Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Xoves, 27 de maio de 1999 Páx. 6.397

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 12 de maio de 1999 pola que se aproba a modificación do artigo 20 da Fundación Campus Universitario de Lugo e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Campus Universitario de Lugo.

Resultando que esta fundación foi clasificada como docente por Orde do 28 de abril de 1995, encontrándose inscrita no Rexistro de Fundacións desta consellería co número 176.

Resultando que a Fundación Campus Universitario de Lugo solicitou ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a modificación dos seus estatutos.

Vista a Lei 7/83, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/91, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/83; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/83, e 32.3º e 38 de dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Aproba-la modificación do artigo 20 dos estatutos da Fundación Campus Universitario de Lugo, que queda redactado: «O acordo de extinción da fundación requirirá o acordo favorable das dúas terceiras partes dos asistentes, sempre que, ademais supoña maioría absoluta do número dos seus membros.

Extinguida a fundación, procederase á súa liquidación, repartíndose o patrimonio social resultante a outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que puidesen cumprir finalidades semellantes».

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da que entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109.c) da Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria