Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 03 de marzo de 1999 Páx. 2.431

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 48/1999, do 18 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural, con categoría de monumento, a favor do Pazo de Gondomar, no concello de Gondomar, provincia de Pontevedra.

Con data do 1 de decembro de 1998, publicouse unha Resolución do 4 de novembro, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoaba expediente para a declaración de ben de interese cultural, con categoría de monumento a favor do Pazo de Gondomar, sito no concello de Gondomar, provincia de Pontevedra.

A tramitación do expediente levouse a cabo de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 8 de novembro), e demais disposicións concordantes.

Por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar ben de interese cultural, con categoría de monumento a favor do Pazo de Gondomar, sito no concello de Gondomar, provincia de Pontevedra.

Segundo.-A zona da delimitación é a comprendida no anexo I e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó concello e os interesados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura,Comunicación

Social e Turismo

ANEXO I

A delimitación da área de protección referénciase graficamente nos planos adxuntos con trazado descontinuo, formando un polígono pechado que une os puntos 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28, 29, 30, 31, 1 segundo a seguinte descrición.

Comeza no coñecido como Lugar do Acordo (l), do cal é referencia un cruceiro ó pe do que celebraban as súas sesións o Concello do Val e Partido de Miñor durante os séculos XVI, XVII e parte do XVIII. Desde este punto diríxese en dirección sur ata cruzar a Ponte de Mañufe (2) onde xira ó poñente, seguindo o trazado da estrada 415 a Donas, ó longo de 170 m aproximadamente. Neste punto (3) cambia de dirección

seguindo o camiño que, bordeando o pazo de Mendoza se atopa coa estrada 414 diante do igrexario de Mañufe (4) seguindo pola citada estrada (414) ata a altura do cemiterio católico de Mañufe (5) onde corta en dirección leste seguindo o curso do camiño público asfaltado que bordeando a Casa Inquisicional de Cristillón (6) se atopa coa antiga Estrada Real no Cruceiro de Piquetes (7). Desde este punto e seguindo a estrada asfaltada denominada Estrada, que nalgúns tramos coincide coa antiga estrada real, continúa ata o terreiro denominado Feira do Doce (8) (lugar no que existiu unha feira remontándose na súa orixe ó medievo), desde onde baixa polo camiño denominado Casas do Monte (que a partir do punto (9) ten pavimento de asfalto) a atoparse coa estrada PO-340 (10).

Volve a cambiar de dirección neste punto para segui-la citada estrada con rumbo norte ó longo duns 350 m, empatando neste lugar (11) co Camiño de Caxide polo que baixa ata a Fonte Das Meáns (12). Sigue en dirección norte pola estrada municipal a Couso ó longo duns 550 m ata atoparse co Camiño do Barando (13), para continuar por este ata a ponte de Ventorrillo (14) sobre o río de Couso. Continúa polo curso do citado río ata o seu encontro co Río de Morgadáns (15) desde onde se dirixe polo Camiño do Barando ata xuntarse co camiño vello de Ponte De Ánimas (16) polo que segue ata cruza-la estrada 412 a Peitieiros (17) continuando polo Camiño de Áspera que, bordeando o pazo do mesmo título (18) cruza o camiño asfaltado a Toucido (19) e a estrada 416 a Chaín (20) ata o punto (21) coñecido como O Calvario onde se xunta co antigo Camiño do Abelar. Desde este punto o polígono segue o curso do camiño que, en dirección noreste, acaba por atoparse co antigo Camiño de Ameixeira no punto (22)

incluíndo nel a área de protección dunha pequena bolsa de terreo de xeometría triangular, lindante ó camiño pola parte exterior, cualificada polo P.X.O.M. coa ordenanza 1.4.

Desde o punto (22) o polígono segue o Camiño de Ameixeira ata o punto (23) onde corta en dirección leste cruzándose coa estrada Gondomar-O Porriño PO-331 sobre a actual rotonda (24). Desde este punto segue polo Camiño do Bravo que pasa por diante dos antigos muíños hidráulicos do mesmo nome (25) e cruza o río Vilaza no Pontillón do Bravo (26) seguindo polo Camiño das Gaiandas ata atoparse coa estrada 408 de Gondomar a Areíña fronte ó parque do Campo da Feira (27).

Continúa pola estrada 408 ó longo duns 600 m ata o punto do cruzamento co antigo Camiño de Matavacas (29). Inclúese unha bolsa de terreo de xeometría trapezoidal, lindante coa estrada 408 polo lateral exterior. O dito terreo ubícase na cota máis elevada e está cualificado no P.X.O.M. de Gondomar como P-4 (polígono que se desenvolverá con estudio de detalle) (28).

Desde o punto (29) a liña límite da área de protección diríxese en dirección noroeste uns 240 m ata o punto (30), desde onde baixa ata atoparse co Camiño de Fontán no punto (31), englobando na área de protección unha bolsa de terreo sensiblemente triangular situada entre o Pazo de Fontán e a Pousa de Mera, cualificada no P.X.O.M. como solo urbanizable.

Desde o punto (31) a liña que delimita a área de protección baixa polo Camiño de Fontán ata o punto (1) Lugar do Acordo, onde se pecha o polígono.