Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Venres, 02 de xullo de 1999 Páx. 8.477

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental.

Coa promulgación do Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, estableceuse no territorio da Unión Europea un sistema de ecoxestión e ecoauditoría que permite a participación voluntaria das empresas que desenvolvan actividades industriais, para a avaliación e mellora dos resultados das ditas actividades en relación co medio ambiente.

No ámbito estatal, o regulamento foi obxecto de desenvolvemento polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aprobou o Regulamento da infraestructura para a calidade e a seguridade ambiental e polo Real decreto 85/1996, do 26 de xaneiro, polo que se estableceron normas para a aplicación do Regulamento (CEE) 1836/1993.

O sistema comunitario concrétase, basicamente, na necesidade de que as empresas que se adhiran realicen auditorías ambientais que permitan elaborar unha declaración ambiental de carácter público que debe ser validada por un verificador ambiental, independente e debidamente acreditado, con carácter previo ó seu acceso a un rexistro oficial.

Todo iso responde á crecente preocupación existente no ámbito da Unión Europea por comprobar e verifica-lo grao de rigor na xestión ambiental das empresas e a posibilidade de distinguir, dalgún xeito, aquelas que destaquen polo seu alto nivel de autoesixencia no que fai referencia ós aspectos ecolóxicos da súa actividade, mais alá do mero cumprimento da lexislación ambiental.

Galicia non é allea a esta preocupación e, neste sentido, xa a Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia recollía, no seu artigo 25.3º o futuro establecemento dun sistema de ecoxestión e ecoauditoría que, na aplicación do pacto ambiental, permitirá unha participación voluntaria para a avaliación e mellora dos resultados das actividades en relación co ambiente e a facilidade da correspondente información ó público.

Para tal fin, e para o cumprimento da citada estratexia ambiental ordenábaselle ó Goberno da Xunta a promulgación da normativa que crease e desenvolvese a ecoxestión e ecoauditoría prevista no marco da lexislación da Unión Europea e da estatal, tendo en conta as peculiaridades propias da Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, de acordo co artigo 149.1.23 da Constitución española, o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia e a citada Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, en canto norma adicional de protección autonómica dictada no marco da lexislación básica sobre a regulación do ambiente na nosa Comunidade Autónoma, corresponde ó Goberno da Xunta o desenvolvemento da dita normativa.

Así mesmo, o Decreto 482/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Con

sellería de Medio Ambiente atribúe a competencia e funcións referidas á adaptación da normativa xeral en materia de ecoxestión e ecoauditoría á dita consellería.

Por todo isto, de acordo co dictame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente na súa reunión do dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

I. Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento do marco normativo para a implantación en Galicia do sistema voluntario de xestión e auditoría ambientais, establecido polo Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, co fin de promove-la mellora continua dos resultados das actividades industriais en relación co ambiente mediante:

a) O establecemento e aplicación, por parte das empresas, de políticas, programas e sistemas de xestión ambientais en relación cos seus centros de producción.

b) A avaliación sistemática, obxectiva e periódica do rendemento dos ditos elementos.

c) A información ó público acerca do comportamento das empresas en materia de ambiente.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos do presente decreto entenderase por:

a) Auditoría ambiental: instrumento de xestión que comprende unha avaliación sistemática, documentada, periódica e obxectiva da eficacia da organización, o sistema de xestión e procedementos destinados á protección do ambiente e que ten por obxecto:

-Facilita-lo control, por parte da dirección, das prácticas que poidan ter efectos sobre o ambiente.

-Avalia-la súa adecuación ás políticas ambientais da organización.

-Avalia-lo comportamento ambiental do centro sobre a base dos criterios establecidos no Regulamento (CEE) 1836/1993, e no presente decreto.

b) Auditor: persoa ou grupo de persoas que, actuando no nome da alta dirección da empresa posúa, individual ou colectivamente, as competencias mencionadas na parte C do anexo II do Regulamento (CEE) 1836/1993, e que sexa o suficientemente independente das actividades que audite como para poder emitir un dictame obxectivo.

c) Centro: sitio no que se levan a cabo, nun lugar determinado, as actividades industriais baixo o control dunha empresa, incluído o almacenamento conexo ou asociado de materias primas, subproductos intermedios, productos finais e material de refugallo, así como toda infraestructura e equipamento relacionado coas ditas actividades, tanto se son fixos como se non o son.

d) Ciclo de auditoría: período durante o que se someten a auditoría tódalas actividades dun centro determinado.

e) Declaración ambiental validada: declaración feita pola empresa conforme o disposto no presente decreto e, en particular, no seu artigo 6º, na que se recolla un informe das actividades, problemas e resultados ambientais nun centro da empresa, certificada por un verificador ambiental acreditado.

f) Empresa: a compañía, corporación, firma, autoridade ou institución, ou parte ou combinación delas, constituída como sociedade ou non, pública ou privada, que ten as súas propias funcións e administración así como unha dirección que exerce un control global das actividades realizadas nun centro determinado.

g) Avaliación ambiental: análise preliminar global dos problemas, efectos e resultados en materia de ambiente, das actividades dun centro ou empresa.

h) Informe de verificación: informe realizado polo verificador ambiental acreditado, e que ten por obxectivo reflecti-los puntos de desacordo co sistema de xestión ambiental e/ou o contido da declaración ambiental.

i) Mellora continua e razoable: proceso programado sistemático e periódico co obxecto de mellora-lo comportamento ambiental dunha empresa no seu conxunto, de acordo coa súa política ambiental.

j) Obxectivo ambiental: metas concretas, expresadas en termos de eficacia ambiental, que ten a súa orixe na política ambiental que unha empresa se marca a si mesma e se propón acadar.

k) Organismo de acreditación: organismo que dirixe e administra un sistema de acreditación, e que ten por función acreditar, entre outros, os verificadores ambientais.

l) Política ambiental: os obxectivos xerais e principios básicos de acción dunha empresa con respecto ó ambiente, incluído o cumprimento de tódolos requisitos normativos correspondentes relativos ó ambiente.

m) Programa ambiental: unha descrición das actividades e dos obxectivos e metas específicos da empresa para garantir unha maior protección do ambiente nun centro determinado, con inclusión dunha descrición xeral sobre as medidas adoptadas ou previstas para acadar tales obxectivos e, en caso necesario, os prazos fixados para a implantación das ditas medidas.

n) Rexistro de centros adheridos ó sistema: rexistro que ten como obxecto a anotación dos centros situados en Galicia que soliciten a súa adhesión ó sistema e cumpran os requisitos establecidos no presente decreto.

o) Sistema de xestión ambiental: aquela parte do sistema xeral de xestión que define a política ambiental, e que inclúe a estructura organizativa, as responsabilidades, as prácticas, os procedementos, os procesos e os recursos para determinar e implanta-la dita política.

p) Verificador ambiental acreditado: toda persoa ou entidade independente da empresa sometida a verificación que obtivera unha acreditación para realiza-las funcións establecidas neste decreto.

II. Procedemento de participación no sistema

Artigo 3º.-Participación no sistema.

1. Son susceptibles de acollerse ó sistema previsto neste decreto as empresas que realicen actividades

industriais recollidas nas seccións C, D da clasificación de actividades económicas na CE (NACE Rev. 1), recollida no Regulamento (CEE) núm. 3037/90 do Consello, e mailas que operen na producción de electricidade, gas, vapor e auga quente, e o reciclado, tratamento, destrucción ou eliminación de residuos sólidos ou líquidos.

2. Para que un centro poida adherirse ó sistema, a empresa deberá:

a) Cumpri-la lexislación ambiental no centro onde se realicen as actividades citadas no parágrafo anterior.

b) Definir e documentar, ó máximo nivel directivo, unha política ambiental da empresa na que, comprendendo os obxectivos e os principios xerais polos que terán rexerse as súas actuacións en relación co ambiente, se recollan compromisos destinados á mellora continua e razoable da súa actuación ambiental con vistas a reduci-lo impacto ambiental a niveis que non superen os correspondentes a unha aplicación economicamente viable da mellor tecnoloxía dispoñible. A dita política revisarase e, se é o caso, modificarase, periodicamente en función das auditorías ambientais.

c) Realizar unha avaliación ambiental do comportamento do centro de acordo cos aspectos mencionados na parte C do anexo I do Regulamento (CEE) 1836/1993.

d) Implantar, de conformidade cos resultados da dita avaliación, un programa ambiental que teña por obxecto cumpri-los compromisos contidos na política ambiental, así como un sistema de xestión ambiental aplicable a tódalas actividades do centro.

e) Realizar auditorías ambientais que avalíen os resultados ambientais do centro. Como resultado, o auditor realizará un informe de auditoría.

f) Fixar obxectivos ó nivel de dirección máis alto que corresponda, con vistas á mellora continua do comportamento ambiental en función dos resultados da auditoría, e adaptar convenientemente o programa ambiental para permitir que se acaden os obxectivos fixados para o centro.

g) Elaborar unha declaración ambiental específica para cada centro obxecto dunha auditoría, prestando especial atención ós resultados respecto dos obxectivos e metas en materia de ambiente.

h) Somete-la política, o programa, o sistema de xestión, o procedemento de avaliación ou de auditoría e a declaración ambiental a un procedemento de validación que terá que ser realizado por verificadores ambientais acreditados.

i) Solicitar á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o rexistro do centro xuntando á dita solicitude a declaración ambiental validada por un verificador ambiental acreditado.

j) Distribuír ó público a declaración ambiental do xeito máis adecuado para garanti-la súa máxima difusión.

3. A aplicación deste sistema non irá en detrimento da vixencia da normativa de aplicación en materia de controis ambientais así como das obrigas que de elas se deriven.

Artigo 4º.-Sistema de xestión ambiental.

1. A adhesión dun centro pertencente a unha empresa que se acolla ó sistema requirirá que esta defina, introduza e manteña ó día un sistema de xestión ambiental aplicable a tódalas actividades do centro, como parte integrante do sistema xeral de xestión.

2. O sistema de xestión ambiental deberá deseñarse, aplicarse e manterse de xeito que se garanta a través de medidas organizativas e procedementos adecuados a realización das funcións definidas na parte B do anexo I do Regulamento (CEE) 1836/1993.

Artigo 5º.-Auditoría ambiental.

1. As auditorías ambientais efectuaranse, trala avaliación preliminar ambiental, polo menos, unha vez cada tres anos e, optativamente, cando os centros desexen mellora-lo seu nivel de comportamento ambiental.

2. Estas auditorías poderán ser realizadas ben polos auditores da empresa, ben por persoas ou organismos externos que actúen por conta da empresa e deberán posuír un coñecemento suficiente dos sectores e campos comprendidos no ámbito da auditoría que incluirá coñecementos e experiencia en relación cos aspectos técnicos, ambientais e de xestión e coas normativas pertinentes, e a suficiente formación e pericia como auditores para acada-los obxectivos fixados. Sen prexuízo da utilización doutros criterios, entenderase que posúen suficiente coñecemento, formación e pericia sempre que cumpran os criterios establecidos na norma ISO 14012.

3. Na realización da auditoría ambiental tomaranse en consideración os aspectos sinalados na parte C do anexo I do Regulamento (CEE) 1836/1993.

4. Os requisitos relativos á auditoría ambiental serán os fixados no anexo II do Regulamento (CEE) 1836/1993.

Artigo 6º.-Declaración ambiental.

1. Realizarase unha declaración ambiental despois da primeira avaliación ambiental e da conclusión de cada auditoría consecutiva ou ciclo de auditoría por cada centro que participe no sistema.

2. A declaración das actividades e resultados ambientais redactarase expresamente para información do público, en forma resumida e comprensible podendo xuntar documentación técnica.

3. En todo caso, a declaración ambiental comprenderá os elementos seguintes:

a) A descrición das actividades da empresa no centro considerado.

b) Unha valoración de tódolos problemas ambientais significativos que garden relación coas actividades de que se trate.

c) Un resumo de datos cuantitativos sobre emisión de contaminantes, xeración de residuos, consumo de materias primas, enerxía e auga, ruído e outros aspectos ambientais significativos, segundo corresponda.

d) Outros factores relacionados co rendemento ambiental.

e) Unha presentación da política, o programa e o sistema de xestión ambiental da organización aplicados no centro de que se trate.

f) O prazo fixado para a presentación da seguinte declaración.

g) O nome do verificador ambiental acreditado que realizou a validación da declaración de que se trate.

III. Organización administrativa para a aplicación do sistema

Artigo 7º.-Organismo competente.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e para os efectos de aplicación do Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, desígnase, como organismo competente, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, adscrita á Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 8º.-Funcións do organismo competente.

Corresponden á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental as seguintes funcións:

a) Rexistra-los centros adheridos ó sistema e asignarlles un número de rexistro.

b) Denega-la inscrición dos centros no rexistro.

c) Suspende-la inscrición dos centros no rexistro.

d) Cancela-la inscrición dos centros no rexistro.

e) Actualizar anualmente a lista dos centros rexistrados.

f) Remitir, se é o caso, e como mínimo cunha periodicidade anual, os datos básicos dos centros rexistrados, cos números de rexistros asignados, ó órgano competente da Administración xeral do Estado para a súa inclusión no correspondente rexistro estatal.

g) Informa-la dirección do centro da súa inclusión, rexeitamento, suspensión ou cancelación do rexistro.

h) Fomenta-la participación das empresas, fundamentalmente das pequenas e medianas no sistema.

i) Velar pola correcta aplicación e difusión do sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais na Comunidade Autónoma galega.

j) Calquera outra, atribuíble ós organismos competentes, recollida ou recoñecida na lexislación estatal e/ou comunitaria.

Artigo 9º.-Entidades de acreditación de verificadores ambientais.

1. Sen prexuízo do disposto no punto seguinte, desígnase como entidade de acreditación de verificadores ambientais a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), que realizará as actividades de acreditación e coordinación de verificadores ambientais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Por resolución do conselleiro de Medio Ambiente poderáselles recoñecer a outras entidades como entidades de acreditación de verificadores ambientais que deberán cumprir, en calquera caso, as condicións e requisitos establecidos no Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, e no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se

aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e seguridade industrial. Así mesmo, poderá o conselleiro de Medio Ambiente, mediante resolución motivada, retira-la designación que, previamente, fixera dunha entidade de acreditación de verificadores ambientais, cando esta incumpra as condicións que determinaron a súa designación ou as funcións ou obrigas que teña atribuídas.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental comunicaralle ó organismo competente da Administración xeral do Estado o recoñecemento de entidades de acreditación de verificadores ambientais para os efectos da súa inclusión no rexistro de establecementos industriais.

3. As entidades de acreditación de verificadores ambientais, recoñecidas para realiza-la súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, deberán cumpri-los requisitos esixidos polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, que aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e a seguridade industrial e notificar á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e ó organismo competente do Ministerio de Medio Ambiente, quince días antes da finalización de cada semestre, a relación de verificadores ambientais acreditados.

Artigo 10º.-Acreditación de verificadores ambientais.

1. O exercicio da función de verificación ambiental debe ser obxecto dunha específica e expresa acreditación por algunha das entidades recoñecidas para tal fin polos organismos competentes.

2. Os verificadores ambientais, para poderen ser acreditados, deberán cumpri-las condicións e requisitos establecidos no Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño, e no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e a seguridade industrial e, en especial, no que fai referencia á súa completa independencia do auditor do centro. Para exerce-las súas funcións deberán estar inscritos no Rexistro de Establecementos Industriais.

3. A acreditación dun verificador ambiental realizada por unha entidade de acreditación das recoñecidas pola Consellería de Medio Ambiente retirarase por resolución motivada da dita entidade, logo de audiencia, no supostos nos que o verificador ambiental acreditado incumpra as condicións que determinaron a súa acreditación ou as funcións ou obrigas que teñan atribuídas.

4. Os verificadores ambientais acreditados por unha entidade de acreditación distinta das designadas pola Consellería de Medio Ambiente, que pretendan realiza-la súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega, estarán suxeitos á notificación previa e actuarán baixo a supervisión da entidade de acreditación designada pola Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 11º.-Funcións dos verificadores ambientais.

1. Os verificadores ambientais acreditados exercerán as funcións previstas na parte B do anexo III do Regulamento (CEE) 1836/1993 e, en particular, a de certificar, para cada declaración ambiental, e sen prexuízo

das facultades do organismo competente en relación coa supervisión das disposicións normativas:

a) O cumprimento de tódolos requisitos do Regulamento (CEE) 1836/1993, en materia de política e programa ambiental, funcionamento do sistema de xestión ambiental, procedementos de auditoría ambiental e declaracións ambientais.

b) A fiabilidade dos datos e da información incluídos na declaración ambiental, así como o tratamento axeitado na mesma de tódolos temas de importancia ambiental relacionados coas actividades do centro.

2. Os verificadores ambientais acreditados non validarán a declaración ambiental ata que o centro non incorporara os cambios ou modificacións derivadas dos defectos técnicos ou puntos de desacordo reflectidos no informe de verificación.

IV. Rexistro

Artigo 12º.-Rexistro de centros adheridos ó sistema.

Créase, na Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o Rexistro Galego de Centros Adheridos ó Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental, coa finalidade da inscrición daqueles centros que validarán a súa declaración ambiental, e cumpran coas condicións establecidas no Regulamento (CEE) 1836/1993 e no presente decreto.

Artigo 13º.-Procedemento de incorporación o rexistro.

1. As empresas con centros que desenvolvan as súas actividades no territorio da Comunidade Autónoma galega e que voluntariamente queiran adherilos ó Sistema deberán solicitalo á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo o modelo do anexo I, na que se farán consta-los seguintes datos:

a) Denominación da empresa.

b) Denominación e localización do centro.

c) Breve descrición das actividades do centro.

d) Nome e enderezo do verificador ambiental acreditado que validara a declaración ambiental.

e) Data límite para a presentación da seguinte declaración validada.

f) Breve descrición do sistema de xestión ambiental.

g) Descrición do programa de auditorías establecido polo centro.

2. Á dita solicitude xuntaráselle en todo caso, a declaración ambiental validada por un verificador ambiental acreditado aboando a correspondente taxa de rexistro.

3. Recibida a solicitude coa documentación sinalada, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental comprobará que o centro cumpre tódalas condicións establecidas no Regulamento (CEE) 1836/1993 e no presente decreto resolvendo, dentro do prazo de tres meses contados desde a data de recepción da solicitude coa documentación completa, a inclusión ou non do centro no rexistro. A resolución que rexeite a inscrición no rexistro será, en todo caso, motivada.

4. Transcorrido o prazo dos tres meses sinalado no punto anterior, sen que recaese resolución expresa,

entenderase estimada a solicitude, pagándose a correspondente taxa.

5. Rexistrado o centro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental poñerá en coñecemento do representante do centro que figure na solicitude, a inscrición no rexistro coa indicación do número de rexistro asignado que permitirá á empresa facer uso dunha das declaracións de participación recollidas no anexo IV do Regulamento (CEE) 1836/1993 e dará traslado deste número ó organismo competente da Administración xeral do Estado para os efectos da súa inclusión no Rexistro de Establecementos Industriais.

6. As empresas que obtivesen a inscrición dun centro no rexistro estarán obrigadas, como requisito de obrigado cumprimento para participar no sistema, a distribuír ó público a declaración ambiental da forma más axeitada para garanti-la súa máxima difusión.

7. Cada resolución favorable da inscrición dun centro no rexistro será publicada no Diario Oficial de Galicia, e deberá a empresa titular do centro inscrito deberá sufraga-lo custo da publicación.

8. Para os efectos previstos na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, sobre regulación do tratamento automatizado dos datos de carácter persoal, sinálase a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental como órgano ante o que se poderán exerce-los dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 14º.-Cancelación e suspensión da inscrición.

1. Unha vez inscrito un centro no rexistro, se este non presentase a seguinte declaración ambiental validada no prazo fixado pola propia empresa na súa solicitude, que en ningún caso será superior a tres anos, e non pagase, a taxa correspondente á renovación da inscrición, será requirida pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. Se no prazo de tres meses non fora presentada a declaración, nin pagada, se é o caso, a taxa de rexistro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cancelará a inscrición do centro no rexistro, e informará de tal medida a dirección do centro.

2. Se a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental comprobara que o centro rexistrado xa non cumpre tódalas condicións establecidas no Regulamento (CEE) 1836/1993, ou no presente decreto, ou tivese coñecemento da imposición dunha sanción firme ou dunha resolución xudicial por incumprimento da normativa sobre ambiente, rexeitará a solicitude de inscrición ou suspenderá a inscrición do centro, informando diso a dirección del.

3. Se a un centro rexistrado se lle abrise un expediente sancionador por incumprimento da normativa sobre ambiente, a Dirección del estará obrigada a poñe-la dita circunstancia, así como a resolución que recaia, en coñecemento da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental nun prazo non superior a un mes, desde a notificación do acordo de inicio de expediente sancionador e, se é o caso, da resolución do citado expediente.

4. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental deixará sen efecto a suspensión da inscrición dun centro cando reciba garantías suficientes por parte da autoridade competente de que a infracción foi corrixi

da e que se tomaron medidas axeitadas para evitar que volvan a repetirse. Para tal fin, poderán solicitar informes da autoridade competente responsable.

5. A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes de ordena-la suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro, dará trámite de audiencia ó interesado concedéndolle un prazo de quince días para que presenten as alegacións, documentos e xustificacións que estimen oportunas. A resolución que acorde a suspensión ou cancelación da inscrición dun centro do rexistro será motivada e notificarase á Dirección do centro e ó Rexistro de Establecementos Industriais.

Artigo 15º.-Relación con outras normas.

1. Poderán participar no sistema aqueles centros interesados que apliquen outras normas nacionais, europeas ou internacionais para cuestións de ambiente incluídas no presente decreto e dispoñan do correspondente certificado de conformidade con procedementos de certificación axeitados.

Cumpridos por estes centros os requisitos relativos á declaración ambiental e validada esta, seguiranse os trámites que, para efectos de rexistro, se establecen no presente decreto.

2. Entenderase que o cumprimento das ditas normas, nacionais, europeas ou internacionais, está certificado de conformidade con procedementos de certificación axeitados sempre que:

a) As normas e os procedementos fosen recoñecidos pola comisión conforme o procedemento establecido no artigo 19 do Regulamento (CEE) 1836/1993.

b) A certificación fora efectuada por un organismo con acreditación recoñecida no estado membro no que estea situado o centro.

Disposición adicional

No non previsto no presente decreto, será de aplicación o Regulamento (CEE) 1836/1993, do Consello, do 29 de xuño e o Real decreto 85/1996, do 26 de xaneiro, polo que se establecen normas para a súa aplicación así como, se é o caso, a futura normativa que o modifique.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Medio Ambiente para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o establecemento de medidas incentivadoras dirixidas ó fomento na aplicación do sistema e, en xeral, cantas disposicións resulten necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de xuño de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente