Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 15 de xullo de 1999 Páx. 9.182

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 206/1999, do 2 de xullo, polo que se crea o Instituto Universitario Galego de Física de Altas Enerxías na Universidade de Santiago de Compostela.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, (DOG nº 156, do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema universitario galego coa finalidade de supera-las carencias universitarias existentes na nosa Comunidade Autónoma e de reordena-lo sistema universitario de Galicia, atendendo a criterios de desenvolvemento e renovación.

Unha vez rematado o proceso de expansión do sistema universitario de Galicia, faise necesaria a súa consolidación, atendendo especialmente á calidade do ensino e máis concretamente ás cuestións derivadas da definición específica de cada campus: ás directrices de consolidación de calidade e de crecemento de cara á súa propia identificación do perfil académico; á complementariedade interdisciplinar para grandes áreas científicas; á complementariedade de ciencias e humanidades; e ó avance no perfil académico, de acordo cos principios e criterios de programación sinalados na LOSUG.

A este obxectivo contribúe a creación do Instituto Universitario Galego de Física de Altas Enerxías no campus de Santiago de Compostela, desta universidade, de xeito que se configura como centro de investigación, docencia, asesoramento e difusión da información nas áreas científicas e técnicas relacionadas coa promoción e desenvolvemento das materias que lle son propias.

Por todo iso, en aplicación do artigo 10.2º da Lei orgánica 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, por proposta do conselleiro de Educación de Ordenación Universitaria e por instancia do Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela, logo do informe do Consello de Universidades e oído o Consello Universitario de Galicia, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro) e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de xullo de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Acórdase a creación do Instituto Universitario Galego de Física de Altas Enerxías na Universidade de Santiago de Compostela, no seu campus de Santiago de Compostela.

2. Este instituto terá como obxectivos fundamentais: a promoción e desenvolvemento da investigación científica e técnica no campo da física de altas enerxías en Galicia; a realización de actividades

docentes e formativas, a través dos correspondentes programas educativos; o fomento da actividade industrial en tecnoloxías relacionadas con este campo da física; e a difusión de información de interese nesta materia.

Artigo 2º

Para o desenvolvemento das súas actividades, así como para a adscrición do seu persoal, este instituto rexerase pola Lei orgánica 11/1983, de reforma universitaria, polos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e polo seu Regulamento de réxime interior, que deberá axustarse ó establecido para este tipo de centros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da ó súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xullo de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria