Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 1999 Páx. 1.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 1999 pola que se regulan os permisos ó persoal das institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, en relación coas eleccións dos seus representantes na xunta de persoal e comités de empresa.

Ante o proceso de eleccións sindicais para representantes da xunta de persoal e membros de comités de empresa das II.SS. do Sergas que terá lugar no presente ano, cómpre establece-lo sistema de permisos ós membros das candidaturas, compoñentes das mesas electorais, representantes da Administración nelas, interventores, apoderados das candidaturas e ós electores das devanditas institucións sanitarias.

Xa que logo, esta División de Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro.-Os compoñentes das mesas electorais e representantes da Administración desfrutarán de

permisos polo tempo indispensable para asistir ás xuntas da mesa electoral, incluídos os desprazamentos, fóra da súa residencia oficial.

Os ditos desprazamentos, debidamente xustificados, darán lugar a percibi-las axudas de custos e gastos de viaxes previstos no Decreto 299/1990, do 24 de maio, modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG nº 39, do 14), sobre indemnizacións por razón do servicio.

Segundo.-Os membros das mesas, titulares ou suplentes, representantes da Administración, interventores ou apoderados disporán dun permiso retribuído da xornada completa no día da votación, así como a xornada inmediatamente posterior, sempre que teñan exercido o seu cargo como membro das mesas. Así mesmo, os membros das mesas, titulares ou suplentes, disporán de licencia retribuída correspondente á garda, quenda, atención continuada ou ben prolongación de xornada que inclúa necesariamente a noite inmediatamente anterior á data de votación.

Terceiro.-Os membros das mesas coordinadoras, titulares ou suplentes, no caso de teren exercido o seu cargo, disporán de permiso durante as dúas xornadas inmediatamente posteriores á data da votación.

Cuarto.-Os electores en xeral desfrutarán de permiso polo tempo indispensable para exerce-lo seu dereito ó voto, segundo as instruccións concretas que dictará este centro directivo, podendo o órgano de persoal correspondente esixirlle ó elector un xus

tificante do acto da votación expedido pola mesa electoral concreta na que vote, cando ésta estea fóra do seu centro de traballo.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1999.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos