A Secretaría Xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas é un órgano dependente funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública, segundo establece o Decreto 350/1997, do 10 de decembro.
A necesidade de axilizar no posible todos aqueles asuntos que non esixan unha atención directa e persoal do conselleiro da Presidencia e Administración Pública aconsella que este delegue no secretario xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas determinadas funcións, co que se conseguirá unha maior eficacia, o que sen dúbida repercutirá beneficiosamente no funcionamento da Administración autonómica.
Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e no artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro, e demais disposicións de aplicación xeral,
DISPOÑO:
Artigo 1º
Deléganse no secretario xeral para as Relacións coas Comunidades Galegas as seguintes atribucións:
a) A autorización e disposición dos gastos dos servicios contidos no programa 213.A, da sección 04, servicio 03, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma e o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento relativos a elas, excepto respecto dos gastos contidos no capítulo I do dito programa.
b) As funcións que como órgano de contratación lle estean atribuídas ó titular da consellería nos asuntos as partidas orzamentarias dos cales estean recollidas dentro de programa 213.A, da sección e servicio orzamentarios mencionados.
Artigo 2º
As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideranse dictadas polo órgano delegante.
Artigo 3º
O conselleiro da Presidencia e Administración Pública poderá reclamar para si, en calquera momento, as delegacións contidas nesta orde, das que quedan excluídos en todo caso os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro.
Disposición derrogatoria
Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de febreiro de 1991 e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido na presente orde.
Disposición derradeira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1999.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia e Administración
Pública

