Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 13 de abril de 1999 Páx. 4.243

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

EMPRESA PÚBLICA DE OBRAS E SERVICIOS HIDRÁULICOS

RESOLUCIÓN do 22 de marzo de 1999 pola que se convoca o proceso selectivo para a contratación laboral con carácter indefinido de persoal do ente público.

En cumprimento da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación, e de acordo co Decreto 125/1996, do 7 de marzo, polo que se aproban os estatutos da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos, co Regulamento de selección e contratación de persoal deste ente público, e coas facultades que teño conferidas mediante acordo do Consello de Administración do 21 de decembro de 1998,

RESOLVO:

Convoca-lo proceso selectivo para a contratación laboral con carácter indefinido das seguintes prazas do cadro de persoal da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos:

-1 enxeñeiro superior en funcións facultativas.

-1 topógrafo.

-1 administrativo xefe de contabilidade.

-2 auxiliares administrativos.

De acordo coas seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir cinco (5) prazas do cadro de persoal da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

1.2. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida por estes ó longo das probas selectivas.

1.3. O primeiro exercicio das probas selectivas realizarase transcorrido un prazo mínimo dun (1) mes desde a publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, publicándose a data deste exercicio así como a dos seguintes no taboleiro de anuncios da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos (avenida Rodríguez de Viguri, 47-baixo B, 15703 Santiago de Compostela).

1.4. Os aspirantes ós que lle sexan adxudicadas as prazas serán contratados con carácter indefinido, publicando a comisión de selección na sede da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos a relación nominal dos aspirantes que superaron o proceso.

1.5. Mentres non se formalicen os contratos correspondentes, os aspirantes non terán dereito ningún fronte á empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para poder ser admitido ás probas selectivas será necesario o cumprimento dos requisitos sinalados a continuación. Tódolos requisitos xerais e específicos deberán posuírse na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, e mantelos ata o asinamento do correspondente contrato.

2.2. Requisitos xerais para tódalas prazas.

a) Ser cidadán dun Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os dezaoito (18) anos de idade.

c) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

d) Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que impidan o normal desempeño das funcións habituais de cada praza.

2.3. Requisitos e coñecementos específicos para cada praza.

2.3.1. Enxeñeiro superior en funcións facultativas.

Requisitos mínimos que deberán acreditarse:

-Titulación oficial de enxeñeiro de camiños, canles e portos.

-Experiencia mínima de catro (4) anos en proxectos e dirección de obras hidráulicas.

Coñecementos específicos para cubrir este posto:

-Regulación e ámbito normativo da Administración hidráulica na Comunidade Autónoma de Galicia. Contratación de obras. Marco legal. Pregos de cláusulas administrativas. Tipos de expedientes de contratación e formas de adxudicación. Formalización do contrato. Replanteo. Execución do contrato de obras. Marco

legal. Modificacións do contrato. Cesión do contrato e subcontratación. Suspensión das obras. Revisión dos prezos. Recepción e liquidación das obras. Seguridade e saúde nos proxectos e obras de construcción. Marco legal. Estudios, normativa e regulamento. Órganos competentes. Responsabilidades e seguros. Medicións e orzamentos. Cadros de prezos. Criterios de medición. Control xeométrico e cuantitativo das obras. Valoración das obras executadas. A certificación. Control de execución. Pregos de prescricións técnicas. Control de calidade de materiais e execución. Laboratorios de control. Probas finais e recepción.

2.3.2. Topógrafo.

Requisitos mínimos que deberán acreditarse:

-Título oficial de enxeñeiro técnico en topografía ou auxiliar de topografía.

-Experiencia mínima de catro (4) anos en traballos de topografía.

Coñecementos específicos para cubrir este posto:

-Manexo de aparellos topográficos. Nivelacións, replanteos, perfís transversais e lonxitudinais. Cubicación de terras. Confección de planos taquimétricos, cálculo e trazado de estacións por coordenadas. Debuxo topográfico. Control xeométrico e vixilancia de execución.

2.3.3. Administrativo xefe de contabilidade.

Requisitos mínimos que deberán acreditarse:

-Licenciatura oficial en ciencias económicas ou empresariais.

-Experiencia mínima dun (1) ano en contabilidade e xestión pública.

Coñecementos específicos para cubrir este posto:

-Regulación e ámbito normativo da Administración hidráulica na Comunidade Autónoma de Galicia. Plan xeral de contabilidade pública e das empresas mercantís, e normas de valoración. Contabilidade orzamentaria. Sistemas de información contable para a Administración institucional e para as empresas mercantís. Sistemas de xestión económica-patrimonial do inmobilizado. Planificación e organización contable. Contas anuais. Contratación pública.

2.3.4. Auxiliar administrativo.

Requisitos mínimos que deberán acreditarse:

-Titulación oficial de FP II, bacharelato superior ou equivalente.

-Experiencia mínima dun (1) ano en posto similar.

Coñecementos específicos para cubrir este posto:

-Regulación e ámbito normativo da Administración hidráulica na Comunidade Autónoma de Galicia. Estatuto de autonomía galego. Estructura organizativa da Xunta de Galicia. Procedemento administrativo: iniciación, ordenación, instrucción e terminación. Os recursos administrativos: conceptos e clases. Informática: contorno operativo Windows, tratamento de textos Word, folla de cálculo Excel e base de datos Access.

3. Solicitudes.

3.1. Forma.

Para tomar parte nas probas de selección deberase presentar unha solicitude en instancia axustada ó

modelo que figura como anexo I da presente resolución, e, ademais, a seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Fotografía tamaño carné.

-Documentación orixinal ou copia compulsada que acredite os requisitos xerais e específicos esixidos.

A experiencia profesional acreditarase con certificación da empresa empregadora ou con historial completo da Seguridade Social.

Cada candidato deberá indicar expresamente na instancia de solicitude a praza á que opta. A omisión deste requisito será motivo de anulación da solicitude ou solicitudes presentadas.

A presentación da solicitude supón a aceptación incondicionada das bases da convocatoria.

3.2. Destinatario, lugar e prazo de presentación.

As solicitudes serán dirixidas ó presidente da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos ó seguinte enderezo: avenida Rodríguez de Viguri, 47-baixo B, 15703 Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro deste ente público, no rexistro de calquera órgano administrativo da Xunta de Galicia ou nas oficinas de correos, nas condicións fixadas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Os que opten pola modalidade de presentación nas oficinas de correos deberán comunicar telegraficamente a remisión da solicitude dentro do prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Admisión dos aspirantes.

Esgotado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección publicará as listas previas de admitidos e excluídos ó proceso de selección, coa motivación da exclusión, se é o caso, establecéndose un prazo de cinco (5) días naturais por a petición do interesado corrixir calquera erro que sexa emendable.

Esgotado este prazo, publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos ó proceso de selección, incluíndo o lugar e a data na que comenzarán as probas.

Estas listas serán publicadas nos taboleiros de anuncios da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

5. Comisión de selección.

5.1. O proceso selectivo será realizado por unha comisión de selección que estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: 1 director xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Secretario: 1 letrado da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

Vocal: 1 representante do organismo autónomo Augas de Galicia.

5.2. Con suxeición á normativa aplicable e ó establecido nestas bases, a comisión de selección estará facultada para realizar tódalas actuacións e determina-los extremos necesarios para o desenvolvemento do proceso selectivo e a avaliación dos candidatos.

6. Probas de selección.

6.1. As probas de selección consistirán nunha proba teórico-práctica e nunha entrevista persoal.

6.2. Os candidatos deberán acudir ás probas provistos do documento nacional de identidade.

6.3. A proba teórico-práctica versará sobre os coñecementos específicos esixidos na convocatoria para cubrir este posto. Esta proba poderá realizarse nunha ou en dúas fases, a criterio da comisión de selección.

6.4. Na entrevista persoal avaliaranse os coñecementos específicos do candidato e a súa adecuación para o posto de traballo. Para tal efecto, a comisión de selección poderá comentar co aspirante cuestións relacionadas cos coñecementos específicos esixidos e coas funcións que hai que realizar.

7. Baremo de puntuación.

7.1. A proba teórico-práctica terá unha puntuación máxima de dez (10) puntos.

7.2. A entrevista persoal terá unha puntuación máxima de dez (10) puntos.

7.3. Para pasar á entrevista persoal, os candidatos terán que superar a proba teórico-práctica.

7.4. Unha vez realizada a proba teórico-práctica, a comisión de selección publicará no taboleiro de anuncios da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos a lista de aprobados e suspensos, sinalando o lugar e a data na que se realizarán as entrevistas persoais.

8. Candidatos seleccionados.

8.1. Serán seleccionados os candidatos que obteñan maior puntuación final sumando a obtida na proba teórico-práctica e na entrevista persoal.

8.2. Unha vez rematadas as probas, a comisión de selección elevará ó presidente da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos a lista dos candidatos seleccionados e publicará no taboleiro de anuncios da empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos a lista dos candidatos admitidos ó proceso de selección indicando a puntuación final obtida e a lista dos candidatos seleccionados, así como a documentación complementaria que deberán achegar para formaliza-lo contrato.

8.3. Cando se considere que non existen candidatos que reúnan as condicións necesarias para o desempeño das funcións para as que se fai a contratación, poderase declarar deserta a convocatoria respecto dunha ou máis prazas.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 1999.

Agustín Hernández-Fernández de Rojas

Presidente da empresa pública de Obras

e Servicios Hidráulicos