Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Martes, 29 de xuño de 1999 Páx. 8.288

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 1999, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o persoal de limpeza da empresa Eulen, S.A., no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal de limpeza da empresa Eulen, S.A., no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos (código 2700720), da provincia de Lugo, asinado o día 13 de abril de 1999, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Visto o escrito do 12 de maio de 1999 emendado erro na redacción do artigo 7, alínea g) última liña primeiro parágrafo, onde di: «oito semanas», debe dicir: «dezaseis semanas».

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia coa corrección arriba citada.

Lugo, 13 de maio de 1999.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo do persoal do servicio de limpeza do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos da empresa Eulen, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As estipulacións deste convenio serán de aplicación ó persoal de limpeza adscrito á empresa concesionaria do servicio no centro de traballo do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Con independencia da súa publicación no BOP, o convenio terá vixencia desde o día 1 de xaneiro de 1999 ata o 31 de decembro do 2001. Entenderase automaticamente denunciado con tres meses de antelación ó seu vencemento. As partes comprométense a inicia-las negociacións e formaliza-la mesa dous meses antes do remate da súa vixencia. Mentres non entre en vigor o novo convenio, manteranse en vigor tódalas súas cláusulas normativas.

Artigo 3º.-Xornada laboral, descansos e quendas.

A xornada será continuada en quendas de mañá, tarde e noite, con trinta minutos de descanso en cada un deles, contados como xornada efectiva para tódolos efectos. A xornada establécese nun máximo de 40 horas semanais de traballo efectivo. O horario de traballo será establecido de común acordo entre a empresa e os/as representantes dos/das traballadores.

Ademais dos días legalmente establecidos, as/os traballadoras/es disfrutarán:

a) En concepto de días de libre disposición e non xustificables polo traballador, nove días ó ano, sen períodos restrictivos do dereito agás nas festas de Nadal e Aninovo que abranguerá desde o 20 de decembro ata o 10 de xaneiro de cada ano, que poderán ser desfrutados se así o solicitan, ata con dous meses de antelación, por dous traballadores conxuntamente de luns a venres, por orde de petición, sen que poida ser cuestionado este dereito salvo causa derivada dun feito excepcional, podendo a empresa aumenta-lo número de beneficiarios se o permiten as circunstancias laborais. Os citados días solicitaranse por escrito en modelo de talonario para o efecto que constará de dúas metades, unha para a empresa e outra para o traballador/a numerados correlativamente e no que se especificará, se é o caso, o motivo da denegación derivada do citado feito excepcional.

Cando as baixas por enfermidade común sen hospitalización sexan de máis de 3 traballadores, ou ben máis de dous por enfermidade común, se ademais existisen a maiores baixas por maternidade ou accidente, o dereito será dun día por libre disposición.

Co motivo de asegurar unha racionalidade neste desfrute e unha distribución regular no tempo, con carácter xeral haberá que desfrutar cinco dos nove días do 1 de agosto de cada ano.

b) En concepto de «sábados verdes», dous de cada tres sábados.

O necesario calendario de libranzas por estes conceptos, deberá ser acordado entre a empresa e as/os representantes dos/das traballadores.

A empresa elaborará un calendario mensual coa distribución diaria da xornada.

Artigo 4º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, de acordo co prescrito neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo anterior, os representantes dos traballadores terán competencias de orientación, proposta, emisión de informes, etc..., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de acordo coa lexislación vixente e de acordo co establecido neste convenio.

Artigo 5º.-Contratación e emprego.

Os contratos de duración determinada por circunstancias do mercado, acumulacióin de tarefas, exceso de pedidos, poderán ter unha duración máxima de doce meses, dentro dun período de 18 meses, contados desde o inicio da relación laboral.

No caso de concertarse tales contratacións por prazo inferior a doce meses, poderán ser prorrogadas mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo.

Nos contratos de interinidade, se a súa duración fose superior a dous anos, o traballador, no momento do seu cesamento, percibirá unha indemnización de doce días por ano ou fracción.

Artigo 6º.-Vacacións.

O persoal afectado por convenio terá dereito ó desfrute ininterrompido dun mes de vacacións retribuídas, no período comprendido entre o un de xullo e o 30 de setembro, sen que isto signifique que non se poida vacar fóra deste período sempre que exista previo acordo entre a empresa e o traballador que o solicite.

A empresa, de común acordo cos representantes dos traballadores, elaborará cada ano as quendas correspondentes, seguindo unha orde rotatoria de preferencia, e coa suficiente antelación (mínimo dous meses). As vacacións non poderán ser substituídas por compensacións económicas, e a súa remuneración será a mesma cás restantes mensualidades. Do C. de atención continuada que remunera a nocturnidade e a festividade, obterase a media dos tres últimos meses anteriores á data do desfrute.

Artigo 7º.-Permisos e licencias.

a) Quince días naturais por matrimonio.

b) Catro días por nacemento de fillo e por enfermidade grave, ou falecemento de cónxuxe, pais, fillos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos. Cando exista desprazamento fóra da provincia o permiso ampliarase a 6 días.

c) Tres días por falecemento ou enfermidade grave de avós e netos do traballador ou do seu cónxuxe. Tres días nas mesmas condicións, no caso de tíos sobriños e primos, cando exista convivencia no mesmo domicilio; en caso contrario, o permiso será dun día.

Considérase grave para estes efectos, cando se produza intervención cirúrxica, con anestesia xeral ou epidural, e en caso de enfermidade que non precise cirurxía, pero si hospitalización de duración superior ó número de días ós que afecta este dereito. Cando o que se realicen sexan probas médicas que pola súa importancia requiran anestesia xeral e epidural, soamente xerarán o número de días que o familiar enfermo, xerador do dereito, permaneza hospitalizado se é inferior a 3 ou 4 días segundo a alínea c) ou b) respectivamente.

d) Tres días por traslado de domicilio habitual.

e) Polo tempo establecido para desfrutar dos dereitos educativos xerais e da formación profesional, nos supostos e na forma regulados pola lei.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. cando conste nunha norma legal sindical ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

g) A muller traballadora terá dereito a un período de descanso laboral de dezaseis semanas ininterrompidas por maternidade, ampliables por parto múltiple a dezaoito semanas. Este período distribuirase a opción da interesada, sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, o pai podería facer uso destas para o coidado do fillo en caso de falecemento da nai. Se o pai e a nai traballan, a nai poderá optar por que o pai desfrute de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que isto non supoña risco ningún para a saúde da nai. En caso de adopción, e segundo que o fillo adoptado sexa menor de nove meses ou menor de 5 anos e maior de 9 meses, a suspensión terá unha duración de oito semanas e seis semanas respectivamente.

Así mesmo, o traballador ou traballadora terá dereito a un período de excedencia non superior a tres anos por cada fillo nacido vivo ou adoptado, contado desde a data do parto. Os sucesivos partos darán dereito a novo período de excedencia que, se é o caso, poñerán fin ó que se viñese desfrutando. A traballadora ou traballador que se atope na situación de excedencia por maternidade terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o primeiro ano a partir do inicio de cada situación de excedencia, no resto do tempo ata a terminación do perío

do de excedencia poderá solicita-lo seu reingreso na empresa, que deberá destinalo á primeira vacante que se produza de igual ou similar categoría.

h) As traballadoras terán dereito, por lactación dun fillo menor de nove meses, a unha hora de ausencia do traballo, que poden fraccionar en dúas metades ou reduci-la xornada normal en media hora. Tamén poderá exercerse a opción de que sexa o pai o que desfrute da dita reducción de xornada, no caso de que traballen os dous.

i) O traballador ou traballadora que teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, alomenos, un tercio e un máximo da metade da xornada.

j) Con aviso previo (dispensado en casos urxentes) e xustificación, quedan incluídos neste punto os permisos retribuídos que se conceden polo tempo necesario para a asistencia a consulta médica da Seguridade Social, tanto de Atención Primaria como de Especializada, cando o horario da consulta coincida coa xornada de traballo.

k) Igualmente un membro de cada unha das partes que integren a comisión paritaria estudiarán a concesión, caso por caso, de permisos temporais non retribuídos de ata un mes de duración.

Artigo 8º.-Excedencias.

Todo traballador fixo cunha antigüidade de polo menos un ano na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non superior a cinco anos.

O traballador excedente terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante o período máximo de dous anos. A reincorporación á empresa terá que ser solicitada cun aviso previo de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous anos, a traballadora ou traballador terá dereito a reintegrarse na empresa durante o prazo dos seis meses da dita excedencia, dispoñendo o empresario dese mesmo prazo de seis meses para a súa incorporación, debendo o traballador efectua-lo aviso previo cun mes de antelación. Pasados os seis primeiros meses de excedencia sen que o traballador ou traballadora fixese uso do seu dereito, xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo período total de excedencai voluntaria.

Artigo 9º.-Equiparación retributiva.

As retribucións do persoal de limpeza afectado por este convenio serán as mesmas que perciba o persoal estatutario do Sergas encadrado no grupo E, na categoría de pinche de cociña.

Aplicaranse de forma automática os aumentos e melloras que sexan concedidos para o dito persoal e desde a mesma data da súa concesión ou dos seus efectos. As retribucións seranlle devengadas ó per

soal polos mesmos conceptos e nas mesmas contías có persoal do Sergas. Enténdese que a equiparación abrangue igualmente os complementos por antigüidade, nocturnidade, festividade e traballo por quendas.

Artigo 10º.-Incapacidade temporal ou enfermidade profesional.

No suposto de incapacidade temporal derivada de enfermidade común, que non requira hospitalización, a empresa completará ata o 100% das retribucións desde o primeiro día e mentres dure tal situación, coas seguintes excepcións:

A empresa non estará obrigada ó aboamento do complemento establecido no parágrafo anterior durante os días nos que o número de traballadores en situación de IT de forma simultánea acade as seguintes cifras de absentismo (non se computan as baixas derivadas de accidente laboral, nin as de enfermidade común que requiran hospitalización cun mínimo de 48 horas de estancia hospitalaria):

Ano 1999: 2 persoas.

Ano 2000: 3 persoas.

En tal suposto e durante os días en que se superen estas cifras de absentismo, o complemento que aboará a empresa será o establecido no artigo 10 do convenio colectivo vixente para o ano 1998.

Con efectos do 1 de xaneiro do 2001, o complemento do 100% será de acordo co establecido no parágrafo primeiro deste artigo sen as excepcións de absentismo, quedando, por tanto, aquelas sen efecto a partir da referida data avaliando os seus resultados na negociación do seguinte convenio.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Consideraranse como tales as que excedan da xornada laboral establecida no presente convenio, quedando reducida a súa realización a causas de forza maior ou de carácter estructural. O seu aboamento realizarase co incremento do 75% sobre o valor da hora ordinaria ou compensarase en descansos, a opción do traballador.

Artigo 12º.-Embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie de posto de traballo a outro máis acorde co seu estado, non estando obrigadas en ningún caso a desempeñe-las súas funcións en lugares radiactivos, infecciosos ou perigosos para o seu embarazo. Esta situación daría lugar á suspensión do contrato de traballo cunha duración máxima de dezaseis semanas, remitíndonos o Decreto lei do 3 de marzo de 1989.

Artigo 13º.-Xubilación.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos, poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no R.D. Lei 14/1981, do 20 de agosto, e R.D. 1194/1985. Para tal efecto, as empresas obríganse a contratar no lugar do xubilado ou xubilada outro traballador que sexa

titular do dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou mozo demandante do primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Establécese un premio por xuiblación anticipada para aqueles traballadores ou traballadoras que acrediten un mínimo de antigüidade na empresa de dez anos, e que voluntariamente así o soliciten, de acordo coas seguintes características:

Ós 60 anos: 850.000 ptas.

Ós 61 anos: 700.000 ptas.

Ós 62 anos: 525.000 ptas.

Ós 63 anos: 350.000 ptas.

Ós 64 anos: 175.000 ptas.

Estas contías serán revisadas anualmente, aplicándolle-lo incremento porcentual que sexa de aplicación ós salarios.

Artigo 14º.-Subrogación do persoal.

Ó remate da concesión da contrata de limpeza, os traballadores da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da anterior adxudicataria con respecto a tódolos traballadores (antigüidade, xornada, horario, modalidade das contratacións, calendario de vacacións e representación sindical), calquera que sexa a situación na que se atopen e a modalidade do seu contrato de traballo, coa única excepción daqueles que fosen incorporados nos últimos catro meses, se a dita incorporación non se debe á ampliación da contrata ou unha esixencia expresa do cliente.

Nun prazo de tres días hábiles, a empresa saínte deberá facilitarlle á entrante a seguinte documentación:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das últimas nóminas mensuais dos traballadores/as afectados/as.

-Relación de persoal na que se especifique: nome, apelidos, enderezo, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das vacacións.

O empresario saínte estará así mesmo obrigado a liquidarlle ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores e traballadores co obxecto de que estes poidan desfrutar completas as súas vacacións e cobrar integramente as pagas correspondentes.

Os/as traballadores que, no momento do cambio de titularidade dunha contrata, estivesen enfermos, accidentados, en excedencia, cumprindo o servicio militar ou en situación análoga, pasarán a estar adscritos á nova titular, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas da empresa saínte.

O contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores soamente se extingue no momento no que se produza a subrogación deste por parte da nova adxudicataria.

A aplicación deste artigo seralle de obrigado cumprimento ás partes ás que se vincula: empresa cesante, nova adxudicataria e traballador, sen que desapareza o seu carácter vinculante por efecto de que a empresa adxudicataria do servicio suspenda este por un período inferior a seis meses.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

Proverase ós traballadores de roupa de traballo axeitada e regulamentaria: fundas, batas ou pixamas unha vez ó ano, o mesmo ca zocos ou zapatillas, criterios que se establecerá de mutuo acordo entre as partes, en función das preferencias do persoal ou da idoneidade dun tipo ou outro de calzado. Proverase de roupa e calzado impermeable ó persoal que teña que realizar labores continuas á intemperie, en réxime de choivas frecuentes. A roupa que leve gravado o anagrama da empresa deberá ser devolta a esta no momento no que se entregue a nova.

Artigo 16º.-Seguro de vida.

Con efectos desde a entrada en vigor deste convenio, a empresa subscribirá unha póliza de seguro colectivo a favor de todos e cada un dos traballadores, que cubrirá as continxencias de morte, incapacidade total, absoluta ou gran invalidez, derivadas de accidente laboral, incluído o accidente in itinere. O capital subscrito será de:

-Morte ou invalidez total: 2.750.000 ptas.

-Invalidez absoluta ou gran invalidez: 3.000.000 de ptas.

A revalorización destas contías queda ligada á revisión que sufran as cantidades pactadas no convenio colectivo provincial de limpeza de edificios.

Artigo 17º.-Recoñecemento médico.

A empresa concesionaria do servicio queda obrigada a solicitar do Gabinete Técnico Provincial, Servicio Social de Hixiene e Seguridade no Traballo ou outro centro asistencial similar, un recoñecemento anual como mínimo para todo o persoal. O tempo empregado no recoñecemento será aboado pola empresa.

Artigo 18º.-Acción sindical.

Haberá un crédito de 3 horas anuais para a realización de asembleas de traballadores no centro de traballo, convocadas polos sindicatos que teñan a representación dos traballadores. Para a celebración das ditas asembleas procurarase non empregar máis dunha hora en cada ocasión, e fixa-lo horario de acordo coa empresa para entorpece-lo menos posible o proceso productivo.

A empresa permitirá en toda a súa amplitude as tarefas de información, afiliación e propaganda sindicais, con tal de que estas sexan legais e non alteren o proceso de traballo en circunstancias normais.

Os comités de centro e delegados/as de persoal terán os dereitos que lles recoñece o R.D. lei 3149/1977, do 6 de decembro. Disporán de espacios visibles e de dimensións suficientes que ofrezan posibilidades correctas de comunicación fácil ós traballadores (taboleiro de anuncios). Non computarán dentro do crédito horario as reunións mantidas coa empresa, nin as reunións da comisión paritaria.

A empresa dará conta das novas contratacións que realicde ós representantes legais dos traballadores.

Por requirimento dos traballadores afiliados ás centrais sindicais asinantes do presente convenio, a empresa descontará da súa nómina mensual o importe da cota sindical correspondente, que será ingresado na conta bancaria que oportunamente se determine.

Os membros do comité ou delegados de persoal gozarán de inmunidade representativa durante o seu mandato e no ano seguinte a que este remate para o relacionado con posibles sancións baseadas na acción do traballador ou traballadora na súa función representativa.

Os comités de centro e delegados/as de persoal virán obrigados a colaborar coa empresa en canto poida redundar en beneficio da boa marcha desta, especialmente no que se refire ó estricto cumprimento das obrigas de tódolos traballadores.

Artigo 19º.-Seguridade e hixiene.

As organizacións que subscriben este acordo desenvolverán as accións e medidas de seguridade e saúde laboral que resulten necesarias para acadar unhas condicións de traballo onde a saúde do traballador non se vexa afectada por elas. As formulacións destas accións e medidas deberán estar encamiñadas a cadar unha mellora da calidade de vida e ambiente de traballo, desenvolvendo obxectivos de promoción e defensa da saúde, mellora das condicións de traballo, potenciación das técnicas preventivas como medio para a eliminación dos riscos na súa orixe, e a participación sindical nos centros de traballo.

A empresa deberá dotarse dun plan de prevención en materia de saúde e seguridade, así como dos servicios necesarios para a súa realización, de acordo cos criterios recoñecidos internacionalmente, se a empresa contratante (Sergas) non incluíse no seu propio plan a actividade da limpeza.

Os traballadores, os seus representantes legais e/ou as organizacións sindicais asinantes participarán nas melloras das condicións de traballo nos lugares onde se desenvolve a súa actividade laboral. Esta participación desenvolverase de acordo coa normativa vixente ó respecto.

Extremaranse as medidas de seguridade e hixiene nos traballos especialmente tóxicos e perigosos, adoptando as oportunas accións preventivas.

Ante a realidade que supón a existencia de perosas que, polas súas características especiais, son máis susceptibles ante determinados riscos, deberanse establecer medidas preventivas especiais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Comisión mixta paritaria.

As partes asinantes deste convenio constituirán unha comisión paritaria coas funcións de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia de canto se estipula no presente convenio, composta por un representante da empresa e un en representación do sindicato que asina o presente convenio. As partes poderán levar ás reunións asesores con voz e sen voto. As discrepancias que se presenten serán sometidas á xurisdicción laboral.

Segunda.-Normas subsidiarias.

Para o non previsto no presente convenio haberá que aterse o que dispón o convenio provincial de limpeza de edificios e locais da provincia de Lugo, Estatuto dos traballadores e demais disposicións legais vixentes.

Terceira.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que, a título persoal, puidese ter calquera persoa afectada polo convenio.

Cuarta.-Retribucións.

O réxime retributivo do persoal do Sergas, que lle é de aplicación ó persoal regulado polo presente convenio, é o establecido no R.D. Lei 3/1987, do 11 de setembro. As contías vixentes para o ano 1999 son as establecidas pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de xaneiro de 1999 (Diario Oficial de Galicia nº 13, do 21 de xaneiro), sobre a confección de nóminas do persoal ó servicio da Administración autonómica.

Disposición adicional

As partes asinantes do presente convenio comprométense a utiliza-lo idioma galego como forma de expresión nas súas relacións laborais.