No uso das atribucións establecidas na Lei 19/1996, do 5 de novembro (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 20 de novembro) e nos estatutos da fundación (Decreto 229/1997, do 25 de agosto; Diario Oficial de Galicia 165, do 28 de agosto), o Padroado da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira acordou a convocatoria da cobertura das prazas que máis abaixo se citan, así como a realización das correspondentes probas de selección do persoal baixo os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, segundo determina o artigo 2 da citada lei.
Na súa virtude, a dirección da fundación fai pública a convocatoria de selección para a cobertura inicial dos seguintes postos de traballo: 1 praza de asistente social (Ref. ASSO), 4 prazas de anestesista (Ref. ANES), 3 prazas de médicos de urxencias (Ref. MEUR), 1 praza de fisioterapeuta (Ref. FISIO), 1 praza de urólogo (Ref. URO) e 5 prazas de matronas (Ref. MATR.) segundo as seguintes bases:
Titulacións:
-Asistente social, fisioterapeuta e matronas: as correspondentes.
-Anestesistas e urólogos: as correspondentes vía MIR ou equivalente.
-Médicos de urxencias: médicos de familia ou internistas vía MIR ou equivalente.
Experiencia:
-Asistente social: imprescindible experiencia no contorno sanitario, especialmente en programas de planificación da alta, atención ó paciente e realización de enquisas. Valorarase experiencia nas áreas de saúde mental, drogodependencia, orientación familiar, rehabilitación e formación na xestión de servicios sociais.
-Anestesistas: experiencia vía MIR.
-Fisioterapeuta, urólogo e matronas: experiencia contrastada no ámbito dos centros asistenciais da rede pública.
-Médicos de urxencias: imprescindible experiencia nos servicios de urxencia hospitalaria. Valorarase experiencia nos servicios de urxencias extrahospitalarias.
Tipo de contrato: a contratación do persoal que resulte seleccionado someterase ó disposto na Lei 63/1997, en materia de fomento da contratación indefinida, e tamén ó disposto no artigo 15.1º do Estatuto dos traballajadores.
Procedemento de selección: articularase a través dunha proba eliminatoria sobre a especialidade profesional correspondente e posterior entrevista persoal con valoración de méritos relativos á formación e experiencia. A selección será efectuada por unha comisión designada para o efecto.
Puntuación final e aspirantes seleccionados: coa suma das puntuacións outorgadas confeccionarase a lista final por orde de puntuación alcanzada por cada aspirante, resultando seleccionado o aspirante de máxima puntuación.
Se se considerase que os candidatos nalgunha das prazas non reunisen os requisitos mínimos, declararase deserta a convocatoria.
Igualmente, se se modificase a necesidade de cobertura das citadas prazas, a dirección da fundación poderá modifica-lo número de prazas que haxa que seleccionar dentro de cada unha das categorías convocadas.
Inicio das probas: as probas no serán realizadas antes dun mes contado desde a data de publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Solicitude de participación: os aspirantes deberán remiti-lo seu currículum vitae detallado, con acreditación documental dos méritos alegados, á Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira, domiciliada en Lg./ Recheo, s/n. Paseo Marítimo. 15270 Cee-A Coruña, no prazo non prorrogable de 20 días naturais, contados desde o mesmo día da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, indicando no sobre a referencia correspondente, logo de pagamento da cantidade de 2.000 ptas., do que achegará xustificante de pagamento, en concepto de dereitos de exame, que se ingresarán na conta do Banco Bilbao Vizcaya, nº 0182-5947-11-001011112/4.
Teléfono de información: 981 70 60 10.
Incorporación: a formalización do contrato e a incorporación definitiva dos seleccionados producirase segundo as necesidades de posta en funcionamento dos correspondentes servicios do hospital.
Cee, 8 de abril de 1999.
José Rey Aneiros
Director da Fundación Pública Hospital Virxe
da Xunqueira

