O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.
Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa «Fomento da actividade xuvenil», que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, a música, as artes líricas e coreográficas, así como a posta en práctica de medidas de apoio para os artistas, de acordo co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, e o Decreto 8/1998, do 8 de xaneiro, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.
Polo exposto, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 99.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º
A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude convoca o X Certame Galego de Teatro Xuventude 99, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.
Artigo 2º
As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.05.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de abril de 1999.
Manuela López Besteiro
Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,
Muller e Xuventude
ANEXO I
X Certame Galego de Teatro Xuventude 99
I. Convocatoria.
A Dirección Xeral de Xuventude, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en colaboración coa Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, convoca o X Certame Galego de Teatro Xuventude 99.
II. Participantes.
Poderán concorrer a este certame tódolos grupos teatrais, non profesionais, compostos por xoves galegos ou residentes en Galicia, que se inclúan dentro dalgunha das categorías da presente convocatoria.
III. Categorías.
Establécense catro categorías:
Categoría A: para grupos de teatro independentes, compostos por xoves de idade que non exceda dos 30 anos.
Categoría B: para grupos de teatro que se constitúan nos distintos centros de ensino primario e que agrupen xoves de idades que non superen os 12 anos.
Categoría C: para grupos de teatro que se constitúan nos distintos centros de ensino primario e secundario (EPO, ESO e EXB) e para grupos de teatro que se constitúan en institutos de bacharelato, centros de formación profesional de Galicia e que agrupen xoves con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos.
Categoría D: para grupos de teatro que se constitúan en escolas e facultades universitarias de Galicia e que as súas idades non superen os 30 anos.
As ditas idades enténdense cumpridas o 31-12-1999, agás dirección e equipo técnico.
IV. Condicións xerais.
1. As obras poderán ser de autores galegos, españois ou estranxeiros.
2. Poderán presentarse textos orixinais.
3. Excluiranse aqueles grupos que non cumpran as condicións esixidas.
V. Inscricións.
As solicitudes deberán formularse no impreso normalizado que se indica no anexo II.
Así mesmo os participantes deberán envia-lo boletín de inscrición que se indica no anexo III nun sobre pechado no que figurará exclusivamente o título da obra que se vai representar.
Segundo a categoría presentarán tamén:
Categoría A:
-Unha síntese da obra (título, autor, adaptación dos diálogos, se é o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espacio que se precisa, etc.).
-Un vídeo dunha representación da obra en concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do ano 1999.
Categoría B e C:
-Unha síntese da obra (título, autor, adaptación dos diálogos, se é o caso) e da posta en escena (número de personaxes, necesidades de decorado, vestiario, espacio, etc. que precisan) e nomes dos responsables e coordenadores.
-Un vídeo dunha representación da obra en concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do curso académico 1998-1999.
Categoría D:
-Unha síntese da obra (título, autor, adaptación dos diálogos, se é o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espacio que se precisa, etc.).
-Un vídeo dunha representación da obra en concurso ou dun ensaio xeral, feito dentro do curso académico 1998-1999.
Os participantes deberán presenta-lo impreso de solicitude, a obra e o sobre pechado no Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude correspondente á provincia na que os interesados teñan fixada a súa residencia habitual, polo que poderá ser en:
r/ Ronda da Muralla, 70-27003 Lugo.
Avda. da Habana, 81-baixo 32004 Ourense.
r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña.
r/ Mª Berdiales 20-entreplanta 36203 Vigo.
Sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación será ata o 29 de xuño de 1999.
VI. Desenvolvemento.
O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través da delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Lugo, coa colaboración da delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
O xurado seleccionará de entre os participantes aqueles que pola súa calidade considere merecentes de concorrer á fase final.
O xurado poderá seleccionar para a final ata seis grupos en cada unha das categorías.
A final celebrarase na cidade de Lugo no mes de outubro de 1999, coa asistencia dos grupos seleccionados polo xurado nas distintas categorías.
VII. Premios.
Establécense os seguintes premios:
Premios categoría A:
1º: 250.000 ptas.
2º: 150.000 ptas.
3º: 100.000 ptas.
4º ó 6º: 60.000 ptas.
Premios categoría B e C:
1º: 200.000 ptas.
2º: 100.000 ptas.
3º: 75.000 ptas.
4º ó 6º: 50.000 ptas.
Premios categoría D:
1º: 250.000 ptas.
2º: 150.000 ptas.
3º: 100.000 ptas.
4º ó 6º: 60.000 ptas.
Para cada unha das categorías (A, B, C e D) establécese un premio especial de 100.000 ptas. para a mellor representación feita en galego.
Prevese para as catro categorías a concesión de diversas axudas, que oscilan entre as 25.000 e 50.000 ptas. por distintos conceptos, ata un máximo de 900.000 ptas.; así mesmo establécese unha axuda de 30.000 ptas. a cada centro educativo seleccionado dentro da categoría B e C, e unha axuda de 50.000 ptas. a cada centro educativo seleccionado dentro da categoría D para cubrir gastos orixinados pola representación (vestiario, decorados, etc.).
As cantidades dos premios serán únicas e indivisibles.
Así mesmo, farase entrega a cada un dos grupos participantes nas distintas categorías dun diploma que acredite a súa participación neste Certame Galego de Teatro.
Os grupos seleccionados polo xurado nas distintas categorías comprométense, no momento de faceren a inscrición, a representa-las obras polas que foron nomeados e premiados, na cerimonia de entrega de premios que se celebrará na cidade de Lugo no mes de outubro de 1999 se a organización o considerase oportuno.
Prevese a concesión dunha axuda de 50.000 ptas. en concepto de gastos de viaxe e xerais ó grupo que represente o día da entrega de premios.
Así mesmo, os grupos clasificados en 1º lugar das diferentes categorías, comprométense, no momento de face-la inscrición, a representa-la obra pola que foron premiados no lugar e data que determinará a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. Para tal efecto prevese a concesión dunha axuda de 150.000 ptas. en concepto de gastos de viaxe e xerais por grupo teatral, que se fará efectiva unha vez feita a dita representación.
Os premios obxecto desta convocatoria estarán suxeitos ás retencións correspondentes, conforme a lexislación tributaria.
VIII. Xurado.
O xurado será nomeado polos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo de Lugo, e estará composto por persoas cualificadas no campo artístico, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude de Lugo.
O xurado, segundo a calidade das obras, poderá deixar desertos algúns dos premios.
A decisión do xurado será inimpugnable.

