8911.715.434,2
Oficial de segunda61.81340.883102.6961.663.675,2
Oficial de terceira58.14440.88399.0271.604.237,4

Rotativa:
Xefe de sección69.65244.084113.7361.842.523,2
Oficial de primeira64.82841.840106.6681.728.021,6
Oficial de segunda61.81340.883102.6961.663.675,2
Oficial de terceira58.14440.88399.0271.604.237,4

Peche:
Xefe de sección69.65244.084113.7361.842.523,2
Oficial de primeira64.82838.840103.6681.679.421,6
Oficial de segunda61.81337.56499.3771.609.907,4
Oficial de terceira58.14437.56495.7081.550.469,6
Repartidor (3 horas)35.19035.190570.078
Embuchador (2 horas)26.84315.96342.806693.457,2

Mantemento:
Xefe de sección69.82844.084113.9121.845.374,4
Oficial de primeira64.82841.063105.8911.715.434,2
Oficial de segunda61.81340.883102.6961.663.675,2
Oficial de terceira58.14440.88399.0271.604.237,4
Auxiliar de almacén58.99337.56496.5571.564.223,4

ANEXO II

SecciónMañáTardeNoite

Administración8.30 a 14.30
Administración9.30 a 13.3017.00 a 19.00
Infografía10.00 a 14.0016.00 a 19.0019.00 a 01.00
Infografía20.00 a 02.00
Montaxe20.00 a 02.00
Montaxe21.00 a 03.00
Rotativa22.45 a 04.45
Peche23.00 a 05.00
Reparto06.00 a 07.30
Reparto06.00 a 07.30
Transporte00.00 a 07.00
Transporte02.00 a 09.00
Almacén08.30 a 14.3018.00 a 20.00

RedacciónDadas as especiais características do traballo nesta sección, o sinalamento de horarios é de exclusiva competencia do director da publicación.

ANEXO III

Réxime disciplinario.

I. Principios de ordenación.

1. As presentes normas de réxime disciplinario perseguen o mantemento da disciplina laboral, aspecto fundamental para a normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como para a garantía e defensa dos dereitos e intereses lexítimos de traballadores e empresarios.

2. As faltas, sempre que sexan constitutivas dun incumprimento contratual culpable do traballador, poderán ser sancionadas pola dirección da empresa conforme a graduación que se establece no presente anexo.

3. Toda falta cometida polos traballadores clasificarase en leve, grave ou moi grave.

4. A falta, sexa cal for a súa cualificación, require comunicación escrita e motivada da empresa ó traballador.

II. Graduación das faltas.

1. Consideraranse como faltas leves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata tres ocasións nun mes por un tempo total inferior a vinte minutos.

b) A non comunicación coa anticipación previa debida da inasistencia ó traballo sen causa xustificada, salvo que se acreditase a imposibilidade da notificación.

c) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada por breves períodos de tempo e sempre que isto non causase risco para a integridade das persoas, das cousas ou ocasionase retraso na saída do xornal; se se causou risco poderá ser cualificada, segundo a gravidade, como falta grave ou moi grave.

d) A desatención e falta de corrección no trato co público cando non prexudiquen a imaxe da empresa.

e) Os descoidos na conservación do material que se tivese a cargo ou de que se fose responsable e que produzan deterioracións leves nel.

f) Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

2. Consideraranse como faltas graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo ata en tres ocasións nun mes por un tempo total de ata sesenta minutos.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo dun ou dous días durante o período dun mes.

c) O entorpecemento, a omisión maliciosa e o falseamento dos datos que tivesen incidencia na Seguridade Social.

d) A simulación de enfermidade ou accidente, sen prexuízo do previsto na alínea d) do número 3.

e) A suplantación doutro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada e saída ó traballo.

f) A desobediencia ás ordes e instruccións de traballo, incluídas as relativas ás normas de seguridade e hixiene, así como a imprudencia ou neglixencia no traballo, salvo que delas derivasen prexuízos graves para a empresa, causaren avarías ás instalacións, maquinarias e, en xeral, bens da empresa ou comportasen risco de accidente para as persoas, caso no que se considerarán como faltas moi graves.

g) A falta de comunicación á empresa dos desperfectos ou anormalidades observados nos útiles, ferramentas, vehículos e obras ó seu cargo, cando disto se derivase un prexuízo grave para a empresa.

h) A embriaguez habitual no traballo.

i) A falta de aseo e limpeza persoal cando poida afecta-lo proceso productivo ou a prestación do servicio, e sempre que previamente non mediase a oportuna advertencia da empresa.

j) A execución deficiente dos traballos encomendados, sempre que disto non se derivase prexuízo grave para as persoas ou as cousas.

k) A diminución do rendemento normal no traballo de maneira non repetida.

l) As ofensas de palabras proferidas ou de obra cometidas contra as persoas, dentro do centro de traballo, cando revistan notoria gravidade.

m) A reincidencia na comisión de cinco faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, e sempre que mediase sanción distinta da amoestación verbal, dentro dun trimestre.

n) A neglixencia no traballo que afecte a súa boa marcha ou o retraso deliberado das actuacións que lle son propias. Considerarase neglixencia a escritura con erros e os erros tanto de forma como de contido.

o) A negativa a prestar servicios extraordinarios nos casos que, polo seu carácter de imperiosa necesidade, así o requiran.

3. Consideraranse como faltas moi graves:

a) A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en dez ocasións durante seis meses ou en vinte durante un ano debidamente advertida.

b) A inasistencia inxustificada ó traballo durante tres días nun período de seis meses.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas ou a apropiación, furto ou roubo de bens propiedade da empresa, de compañeiros ou de calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

d) A simulación de enfermidade ou accidente ou a prolongación da baixa por enfermidade ou accidente coa finalidade de realizar calquera traballo por conta propia ou allea.

e) O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada reserva que produza grave prexuízo para a empresa.

f) A embriaguez habitual ou toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

g) A realización de actividades que impliquen competencia desleal coa empresa.

h) A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

i) A inobservancia dos servicios de mantemento en caso de folga.

j) O abuso de autoridade exercido por quen desempeña funcións de mando.

k) O acoso sexual.

l) A reiterada non utilización dos elementos de protección en materia de seguridade e hixiene, debidamente advertida.

ll) As derivadas das alíneas 1.d) e 2.1 e m) do presente anexo.

m) A reincidencia ou reiteración na comisión de faltas graves, considerando como tal aquela situación na que, con anterioridade ó momento da comisión do feito, o traballador fose sancionado dúas ou máis veces por faltas graves, aínda de distinta natureza, durante o período dun ano.

n) Realizar traballos particulares durante a xornada e empregar para uso propio útiles ou materiais da empresa.

ñ) Aceptar calquera remuneración, comisión ou prebenda de organismos, empresas ou persoas en relación co desempeño do traballo.

III. Sancións.

1. As sancións máximas que se poderán impor pola comisión das faltas enumeradas no presente anexo son as seguintes:

a) Por falta leve: amoestación verbal ou escrita e suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por falta grave: suspensión de emprego e soldo de tres a trinta días.

c )Por falta moi grave: suspensión de emprego e soldo de trinta ou corenta e cinco días, traslado a centro de traballo de localidade distinta durante un período de ata un ano e despedimento disciplinario.

2. As anotacións desfavorables que, como consecuencia das sancións impostas, puidesen facerse constar nos expedientes persoais quedarán canceladas ó cumprirse os prazos de tres, seis e doce meses, segundo se trate de falta leve, grave ou moi grave.