Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 26 de febreiro de 1999 Páx. 2.168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de febreiro de 1999 sobre delegación de competencias no director xeral da Función Pública.

A actividade administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública leva consigo unha concentración de funcións en torno ó seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no director xeral da Función Pública, sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do su presidente, na redacción dada pola Lei 11/1988, o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procede

mento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse no director xeral da Función Pública as competencias atribuídas ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública polo artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que a continuación se relacionan:

a) Nos concursos de traslados e procesos selectivos os trámites correspondentes logo da convocatoria ata a toma de posesión dos funcionarios.

b) A resolución das situacións administrativas e demais incidencias do persoal funcionario e contratado administrativo da Administración da Comunidade Autónoma previstas, no capítulo II do título V da Lei 4/1988.

c) A autorización de comisións de servicio de carácter voluntario e de carácter forzoso previstas no artigo 51 da Lei 4/1988 e a atribución do desempeño provisional de postos.

d) O recoñecemento de trienios, grao persoal, así como o recoñecemento de servicios previos dos/as funcionarios/as non adscritos/as especificamente a outra consellería.

e) Emiti-los informes previos en relación coas retribucións e, en xeral, con calquera autorización de melloras retributivas, individuais e colectivas, que afecten o persoal ó servicio da Comunidade Autónoma.

f) Dictar resolución sobre xubilacións segundo os artigos 47 e 48 da Lei 4/1988 e demais normas concordantes, así como a autorización da prolongación da situación de servicio activo.

Artigo 2º

Deléganse no director xeral da Función Pública as competencias atribuídas ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública polo artigo 13 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia así como polo Convenio Colectivo Único do persoal laboral da Xunta de Galicia, en materia de xestión de persoal laboral que se relacionan a continuación:

a) Provisión de vacantes:

-Nos concursos de traslados e procesos selectivos os trámites correspondentes logo da convocatoria ata a toma de posesión como persoal laboral fixo.

-A provisión temporal de vacantes.

b) Recibir comunicación obrigatoria dos contratos de traballo de carácter temporal ou de duración determinada que celebren as distintas consellerías.

c) A resolución das situacións e incidencias na xestión do persoal laboral suxeito ó Convenio Colectivo Único da Xunta de Galicia, tales como xubilacións, recoñecemento de trienios e de servicios previos, excedencias, permutas, mobilidade que implique cambios de consellería e desempeño de funcións de categoría superior ou inferior.

d) A emisión de informes sobre mobilidade, acción social e calquera outro que se solicite, a petición das consellerías respectivas.

e) Designa-los representantes da Administración autonómica para a negociación do convenio colectivo e para formar parte nas comisións que se creen no seu seo.

f) Coordina-las relacións e as informacións que se teñan que cursar coa comisión paritaria do convenio colectivo, comités de empresa e sección sindical.

g) Actuar como centro de coordinación e información das relacións laborais do persoal ó servicio da Xunta de Galicia.

h) A sinatura dos contratos laborais fixos.

i) O rexistro e notificación oficial das horas extraordinarias realizadas polo persoal laboral da Xunta de Galicia.

Artigo 3º

Deléganse no director xeral da Función Pública as competencias atribuídas ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública relativas ó persoal das corporacións locais e ós funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional seguintes:

a) Os trámites pertinentes relativos ós concursos ordinario e unitario dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

b) A designación de representantes da Comunidade Autónoma nos tribunais cualificadores de procesos selectivos de persoal para as corporacións locais.

Artigo 4º

Deléganse no director xeral da Función Pública as competencias atribuídas ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública en materia de persoal reguladas no artigo 13.2.15 da Lei 4/1988 e desenvolvidas nas sucesivas leis de orzamentos.

Artigo 5º

Deléganse no director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública as competencias relativas ás seguintes materias:

a) A incrición no rexistro de persoal da Xunta de Galicia de tódolos actos que afecten a vida administrativa do persoal.

b) A clasificación de órganos de selección de persoal, a fixación do límite máximo de asistencias que percibirán os membros de tales órganos, e demais incidencias sobre a percepción de imdemnizacións por razón de servicio de conformidade co Decreto 299/1990, do 24 de maio.

Artigo 6º

O exercicio destas competencias delegadas axustarase ó disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente.

Disposición derrogatoria

Primeira.-Queda derrogada a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 4 de abril de 1990.

Segunda.-Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido nesta orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1999.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública