Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 21 de xullo de 1999 Páx. 9.428

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 13 de xullo de 1999 pola que se convocan subvencións a empresas para a producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece subvencións para a producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria da imaxe.

Coas axudas á producción en lingua galega inténtase apoia-la realización de proxectos competitivos nos mercados nacionais e internacionais.

Por todo isto,

DISPOÑO:

I. Bases xenéricas para a concesión das subvencións.

Artigo 1º

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-la realización de produccións audiovisuais en lingua galega.

As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353C.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, nos que existe un crédito para este efecto por un importe de 60 millóns de pesetas para o exercicio de 1999.

Para aqueles proxectos que a empresa solicitante considere que teñen carácter plurianual, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprometer outras fases de realización dos proxectos, ó amparo do disposto no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 2º

As subvencións á producción audiovisual en lingua galega destínanse á realización de proxectos cinematográficos, videográficos ou multimedia.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais, e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Artigo 3º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentaranas no rexisto xeral de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Xuntarase a seguinte documentación:

a) DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu domicilio social en Galicia e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación acreditativa da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) Documentación acreditativa de que o proxecto é obra orixinal e/ou de posuí-los dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

A documentación que se achegará á solicitude ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación dun expediente presentarase en orixinal ou mediante fotocopia compulsada.

A esta documentación de carácter xeral engadiráselle a sinalada nas correspondentes bases específicas desta orde.

Artigo 4º

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura nos anexos, no prazo de trinta días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo resultase ser sábado ou festivo, poderase presenta-lo seguinte día hábil.

Artigo 5º

Correspóndelles ós servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audio

visual a instrucción dos procedementos para a concesión das subvencións. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

-Un vocal en representación da CRTVG.

-Dous vocais en representación do sector audiovisual.

-Un vocal en representación das universidades de Galicia.

-Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

-Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

-Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 6º

A comisión avaliadora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e atenderá para a súa valoración ós criterios que figuran no artigo 14º desta orde.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable, favorable, pouco favorable e desfavorable, así como a cantidade de axuda que propoñen para cada proxecto.

A comisión elaborará un informe conxunto sobre os proxectos presentados, á vista do cal, a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual elevará a proposta de concesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 7º

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 8º

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

Artigo 9º

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 10º

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 11º

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de catro meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo concedido para a presentación de solicitudes.

II. Bases específicas para a concesión das subvencións á producción audiovisual en lingua galega.

Artigo 12º

Para efectos de clasificación dos proxectos terán a consideración de:

a) Curtametraxes, as produccións cinematográficas de duración inferior a sesenta minutos.

b) Longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos.

c) Vídeo-creación, os proxectos que expresen unha clara vontade de experimentación formal.

d) Documentais, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción.

e) Programas pilotos de series de televisión, os que tendan a mostrar mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva.

f) Produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais tanto na súa elaboración coma no seu consumo.

Artigo 13º

Ademais da documentación sinalada no artigo 3º desta orde, achegarase a seguinte documentación en calquera dos idiomas oficiais da Comunidade Autónoma.

Cinco exemplares:

a) Memoria explicativa (2 páx. máximo).

b) Sinopse do proxecto (2 páx. máximo).

c) Guión definitivo da producción.

d) Historial da empresa e relación de membros do equipo.

e) Plan de producción con orzamento total del.

f) Plan de financiamento, con expresión das contribucións doutras entidades, organismos ou institucións e documentalmente acreditado.

g) Calendario de investimentos para a execución do traballo, indicando a parte correspondente que se vai executar cada ano no caso de proxectos plurianuais.

h) Calquera outra documentación que o solicitante considere pertinente para a mellor defensa do proxecto.

Os modelos para a presentación da documentación estarán á disposición dos solicitantes nas delegacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 14º

A Comisión Asesora terá en conta para a elaboración do informe os seguintes criterios:

-Calidade do proxecto (grao de desenvolvemento, elaboración, axuste entre o proxecto e o orzamento, presentación a outras convocatorias de axuda).

-Utilización de recursos de Galicia (persoal artístico, técnico e servicios instalados en Galicia, así como a rodaxe na Comunidade Autónoma).

-Viabilidade do proxecto (grao de financiamento garantido, % de axuda solicitada, compromisos de distribución).

-Capacidade empresarial do solicitante ou grupo de empresas que apoia o proxecto (facturación, proxectos realizados, persoal).

-Calidade artística (orixinalidade e creatividade do proxecto).

Artigo 15º

A contía das subvencións quedará determinada da seguinte forma:

1. Proxectos de curtametaxe: ata o 60% do custo total.

2. Proxectos de longametraxe: ata o 40% do custo total.

3. Proxectos de vídeo-creación: ata o 60% do custo total.

4. Proxectos de documentais: ata o 60% do custo total.

5. Proxectos de programas pilotos de series de televisión: ata o 50% do custo total.

6. Proxectos de producción multimedia: ata o 60% do custo total.

Artigo 16º

1. As produccións subvencionadas terán que axustarse fielmente ó proxecto presentado. Calquera modificación no proxecto ou no equipo técnico e artístico deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

2. As productoras subvencionadas deberán comunicarlle á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a data de iniciación e finalización da rodaxe ou gravación da producción subvencionada, no caso de que estas varíen respecto das previsións do proxecto.

Artigo 17º

As productoras subvencionadas quedarán obrigadas a presentar un resumo dos investimentos realizados antes do 15 de novembro de cada exercicio económico do que se trate, entregando á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo xustificación do investimento efectuado mediante as facturas de gastos realizados e, no último ano, ademais da xustificación correspondente, a entrega de dúas copias da producción resultante e un vídeo promocional á Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Nos títulos de crédito da producción, así como en toda a publicidade que dela se faga, farase constar que a producción foi subvencionada pola Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

Artigo 18º

As copias entregadas á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que sempre deberán ser en lingua galega, quedarán depositadas no Centro Galego de Artes da Imaxe da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual, para a súa conservación e uso con fins culturais e de promoción do audiovisual galego. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realizar cantas copias considere precisas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo