Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 28 de abril de 1999 Páx. 5.034

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 20 de abril de 1999 sobre atribución das funcións definidas no artigo 3.2º do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia.

O Decreto 389/1994, do 15 de decembro (DOG nº 1, do 2 de xaneiro de 1995), polo que se regula a saúde mental en Galicia, ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as directrices xerais de actuación na saúde mental e a asistencia psiquiátrica, a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e protección de saúde mental, a prevención das enfermidades psíquicas e a asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

No seu artigo 3.2º establécese que en cada área de referencia de cada hospital ou complexo hospitalario existirá un responsable que, dependendo directamente do director xerente ou director médico de atención especializada, segundo proceda, garantirá o adecuado funcionamento de tódolos recursos de saúde mental. O seu nivel orgánico determinarase regulamentariamente.

Para lle dar cumprimento ó disposto no artigo 3.2º do Decreto 389/1994, e atendendo á complexidade que comeza a amosa-la organización e coordinación dos servicios de saúde mental da nosa Comunidade Autónoma, con variados dispositivos (básicos, complementarios, específicos; e responsabilidades en docencia, investigación, planificación e avaliación de programas) e tendo en conta as instancias administrativas e asistenciais implicadas, todas elas precisadas de vínculos ou canles de interlocución e dunha certa autonomía de xestión, é polo que para darlle o pulo preciso e optimiza-lo desenvolvemento dos servicios de saúde mental se dicta a presente orde.

Consecuentemente co anterior, esta orde ten por obxecto dar cumprimento ó establecido no dito artigo e no documento «Propostas de desenvolvemento da atención á saúde mental en Galicia» elaborado pola Comisión Asesora sobre Saúde Mental da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Na súa virtude, en aplicación do disposto na disposición derradeira segunda do Decreto 389/1994, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º

As funcións de coordinación no ámbito da saúde mental definidas no artigo 3.2º do Decreto 389/1994,

do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia, serán desenvolvidas polo facultativo especialista do ámbito da saúde mental e asistencia psiquiátrica que desempeñe a xefatura de servicio asistencial do ámbito da saúde mental na área de referencia de cada hospital ou complexo hospitalario. Para estes efectos terá a consideración de responsable de saúde mental de área.

Artigo 2º

No suposto de que na área de referencia dun mesmo hospital ou complexo hospitalario exista máis dun facultativo especialista do ámbito da saúde mental e asistencia psiquiátrica que desempeñe unha xefatura de servicio asistencial do ámbito da saúde mental, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde -logo de informe da División de Asistencia Sanitaria- atribuirá expresamente as citadas funcións e coa mesma consideración a un deles.

Artigo 3º

No suposto de que na área de referencia de cada hospital ou complexo hospitalario non exista un facultativo especialista do ámbito da saúde mental e asistencia psiquiátrica que desempeñe xefatura de servicio asistencial do ámbito da saúde mental ou que, existindo, non reúna os requisitos establecidos no artigo 6º, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde -logo de informe da División de Asistencia Sanitaria- atribuirá expresamente as citadas funcións e coa mesma consideración a un facultativo especialista do ámbito da saúde mental e asistencia psiquiátrica dependente do devandito centro.

Artigo 4º

Cando nunha mesma área de saúde exista máis dun hospital ou complexo hospitalario, a División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde -logo de informe da División de Asistencia Sanitariaatribuirá na área de referencia de cada hospital ou complexo hospitalario as funcións de coordinación no ámbito da saúde mental de conformidade co previsto nos artigos anteriores. Tamén se poderá atribuír expresamente a un dos responsables de saúde mental a coordinación funcional en toda a área de saúde.

Artigo 5º

O responsable de saúde mental de área dependerá directamente do director xerente ou director médico de Atención Especializada da área de referencia, segundo proceda, e garantirá o adecuado funcionamento de tódolos recursos de saúde mental da área.

Ó mesmo tempo para os efectos de coordinar a nivel autonómico as actuacións en saúde mental, manterá dependencia funcional da xefatura de Servicio de Saúde Mental dos servicios centrais do Sergas.

Artigo 6º

Para o exercicio das súas funcións, que se desenvolverán en réxime de dedicación exclusiva, o responsable de saúde mental de área poderá estar exento de prestar actividade asistencial nunha porcentaxe da súa xornada laboral que se determinará en función da complexidade e grao de desenvolvemento da área da que sexa responsable e poderánselle adscribir cometidos de xestión clínica coa contribución, se é o caso, dos medios pertinentes por parte da xerencia que corresponda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os directores xerais da División de Asistencia Sanitaria e de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde para adopta-las medidas necesarias para a execución da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 1999.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais