O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.
Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa «Fomento da actividade xuvenil», que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.
Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca a X Mostra Galega de Coros Polifónicos Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.
Artigo 2º
A mostra obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Artigo 3º
As actividades que impliquen o desenvolvemento desta mostra serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 28 de abril de 1999.
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,
Muller e Xuventude
ANEXO I
X Mostra Galega de Coros Polifónicos
Xuventude 99
I. Participantes.
Poderán participar nesta mostra tódolos grupos ou coros que o soliciten, formados por mozos galegos ou residentes en Galicia, cun mínimo de 6 e un máximo de 50 compoñentes.
II. Condicións xerais.
1. A mostra terá carácter convivencial e non competitivo.
2. Os compoñentes dos coros terán entre 12 e 30 anos cumpridos no ano 1999. Soamente poderán superar estas idades o 10% dos compoñentes totais do coro.
3. Os temas presentados serán tres e terán que respectarse na actuación da fase final, no caso que se acceda a ela. Enviaranse nunha cinta cassette, indicando os títulos dentro dun sobre pechado. No exterior do sobre deberá figura-lo lema do grupo e os títulos dos temas.
4. Noutro sobre pechado, que deberá poñer no seu exterior o lema do grupo, presentarase o boletín de inscrición que se indica no anexo III xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras de cada un dos compoñentes do coro e un currículo daquel.
5. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.
III. Inscricións.
As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II e dirixiranse á directora xeral de Xuventude.
Os grupos ou coros deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados no Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente, que pode ser en:
r/ Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo.
Avda. da Habana, 81-baixo 32004 Ourense.
r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.
r/ Mª Berdiales 20-entreplanta 36203 Vigo.
r/ Benito Corbal 47-2º, 36001 Pontevedra.
Ou enviarano por correo certificado, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación se solicitudes será ata o día 8 de outubro de 1999.
IV. Desenvolvemento.
O xurado seleccionará os grupos ou coros que considere de máis calidade, ata un máximo de catro. Para actuar na fase final cada grupo dispón dun tempo máximo de 15 minutos. A fase final levarase a cabo en Ponteareas o 26 de novembro. Pechará as actuacións un grupo invitado para a ocasión.
V. Premios.
Establécense os premios e axudas seguintes:
Premios: 90.000 pesetas, trofeo e diploma para cada un dos catro coros seleccionados para a fase final.
Axudas: os gastos de transporte serán por conta da organización. A organización convidará a unha cea de convivencia os finalistas o día da fase final.
Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.
VII. Xurado.
Será nomeado pola delegada provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola delegada provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Pontevedra. Estará composto por persoas cualificadas no campo da polifonía e da expresión musical, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Pontevedra.
A decisión do xurado será inimpugnable.
IX. Destino e devolución das obras:
Os dossieres dos xoves premiados e seleccionados quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude durante o período das actividades que se desenvolven con motivo da presente convocatoria, e posteriormente, co consentimento do/s autor/es.
A documentación dos participantes que non fose retirada por eles ou persoa autorizada no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da recepción da notificación coa decisión do xurado, poderá ser destruída ou utilizada pola dita dirección xeral na forma que considere oportuna.
Queda implícita a autorización do/s autor/es dos temas musicais participantes, á súa reproducción e publicación da imaxe ou contido por parte da consellería, por calquera medio que considere oportuno.

