Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Martes, 23 de febreiro de 1999 Páx. 2.011

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de febreiro de 1999 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A actividade administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública leva consigo unha concentración de funcións en torno ó seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no secretario xeral da consellería, sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, o artigo 72.4º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no secretario xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería da Presidencia e Administración Pública, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 149/1984, do 13 de setembro, de todo o persoal dependente organicamente da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

e) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel, e as que lle correspondan ó director xeral da Función Pública.

f) Dispoñer canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas na presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 26 de novembro e no artigo 42.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 13 de decembro de 1993 e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública