Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 11 de maio de 1999 Páx. 5.609

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 128/1999, do 23 de abril, polo que se modifica o Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura órganica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde.

A actual estructura do Servicio Galego de Saúde establécese no Decreto 49/1998, do 5 de febreiro. Segundo o artigo 4.6º, para o cumprimento das funcións que se lle encomendan á Secretaría Xeral, esta contará coa seguinte estructura: Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, Subdirección Xeral de Información Sanitaria, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada.

Neste Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, en concreto no seu artigo 5, atribúeselle á Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, entre outras funcións, a avaliación de alta tecnoloxía, para o que conta entre as súas unidades co Servicio de Desenvolvemento de Sistemas de Avaliación de Tecnoloxías.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e mailo Servicio Galego de Saúde, na súa misión de mellora-lo estado de saúde na Comunidade Autónoma de Galicia, baixo os principios de universalidade, equidade e eficiencia, precisan dispoñer de instrumentos que doten o proceso de toma de decisións, en tódolos niveis da asistencia sanitaria, do maior rigor científico, tendo en conta así mesmo as consideracións sociais, éticas e legais dos efectos da prestación destes servicios.

A aplicación da metodoloxía para a avaliación de tecnoloxías, entendendo por tecnoloxía sanitaria o concepto que engloba os medicamentos, aparellos, procedementos médicos e cirúrxicos utilizados para a atención médica, así como os sistemas organizativos cos que esta atención sanitaria se presta é fundamental para facilita-la eficiencia das decisións, mellora-la calidade da asistencia sanitaria, adecua-las indicacións en determinadas condicións clínicas e facilita-la accesibilidade á atención de calidade.

Con este fin, para aborda-los problemas de saúde, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde precisarán contar co apoio de información científica, obtida a partir de investigación evolutiva ou ben de informes públicos de avaliación, que permitan analiza-la eficacia, a efectividade, a seguridade e a eficiencia da utilización das tecnoloxías e, valora-lo impacto sanitario, organizativo, económico e social.

A aplicación desta estratexia de análise é fundamental en calquera nivel do sistema sanitario, particulamente no ámbito da planificación da prestación de servicios sanitarios, no que resulta imprescindible a achega de recomendacións sobre a introducción, a adopción e a difusión da tecnoloxía sanitaria na práctica médica; así mesmo no nivel da práctica clínica, onde achegará ós profesionais información suficiente para seleccionar entre as diferentes alternativas de abordaxe, nos enfoques de prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación, que permitan diminuí-la variabilidade na asistencia sanitaria, facilitando e incorporando a presencia do cidadán.

É por iso polo que se considera preciso a modificación do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, para incorpora-las novas funcións ó Servicio de Desenvolvemento de Sistemas de Avaliación de Tecnoloxías que actuará transitoriamente, como Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias mentres esta non se conforme como unidade singular.

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, e presidente do Servicio Galego de Saúde e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o punto 4º do artigo 5 do Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, que queda redactado como segue:

«5.4. Servicio de Desenvolvemento de Sistemas e Avaliación de Tecnoloxías.

1. Correspóndelle as seguintes funcións:

-A proposta dos recursos tecnolóxicos necesarios para satisface-las necesidades da comunidade.

-O deseño de novas organizacións para a aplicación de alta tecnoloxía, así como as propostas de criterios de seguimento e avaliación das súas actividades.

-A elaboración de estudios e propostas en relación coa introducción e difusión das tecnoloxías médicas, e avaliación das tecnoloxías existentes de cara á súa eventual reposición.

-A promoción da investigación científica nas institucións sanitarias, e non sanitarias, dirixida a mellora-la metodoloxía necesaria para a avaliación de tecnoloxías sanitarias.

-A promoción da homologación de tecnoloxías e procedementos clínicos nas institucións sanitarias da Comunicade Autónoma de Galicia.

-A realización de informes técnicos sobre a utilización de tecnoloxías sanitarias que lle poidan ser requiridos por organismos sanitarios públicos ou privados, ou por calquera outro organismo administrativo ou empresarial, baixo a preceptiva aceptación da Secretaría Xeral do Sergas.

-A realización dos estudios e avaliación da tecnoloxía sanitaria, así como dos sistemas organizativos nos que se desenvolve a atención sanitaria, de acordo a criterios de seguridade, eficacia, efectividade e eficiencia, e tendo en conta a súa valoración ética, clínica, económica e social.

-O asesoramento ó Comité Ético de Investigación Clínica.

2. Este servicio actuará transitoriamente como Axencia de Avaliación de Tecnoloxías Sanitarias, mentres esa non se conforme como unidade singular, coa misión de achega-los coñecementos cientifícos que permitan contribuír a eleva-lo nivel de saúde na poboación desta comunidade, para o cal lle compete tamén o desenvolvemento das seguintes funcións:

-Asesorar na formulación de plans estratéxicos de investimento de tecnoloxías, así como de investigación e desenvolvemento.

-Selecciona-las tecnoloxías sanitarias, novas ou en uso, susceptibles de avaliación, pola súa repercusión.

-Deseñar estudios específicos de investigación en avaliación de tecnoloxías.

-Promove-la investigación especificamente dirixida a obte-la información necesaria para a avaliación de tecnoloxías fomentando a colaboración entre as universidades, os centros, unidades de investigación, as empresas e outras institucións.

-Analizar e revisa-la información científica relacionada coa avaliación das tecnoloxías sanitarias e a súa difusión entre os profesionais e os servicios sanitarios.

-Analiza-la difusión e os patróns de utilización das tecnoloxías médicas de maior impacto, en termos de saúde ou económicos, no sistema sanitario, principalmente con relación á súa accesibilidade, demanda potencial e utilización apropiada.

-Promove-la utilización apropiada das tecnoloxías médicas, mediante: deseño, elaboración e difusión de guías de práctica clínica, recomendacións e participación na aplicación das tecnoloxías sanitarias, nos distintos enfoques: prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación.

-Colaboración e participación asesorando na creación e desenvolvemento de programas de avaliación de tecnoloxías sanitarias, nos diferentes niveis de decisión.

-Recomenda-lo desenvolvemento de sistemas de información dirixidos a obte-la documentación necesaria para a avaliación de tecnoloxías.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de abril de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais