Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 1999 Páx. 1.651

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de febreiro de 1999 pola que se regula o réxime de axudas e subvencións ás iniciativas locais de emprego e ós proxectos piloto de acción rural para o ano 1999.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo INEM no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Na súa consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións ás iniciativas locais de emprego antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas na Orde ministerial do 12 de abril de 1994.

A importancia cualitativa destas iniciativas esixe unha selección anterior dos proxectos a través da súa previa cualificación e inscrición rexistral. Neste aspecto, logo dun ano de experiencia e na estratexia común de reforzar e dar un novo impulso e enfoque ó programa de iniciativas locais de emprego, elevouse a rango de decreto a norma reguladora dos requisitos e do procedemento para a cualificación e inscrición rexistral das iniciativas locais de emprego. (Decreto 347/1998, do 18 de decembro; DOG nº 2; 5-1-1999).

Pola outra parte, esta Comunidade Autónoma, dentro do marco xeral de subvencións para o fomento do emprego, ten establecida una liña propia de axudas, cofinanciada polo Fondo Social Europeo coa finalidade de intentar palia-lo nivel de desemprego,

dirixida a financia-la posta en marcha de iniciativas locais de emprego e de proxectos piloto de acción rural.

A elevada taxa de desemprego e o necesario desenvolvemento e diversificación do tecido empresarial galego xustifica o deseño dunha política activa de emprego dirixida a fomenta-la cultura emprendedora da poboación, para potencia-lo crecemento económico e do emprego no ámbito local e no medio rural, estimulando a iniciativa privada, no caso das iniciativas locais de emprego tamén coa colaboración da Xunta de Galicia e/ou de administracións locais de carácter territorial, coa finalidade de facilitar e fomenta-la aparición de novas empresas innovadoras xeradoras de emprego.

Nesta liña de acción, e tendo en conta as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo, e no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinado o 13 de xullo de 1998, pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, articúlanse medidas de apoio á posta en marcha de iniciativas locais de emprego nas que se integran, conxugan e complementan as axudas transferidas e as propias dirixidas ás iniciativas locais de emprego, non como mera adición, senón como reflexo dun modelo que pretende potenciar e reforza-lo estímulo para a súa implantación en canto instrumentos dinamizadores da actividade económica e do emprego de significativa importancia para o desenvolvemento local e rural.

Neste contexto integrador, tamén se recollen axudas á creación de proxectos piloto de acción rural, mentres que pola súa natureza e características específicas constitúen dúas especies dun xénero común, como fórmulas empresariais que conflúen nun mesmo ou similar fin á potenciación, dinamización e desenvolvemento do emprego e da riqueza no medio rural e no ámbito local.

Na súa consecuencia esta orde ten por obxecto establece-las bases das axudas e subvencións dirixidas ás iniciativas locais de emprego previamente cualificadas e inscritas no correspondente rexistro administrativo e a proxectos piloto de acción rural no ano 1999.

Como novidade digna de salientar no eido da simplificación e axilización na tramitación administrativa, e en atención a que no momento inicial existen solicitantes que iniciaron a actividade e reúnen os requisitos e condicións precisas para a xustificación e conseguinte pagamento da subvención, establécese a posibilidade, recollida expresamente, de que toda a documentación necesaria para o pagamento se aporte xunto coa solicitude, a opción do interesado, o que reduce tempos e trámites. Á súa vez, e dado que tamén pode haber solicitantes que non estean na dita situación, mantense a posibilidade de ache

ga-la documentación en dúas fases, na inicial da solicitude, e na ulterior de xustificación anterior ó pagamento.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e ó establelcido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten como finalidade fomentar e promove-la creación de empresas innovadoras, económica e financeiramente viables, que xeren emprego estable no ámbito local e no medio rural, mediante o establecemento para o ano 1999 dun marco de axudas e subvencións que xestionará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través dos seguintes programas:

-Programa de iniciativas locais de emprego.

-Programa de proxectos piloto de acción rural.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e na presente orde.

3. As axudas e subvencións previstas na presente orde financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 14.04.241A.471.0, 14.04.241B.475.0 e 14.04.241A.473.0.

Capítulo II

Programa de iniciativas locais de emprego

Sección primeira

Obxecto e beneficiarios

Artigo 2º.-Obxecto.

O obxecto deste programa é facilitar e impulsa-la posta en marcha daqueles proxectos empresariais innovadores, previamente cualificados como iniciativas locais de emprego e inscritas no rexistro administrativo habilitado para o efecto, ó abeiro do disposto no Decreto 347/1998, do 18 de decembro, polo que se regulan as iniciativas locais de emprego e o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral (DOG nº 2; 5-1-1999), coa finalidade de fomenta-la creación de empresas que xeren emprego estable.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas previstas neste capítulo as empresas privadas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, sempre que se constitúan como tales, nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como inicitiva local de emprego, e soliciten as axudas antes de que transcorra un ano desde a súa constitución e cumpran as condicións e requisitos esixidos para cada tipo de axuda.

Sección segunda

Tipos de axuda

Artigo 4º.-Tipos de axuda.

1. Neste programa de iniciativas locais de emprego recóllense os seguintes tipos de axudas e subvencións:

-Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados.

-Apoio á función xerencial.

-Subvención financeira.

-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

2. Terán a consideración de gastos subvencionables todos aqueles que se realicen para a posta en marcha e inicio da actividade, incluídas as contratacións formalizadas durante ese período, calquera que sexa a data de presentación da solicitude, sempre que se presente no prazo sinalado no artigo 3º.

Artigo 5º.-Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados.

Cando a posta en funcionamento dunha empresa cualificada como iniciativa local de emprego implique a creación de postos de traballo estables de carácter indefinido e sexan ocupados por desempregados inscritos como tales no Servicio Público de Emprego, incentivarase cada un deles cunha subvención de 700.000 ptas., cando a adicación sexa a tempo completo ou a parte proporcional, cando sexa a tempo parcial.

Cando se trate de contratacións indefinidas de traballadores por conta allea, esta axuda, de se-lo caso, será compatible coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ámbolos dous beneficios poidan supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato obxecto de subvención.

Artigo 6º.-Apoio á función xerencial.

Para o acompañamento na instalación da empresa, co fin de garanti-la creación e mantemento de postos de traballo, poderase financia-lo apoio ás funcións xerenciais do promotor do proxecto empresarial nunha contía igual ó 75 por cento do custo total, sen que exceda de 500.000 pesetas por proxecto cualificado como iniciativa local de emprego. O dito apoio poderá revestir formas de titoría, realización

externa de estudios e informes sobre a actividade ou acompañamento formativo.

Artigo 7º.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade a reducción dos xuros de créditos para financiar investimentos en activo fixo, que sexan necesarios para a posta en marcha das empresas cualificadas como ILES. Non obstante, poderase destinar ata un 25% do crédito a financia-lo activo circulante.

A subvención, pagadeira dunha soa vez, será como máximo o equivalente á reducción de seis puntos do xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo sen que, en ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a dous puntos e terá como límite a contía de 700.000 pesetas por emprego estable creado. Os préstamos, para ser subvencionados, deberán ser concedidos por entidades financeiras que teñan subscrito un convenio, a tal fin, coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 8º.-Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

1. Para que unha iniciativa local de emprego poida beneficiarse da axuda prevista neste artigo ten que supoñer cando menos a creación directa de emprego estable para tres desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego.

2. Esta axuda consistirá nunha subvención de ata un 60% dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, sen que en ningún caso o importe total da subvención poida exceder de 6.000.000 de ptas. A contía das axudas determinarase en función dos postos de traballo estables xerados, volume de investimento do proxecto e do beneficio económico e social no seu ámbito de influencia.

3. Naqueles proxectos que leven consigo gastos totais de pouca contía, as axudas consistirán nunha subvención a fondo perdido destinada a financia-los gastos de posta en marcha e funcionamento dos seis primeiros meses.

4. Non serán subvencionables, a través da axuda regulada neste artigo, os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo e todos aqueloutros gastos que poidan ser susceptibles de amortización contable.

Sección terceira

Solicitudes, documentación e xustificación

Artigo 9º.-Documentación específica.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexo da presente orde, e deberán ir acompañadas por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da

documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do número de identificación fiscal, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

Para o caso de que a solicitude a presente o promotor do proxecto dunha entidade que aínda non estivera constituída, pero que vaia inicia-la súa actividade no ano 1999, o NIF da empresa poderase achegar na fase anterior ó pagamento.

b) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

2. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados:

-Declaración do número de empregos estables de carácter indefinido a ocupar por desempregados e relación nominal deles.

-DNI e documentación acreditativa da situación de demandante de emprego das persoas que se incorporen á empresa e do tempo de permanencia no paro (certificación de inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

b) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Memoria descritiva do apoio solicitado, con indicación do orzamento desagregado por conceptos, e con expresión do tempo previsto para a súa execución.

-Documentación acreditativa da solvencia profesional da empresa, entidade ou persoa física que vai realiza-lo acompañamento formativo, titoría ou os estudios ou informes sobre a actividade.

c) Subvención financeira:

-Compromiso da entidade financeira sobre a concesión do crédito, no que figure as características del e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito coa Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

-Declaración do número de empregos estables creados e relación nominal das persoas que os vaian ocupar.

-Plan de investimentos que se van financiar polo préstamo.

d) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Memoria descritiva da actividade e orzamento dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles ós que se vai destina-la subvención, así como das fontes de financiamento.

-Declaración do número de postos de traballo estables creados para desempregados e relación nominal deles.

-DNI e documentación acreditativa da situación de demandante de emprego das persoas que se incorporen á empresa e do tempo de permanencia no paro (certificación de inscripción como demandante de emprego e informe da vida laboral).

Artigo 10º.-Xustificación do pagamento.

1. Para o caso de que se conceda a subvención o seu pagamento quedará condicionado á presentación no prazo que se estableza na resolución concesoria, da documentación, común e específica, seguinte:

A. Documentación común para tódolos tipos de axuda:

-Alta no imposto de actividades económicas e, de tratarse de persoa xurídica, copia da escritura de sociedade.

-Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, nos prazos, nos termos e na forma que estableza a resolución concesoria.

-Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

B. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable para desempregados:

-Documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido na empresa.

-Documentos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Subvención ó apoio á función xerencial:

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física que vai presta-lo apoio xerencial do inicio do servicio con indicación do seu custo total desagregado por conceptos e con expresión do tempo previsto para a súa execución e na que conste a aceptación do solicitante.

c) Subvención financeira:

-Copia do contrato de préstamo.

-DNI e documentos acreditativos da incorporación e alta no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas que se incorporan á empresa para ocupar postos de traballo estables.

O beneficiario, no prazo de 30 días desde a data en que teña coñecemento do pagamento efectivo da subvención, ten que presentar certificación expedida pola entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

d) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade:

-Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

-Documentos acreditativos da incorporación e da alta no correspondente réxime da Seguridade Social dos traballadores que ocupen os empregos estables creados.

2. Non obstante o sinalado no artigo 9º e nos apartados anteriores deste artigo, a documentación esixida para a fase de pagamento, xeral e específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

Sección cuarta

Incompatibilidades e concorrencia

Artigo 11º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Non se poderán imputa-los mesmos gastos ós distintos tipos de axuda previstos neste capítulo.

2. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ó abeiro deste programa poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade subvencionada que debe desenvolve-lo beneficiario.

Nestes casos o solicitante deberá achegar unha relación na que se recollan as axudas e subvencións solicitadas e/ou concedidas ou, de se lo caso, unha declaración de que non solicitou ou percibiu outras axudas ou subvencións.

Artigo 12º.-Seguimento e mantemento da actividade.

1. Seguimento das subvencións á creación directa de emprego estable para desempregados: as empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obrigación manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubri-la vacante no prazo dun mes, mediante a mesma fórmula de incorporación á empresa e, polo menos, en tempo de adicación igual ó anterior, debendo reuni-lo novo traballador o requisito de estar en desemprego. O que deberá ser comunicado á correspondente delegación provincial dentro dos 10 días seguintes á substitución.

2. Seguimento das subvencións ó apoio á función xerencial: o beneficiario da subvención acreditará a realización do servicio prestado no prazo de dous meses desde a súa terminación, mediante a presentación da seguinte documentación:

-Certificación da empresa, entidade ou persoa física da finalización do servicio de apoio prestado; coa aceptación ou conformidade da empresa solicitante cos servicios recibidos.

-Facturas acreditativas do custo total do dito servicio.

-Así como un informe escrito da actuación de apoio desenvolvida e, para o caso de consistir na elaboración dun estudio de mercado ou similar, presentarase copia del.

3. Seguimento da subvención financeira: o beneficiario da subvención acreditará mediante facturas, escrituras públicas ou contratos, a realización na súa totalidade do plan de investimentos previsto na concesión da subvención achegando memoria anual explicativa ata a terminación do mencionado plan.

4. Seguimento da axuda para o inicio e posta en marcha da actividade: as empresas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ó ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

5. En todo caso, os beneficiarios das axudas reguladas neste capítulo terán que mante-la actividade un mínimo de tres anos, agás o cesamento por causas alleas á vontade do empresario que deberá acreditarse fidedignamente.

Capítulo III

Proxectos piloto de acción rural

Artigo 13º.-Obxecto.

1. A finalidade deste programa é a concesión de axudas para apoiar e promove-los proxectos piloto de acción rural, entendéndose como tales aquelas actividades que, xerando emprego para mozos desempregados menores de 30 anos inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego promovan o maior aproveitamento dos recursos endóxenos da zona, ou a mellora das estructuras productivas e comerciais xa existentes, perseguindo con iso o seu desenvolvemento económico e social.

2. As accións e medidas incluídas nos proxectos piloto deberán ter carácter innovador na zona na que se implante e consideraranse de especial interese aqueles que formulen obxectivos tales como a mellora das estructuras productivas e as rendas agrarias, a conservación e desenvolvemento do medio rural, así como a elevación da calidade de vida nas zonas rurais.

Artigo 14º.-Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas, asociacións ou comunidades legalmente constituídas con veciñanza administrativa e domicilio social en Galicia, e das cales as actividades ou fins estatutariamente establecidos estean relacionados co mundo rural e co seu desenvolvemento económico e social.

2. Os proxectos poderanse levar a cabo en tres fases diferentes, tendo en conta que cada unha delas non poderá superar un exercicio orzamentario e será requisito imprescindible para solicita-la fase seguinte ter rematado na súa totalidade a anterior. Ademais, a segunda ou sucesivas fases do proxecto estarán suxeitas tanto ós resultados obtidos e a necesidade do seu mantemento, como á continuidade deste programa nos próximos exercicios orzamentarios.

Artigo 15º.-Axudas.

1. Estas axudas alcanzarán un máximo equivalente ó 50% do custo da medida que se vaia implantar e a súa concesión será compatible con calquera outra axuda establecida con cargo a outros programas elaborados por calquera Administración ou entidade pública, sen que a suma total das axudas percibidas para o seu desenvolvemento poida supera-lo custo total do proxecto. Se é o caso, unha vez computadas o resto das axudas obtidas, reducirase a porcentaxe da axuda.

2. Non serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo e todos aqueloutros gastos que poidan ser susceptibles de amortización contable.

3. A contía destas axudas fixarase segundo os seguintes criterios:

a) O interese da acción que se vaia executar desde o punto de vista do desenvolvemento económico da área beneficiada.

b) O carácter innovador e demostrativo do proxecto piloto, a súa coherencia, viabilidade e calidade técnica.

c) Os límites establecidos pola normativa da UE que fose de aplicación en cada caso.

d) Os postos de traballo xerados.

Artigo 16º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo da presente orde e deberán ir acompañadas por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante que actúa en nome da entidade e NIF da empresa.

Para o caso de que a solicitude a presente o promotor do proxecto dunha entidade que aínda non estivera constituída, pero que vaia inicia-la súa acti

vidade no ano 1999, o NIF da empresa poderase aportar na fase anterior ó pagamento.

b) Memoria descritiva do proxecto da actividade, na que se farán constar: localización, relación e contía dos gastos, características técnicas e económicas, número de postos de traballo que se crean inicialmente, así como os previstos á súa finalización, programa de financiamento previsto, orzamentos xerais do proxecto e previsión de prazo para a execución do proxecto; tense que especificar para que gastos se solicita a subvención, debendo ter en conta que non se poden imputar gastos realizados con anterioridade á solicitude.

c) Se é o caso, relación de subvencións que se soliciten ou se obtivesen da Administración da UE, central, autonómica ou local, tanto para o proxecto que se vai realizar neste exercicio como para os xa realizados en exercicios anteriores, de tratarse dunha segunda ou ulterior fase; ou declaración expresa de non ter solicitado nin percibido ningunha subvención.

d) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 17º.-Xustificación do pagamento.

1. Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo que se estableza na resolución de concesión, da seguinte documentación:

a) Certificación da entidade promotora do inicio da actividade.

b) Documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención.

c) DNI e documentos acreditativos da incorporación á empresa e da alta no correspondente réxime da Seguridade Social, así como da situación de desemprego dos que ocupen os postos de traballo xerados inicialmente (certificación da inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

d) Alta no Imposto de Actividades Económicas e de tratarse de persoa xurídica copia da escritura da sociedade.

e) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da actividade para a que se concedeu a subvención nos prazos, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

f) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Non obstante o anterior, a documentación esixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude, a opción do interesado.

Artigo 18º.-Seguimento.

Os beneficiarios deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ó ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

Capítulo IV

Competencia e procedemento

Artigo 19º.-Competencia.

1. A competencia para coñecer e resolve-las axudas e subvencións previstas nesta orde, corresponderalle:

a. Ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, cando a actividade pola que se solicita subvención se vaia desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b. Ó director xeral de Fomento do Emprego, cando a actividade pola que se solicita subvención se vaia desenvolver en máis dunha provincia desta Comunidade Autónoma.

2. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá resolver sobre a concesión de subvencións para accións que se desenvolvan naqueles sectores productivos que polas súas características así o aconsellen.

Artigo 20º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións contempladas nos distintos programas dirixiranse ó órgano competente e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 21º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivera debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición e se arquivará a solicitude de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico da administración pública e do procedemento administrativo común.

Artigo 22º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano competente, e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, contados desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

3. Contra as resolucións que se dicten neste procedemento as delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Fomento do Emprego poderá interpoñerse recurso ordinario, no prazo dun mes, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 23º.-Criterios de valoración.

Para a concesión de axudas a proxectos piloto de acción rural e iniciativas locais de emprego, terase en conta aquelas accións que se implanten en zonas menos favorecidas e con maior índice de desemprego, así como as promovidas por desempregados menores de 30 anos, parados de longa duración, maiores de 45 anos, mulleres e persoas con discapacidade e dándose especial preferencia a aqueles proxectos e iniciativas que xeren un maior número de empregos estables para estes colectivos de desempregados.

Artigo 24º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo polos proxectos pilotos de acción rural, así como nas iniciativas locais de emprego beneficiarias da subvención prevista no artigo 8º da presente orde, deberá figurar no lugar onde se realicen estas, de forma visible, cartel publicitario, de acordo co modelo proporcionado pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, no que se indique que esa acción se atopa cofinanciada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e o Fondo Social Europeo, ámbalas dúas denominacións cos seus respectivos anagramas.

Artigo 25º.-Comprobación da aplicación da subvención.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan na resolución concesoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento destes programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e

Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea constituirán causa determinante da revogación da axuda e do reintegro total ou parcial, desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Cuarta.-A concesión das subvencións reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, para o fin que persiguen e os compromisos que se reflicten no marco comunitario de apoio provenientes do Fondo Social Europeo para o caso de tratarse de accións cofinanciadas.

Quinta.-As iniciativas locais de emprego constituídas como empresa entre o 15 de setembro e o 31 de decembro de 1997, e que segundo o artigo 3º desta orde o prazo para a presentación das solicitudes remataba no mesmo período do ano 1998, poderán acollerse ás subvencións previstas no capítulo II sempre que presente as correspondentes solicitudes de axuda antes do 31 de marzo de 1999.

Sexta.-As solicitudes de axudas de iniciativas locais de emprego e proxectos piloto de acción rural formuladas ó abeiro da Orde do 27 de abril de 1998 (DOG nº 82, do 30 de abril), que non puideron ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e reuniran os requisitos establecidos nela poderán ser atendidas actualmente tendo en conta a incidencia social e económica do solicitante.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude