Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Mércores, 26 de maio de 1999 Páx. 6.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 149/1999, do 14 de maio, polo que se desafecta do dominio público unha parcela que integra o inmoble situado na rúa Montevideo, 9, termo municipal de Lugo.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude dos rreais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, sobre transferencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia de traballo, industria, comercio, sanidade, cultura e pesca, (BOE do 9 de agosto de 1980); 2368/1984, do 19 de decembro, sobre valoración definitiva, ampliación de medios adscritos ós servicios traspasados e adaptación dos transferidos en fase preautonómica en materia de sanidade, (BOE do 16 de xaneiro de 1985), e 1995/1985, do 9 de outubro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade (AISNA), (BOE do 14 de novembro de 1985), ten a titularidade do inmoble situado na rúa Montevideo, 9, termo municipal de Lugo.

O Concello de Lugo solicitou da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a utilización dunha franxa de terreo que une a rúa Montevideo co Carril dos Fornos, con destino á apertura dunha vía pública de conexión das anteditas vías.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que ten na actualidade adscrito o inmoble, informou favorablemente a cesión solicitada, o que implica, á vista do disposto no artigo 24 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a conformidade coa desafectación do dominio público da devandita parcela de terreo.

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O punto segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, logo de instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación.

Por todo isto, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha franxa de setecentos sesenta metros cadrados (760 m) do

inmoble situado na rúa Montevideo, 9, termo municipal de Lugo, que linda ó norte, en liña aproximada de doce metros, coa rúa Montevideo; ó sur, en liña aproximada de once metros, co Carril dos Fornos; ó leste, en liña aproximada de sesenta e catro metros, co edificio da antiga Delegación Provincial da Consellería de Sanidade, e ó oeste, en liña aproximada de sesenta e oito metros, con Manuel Millares Cortón e máis de Benigno López Campo.

Artigo 2º

O ben inmoble antes descrito adquire natureza patrimonial, sen prexuízo do cumprimento da recepción formal por parte da Consellería de Economía e Facenda do ben desafectado de conformidade co disposto no artigo 27 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de maio de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda