Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.926

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 18 de maio de 1999 pola que se modifica a Orde do 14 de xuño de 1995 pola que se fixan as normas ás que deben aterse os visitantes das illas Ons.

A Orde do 14 de xuño de 1995 establece as normas ás que deben ate-los visitantes das illas Ons co fin de salvagardar e protexe-los valores naturais das illas e de mellora-lo contorno no que se desenvolve a estadía dos visitantes.

No momento presente a xestión das illas aconsella a actualización da citada normativa de aplicación para adecuala ás circunstancias en que estas se encontran.

Neste sentido faise necesario amplia-lo número de prazas para a zona de acampada de Chan da Pólvora, de acordo coa mellora da súa capacidade real de acollida e a maior demanda de visitantes.

Por outra banda, é necesario limita-la circulación dos vehículos de motor polas illas, especialmente nalgunhas zonas sensibles, para evita-la súa deterioración ambiental.

En consecuencia, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente

DISPOÑO:

Artigo único.-Quedan modificados os artigos 3º e 5º da Orde do 14 de xuño de 1995 pola que se fixan as normas ás que se deben ate-los visitantes das illas Ons, que pasarán a te-la seguinte redacción:

1. Artigo 3º

Será necesaria autorización especial:

a) Para o acceso ás illas de Onza ou Onceta e ós illotes da Freitosa e Centolo.

b) Para a entrada e circulación de vehículos de motor na illa de Ons.

2. Artigo 5º

1. Será necesario permiso previo para acampar na única zona autorizada para tal fin nas illas de Ons, coñecida como Chan de Pólvora.

2. Tales permisos, persoais e intransferibles, serán gratuítos e dunha duración máxima de 7 días.

3. O número máximo de prazas para acampar será de 400 persoas.

4. O período de acampada abranguerá desde o día primeiro de xullo ata o día 30 de setembro de cada ano.

Disposición derradeira

Única.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da sua publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente