Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 20 de maio de 1999 Páx. 6.018

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 5 de maio de 1999 pola que se crea o Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social Non Integradas na Seguridade Social.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado en virtude da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, non lle recoñecía inicialmente a esta Comunidade Autónoma competencia en materia de mutualidades de previsión social.

Sen embargo, a través da Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, transfírese á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva, entre outras, sobre mutuas non integradas no sistema de Seguridade Social, coa finalidade de equiparar nesta materia as competencias desta Comunidade Autónoma coas doutras.

En aplicación da citada lei orgánica, mediante o R.D. 1642/1996, do 5 de xuño, traspasáronse á Comunidade Autónoma de Galicia as funcións e servicios da Administración xeral do Estado en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social.

Pola súa parte, o Decreto 340/1996, do 13 de setembro, asigna as funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social á Consellería de Economía e Facenda. E o Decreto 13/1997, do 23 xaneiro, de estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda adscribe as competencias á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Por outra banda, o Real decreto 2615/1985, do 4 decembro, polo que se aproba o Regulamento de entidades de previsión social, establece no seu artigo 13 que as comunidades autónomas con competencia exclusiva na materia, poderán levar rexistros especiais constitutivos.

Con base en todo o anterior, créase un rexistro específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no que se rexistren as entidades de que se trata, se anoten os feitos máis significativos que lles afecten e todas aquelas cuestións que deban ser rexistradas de acordo coa normativa vixente.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e ámbito do rexistro.

Créase o Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social Non Integradas na Seguridade Social (en diante rexistro), adscrito á Consellería de Economía e Facenda, Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro que xorde coa finalidade de que a Administración autonómica teña coñecemento da situación das entidades inscritas no mesmo.

No Rexistro de Mutualidades de Previsión Social da Comunidade Autónoma de Galicia inscribiranse os actos suxeitos a inscrición das mutualidades que teñan o seu enderezo social e ámbito de operacións no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Da mesma maneira tamén se inscribirán as agrupacións e federacións de mutualidades, sempre que o seu ámbito de actuación se circunscriba á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Carácter e efectos do rexistro.

O rexistro ten carácter constitutivo e a súa eficacia baséase nos principios de publicidade formal e de legalidade, ten carácter público e non se poderá invoca-la súa ignorancia.

A inscrición dos actos de constitución, fusión e escisión das mutualidades é requisito indispensable para o exercicio da previsión social voluntaria.

Artigo 3º.-Libro de rexistro.

No rexistro levarase un libro de rexistro destas entidades, as cales se numerarán correlativamente; este libro comporase dun sistema de follas intercambiables normalizadas e singularizadas para cada unha das entidades, e numeraranse correlativamente os seus asentamentos de inscrición, segundo unha orde cronolóxica.

No caso de que unha mesma entidade necesitase máis dunha folla, consignarase nas sucesivas follas de inscrición o correspondente número, e estes serán correlativos.

Artigo 4º.-Asentamentos rexistrais.

No libro de rexistro inscríbense as seguintes clases de asentamentos:

a) Inscricións; a primeira das cales será a de constitución.

b) Anotacións.

c) Cancelacións.

A redacción dos asentamentos farase de forma breve e levará a data de presentación do documento correspondente.

Artigo 5º.-Das inscricións.

No libro de rexistro inscribiranse:

a) A constitución de mutalidades de previsión social, das súas agrupacións e federacións.

b) A aprobación dos estatutos e dos regulamentos de prestacións e a súas modificacións.

c) Os nomeamentos das persoas que integran a xunta directiva e as súas sucesivas renovacións, así como o daqueles que baixo calquera título leven a dirección efectiva da entidade.

d) A aprobación da fusión de mutualidades de previsión social.

e) A aprobación da escisión dunha mutualidade de previsión social.

f) A resolución aprobatoria da disolución das mutualidades de previsión social.

g) Calquera outro feito cando así o requira a lexislación vixente.

Artigo 6º.-Das anotacións.

No libro de rexistro constarán como anotacións:

a) A adaptación de estatutos e regulamentos de conformidade co que dispoña a normativa vixente en cada momento.

b) A revogación da autorización administrativa para efectuar previsión social a unha entidade.

c) A intervención e as medidas cautelares.

d) A situación de liquidación da entidade.

e) Aqueles feitos referentes a mutualidades de previsión social que sendo relevantes non poidan ser obxecto de asentamento de inscrición.

Artigo 7º.-Das cancelacións.

Por nota marxinal cancelaranse as anotacións.

Artigo 8º.-Datos da folla inicial de apertura de inscrición.

Os datos que se farán constar ó face-la primeira inscrición dunha entidade na folla inicial de apertura serán:

-Novo número de inscrición (conservará o número de inscrición que tiña anteriormente no libro dedicado ás mutualidades de previsión social do Rexistro Especial de Entidades Aseguradoras da Dirección Xeral de Seguros do Ministerio de Economía e Facenda).

-Nome da entidade.

-Domicilio social con expresión da localidade e comarca.

-Ámbito territorial de actuación principal.

-Número de asociados fundadores.

-Importe do fondo mutual.

-Situación económico-financeira da entidade.

Artigo 9º.-Publicidade do rexistro.

O rexistro terá carácter público, nos termos e coas limitacións previstas nos artigos 35.h) e 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións vixentes na materia.

Mediante solicitude por escrito na que se exprese a identidade do solicitante e o motivo, poderán acceder ós datos do rexistro non soamente os titulares, senón tamén os que acrediten un interese lexítimo e directo.

A publicidade farase efectiva por certificación do contido dos asentamentos expedida pola Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

Tamén poderá realizarse mediante expedición de nota simple informativa expedida polo encargado do rexistro, ou por copia dos asentamentos e dos documentos depositados correspondentes a unha entidade determinada.

Disposicións transitorias

Primeira.-A documentación das mutualidades de previsión social traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do R.D. 1642/1996, do 5 de xuño, que figuran como anexo á presente orde, que figurasen en rexistros ou expedientes que foron obxecto de traspaso, trasladaranse ó rexistro creado por esta orde. Independentemente disto poderáselles pedir ás mutualidades a documentación que fose necesaria para completa-la inscrición.

Segunda.-As sucesivas inscricións relativas ás mutualidades de previsión social obxecto de traspaso efectuaranse na forma prevista na presente orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Financeira e Tesouro para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Relación de mutualidades das que se traspasou documentación á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do R.D. 1642/1996, do 5 de xuño.

-Unión de Artesanos, mutualidade de previsión social.

-Montepío de previsión social do Noroeste.

-Mutualidade de previsión social a prima fixa Citroën-Vigo.

-Mutualidade Labauto-Allibert Ourense de previsión social.

-Mutualidade de previsión social a prima fixa do persoal de Indugasa.