Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 04 de xuño de 1999 Páx. 6.940

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 1 de xuño de 1999 pola que se regula a concesión de axudas para contribuír ó mantemento dos valores ambientais dos parques naturais e ó desenvolvemento socioeconómico da poboación local.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre, prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente nas áreas de influencia socioeconómica onde se atopa un espacio natural protexido e a súa periferia de protección, dado que esta lei, de protección dos espacios naturais, ten como obxectivo, entre outros, protexer, conservar e mellora-los espacios naturais de xeito compatible co desenvolvemento e a utilización dos seus recursos.

Resultando que nos diferentes instrumentos de ordenación dos espacios protexidos de Galicia prevén a posible realización de plans e programas que orienten e potencien os recursos económicos, sociais, culturais e naturais estes espacios.

Visto que por este motivo os parques naturais prevén, entre outros, beneficios técnicos e financeiros destinados a estimula-las iniciativas da poboación na xestión deste espacio protexido, e a favorece-las actividades agrícolas e gandeiras que se desenvolven no seu interior.

Estas axudas constitúense con motivo de contribuír á conservación do devandito espacio natural, á vez que se impulsa un desenvolvemento socioeconómico sostible da súa poboación.

A xestión dos moradores e propietarios nestes espacios protexidos é fundamental para o mantemento do capital ambiental, polo que deben ter un apoio e instrumento financeiro axeitado que incentive e compense estes laboures.

O Real decreto 2225/1993 aproba o Regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na norma de convocatoria das axudas.

En virtude de todo iso, e en uso das atribucións que confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Esta orde ten por obxecto a concesión de axudas para a realización de accións ou actividades que se dirixan a contribuír á conservación de valores medioambientais, a incentivar e potencia-la mellora da calidade de vida dos habitantes dos parques naturais da Comunidade Autónoma de Galicia, apoia-lo desenvolvemento socioeconómico das poboacións

locais, e a fomenta-lo establecemento das actividades que contribúan á mellora da renda, así como ó uso racional dos recursos naturais e á súa conservación.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

Son actividades obxecto das axudas reguladas por esta orde:

a) Actuacións que teñan por obxecto acadar obxectivos marcados nos diversos instrumentos de ordenación e planificación e nos decretos de creación dos parques naturais.

b) Corrección de impactos paisaxísticos e ambientais.

c) A recuperación ou rexeneración de sistemas naturais, a mellora de hábitats e de lugares de especial interese.

d) A realización e a mellora de infraestructuras e de equipamentos que teñan por obxecto a protección do espacio incluído no parque natural, o desfrute dos seus valores naturais ou o incremento da calidade de vida dos seus habitantes.

e) Actuacións agroambientais e a mellora ou defensa de masas forestais, é dicir, a realización de actuacións de acondicionamento e mellora de espacios agrícolas e forestais.

Esta acción tamén abrangue actuacións para o manexo do gando e mellora de pastos. Todas estas accións serán subvencionables cando revirtan na conservación e defensa do parque natural.

f) Accións para o fomento e apoio do desenvolvemento sostido e socioeconómico da zona. Esta acción implica a utilización racional dos recursos endóxenos, a posta en valor dos recursos naturais, culturais, patrimoniais ou socioeconómicos, susceptibles de crear un valor engadido na zona.

Esta valorización do capital ambiental debe poder xera-la potenciación e formación dos recursos humanos, así como a creación de emprego ou rendas, actividades económicas, incremento do benestar e nivel de vida dos habitantes, etc., sempre no marco dunha sostibilidade ecolóxica.

g) Promoción e sensibilización social dos valores culturais, naturais ou sociais do espacio protexido.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

Os importes máximos ós que terán dereito os beneficiarios segundo o tipo de actividades ás que se fai relación no artigo 2º serán os seguintes:

1. Para as actividades correspondentes ós grupos a), b), c) ata o 100% do custo da actividade.

2. Para as actividades correspondentes ós grupos d), e), f), g) ata o 70% do custo da actividade.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. Particulares que sexan propietarios de terreos nalgunha das parroquias incluídas no espacio protexido.

2. Asociacións e/ou agrupacións que posúan a súa sede social e como mínimo o 50% dos socios con residencia nalgún dos concellos pertencentes ó parque natural.

3. Comunidades de propietarios de montes veciñais en man común situados total ou parcialmente no parque natural.

4. Empresas que teñan o seu domicilio nalgún dos concellos do parque natural.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

Os interesados presentarán por duplicado as súas solicitudes, (segundo o modelo do anexo I) xunto cos respectivos proxectos de actividades que se van executar, na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, nas delegacións provinciais ou en calquera organismo ó abeiro do Art. 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude deberase presenta-la seguinte documentación (anexo II)

1. Para todo tipo de beneficiario:

a) Fotocopia do DNI ou CIF.

b) Documentación acreditativa da personalidade da entidade solicitante. Cando proceda, copia dos estatutos, certificación da inscrición no rexistro público correspondente e relación dos socios cos seus domicilios correspondentes.

c) Proxecto técnico. Se non se trata de obras, memoria xustificativa do proxecto ou accións que deberán ter, como mínimo, descrición dos traballos ou actividades e orzamento detallado.

d) Calendario e prazo aproximado de execución.

e) Documentación, autorizacións e permisos correspondentes para levar a cabo a intervención.

f) Memoria explicativa das características, actividades ou accións que realiza e/ou realizou a entidade ou entidades solicitantes.

g) Documentación sobre axudas públicas ou privadas concedidas ou solicitadas que sexan concorrentes na solicitude presentada.

h) Certificación bancaria, orixinal ou cotexada, da titularidade do terreo onde se pretendan efectua-las obras.

i) Solicitude orixinal asinada polo representante legal, xunto co documento acreditativo da representación dirixido ó conselleiro de Medio Ambiente.

j) Declaración xurada.

2. Documentación complementaria segundo a natureza do beneficiario:

a) Para particulares que sexan propietarios de terreos nalgunha das parroquias incluídas no espacio protexido:

-Acreditación da titularidade dos predios ou terreos.

b) No caso de solicitudes nas que figure como titular unha comunidade de montes veciñais en man común:

-Certificado de acordo tomado en asemblea xeral conforme autoriza a xunta rectora para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente para a execución das accións obxecto da solicitude.

-Certificado do Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común de posuí-los estatutos en regra, figurando a composición da xunta rectora actualizada.

c) No caso de solicitudes realizadas por agrupacións ou asociacións, deberán presentar:

-Documento privado que acredite a constitución da agrupación. Como representante figurará directamente como solicitante.

-Acordo da xunta de goberno ou figura similar que teña as competencias de xunta de goberno, da asociación ou agrupación, segundo solicita a axuda á Consellería de Medio Ambiente para a execución das accións obxecto da solicitude.

-Relación dos socios cos seus domicilios correspondentes.

d) No caso de solicitudes nas que figuren como titular empresas:

-Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE.

-Solicitude presentada polo correspondente órgano de administración.

-Acreditación de posuí-la súa sede social no parque natural correspondente.

e) No caso de empresas denominadas de economía social (cooperativas, SAT, SAL...):

-Fotocopia dos estatutos.

-Solicitude presentada polo órgano colexiado de administración.

-Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE ou, no caso que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque natural correspondente.

f) No caso de solicitudes presentadas por autónomos:

-Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE ou, no caso que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade.

-No caso de agricultores deberán presentar informe de vida laboral da Seguridade Social.

g) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios:

-Fotocopia dos títulos de propiedade ou declaración xurada de ser titular do terreo de cada copropietario e documento privado no que se acredite o consentimento asinado de tódolos copropietarios e a representatividade do solicitante para realiza-la acción obxecto da subvención.

3. A Direccion Xeral de Medio Ambiente poderá pedir calquera documentación complementaria que crea conveniente para un mellor coñecemento do investimento que se vai subvencionar.

4. Prazo de presentación de solicitudes. O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Á solicitude presentada por representación deberáselle xunta-lo documento acreditativo correspondente.

Artigo 6º.-Compatibilidades.

As axudas ás accións establecidas nesta orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins, sempre que o total das subvencións non supere o custo total do investimento solicitado.

Artigo 7º.-Selección de solicitudes.

1. Os criterios de selección e avaliación das obras e proxectos para cada parque natural serán os seguintes:

Criterios de avaliación xeral para tódalas

actividades subvencionables

Puntos

Número de habitantes residentes no espacio protexidoDe 0 a 5

Superficie achegada polo concello de residencia do solicitante ó parque naturalDe 0 a 5

Existencia doutro tipo de axuda ou colaboración para a realización do proxecto ou actividade que se solicitaDe 0 a 4

Que o proxecto ou actividade estea dentro dunha acción comunitaria ou colectiva, na que estean implicados varios colaboradoresDe 0 a 5

Calidade do proxectoDe 0 a 5

Actividade

subvencionable

(artigo 2)

Criterios particulares

Puntos

a)Grao de integración nos obxectivos marcados nos PORN (Plan de Ordenación dos Recursos Naturais) ou PRUX (Plan Rector de Uso e Xestión) aprobadosDe 0 a 5

a)Complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitados, coas previstas pola administración do parque naturalDe 0 a 3

b)Número de ha e número e clase de lugares onde se realizará a corrección do impactoDe 0 a 3

b)Repercusión ambiental positiva nas especies e hábitats declarados como de interese especialDe 0 a 5

b)Tipo e grao de afección do impacto para corrixir no ambienteDe 0 a 5

c)Tipo de hábitat ou lugarDe 0 a 5

c)Multidisciplinariedade do proxecto ou obraDe 0 a 5

Actividade

subvencionable

(artigo 2)

Criterios particulares

Puntos

c)Localización da acción na zonificación establecida no PORN (Plan de Ordenación de Recursos Naturais) do parque naturalDe 0 a 4

d)Número de habitantes directos beneficiadosDe 0 a 5

d)Localización da acción con referencia ó parque naturalDe 0 a 5

d)Finalidade e obxectivos que abrangue o proxecto. Incidencia no desenvolvemento sostidoDe 0 a 5

e)Actuacións que incidan no desenvolvemento do código de boas prácticas agrícolas (utilización de tratamentos fitosanitarios, fertilizantes, utilización de métodos compatibles co ambiente, etc.)De 0 a 5

e)Incidencia na fixación da poboación ruralDe 0 a 4

e)Importancia da acción nos efectos erosivos e da loita contra os incendios forestaisDe 0 a 5

e)Número de ha e ámbito de aplicaciónDe 0 a 4

f)Influencia no incremento da renda dos habitantes e/ou emprego creadoDe 0 a 5

f)Número e tipo de beneficiados directos e indirectosDe 0 a 4

f)Tipo de economía e/ou actividade creada ou mellorada. Incremento do valor engadido do parque naturalDe 0 a 5

f)Tipo e número de productos ou recursos revalorizadosDe 0 a 4

g)Número de beneficiarios directos e indirectosDe 0 a 5

g)Relación da actividade proposta co resto das accións subvencionablesDe 0 a 4

g)Orixinalidade do proxectoDe 0 a 4

2. As obras que opten a estas axudas deberán ter obtido, previamente, o informe favorable da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, oída a xunta rectora do parque natural en cuestión.

3. Incluiranse actuacións de reserva co obxecto de que, se xorden dificultades na tramitación ou realización dalgunha actuación, se poida substituír por aquelas, sempre respectando a dotación orzamentaria asignada ó parque natural e o resto dos requisitos correspondentes.

Corresponderá á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural resolve-la substitución das accións subvencionables.

4. En todo caso só se valorarán aquelas solicitudes que obteñan as maiores puntuacións ata que se esgote o crédito orzamentario previsto na propia orde.

Artigo 8º.-Concesión da subvención.

1. A concesión das subvencións farase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do director xeral de Montes, logo do informe do director conservador do parque natural, oída a xunta rectora de acordo cos criterios expresados no artigo 7º.2 e segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A concesión ou denegación da solicitude realizarase nun prazo de 3 meses, contados a partir da data da convocatoria.

As solicitudes ás que non se notificase a súa aprobación no prazo de tres meses desde a publicación desta orde, entenderase que son denegadas, non procedendo a súa concesión por silencio administrativo.

Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude de subvención poderá interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Medio

Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

3. A concesión da axuda notificarase ós interesados. Unha vez recibida a notificación, os beneficiarios deberán comunicar necesariamente á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural a súa aceptación ou renuncia nun prazo de 20 días.

4. No caso de que a subvención concedida fose inferior ó importe solicitado, indicarase ó solicitante que a concesión estará condicionada á adecuación do proxecto á subvención concedida. Esta adecuación deberase realizar no prazo de 30 días. Se non se adecuara o proxecto no prazo determinado, procederase á anulación desta, do que se dará conta ó interesado podendo interpoñe-los recursos que sexan procedentes.

5. No momento de concesión da axuda, e logo da resolución motivada do conselleiro de Medio Ambiente, poderá liberarse un anticipo do 50% do total da axuda, que se concederá con carácter excepcional nos casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

Artigo 9º.-Requisitos.

As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente en xeral, ó Plan de Ordenación e Plan de Uso e Xestión, ou a outros instrumentos de planificación nas materias que correspondan, e contar no momento do seu inicio coas licencias e autorizacións preceptivas.

Artigo 10º.-Condicións de realización do investimento.

1. Os beneficiarios deberán colocar, no lugar onde estas se realicen, un cartel que indique que a obra se está levando a cabo en colaboración co parque natural de que se trate, e a Consellería de Medio Ambiente. O modelo deste letreiro será facilitado polo parque natural e será por conta do beneficiario.

2. Na resolución de concesión da subvención, o conselleiro de Medio Ambiente poderá impoñer condicións e establecer directrices para a execución dos investimentos co gallo dun mellor cumprimento do fin da subvención.

3. O beneficiario comunicará calquera eventualidade que altere ou dificulte o desenvolvemento da actividade co fin de que se considerase de suficiente entidade, se modificasen as condicións de outorgamento da subvención. As solicitudes de modificación deberán estar claramente xustificadas e formuladas con carácter inmediato á aparición das circunstancias que a xustifiquen e, en todo caso, con anterioridade á finalización do prazo de execución da subvención.

Artigo 11º.-Prazo de execución.

1. Os investimentos obxecto de subvención deberanse realizar durante este exercicio e, en calquera

caso, antes do 15 de outubro de 1999. Excepcionalmente, este prazo poderase prorrogar como máximo 6 meses, nos casos en que se xustifique, mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente.

2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos.

3. Excepcionalmente, concederanse subvencións nas que o prazo de execución sexa de carácter plurianual.

Artigo 12º.-Xustificación do gasto.

1. Os beneficiarios da subvención deberán entregar nas oficinas do parque natural correspondente ou no Servicio Provincial de Medio Ambiente, antes do 30 de outubro de 1999, a documentación xustificativa da realización do gasto. No caso de prórroga do prazo de execución, tamén se fixará na autorización o prazo de prórroga da xustificación.

2. A realización do gasto deberase acreditar mediante:

-Os orixinais das certificacións das obras.

-As facturas orixinais.

3. O director do parque natural deberá certificar que os investimentos foron realizados congruentemente coa solicitude formulada, de acordo co informe favorable da xunta rectora.

Artigo 13º.-Pagamento das subvencións.

O pagamento das axudas aboaranse logo das inspeccións realizadas polo director conservador do parque natural que corresponda. Unha vez realizada a inspección e emitida a certificación final correspondente de execución, aboarase a contía da subvención.

Non obstante poderanse emitir certificacións parciais que se efectuarán de acordo co artigo 35 da Lei de orzamentos xerais de Comunidade Autónoma de Galicia.

Os beneficiarios de axudas con importe superior a 250.000 pesetas, antes de proceder ó seu cobramento, terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 14º.-Control.

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural poderá realiza-las actuacións de inspección e control necesarias para garanti-lo cumprimento do establecido nesta orde, así como a comprobación dos investimentos realizados, podendo ser requiridos os beneficiarios para facilitar toda a documentación e información que lles sexa requirida.

Artigo 15º.-Revogación.

1. Son causas de revogación:

a) No suposto de que se comprobase que as axudas concedidas foron destinadas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.

b) No caso de que o beneficiario da subvención incumpra calquera das condicións establecidas tanto nesta orde coma no resto da normativa aplicable.

c) Cando existan modificacións graves das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

d) Por ocultar, manipular ou falsear datos ou entorpecer de forma deliberada o labor de inspección e control.

e) Por perda da titularidade dos terreos. Non obstante, no caso de traspaso dos terreos a outra persoa física ou xurídica, esta poderá continuar ou subrogarse ó compromiso. Se non fose deste xeito, o beneficiario estaría obrigado a reembolsa-lo importe das axudas percibidas.

f) No caso de perda de personalidade xurídica das empresas, asociacións, agrupación ou algún destes tipos de beneficiarios establecidos nesta orde.

2. En tódolos supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Montes e Medio Ambiente, logo do informe do director do parque natural, e logo de audiencia ó interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

3. Nos casos de anulación ou revogación por certificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderán ser adxudicadas a outros peticionarios de acordo coa relación de prioridades e a orde establecida.

Disposición adicional

Estas axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.02.342.A.770.0 e 15.02.342.A.780.0 de axudas para medidas compensatorias no contorno dos espacios naturais protexidos, dotadas con 100.573.000 e 106.093.000 ptas. respectivamente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 1999.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente