Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 23 de abril de 1999 Páx. 4.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 9 de abril de 1999 pola que se regulan, dentro das feiras culturais, as seccións de feiras do libro en Galicia para celebrar no ano 1999.

As feiras culturais en Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, establecen un concepto xenérico que define un novo tipo de acontecementos culturais, e que recolle, xunto a experiencias establecidas como a feira do libro, a posibilidade de novas actividades feirais. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo pretende con iso crear novas vías de achegamento cultural ós galegos, creando amplos escaparates, abertos a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Estas feiras culturais, abertas a diferentes posibilidades, precisan dunha normativa concreta que defina esencialmente as condicións concretas de acceso a elas, o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade e as vías para o acceso á organización ou participación nelas, tal como determinan os artigos 3º e 4º do citado decreto.

Dentro do amplo abano de posibilidades abertas polas feiras culturais, as datas dedicadas ó libro representan a actividade de maior tradición e asentamento e, así mesmo, as que pola súa amplitude, demanda e entidade, máis precisan dunha ordenación que permita unha constante mellora e unha maior cordinación entre as institucións ou organismos participantes nelas. A experiencia destes últimos anos e a vontade de mellora constante nestes eventos de tanta importancia para a promoción do libro e da lectura aconsellan a introducción de novos elementos na organización das feiras.

Por iso,

DISPOÑO:

Capítulo I

Definicións e obxectivos

Artigo 1º

As feiras do libro supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante achegamento do libro ó seu potencial lector, na que se desenvolve tamén unha actividade comercial, froito da venda dos libros. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente autorizadas, poderá realizarse cos descontos máximos permitidos na vixente Lei do libro.

Artigo 2º

1. As seccións das feiras do libro poderán ser feiras do libro en catálogo, ou feiras do libro antigo e/ou de ocasión.

2. Feiras de libro en catálogo son aquelas nas que se exhiben e comercializan libros incluídos nos catálogos editoriais. Entenderase por catálogo a relación entregada polo editor ó distribuidor ou libreiro na que figuren os títulos, autores e prezo de venda dos libros que compoñen o seu fondo editorial, con mención expresa da data de vixencia da información que se facilita. As feiras de libro en catálogo poderán tamén ser feiras

de carácter monográfico, dedicadas a un tipo específico de libros ou de materiais bibliográficos.

3. Feiras do libro antigo e/ou de ocasión son aquelas nas que se exhiben ou comercializan libros antigos e/ou libros descatalogados polo editor e que, xa que logo, non figuren no seu último catálogo.

Artigo 3º

As feiras do libro en catálogo que se celebren en Galicia terán como un dos seus obxectivos primordiais a exhibición, difusión e comercialización do libro galego, fundamentalmente do publicado nos últimos anos, así como a promoción da lectura entre a sociedade galega.

Capítulo II

Feiras do libro celebradas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

Artigo 4º

No ano 1999, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo organizará, coa Federación de Libreiros de Galicia e coa colaboración da Asociación Galega de Editores as feiras do libro relacionadas no seguinte calendario:

Santiago de Compostela: 30 abril-9 maio.

Lugo: 14-19 maio.

Carballo: 14-17 maio.

Ourense: 1-6 xuño.

Ferrol: 18-23 xuño.

Vigo: 1-10 xullo.

Cambados: 2ª quincena xullo.

Verín: 2ª quincena xullo.

Pontevedra: 15-21 xullo.

A Coruña: 1-10 agosto.

Viveiro: 13-16 agosto.

Foz: 19-22 agosto.

Poderán así mesmo organizar feiras do libro en Galicia todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan autorizadas para este fin pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de acordo co establecido na presente orde, e sen mingua das competencias que en materia de licencia municipal corresponden ós concellos. Terán prioridade para a autorización de feiras do libro as solicitudes presentadas pola Federación de Libreiros de Galicia, e para feiras monográficas de libro galego as presentadas pola Asociación Galega de Editores.

Artigo 5º

As feiras do libro organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e a Federación de Libreiros de Galicia, coa colaboración da Asociación Galega de Editores, contarán cunha comisión técnica para o conxunto de feiras e unha dirección técnica para cada unha de elas

Artigo 6º

1. A comisión técnica estará presidida polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que el delegue, e formarán parte dela as seguintes persoas:

Dous representantes da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Dous representantes da Federación de Libreiros de Galicia.

Dous representantes da Asociación Galega de Editores.

2. As funcións desta comisión técnica serán as seguintes:

Velar pola correcta aplicación do Regulamento para o funcionamento interno das feiras.

Elabora-lo programa definitivo de actividades para cada unha das feiras que se celebren, incluíndo as propostas, aprobadas pola comisión. Estas propostas deberán ser presentadas con alomenos un mes de antelación pola dirección técnica da feira ou polos membros da comisisón técnica.

Dirixi-la aplicación de cotas e levar a cabo o sorteo de casetas dentro de cada feira.

Propoñe-la posibilidade de invitación, en función do interese das feiras, de casetas que leven temas monográficos ou de carácter de especial interese para a feira.

Estudiar e facer proposta de resolución das demandas e recursos que se presenten ó longo de tódalas feiras do libro que se celebren, conforme o disposto na presente orde e no regulamento que a comisión redacte.

Artigo 7º

A dirección técnica de cada feira corresponderá ó presidente da Federación Galega de Libreiros, ou persoa ou persoas nas que este delegue en cada caso.

A súa función será a de procura-la aplicación do regulamento na propia feira, sendo como tal o representante permanente da comisión técnica nela. Deberá informar inmediatamente á citada comisión técnica de cantos incidentes poidan producirse.

Artigo 8º

Unha das seccións de feiras do libro en catálogo poderá denominarse Feira do Libro de Galicia.

Artigo 9º

1. Poderá realizarse en cada localidade de Galicia unha feira do libro en catálogo non monográfica e unha feira do libro antigo e/ou de ocasión. Nas localidades onde a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo celebre seccións de feiras do libro esa será a única no seu tipo autorizada.

2. Para que unha feira do libro en catálogo non monográfica poida ser autorizada requirirase que alomenos a metade dos seus participantes sexan libreiros radicados en Galicia. Nas feiras de libro antigo e de ocasión alomenos a metade dos postos de venda deben ser ofertados ós libreiros radicados en Galicia.

3. Os participantes deberán reuni-los requisitos legais necesarios para o exercicio de actividades mercantís. No caso dos libreiros, deberán estar inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e no caso dos editores que soliciten caseta individual deberán ter no seu catálogo un mínimo de 50 títulos en galego se o fan pola cota reservada para editores da Asociación Galega de Editores e 50 títulos en xeral, se o fan pola cota destinada a outros libreiros e editores, agás no caso de empresas editoriais dedicadas en exclusiva á producción de obras destinadas á venda a crédito.

Artigo 10º

As feiras do libro organizadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e a Federación de Libreiros de Galicia, coa colaboración da Asociación Galega de Editores, contarán con dous tipos de casetas diferentes, unhas unicamente para exposición e outras

para venda. A comisión técnica poderá, nas localidades no que o considere conveniente, organizar unha zona ou sección monográfica, dentro da propia feira, dedicado ás casetas institucionais e á promoción do libro galego. Nesta sección poderían participar aquelas editoriais pertencentes á Asociación Galega de Editores que así o solicitasen.

A admisión, para as casetas con venda nas feiras do libro rexerase polas seguintes cotas:

40% para libreiros da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

25% editores membros da Asociación Galega de Editores.

25% libreiros de fóra da localidade, inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e membros da Federación de Libreiros de Galicia.

5% outros libreiros e editores non incluídos en ningún dos apartados anteriores, tendo prioridade en caso de exceso de solicitudes aqueles que leven máis de dous anos radicados en Galicia.

5% reservado para invitacións, que serán outorgadas segundo normativa elaborada pola Comisión Técnica das Feiras do Libro.

En caso de non cubrirse as cotas reservadas para os libreiros da localidade, as prazas restantes pasaríanse ó grupo de libreiros de fóra da localidade. En caso de non cubrirse as prazas para editores asociados á Asociación Galega de Editores, as prazas pasarían ó grupo doutros editores de Galicia. En caso de quedar aínda prazas libres, a comisión técnica decidirá sobre elas.

Artigo 11º

O prazo de solicitudes para participar en calquera das feiras que se convoquen agás as de Santiago de Compostela, Lugo e Carballo que pecharán dous días antes do inicio da feira, cerrarase ós 35 días naturais antes do día de apertura da feira correspondente. Os editores da Asociación Galega de Editores poderán presentar solicitude nunha soa das modalidades, exposición ou venda, ofertadas.

Na solicitude, deberá constar, claramente, o nome da empresa, nome e apelidos do representante legal, co CIF da empresa e o DNI do representante na feira, enderezo, e, se é o caso, número de Rexistro de Librerías ou número de asociado á Asociación Galega de Editores. Tódalas solicitudes deberán acompañarse dunha fotocopia do último recibo do IAE e do pagamento da taxa correspondente.

As dilixencias de inscrición, para as casetas con venda, faranse na Federación de Libreiros de Galicia. No caso dos editores deberá acompañar á solicitude de inscrición o catálogo dos seus fondos. As empresas peretencentes á Asociación Galega de Editores, que desexen participar cunha caseta de exposición farán a solicitude correspondente na sede da súa asociación acompañando tamén o catálogo dos seus fondos.

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, farase unha relación de participantes e determinarase por sorteo, no caso de que houbera máis solicitudes aceptadas que casetas, segundo as cotas dispoñibles para cada feira, quen quedará excluído.

Seleccionado o número de participantes, adxudicarase o número de orde da caseta, que estarán numeradas do número 1 en diante. Os criterios de colocación dos posibles tipos ou seccións de casetas estarán determinados, en función do interese de cada feira, pola comisión técnica, quen decidirá a situación das casetas institucionais ou as posibles seccións que se poidan decidir por interese da feira ou promoción do libro galego. Dentro destas as súas ordes de colocación farase sempre por sorteo.

Pechado o prazo de admisión de solicitudes, e pasados 5 días, se non existisen suficientes solicitudes para celebra-la feira, cubrindo as casetas programadas, procederase á proposta de suspensión da feira. Se é o caso, a suspensión será notificada por escrito ó director da feira correspondente e ós solicitantes.

Artigo 12º

As casetas participantes na feira do libro deberán cumpri-la seguinte normativa.

1. Cada caseta quedará claramente identificada por un cartel que corresponderá ó nome da firma solicitante, non podendo ser cedida nin arrendada a outra persoa ou entidade e tendo obrigatoriamente que contar con varios fondos diferenciados, ningún deles podendo supera-lo 50% do espacio dedicado a exposición. No caso das editoriais deberán levar fondos propios ou fondos galegos que leven en distribución, non podendo estes últimos superar en ningún caso o 50% do espacio dedicado a exposición.

2. Tódalas casetas de librería con venda, agás as de carácter monográfico, deberán contar cun mínimo dun 25% de libros en galego, debendo ser o total de libros galegos da feira non inferior ó 50%.

3. Cada expositor ocupará a caseta correspondente, manténdoa aberta e debidamente instalada durante as horas programadas para cada feira. Todo expositor que teña a caseta pechada durante as devanditas horas, será advertido pola dirección técnica da correspondente feira ou pola persoa autorizada para iso, para que proceda á súa inmediata apertura. No caso de que se desatenda a advertencia ou reincida, entenderase que renuncia ó seu dereito a participar na feira e procederase á clausura definitiva da súa caseta, perdendo tódolos dereitos adquiridos pola súa participación e sen dereitos a compensacións. No caso de que un expositor, sen causa considerada xustificada pola Comisión Técnica das Feiras do Libro, non ocupe a caseta que tivera asignada, quedará automaticamente excluído dela así como das feiras do libro que se organicen nun prazo de dous anos contados a partir da data de finalización da feira na que cometese a infracción.

4. Queda prohibida a realización por parte dos feirantes de actividades paralelas no recinto da feira ou nas cercanías dela non aprobadas pola comisión técnica, especialmente aquelas que poidan supoñer detrimento para a mesma. Queda así mesmo prohibido todo comportamento que supoña menosprezo, competencia desleal, ou falta de respecto grave cara ós outros feirantes. A comisión técnica, logo da presentación dunha acta de infracción elaborada pola dirección técnica da feira, poderá proceder á clausura definitiva da caseta do

infractor, que perderá tódolos dereitos adquiridos sen dereito a compensación.

5. Queda prohibida a colocación de carteis que modifiquen a denominación da firma participante e tamén queda prohibida a exhibición de materiais promocionais alleos ó libro e ó seu contido.

6. Queda prohibida a práctica de técnicas de venda que coaccionen o público, insistindo na prohibición de que os participantes atendan ó público dende o exterior das casetas. Trátase, con isto, de acada-la necesaria uniformidade nas condicións de venda e na creación dun recinto feiral, que en ningún momento, poida supor un compromiso para os visitantes.

7. Cada expositor deberá responder do perfecto estado da súa caseta ó remate da feira, repoñendo pola súa conta o material que sufrise deterioración, imputable a unha mala utilización.

8. En cada caso, será a comisión técnica quen estudiará tódolos incidentes que se susciten, así como a súa gravidade, determinando as medidas que haxa que adoptar, dun xeito inmediato, en cada un deles.

Capítulo III

Solicitudes para celebración doutras feiras do libro

Artigo 13º

1. As solicitudes de autorización para as feiras a celebrar no ano 1999 serán presentadas nun prazo de trinta días naturais, a partir do seguinte á publicación desta orde, segundo o modelo publicado como anexo I da presente orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nas súas delegacións provinciais sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude estará acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representatividade da persoa que asina a solicitude.

b) Estatutos ou regulamentos polos que se rexe a feira, que en ningún caso serán contrarios ó disposto nesta orde e nos que deben consta-las condicións para a inscrición dos participantes.

c) Carácter da feira, lugar e datas de celebración, e horario de funcionamento.

d) Características da situación da feira, accesos e servicios (luz, auga, comunicacións, teléfono, limpeza e outros).

e) Características das casetas expositoras e o seu número.

f) Actividades culturais previstas durante a feira.

g) Compromiso dos organizadores de que poñerán en coñecemento por escrito de tódolos libreiros da localidade a celebración da feira, dándolle-la posibilidade a todos eles de se inscribiren.

h) Seguros de persoas e bens (responsabilidade civil).

i) Declaración de que a metade, polo menos, dos participantes son libreiros, editores ou distribuidores radicados en Galicia no caso de feiras de libro en catálogo, ou de que a metade dos postos de venda foron ofertados a libreiros galegos no caso de feiras de libro antigo e de ocasión.

j) Memoria económica do custo desagregado en despesas materiais e actividades culturais. Faranse constar na memoria as subvencións recibidas ou solicitadas de calquera entidade pública ou privada para a celebración da feira.

Artigo 14º

Unha vez recibida a solicitude e a documentación sinalada no artigo 7º, será estudiada por parte dos servicios competentes da Direción Xeral de Promoción Cultural. O director xeral de Promoción Cultural propoñerá ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo a resolución que proceda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo